Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 96 Mércores, 21 de maio de 2014 Páx. 22834

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

ORDE do 5 de maio de 2014 pola que se establecen actuacións complementarias á oficina de farmacia na dispensa de determinados medicamentos así como na conservación e custodia das súas receitas médicas.

O artigo 43 da Constitución española recoñece o dereito á protección da saúde e establece que os poderes públicos organizarán e tutelarán a saúde pública a través de medidas preventivas e das prestacións e servizos necesarios.

O Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, outorga no seu artigo 28.8 competencia para o desenvolvemento lexislativo e execución en materia de establecementos farmacéuticos, e no seu artigo 33.1 establece que lle corresponde á Comunidade Autónoma de Galicia o desenvolvemento lexislativo e a execución da lexislación básica do Estado en materia de sanidade interior.

A Lei 5/1999, do 21 de maio, de ordenación farmacéutica de Galicia, define a atención farmacéutica como un servizo de interese público que garante o acceso da cidadanía aos medicamentos e produtos sanitarios e que contribúe a facer un uso racional e eficiente destes, tanto nos distintos niveis de asistencia sanitaria coma no campo da saúde pública. As oficinas de farmacia son establecementos onde se desenvolverán esas actividades de atención farmacéutica. Esta lei establece na Comunidade Autónoma as accións necesarias que debe desenvolver este establecemento sanitario para unha prestación farmacéutica máis segura e racional. Ademais, no seu artigo 8, recolle como unha das funcións da oficina de farmacia a colaboración nos programas de saúde pública establecidos pola autoridade sanitaria.

O Real decreto 1718/2010, do 17 de decembro, sobre receita médica e ordes de dispensa, no seu artigo 15.6 habilita as administracións sanitarias competentes para exixir o rexistro no libro oficial receitario daquelas dispensacións para as cales se estableza este requisito. O artigo 18.3 habilita o desenvolvemento de normas específicas para o caso daquelas outras receitas médicas de medicamentos que deban ser sometidas a procedementos de control.

A presente orde desenvolve os anteriores preceptos para un grupo de medicamentos específico, que nos últimos anos experimentou un crecente desvío desde as canles autorizadas de distribución e comercialización de medicamentos para unha utilización indebida e sen fin terapéutico.

A utilización de determinados medicamentos, cuxos principios activos se encontran incluídos nas listas oficiais de substancias e métodos prohibidos no deporte, fóra das súas indicacións terapéuticas autorizadas e co propósito do incremento do rendemento deportivo, fai necesario establecer actuacións adicionais na súa dispensación por parte da oficina de farmacia, tendo en conta o risco que para a saúde pública pode derivar dunha utilización con fins diferentes a aqueles para os que eses medicamentos foron autorizados. Neste sentido, pronúnciase xa o artigo 80 da Lei 29/2006, do 26 de xullo, de garantías e uso racional dos medicamentos, cando sinala que «A importación, exportación, distribución, comercialización, prescrición e dispensación de medicamentos legalmente recoñecidos non terán por finalidade aumentar as capacidades físicas dos deportistas ou modificar os resultados das competicións en que participan, e deberanse axustar no seu desenvolvemento e obxectivos á normativa de aplicación na materia».

A actuación que se establece para o farmacéutico de oficina de farmacia no acto de dispensación para estes medicamentos xustifica plenamente a intervención da autoridade sanitaria para establecer novos requisitos técnico-sanitarios que permitan detectar as situacións en que se poida producirse unha utilización indebida, recorrendo ás prerrogativas para a protección da saúde pública emanadas da Lei 5/1999, do 21 de maio, e da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia.

En consecuencia, en virtude das facultades que me confiren os artigos 34.6º e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

dispoño:

Artigo 1. Obxecto

Mediante a presente orde a Consellería de Sanidade establece actuacións adicionais que deberán observar as oficinas de farmacia na dispensación, conservación e custodia de receitas médicas dos medicamentos incluídos no anexo.

Artigo 2. Actuacións complementarias na dispensación

O farmacéutico, no acto de dispensación dos medicamentos incluídos nos subgrupos terapéuticos do anexo, deberá comprobar a identidade da persoa que acode a retirar o medicamento anotando na receita o documento nacional de identidade (DNI), número de identificación de estranxeiro (NIE) ou pasaporte, segundo o caso. Procederá a continuación a rexistrar a dispensación no libro oficial receitario onde consignará os datos que se detallan no artigo 15.7 do Real decreto 1718/2010, do 17 de decembro, sobre receita médica e ordes de dispensación.

Non obstante o anterior, de acordo co establecido no artigo 17.3 do Decreto 206/2008, do 28 de agosto, de receita electrónica, o rexistro no libro receitario da oficina de farmacia limitarase ás dispensacións de receitas emitidas en soporte papel, xa sexan receitas do Sistema nacional de saúde ou receitas médicas privadas.

Artigo 3. Conservación e custodia de receitas médicas

As receitas médicas emitidas en soporte papel derivadas da asistencia sanitaria privada en que se formulen prescricións dos medicamentos incluídos nos subgrupos terapéuticos que se relacionan no anexo, serán conservadas e custodiadas na oficina de farmacia durante un ano contado desde o día da data da dispensación.

Finalizado o prazo de conservación, o/a farmacéutico/a procederá á súa destrución.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de maio de 2014

Rocío Mosquera Álvarez
Conselleira de Sanidade

ANEXO
Subgrupos terapéuticos

Subgrupo A14A - Anabolizantes hormonais.

A14AA02 - Estanozolol.

A14AA04 - Metenolona.

A14AB01 - Nandrolona.

Subgrupo G03B - Andróxenos.

G03BA03 - Testosterona (excluídas las presentacións de aplicación tópica ou vía transdérmica).

G03BB01 - Mesterolona.