Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 91 Mércores, 14 de maio de 2014 Páx. 21617

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

ORDE do 30 de abril de 2014 pola que se declara a perda da condición de utilidade pública, e a conseguinte exclusión do Catálogo de montes de utilidade pública, do monte Santa Mariña situado no concello de Mazaricos, na provincia da Coruña.

Antecedentes

1. O monte Santa Mariña, do concello de Mazaricos, foi inscrito no Catálogo de montes de utilidade pública (CUP) co número 103-L. A Orde ministerial do 7.12.1963 (BOP do 28.1.1964) aprobou o seu deslindamento, cunha superficie de 122,30 ha de cabida total e pública e pertencente á parroquia de Santa Mariña das Maroñas. O monte, constituído por dúas parcelas, foi deslindado cos seguintes límites:

Parcela I (57,10 ha):

– Norte: monte Aro e predios particulares dos veciños de Vilar e O Castro.

– Leste: predios particulares dos veciños de Vilar e O Castro.

– Sur: monte Aro e predios particulares de San Xoán de Mazaricos.

– Oeste: monte Aro.

Parcela II (65,20 ha):

– Norte: propiedades particulares dos veciños de Foxas de Arriba, Foxas de Abaixo e Liñares.

– Leste: estrada de Muros a Santa Comba, propiedades particulares de veciños de Foxas, Liñares e San Fins de Eirón.

– Sur: parroquia de San Fins de Eirón e estrada de Santa Comba a Muros.

– Oeste: propiedades particulares do Castro e A Gueima.

O monte, segundo inscrición no CUP, está inscrito no Rexistro da Propiedade de Muros (tomo 235, libro 59).

2. O día 27.7.1989, o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común (MVMC) da Coruña clasificou o monte Aro e Pedras de Campo Redondo a favor dos veciños do lugar do Castro, parroquia de Maroñas. Este monte tiña unha superficie de 27,35 ha incluída no perímetro do monte de utilidade pública (MUP) Santa Mariña.

3. O día 24.5.1995, o Xurado Provincial de MVMC da Coruña clasificou o monte Foxas pertencente á comunidade de veciños de Foxas, parroquia das Maroñas. Este monte procede do MUP Santa Mariña e clasificouse cunha superficie de 48,20 ha.

4. O día 8.7.1996, o Xurado Provincial de MVMC da Coruña clasificou o monte Liñares da comunidade veciñal do lugar de Liñares, parroquia das Maroñas. Este monte é parte do monte Santa Mariña e clasificouse cunha superficie de 17,00 ha.

5. A Orde do 20 de abril de 1994, da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes (DOG do 24.5.1994), excluíu do CUP, por ter quedado firme a sentenza ditada polo Xulgado de Primeira Instancia número 4 da Coruña, do 27.10.1992, varios predios de propiedade particular cunha superficie total de 2,9229 ha.

6. A Orde do 14.2.1997, da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes (DOG do 3.03.1997), excluíu do CUP, por ter quedado firme a resolución do Xurado Provincial de Montes que o clasifica como veciñal en man común, o MVMC Foxas, de 48,20 ha.

7. A Orde do 5.9.1997, da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes (DOG do 9.10.1997), excluíu do CUP, por ter quedado firme a resolución do Xurado Provincial de Montes que o clasifica como veciñal en man común, o MVMC Liñares, de 17,00 ha.

8. A Orde do 24.9.2007, da Consellería do Medio Rural (DOG do 27.9.2007), excluíu do CUP os predios que foron declarados de propiedade particular por sentenza do Xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña do 4.7.1995, e que teñen unha superficie total de 2,0314 ha.

Non consta a formalización da exclusión do CUP da parcela que pasou a formar parte do MVMC Aro e Pedras de Campo Redondo, cunha superficie de 27,35 ha.

9. Como consecuencia das clasificacións dos tres MVMC e das sentenzas que declaraban a propiedade particular de varios predios incluídos no monte, a superficie do MUP Santa Mariña quedou reducida a 24,80 ha, que perderon as causas que motivaron no seu día a súa declaración de utilidade pública e a súa inclusión no CUP, segundo se desprende do informe da xefa do Distrito Forestal V-Fisterra e do informe-proposta de descatalogación do monte de utilidade pública Santa Mariña (Mazaricos, A Coruña) do Servizo de Montes da Xefatura Territorial da Consellería do Medio Rural e do Mar da Coruña.

10. O día 21.6.2013, o Servizo de Montes da Coruña, notificou un trámite de audiencia ao Concello de Mazaricos (titular do monte), en aplicación do artigo 28.1 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, e do artigo 84 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. O prazo transcorreu sen que se presentasen reclamacións ou alegacións.

11. O día 3.3.2014, o secretario xeral de Medio Rural e Montes, tendo en conta o informe-proposta do Servizo de Montes da Coruña, propuxo a declaración da perda da condición de utilidade pública, e a conseguinte exclusión do Catálogo de montes de utilidade pública, do monte Santa Mariña (nº 103-L).

12. O día 14.4.2014 a Asesoría Xurídica emitiu un informe sobre esta orde.

Consideracións legais e técnicas.

1. O artigo 16.2 da Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes, atribúe á competencia das comunidades autónomas a exclusión de montes no Catálogo de montes de utilidade pública e o mantemento deste catálogo.

Este mesmo artigo obriga as comunidades autónomas a dar traslado ao ministerio competente na materia das actuacións que impliquen modificacións no catálogo.

2. O artigo 28.1 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, regula o procedemento para a exclusión dun monte do catálogo:

«Poderá declararse a perda da condición de utilidade pública, e a conseguinte exclusión do catálogo, de todo ou parte dun monte, mediante orde da consellería competente en materia de montes, por proposta do órgano forestal, de oficio ou por instancia da persoa titular do monte, e en procedemento tramitado para o efecto, oídos a Administración titular e as persoas titulares doutros dereitos sobre o monte, cando desaparezan as causas que motivaron a súa declaración ou cando, por sentenza firme, se declare que o monte non é de titularidade pública».

Neste caso tramitouse o procedemento consonte o indicado.

3. De acordo co artigo 13 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, a resolución firme de clasificación dun MVMC produce, entre outros, o efecto de servir de título para excluílo do CUP.

4. O artigo 30.1 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, vincula a exclusión dun monte, ou parte deste, do Catálogo de montes de utilidade pública coa súa perda da condición de utilidade pública.

5. O artigo 30.2 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, establece que as reclamacións sobre exclusións de montes no catálogo que non se refiran a cuestións de propiedade terán carácter administrativo e resolveranse ante a xurisdición contencioso-administrativa, consonte o previsto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

O artigo 30 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, atribúe a competencia para a exclusión dun monte, ou de parte deste, do Catálogo de montes de utilidade pública á consellería competente en materia de montes.

De acordo con todo o anterior,

DISPOÑO:

Artigo único

1. Declarar a perda da condición de utilidade pública, e a conseguinte exclusión do Catálogo de montes de utilidade pública, número 103-L, do monte Santa Mariña, situado no concello de Mazaricos (A Coruña), e que inclúe as superficies que se relacionan a continuación:

– 27,35 ha por clasificación do MVMC Aro e Pedras de Campo Redondo.

– 24,80 ha do monte Santa Mariña por perder as causas que motivaron no seu día a súa inclusión no catálogo.

2. Dar traslado ao ministerio competente na materia da citada exclusión do catálogo.

Disposición derradeira

Esta orde producirá efecos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e contra ela as persoas interesadas poderán interpoñer recurso de reposición, con carácter potestativo ante a conselleira do Medio Rural e do Mar, no prazo dun mes ou ben interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, de acordo co disposto nos artigos 109 e 116 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e nos artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 30 de abril de 2014

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar