Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 97 Xoves, 22 de maio de 2014 Páx. 23111

V. Administración de xustiza

Xulgado do Social número 5 da Coruña

EDICTO (PO 565/2013).

María Jesús Hernando Arenas, secretaria xudicial do Xulgado do Social número 5 da Coruña, fago saber:

«Nº autos: procedemento ordinario 565/2013 L.

Sentenza nº 271/14.

A Coruña, vinte e oito de abril de dous mil catorce.

Vistos por Carmen Sangiao Pereira, maxistrada xuíza do Xulgado do Social número 5 da Coruña e o seu partido, os presentes autos de xuízo nº 565/2013, seguidos por instancia de Antonia Gómez Varela, asistida pola letrada Patricia Lage Varela, contra Fulgor Galicia, S.A. e o Fogasa, que non comparecen a pesar de estar debidamente citadas, sobre cantidade.

Antecedentes de feito:

Primeiro. A parte demandante antes citada formulou demanda que correspondeu por quenda a este xulgado contra os demandados xa mencionados, na cal, despois de expor os feitos e fundamentos de dereito que achou pertinentes, terminaba pedindo que se pronunciase sentenza en que se condenase a mercantil demandada ao pagamento de 6.183,40 euros polos conceptos reclamados na demanda, máis a recarga por demora correspondente.

Segundo. Admitida a demanda a trámite, convocáronse as partes aos actos de conciliación e xuízo que tiveron lugar coa asistencia da parte demandante, que ratificou a súa demanda, sen que o demandado comparecese. Recibido o xuízo a proba, a parte demandante propuxo interrogatorio da parte que, ao non comparecer, se solicita que se teña por confesa e por probados os puntos recollidos na demanda, e documental co resultado que consta nos autos. A seguir, a parte demandante fixo uso da palabra para conclusións en apoio das súas peticións e quedou o xuízo visto para sentenza.

Terceiro. Na tramitación deste xuízo observáronse as prescricións legais vixentes.

Feitos probados:

Primeiro. A demandante traballou para a empresa demandada desde o 1 de agosto de 2008, con categoría de limpadora, ata que se procede ao despedimento da demandante por causas económicas.

Segundo. A empresa demandada deixou de aboar os salarios dos meses de marzo, abril, maio, xuño e xullo por un total de 6.183,40 euros.

Terceiro. O traballador non ten nin tivo no último ano a condición de delegado de persoal nin membro de comité de empresa nin representante sindical.

Cuarto. Con data do 1 de outubro de 2012 celébrase o acto de conciliación previa ante o SMAC, co resultado de intentado sen efecto ao non comparecer a conciliada.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. Os feitos que foron declarados probados inferíronse apreciando en consciencia a proba practicada no acto do xuízo oral, segundo as regras da sa crítica, conforme os principios de inmediación e oralidade, especialmente a documental presentada pola parte comparecente (art. 97 da Lei de procedemento laboral).

Resulta acreditada a débeda da demandante; en concreto, da documental que presenta no acto do xuízo a demandante e do recoñecemento dos feitos, por aplicación dos artigos 304 da Lei 1/2000, de axuizamento civil, e 91.2 da Lei de procedemento laboral, polos cales debe considerarse que a empresa demandada, ante a súa incomparecencia e citación cos apercibimentos legais correspondentes, tendo solicitado a demandante o seu interrogatorio en tempo e forma, dá por recoñecidos os feitos que constan na demanda, tanto relación laboral, categoría profesional, antigüidade e salario, así como as cantidades debidas.

Segundo. Que ao non comparecer a empresa demandada citada en legal forma aos actos de conciliación e xuízo, tendo a demandante demostrado a relación laboral, procede estimar a demanda e, en consecuencia, declarar que a empresa debe á demandante as cantidades e polos conceptos que se especifican na demanda, ao aboamento dos cales debe condenada a devandita empresa demandada, pois á demandante élle suficiente con probar a relación laboral para que naza o dereito ao salario, e á empresa algún feito impeditivo, extintivo ou excluínte, o cal non verificou.

Terceiro. Procede aplicar os xuros do art. 29.3 do ET. Tal e como dispón a xurisprudencia do Tribunal Supremo, así a STS do 1 de setembro de 1999 «a recarga por demora só será procedente cando a realidade e a contía dos salarios deixados de percibir consten dun modo pacífico e incontrovertido, é dicir, cando se trate dunha cantidade exixible, vencida e líquida, sen que a procedencia ou improcedencia do seu aboamento sexa discutida polos contratantes».

Cuarto. Polo que respecta ao Fogasa, non cabe facer ningunha declaración na sentenza, pois se trata dun simple terceiro traído a xuízo polas posibles responsabilidades posteriores que del puideren derivar na súa contra.

A interpretación que do concepto de insolvencia contido no artigo 33 do Estatuto dos traballadores veu efectuado a xurisprudencia da Sala Cuarta do Tribunal Supremo (sentenzas do 21 de marzo de 1988, ditada en interese de lei, 22 de xullo de 1996, 24 de setembro de 1996 ou 24 de decembro de 1999), mantén que a insolvencia do empresario para os efectos da responsabilidade do Fondo de Garantía Salarial ao aboamento das prestacións ao seu cargo é un concepto de carácter formal, pois a insolvencia debe darse por existente cando, instada a execución na forma establecida na Lei de procedemento laboral, non se consiga, en todo ou en parte, a satisfacción dos créditos laborais, e así ditarase resolución xudicial en que conste a declaración de insolvencia con audiencia previa do Fondo de Garantía Salarial, o cal, mediante o pagamento das obrigas ao seu cargo dará lugar á subrogación necesaria nos dereitos e accións dos traballadores, quedando a salvo as accións destes e do Fondo contra os posibles responsables solidarios ou subsidiarios do único condenado como empresario e logo declarado xudicialmente insolvente. Di o Tribunal Supremo que a obriga do Fondo de Garantía de aboar as indemnizacións por despedimento, ou por extinción do contrato segundo os artigos 50 e 51 do Estatuto dos traballadores e os salarios pendentes, non está condicionada a que non exista responsable ningún destas obrigas que non fose declarado insolvente, unha vez declarada a do empresario, conforme o artigo 274 da Lei de procedemento laboral con anuencia do Fondo ou non se non comparecer. Dous son os requisitos que o artigo 33 do Estatuto exixe para que naza a obriga de pagamento imposto ao Fondo de Garantía Salarial: un a sentenza ou resolución administrativa que recoñece a indemnización a favor dos traballadores, e outro, a resolución en que consta a declaración de insolvencia do empresario, declaración esta que se constitúe en elemento fundamental, na conditio iuris, da obriga deste. A responsabilidade do Fondo de Garantía non é unha última instancia para o cobramento dos créditos que garante senón unha obriga establecida pola lei que debe facerse efectiva cando se cumpren os requisitos por ela establecidos e que son os xa enunciados. Os preceptos reguladores das prestacións de garantía salarial van referidos a un concepto propio do que se debe entender por insolvencia do empresario para os efectos da responsabilidade do Fondo, concepto de carácter formal, pois esta se dá por existente cando, instada a execución na forma establecida na Lei de procedemento laboral, non se consiga a satisfacción dos créditos laborais e se dite, así, a resolución en que conste a declaración de insolvencia con audiencia previa do Fondo. Esta audiencia previa do Fondo é regulada no artigo 274 da Lei de procedemento laboral, que no seu número segundo vincula a declaración de insolvencia á práctica das dilixencias pedidas polo Fondo. Hai que ter en conta, por último, que os artigos 33.4 do Estatuto dos traballadores e 30 do Real decreto 505/1985 regulan a subrogación necesaria do Fondo nos dereitos e accións dos traballadores. Nas sentenzas do 24 de setembro de 1996 e 24 de decembro de 1999 engádese que á mesma conclusión conduce a Directiva 80/1987/CEE, pois que en ningún dos seus preceptos se encontra referencia ningunha a posibles responsables substitutorios do empresario insolvente que se antepoña á responsabilidade supletoria do Fondo de Garantía Salarial. Igual reflexión cabe facer cando se considera o Convenio 173 da Organización Internacional do Traballo, do 23 de xuño de 1992 (BOE do 28 de abril de 1995), texto que ata a salvagarda do crédito salarial do traballador mediante unha institución de garantía (art. 10) «cando non poida ser efectuado polo empregador debido á súa insolvencia», sen facer referencia ningunha a responsables substitutorios intermedios.

Quinto. Canto ás custas solicitadas pola demandante, só hai que salientar a gratuidade do procedemento laboral na fase da instancia, ben que a STS do 22.5.1996 que resolve un recurso de unificación de doutrina establece que o devandito beneficio non se estende a fases posteriores. Resultando que, no presente caso, nos encontramos na fase da instancia, non procede a condena en custas solicitada.

Vistos os preceptos legais e demais de concordante aplicación,

Decido:

Que, estimando a demanda interposta pola demandante Antonia Gómez Varela contra a empresa Fulgor Galicia, S.A., debo condenar e condeno esta a aboar á demandante a cantidade de 6.183,40 euros polos conceptos reclamados en demanda, así como o dez por cento de xuro de demora.

Debo absolver e absolvo o Fogasa sen prexuízo da súa responsabilidade subsidiaria nos casos previstos no artigo 33 do Estatuto dos traballadores.

Notifíquese esta resolución ás partes, ás cales se lles fará saber que contra ela non cabe recurso de suplicación.

Así o pronuncio, mando e asino.

Publicación. A anterior sentenza foi lida e publicada pola maxistrada xuíza que a subscribe, celebrando audiencia pública no día da súa data. Dou fe».

Para que conste e se insira no Diario Oficial de Galicia co fin de que sirva de notificación a Fulgor Galicia, S.A., co apercibimento de que as sucesivas notificacións se realizarán nas dependencias do xulgado, salvo as que revistan a forma de emprazamento, sentenzas e autos.

A Coruña, 30 de abril de 2014

A secretaria xudicial