Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 91 Mércores, 14 de maio de 2014 Páx. 21613

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

ORDE do 30 de abril de 2014 pola que se declara a perda da condición de utilidade pública, e a conseguinte exclusión do Catálogo de montes de utilidade pública, do monte Castulo, Outeiro, Madeira do Lobo e outros, situado no concello de Mazaricos, na provincia da Coruña.

Antecedentes.

1. O monte Castulo, Outeiro, Madeira do Lobo e outros, do concello de Mazaricos, foi inscrito no Catálogo de montes de utilidade pública (CUP) co número 103-E. A Orde ministerial do 23.7.1964 aprobou o seu deslindamento (BOP da provincia da Coruña do 20.11.1964), cunha superficie de 57,29 ha de cabida total (49,83 ha públicas), divididas en dúas parcelas: a parcela I, de 55,42 ha (47,96 ha públicas), e a parcela II, de 1,87 ha. Pertence á parroquia de San Mamede de Alborés.

O monte foi catalogado e deslindado cos seguintes límites:

Parcela I:

– Norte: parroquia de San Tomé dos Vaos e predios de veciños de Alborés.

– Leste: predios de veciños de San Mamede de Alborés.

– Sur: parroquia de Santa Mariña das Maroñas.

– Oeste: parroquia de San Tomé dos Vaos.

Parcela II:

– Norte: predios de veciños de San Mamede de Alborés e San Cosme de Antes.

– Leste: parroquia de San Cosme de Antes.

– Sur: predios de veciños de San Mamede de Alborés e San Cosme de Antes.

– Oeste: predios de veciños de San Mamede de Alborés e San Cosme de Antes.

2. O día 13.6.1997, o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común (MVMC) da Coruña clasificou o monte De Alborés a favor dos veciños dos lugares de Alborés de Arriba e de Abaixo, parroquia de Alborés. Este monte, de 55,42 ha, coincide coa parcela I do monte Castulo, Outeiro, Madeira do Lobo e outros.

3. A Orde do 30.6.2000, da Consellería de Medio Ambiente (DOG do 10.7.2000), excluíu do CUP o MVMC De Alborés (55,42 ha), que procede do MUP Castulo, Outeiro, Madeira do Lobo e outros.

4. Como consecuencia da clasificación do MVMC a superficie do MUP Castulo, Outeiro, Madeira do Lobo e Outros quedou reducida a 1,87 ha que, debido ao seu pequeno tamaño, perderon as causas que motivaron no seu día a súa declaración de utilidade pública e a súa inclusión no CUP, segundo se desprende do informe-proposta de descatalogación do monte de utilidade pública Castulo, Outeiro, Madeira do Lobo e outros (Mazaricos, A Coruña) do Servizo de Montes da Xefatura Territorial da Consellería do Medio Rural e do Mar da Coruña.

5. O día 26.4.2013, o Servizo de Montes da Coruña notificou un trámite de audiencia ao Concello de Mazaricos (titular do monte), en aplicación do artigo 28.1 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, e do artigo 84 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. O prazo outorgado transcorreu sen que se presentasen reclamacións ou alegacións.

6. O día 3.3.2014, o secretario xeral de Medio Rural e Montes, tendo en conta o informe-proposta do Servizo de Montes da Coruña, propuxo a declaración da perda da condición de utilidade pública, e a conseguinte exclusión do Catálogo de montes de utilidade pública, do monte Castulo, Outeiro, Madeira do Lobo e outros (nº 103-E).

7. O día 14.4.2014, a Asesoría Xurídica emitiu un informe sobre esta orde.

Consideracións legais e técnicas.

1. O artigo 16.2 da Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes atribúe á competencia das comunidades autónomas a exclusión de montes no Catálogo de montes de utilidade pública e o mantemento deste catálogo.

Este mesmo artigo obriga as comunidades autónomas a dar traslado ao ministerio competente na materia das actuacións que impliquen modificacións no catálogo.

2. O artigo 28.1 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, regula o procedemento para a exclusión dun monte do catálogo:

«Poderá declararse a perda da condición de utilidade pública, e a conseguinte exclusión do catálogo, de todo ou parte dun monte, mediante orde da consellería competente en materia de montes, por proposta do órgano forestal, de oficio ou por instancia da persoa titular do monte, e en procedemento tramitado para o efecto, oídos a Administración titular e as persoas titulares doutros dereitos sobre o monte, cando desaparezan as causas que motivaron a súa declaración ou cando, por sentenza firme, se declare que o monte non é de titularidade pública».

Neste caso tramitouse o procedemento consonte o indicado.

3. De acordo co artigo 13 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, a resolución firme de clasificación dun MVMC produce, entre outros, o efecto de servir de título para excluílo do CUP.

4. O artigo 30.1 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, vincula a exclusión dun monte, ou parte deste, do Catálogo de montes de utilidade pública coa súa perda da condición de utilidade pública.

5. O artigo 30.2 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, establece que as reclamacións sobre exclusións de montes no catálogo que non se refiran a cuestións de propiedade terán carácter administrativo e resolveranse ante a xurisdición contencioso-administrativa, consonte o previsto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

O artigo 30 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, atribúe a competencia para a exclusión dun monte, ou de parte deste, do Catálogo de montes de utilidade pública á consellería competente en materia de montes.

De acordo con todo o anterior,

DISPOÑO:

Artigo único

1. Declarar a perda da condición de utilidade pública, e a conseguinte exclusión do Catálogo de montes de utilidade pública, do monte Castulo, Outeiro, Madeira do Lobo e outros, número 103-E do catálogo, cunha superficie total de 1,87 ha e situado no concello de Mazaricos (A Coruña), por perder as causas que motivaron no seu día a súa inclusión no catálogo.

2. Dar traslado ao ministerio competente na materia da citada exclusión do catálogo.

Disposición derradeira

Esta orde producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e contra ela as persoas interesadas poderán interpoñer recurso de reposición, con carácter potestativo ante a conselleira do Medio Rural e do Mar, no prazo dun mes ou ben interpoñer directamente o recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, de acordo co disposto nos artigos 109 e 116 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e nos artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 30 de abril de 2014

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar