Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 97 Xoves, 22 de maio de 2014 Páx. 23091

IV. Oposicións e concursos

Universidade de Santiago de Compostela

RESOLUCIÓN do 12 de maio de 2014 pola que se convoca concurso de acceso a prazas de corpos docentes universitarios.

Esta reitoría, en exercicio das competencias atribuídas polos artigos 20 da Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, reformada pola Lei orgánica 4/2007, do 12 de abril (en diante LOU), e 85 dos estatutos da Universidade de Santiago de Compostela (no sucesivo EUSC), aprobados polo Decreto 14/2014, do 30 de xaneiro (DOG do 12 de febreiro), conforme os acordos adoptados polo Consello de Goberno, tras obter a autorización da Comunidade Autónoma de Galicia e unha vez publicada no boletín oficial da comunidade autónoma a oferta de emprego público do persoal docente e investigador para o ano 2014 (Diario Oficial de Galicia do 9 de abril de 2014), resolve convocar os correspondentes concursos de acceso ás prazas de corpos docentes universitarios que se relacionan no anexo desta resolución, con suxeición ás seguintes bases:

1. Normas xerais.

1.1. Estes concursos rexeranse polo disposto na LOU e nos reais decretos 1312/2007 e 1313/2007, do 5 de outubro, que regulan, respectivamente, a acreditación nacional para o acceso aos corpos docentes universitarios e o réxime dos concursos de acceso a eles. Ademais regularanse polo disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada parcialmente pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro (en diante LRX-PAC); nos EUSC, na normativa provisoria pola que se regulan os concursos de acceso a corpos docentes universitarios, aprobada polo Acordo do Consello de Goberno da Universidade de Santiago de Compostela do 11 de febreiro de 2009, por estas bases de convocatoria e, con carácter supletorio, polo previsto na lexislación xeral de funcionarios civís do Estado.

1.2. A presente convocatoria comprende o concurso independente de cada unha das prazas convocadas.

2. Requisitos das persoas candidatas.

2.1. Para participar nestas probas selectivas, as persoas aspirantes deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Ter nacionalidade española, consonte o disposto no artigo 57 do Estatuto do empregado público (Lei 7/2007, do 12 de abril, BOE do 13 de abril), no artigo 89 e na disposición adicional décimo primeira da LOU, ser nacional de Estados membros da Unión Europea. En calquera dos dous casos terán o mesmo tratamento. Este mesmo criterio será de aplicación:

– Ás persoas que teñan a nacionalidade naqueles Estados a que, en virtude de tratados internacionais subscritos pola Unión Europea e ratificados por España, lles sexa de aplicación a libre circulación de traballadores/as nos termos en que esta se atopa definida no Tratado constitutivo da Unión Europea.

– Ás persoas que sexan cónxuxes doutras con nacionalidade española ou de nacionais doutros Estados membros da Unión Europea, sempre que non se atopen en situación de separación de dereito, así como á súa descendencia e á do seu cónxuxe, sempre que non estean separadas de dereito e sexan menores de 21 anos ou maiores desta idade e vivan ás súas expensas.

– Esta última extensión do beneficio será igualmente aplicable ás persoas que teñan a nacionalidade de terceiros Estados non membros da Unión Europea cando así se prevexa nos tratados internacionais subscritos pola Unión Europea e ratificados por España.

b) Cumprir os requisitos mínimos e máximos de idade legalmente establecidos para o acceso á función pública.

c) Non ter sido separado/a mediante expediente disciplinario do servizo de calquera das administracións públicas, nin atoparse inhabilitado/a para o desempeño das funcións públicas por sentenza xudicial firme. As persoas aspirantes que non posúan a nacionalidade española, ademais, non estar sometidas a sanción disciplinaria ou condena penal que impida no seu Estado o acceso á Función Pública.

d) Non padecer enfermidade nin estar afectado/a por limitación física ou psíquica que impida o desempeño das funcións correspondentes á praza.

e) Estar en posesión da acreditación pertinente para o corpo de que se trate, consonte o establecido no Real decreto 1312/2007, cumprir os requisitos establecidos no artigo 4 do Real decreto 1313/2007 e, no caso de ser funcionario/a, non estar incurso na prohibición do punto 4 do artigo 9 deste real decreto. Para concursar ás prazas de corpos docentes vinculadas a prazas asistenciais de institucións sanitarias, as persoas que concursen deberán estar en posesión do título oficial de especialista que corresponda á praza.

As persoas acreditadas que sexan nacionais doutros Estados non membros da Unión Europea poderán tomar parte nos concursos de acceso e, se é o caso, acceder á función pública cando o Estado da súa nacionalidade recoñeza aptitude legal aos/ás españois/las para ocupar na docencia universitaria posicións análogas ás dos/as funcionarios/as docentes na universidade española.

f) Acreditar, unha vez nomeados/as funcionarios/as, ben a través da Comisión de Selección ou documentalmente, un nivel de coñecemento da lingua galega equivalente ao Celga 3 e do español equivalente ao nivel B2. De non ser así, a persoa nomeada funcionaria deberá realizar un curso de coñecemento da(s) lingua(s) organizado pola propia universidade.

2.2. A posesión dos requisitos establecidos nesta base, salvo os da alínea f), estará referida sempre á data de expiración do prazo de presentación de solicitudes de participación e deberase manter polo menos ata o momento da toma de posesión como funcionario/a de carreira.

3. Solicitudes.

3.1. A solicitude para participar nestas probas selectivas axustarase ao modelo aprobado oficialmente pola Vicerreitoría de Titulacións e Persoal Docente e Investigador que se atopa publicado no sitio web http://www1.usc.es/webvprof/acreditados/. A persoa aspirante deberá cumprimentar na solicitude o seu domicilio e o seu enderezo de correo electrónico e será preferentemente a este último a onde a USC enviará as notificacións.

As persoas que opten a máis dunha praza deberán presentar unha solicitude independente para cada unha delas.

Ademais será requisito imprescindible para participar no proceso que as persoas aspirantes, no acto de presentación, fagan entrega ao/á presidente/a da Comisión de cinco exemplares do seu historial académico, docente, investigador, de xestión e, se é o caso, sanitario-asistencial, xunto cun exemplar das publicacións e documentos acreditativos dos méritos alegados, segundo modelo publicado na páxina web.

3.2. As solicitudes dirixiranse ao reitor da Universidade de Santiago de Compostela no prazo de quince (15) días hábiles contados a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria no Boletín Oficial del Estado. Estas solicitudes poderán presentarse en calquera dos rexistros xerais da USC, situados no Campus de Santiago (Colexio de San Xerome, praza do Obradoiro s/n, 15782 Santiago de Compostela) e no Campus de Lugo (servizos centrais do Campus de Lugo, Campus universitario, 27002 Lugo), ou polos restantes procedementos previstos no artigo 38.4 da LRX-PAC. As solicitudes que se presenten a través das oficinas de Correos deberán ir en sobre aberto para que o/a empregado/a de Correos poida estampar nelas o selo de datas antes da súa certificación. As solicitudes subscritas no estranxeiro deberán cursarse a través das representacións diplomáticas ou consulares españolas correspondentes.

3.3. Dereitos de exame.

As persoas aspirantes deberán aboarlle á Universidade de Santiago de Compostela por cada concurso en que soliciten participar a cantidade de 40,74 euros en concepto de dereitos de exame. O ingreso ou transferencia deberá efectuarse na conta IBAN ES07-2080-0388-20-3110000646 de Novagalicia Banco.

Estarán exentas do pagamento desta taxa as persoas con discapacidade igual ou superior ao 33 % e as que sexan membros de familias numerosas clasificadas na categoría especial, sempre que presenten xunto coa súa solicitude a xustificación documental correspondente. Os membros de familias numerosas de categoría xeral terán dereito a unha bonificación do 50 %.

Tamén se aplicará unha bonificación do 50 % á inscrición no proceso selectivo, solicitada por persoas que figurasen como demandantes de emprego desde, polo menos seis meses antes da data de publicación desta convocatoria e non estean a percibir prestación ou subsidio por desemprego.

O certificado relativo á condición de demandante de emprego, cos requisitos sinalados no parágrafo anterior, solicitarase nas oficinas do Servizo Público de Emprego e presentarase coa solicitude.

A falta de pagamento destes dereitos durante o prazo de presentación de instancias non é reparable e determinará a exclusión da persoa aspirante, excepto que acredite estar exenta do pagamento da dita taxa.

Non procederá a devolución dos dereitos de exame ás persoas aspirantes no caso de exclusión definitiva das probas selectivas por causas imputables a elas.

3.4. Coa solicitude acompañaranse necesariamente os seguintes documentos, e será causa de exclusión a falta dalgún deles:

a) Fotocopia do documento nacional de identidade, pasaporte ou documento acreditativo da nacionalidade.

Os/as aspirantes que non teñan a nacionalidade española e teñan dereito a participar deberán presentar fotocopia do documento que acredite a nacionalidade e, se é o caso, os documentos acreditativos do vínculo de parentesco e o feito de viviren a expensas ou estaren a cargo da persoa nacional dun Estado membro da Unión Europea ou doutros Estados, cando así o estableza un tratado internacional subscrito pola Unión Europea e ratificado por España, con que teña o dito vínculo. Así mesmo, deberán presentar declaración xurada ou promesa de non estaren separados de dereito do seu cónxuxe e, se é o caso, do feito de que a persoa aspirante vive ás súas expensas ou está ao seu cargo. A acreditación realizarase por medio de certificados expedidos polas autoridades competentes do seu país de orixe, traducidos a algunha das linguas oficiais da Universidade de Santiago de Compostela.

b) Fotocopia compulsada, ou simple acompañada do respectivo orixinal para o seu cotexo, dos documentos que acrediten o cumprimento dos requisitos que se sinalan na alínea e) da base 2.1. No suposto de ser profesor/a dunha praza de igual categoría, certificación acreditativa do seu desempeño.

As persoas candidatas que pertenzan a esta universidade e así o fagan constar na solicitude, só deberán presentar os documentos a que se refire esta epígrafe que non consten no seu expediente persoal.

c) Xustificante orixinal de ter aboado os dereitos de exame, en que deberá constar necesariamente o nome e apelidos da persoa aspirante e a referencia do número de concurso, así como, se é o caso, xustificante da causa de bonificación ou exención.

3.5. De conformidade co disposto na alínea f) da base 2.1, as persoas aspirantes poderán acreditar, nesta fase do procedemento, un nivel de coñecemento da lingua galega equivalente ao Celga 3 e do español equivalente ao nivel B2.

A falta de acreditación documental do requisito sinalado no punto 3.5 non será causa de exclusión, e poderá acreditarse a través da Comisión de Selección. De non ser así, a persoa nomeada funcionaria deberá realizar un curso de coñecemento da/s lingua/s organizado pola propia universidade.

4. Admisión de aspirantes.

4.1. Unha vez rematado o prazo de presentación de solicitudes, o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, no prazo máximo de quince (15) días, ditará unha resolución que declare aprobadas as listas provisionais de persoas aspirantes admitidas e excluídas aos distintos concursos de acceso, con indicación das causas de exclusión. Esta resolución, xunto coas listas completas de admitidos/as e excluídos/as, publicarase nos taboleiros de anuncios da Reitoría e da Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela, e deberase facer constar nela a data da súa inserción nos taboleiros.

Así mesmo, será obxecto de difusión a través da páxina web desta universidade no enderezo: http://www1.usc.es/webvprof/acreditados/

4.2. As persoas interesadas poderán presentar reclamación contra esta resolución ante o reitor, no prazo de dez (10) días hábiles contados a partir do seguinte ao da súa publicación nos taboleiros de anuncios da Reitoría. Neste prazo, as persoas aspirantes excluídas ou que non figuren na relación de admitidas e excluídas do correspondente concurso poderán reparar os defectos que motivaran a súa exclusión ou omisión da dita relación. No caso de non facelo, serán definitivamente excluídas da realización das probas.

Unha vez resoltas as reclamacións, no prazo máximo de quince (15) días desde a finalización do prazo sinalado para presentar reclamación, ditarase unha nova resolución que aprobe as listas definitivas de persoas admitidas e excluídas, que serán obxecto de publicación na forma indicada na base 4.1. Esta resolución porá fin á vía administrativa e contra ela poderá interporse recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Non obstante, poderá interporse recurso potestativo de reposición ante o reitor no prazo dun mes desde o día seguinte ao da publicación, de acordo co previsto na LRX-PAC. Neste caso, non poderá interporse o recurso contencioso-administrativo antes mencionado ata a resolución expresa ou o rexeitamento presunto do de reposición.

5. Comisións de selección.

5.1. A composición das comisións de selección é a que figura no anexo desta convocatoria. Conforme o establecido no artigo 6.4 do Real decreto 1313/2007, do 5 de outubro, os currículos dos membros da Comisión de Selección poderán ser consultados polas persoas interesadas, durante o tempo que dure o proceso, das 9.00 ás 14.00 horas, os días laborables, no Servizo de Planificación de PDI, sito no Pazo de San Xerome, praza do Obradoiro, Santiago de Compostela.

5.2. Para a constitución e a actuación das comisións observarase o recollido na normativa provisoria pola que se regulan os concursos de acceso a corpos docentes universitarios, aprobada polo Acordo do Consello de Goberno da Universidade de Santiago de Compostela do 11 de febreiro de 2009. Os membros da comisión deberán absterse de actuar e as persoas interesadas poderán recusalos, en calquera momento da tramitación do procedemento, cando concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 28 da LRX-PAC.

5.3. Unha vez resoltas a renuncia, abstención ou recusación que puideren terse presentado, as persoas afectadas serán substituídas polos/as respectivos/as suplentes. No suposto de que tamén no membro suplente de que se trate concorrese algunha das circunstancias de impedimento citadas anteriormente, a súa substitución farase por orde correlativa de nomeamento entre os membros suplentes.

5.4. As comisións deberán constituírse dentro dos tres meses seguintes á data de publicación desta convocatoria no Boletín Oficial del Estado. Para iso, o/a presidente/a titular, realizadas as consultas pertinentes cos restantes membros, convocará os/as titulares e, se é o caso, os/as suplentes para proceder ao acto formal de constitución daquela, e fixará o lugar, a data e a hora en que terá lugar. Da constitución da Comisión tamén serán informadas as persoas candidatas.

6. Desenvolvemento do concurso.

6.1. Criterios de valoración.

6.1.1. No acto de constitución, as comisións de selección, en función das características das prazas que se van prover e das actividades docentes e investigadoras que figuren na convocatoria, aprobarán e farán públicos, no taboleiro de anuncios do centro en que actúen, os criterios de selección que serán utilizados para a resolución dos concursos de acceso convocados. Estes criterios deberán respectar o precisado no artigo 9 da normativa desta universidade pola que se regulan os concursos de acceso a corpos docentes universitarios e as proporcións que se recollen no anexo da dita normativa para a valoración de cada categoría de méritos.

6.1.2. Publicados os criterios, o/a presidente/a convocará as persoas candidatas admitidas ao acto de presentación que deberá ter lugar entre as 24 e 72 horas contadas desde a publicación dos criterios. A comunicación incluirá o lugar, a data e a hora de realización.

6.2. Acto de presentación.

6.2.1. A orde de actuación dos/as aspirantes nas probas orais seguirá a ordenación alfabética por apelido a partir da letra «B», de conformidade co establecido na Resolución do 29 de xaneiro de 2014, da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia.

6.2.2. No acto de presentación, que será público, as persoas candidatas entregaranlle ao/á presidente/a da Comisión de Selección cinco exemplares do seu historial académico, docente, investigador, de xestión e, se é o caso, sanitario-asistencial, xunto cun exemplar das publicacións e documentos acreditativos dos méritos alegados. O historial deberá axustarse no posible ao modelo establecido no documento denominado Historial do aspirante publicado na páxina web http://www1.usc.es/webvprof/acreditados/; para a súa elaboración seguirase o documento de instrucións que se atopa na mesma páxina. En calquera caso, o historial deberá incluír todas as epígrafes do modelo establecido. O exemplar da documentación acreditativa dos méritos deberá presentarse organizado na mesma orde que o modelo de historial.

6.2.2.1. As persoas aspirantes a unha praza de profesor titular de universidade entregaranlle tamén ao/á presidente/a cinco exemplares dunha guía docente dunha materia das que se determinan no anexo desta convocatoria e cinco exemplares do proxecto investigador que desenvolverán no caso de serlles outorgada a praza. Cando no anexo se establezan materias da área, a guía docente referirase a unha materia troncal, obrigatoria ou de formación básica adscrita á área de coñecemento das que se cursen para a obtención de títulos de carácter oficial de grao ou equivalente na USC.

A guía docente terá como máximo unha extensión de cincuenta páxinas en tamaño DIN A4 a dobre espazo e deberá facer referencia, como mínimo, aos seguintes aspectos:

– Datos descritivos da materia.

– Sentido da materia no plan de estudos.

– Obxectivos: competencias, destrezas e habilidades que debe adquirir o estudante.

– Desenvolvemento do temario teórico e práctico.

– Bibliografía recomendada.

– Metodoloxía e recursos necesarios.

– Sistema de avaliación da aprendizaxe.

– Outras informacións de interese.

O proxecto investigador terá como máximo vinte e cinco páxinas en tamaño DIN A4 a dobre espazo.

6.2.2.2. As persoas aspirantes a unha praza de catedrático de universidade entregaranlle tamén ao/á presidente/a cinco exemplares do proxecto investigador que desenvolverán no caso de serlles outorgada a praza, que terá unha extensión máxima de vinte e cinco páxinas DIN A4 a dobre espazo.

6.2.3. O/A secretario/a da Comisión deberá garantir que a documentación entregada polos/as concursantes poida ser consultada con anterioridade ao inicio das probas por todas as persoas candidatas presentadas.

6.3. Probas.

6.3.1. Os concursos de acceso ao corpo de titulares de universidade constarán de dúas probas que serán públicas.

6.3.1.1. A primeira proba consistirá na exposición e defensa oral dos méritos e do historial académico, docente, investigador, de xestión e, se é o caso, sanitario-asistencial de cada persoa candidata. Esta exposición non poderá exceder de 90 minutos, cun debate posterior coa Comisión durante un tempo máximo de dos horas.

No caso de que exista unha única persoa aspirante, a Comisión, despois de analizar a documentación presentada por esta, se considera por unanimidade que resulta suficiente para a superación da proba, poderá eximila da exposición oral e posterior debate.

Rematada esta proba, cada membro da Comisión emitirá un informe razoado e axustado aos criterios de valoración previamente fixados.

6.3.1.2. A segunda proba consistirá na exposición oral, durante un tempo máximo de 90 minutos, e posterior debate coa Comisión, durante un máximo de dúas horas:

– Da guía docente dunha das materias que se determinen na convocatoria ou, no seu defecto, dunha materia troncal ou obrigatoria da oferta oficial de graos relacionada coa área pola que se convoca a praza.

– Do proxecto investigador que desenvolverá no caso de lle ser outorgada a praza.

Unha vez rematada a segunda proba, cada membro da comisión emitirá un informe razoado e axustado aos criterios de valoración previamente fixados.

O peso de cada proba na cualificación final das persoas candidatas será do 50 %.

De acordo con estes informes, a Comisión elaborará unha proposta de provisión. Os membros da comisión que voten en contra da proposta maioritaria terán que facer constar a motivación do seu voto.

A proposta incluirá unha relación de todas as persoas candidatas que sexan consideradas aptas para ocupar a praza por orden de preferencia para o nomeamento polo reitor. O proceso poderá concluír coa proposta da Comisión de non prover a praza convocada.

6.3.2. Os concursos de acceso ao corpo de catedráticos de universidade constarán dunha única proba, que será pública e que consistirá na exposición e defensa oral dos méritos de cada candidato/a e do proxecto investigador que desenvolverá de lle ser outorgada a praza. A exposición e a defensa oral non poderán exceder de 90 minutos e dúas horas, respectivamente.

Rematada a proba, cada membro da Comisión emitirá un informe razoado e axustado aos criterios de valoración previamente fixados. De acordo con estes informes, a Comisión elaborará unha proposta de provisión. Os membros da Comisión que voten en contra da proposta maioritaria terán que facer constar a motivación do seu voto.

A proposta incluirá unha relación de todas as persoas candidatas que sexan consideradas aptas para ocupar a praza por orde de preferencia para o nomeamento polo reitor. O proceso poderá concluír coa proposta da Comisión de non prover a praza convocada.

6.3.3. As persoas aspirantes serán convocadas pola Comisión aos distintos actos en único chamamento que fará público no taboleiro de anuncios en que actúe, sendo excluídas do concurso as que non comparezan, salvo nos casos de forza maior debidamente xustificados e apreciados como tales pola Comisión.

7. Proposta de provisión.

7.1. Nun prazo máximo de cinco días desde o seguinte ao da finalización das probas farase pública no taboleiro de anuncios do centro en que actúe a Comisión de Selección a proposta motivada e vinculante de nomeamento para a provisión da praza, con expresión de todas as persoas candidatas propostas por orden de preferencia. Esta proposta será formalizada no modelo normalizado de acta que proverá a vicerreitoría competente en materia de profesorado, e faranse constar os mecanismos de impugnación que poidan utilizar as persoas interesadas. A proposta permanecerá exposta, polo menos, ata a expiración do prazo para interpor os correspondentes recursos.

O tempo transcorrido entre a publicación da convocatoria e a resolución do concurso non poderá exceder catro meses, salvo nos supostos de suspensión ou ampliación deste prazo por impugnación ou outras causas xustificadas apreciadas por resolución do reitor da USC.

7.2. Unha vez publicada, a proposta será entregada polo/a presidente/a da Comisión de Selección ou, se é o caso, polo/a secretario/a á Vicerreitoría de Titulacións e Persoal Docente e Investigador xunto coas actas e informes que compoñen o expediente, un exemplar da documentación achegada por cada persoa candidata coa xustificación documental correspondente e a certificación do secretario ou da secretaria da Comisión en que se faga constar a data de publicación no taboleiro do centro.

7.3. Rematado o procedemento, a documentación dos/as concursantes quedará ao seu dispor na Vicerreitoría de Titulacións e Persoal Docente e Investigador de onde deberán retirala. Non obstante, no caso de interposición de recurso, non poderá retirarse ata que a resolución impugnada sexa firme, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan realizar copia da documentación para outros efectos.

Transcorridos seis meses desde a finalización do procedemento ou, no caso de haber recurso, desde que a resolución impugnada adquira firmeza, a documentación que non for retirada será destruída.

8. Presentación de documentos e nomeamentos.

8.1. No prazo máximo de vinte días contados desde o seguinte ao da publicación da proposta de nomeamento, a persoa candidata proposta en primeiro lugar pola Comisión de Selección ten que presentar os seguintes documentos na Vicerreitoría de Titulacións e Persoal Docente e Investigador ou por calquera dos procedementos establecidos no artigo 38.4 da LRX-PAC:

a) Copia compulsada do título académico requirido para a praza para a cal teña sido proposta.

b) Declaración xurada ou promesa de non ter sido separada mediante expediente disciplinario do servizo de ningunha Administración pública nin atoparse inhabilitada para o exercicio das funcións públicas. As persoas aspirantes de nacionalidade non española deberán acreditar, de conformidade co establecido no artigo 7.2 do Real decreto 543/2001, do 18 de maio, sobre acceso ao emprego público na Administración xeral do Estado e os seus organismos públicos de nacionais doutros Estados aos cales é de aplicación o dereito á libre circulación de traballadores/as, que non están sometidos/as a sanción disciplinaria ou condena penal que impida, no seu Estado, o acceso á función pública.

c) Certificado médico oficial acreditativo de non padecer enfermidade nin estar afectado por limitación física ou psíquica que impida o desempeño das funcións correspondentes a profesor/a de universidade.

8.2. Aqueles/as que tivesen a condición de funcionarios/as públicos/as de carreira en activo estarán exentos/as de presentar os documentos mencionados nas alíneas b) e c) desta base, e deberán presentar certificación da Administración de que dependan, acreditativa da súa condición de funcionarios e de cantas circunstancias consten na súa folla de servizos.

As persoas candidatas que pertenzan a esta universidade só deberán presentar os documentos a que se refire esta base que non consten no seu expediente persoal.

8.3. O reitor da Universidade de Santiago de Compostela efectuará o nomeamento como funcionario/a de carreira da persoa candidata proposta pola Comisión, unha vez que presentase en prazo a documentación exixida no número 1 desta base. No caso de que a primeira persoa candidata proposta non acredite en tempo e forma os aspectos sinalados no parágrafo anterior, o reitor procederá, de xeito sucesivo, ao nomeamento das seguintes persoas candidatas propostas segundo a orde establecida pola Comisión de Selección, logo da acreditación por estas dos mencionados requisitos en idéntico prazo de vinte días.

8.4. Os nomeamentos, que especificarán a denominación da praza con indicación da área de coñecemento e o corpo a que pertence, serán publicados no Boletín Oficial del Estado e no Diario Oficial de Galicia e comunicados aos rexistros correspondentes para o efecto do outorgamento do número de rexistro de persoal e de inscrición no corpo respectivo, así como ao Consello de Universidades.

8.5. No prazo máximo de vinte días, contados desde o día seguinte ao da publicación do nomeamento no Boletín Oficial del Estado, a persoa candidata proposta deberá tomar posesión do seu destino, momento en que adquirirá a condición de funcionario/a de carreira do corpo docente universitario de que se trate. No momento da toma de posesión, a persoa candidata deberá presentar declaración de non estar afectada por incompatibilidade ou opción no caso de ter outro traballo no sector público.

9. Norma final.

Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, poderase interpor recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación no Boletín Oficial del Estado, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Potestativamente, poderase interpor recurso de reposición perante o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación, sen que neste caso se poida interpor o recurso contencioso-administrativo antes mencionado ata a resolución expresa ou presunta do recurso administrativo de reposición, ao abeiro dos artigos 116 e 117 da LRX-PAC.

Santiago de Compostela, 12 de maio de 2014

Juan José Casares Long
Reitor da Universidade de Santiago de Compostela

ANEXO
Relación de prazas e comisións
Catedrático de universidade

Nº de concurso: 2342/14. Dedic.: T.

Nº de prazas: 1(A00550).

Área de coñecemento: toxicoloxía.

Departamento: Anatomía Patolóxica e Ciencias Forenses.

Perfil: Toxicoloxía Veterinaria (G2091425).

Centro (*): Facultade de Veterinaria.

Localidade: Lugo.

(*) Centro onde se realizará con carácter preferente a actividade.

Nº de concurso: 2340/14.

Corpo: catedrático de universidade.

Área de coñecemento: toxicoloxía.

Comisión titular

Presidente:

López-Rivadulla Lamas, Manuel

T

Catedrático de universidade

Universidade de Santiago de Compostela

Secretaria:

Cruz Landeira, Angelines

T

Catedrática de universidade

Universidade de Santiago de Compostela

1ª vogal:

Bermejo Barrera, Ana María

T

Catedrática de universidade

Universidade de Santiago de Compostela

2ª vogal:

Cameán Fernández, Ana María

T

Catedrática de universidade

Universidade de Sevilla

3º vogal:

García Fernández, Antonio Juan

T

Catedrático de universidade

Universidade de Murcia

Comisión suplente

Presidente:

Carracedo Álvarez, Ángel María

T

Catedrático de universidade

Universidade de Santiago de Compostela

Secretaria:

Rodríguez Calvo, María Sol

T

Catedrática de universidade

Universidade de Santiago de Compostela

1ª vogal:

Fernández Gómez, Purificación

T

Catedrática de universidade

Universidade de Santiago de Compostela

2ª vogal:

Torija Isasa, Esperanza

T

Catedrática de universidade

Universidade Complutense de Madrid

3º vogal:

Pla Martínez, Antonio

T

Catedrático de universidade

Universidade de Granada