Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 91 Mércores, 14 de maio de 2014 Páx. 21622

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

ORDE do 30 de abril de 2014 pola que se declara a perda da condición de utilidade pública, e a conseguinte exclusión do Catálogo de montes de utilidade pública, do monte Castro Pedrouzos situado no concello de Rois, na provincia da Coruña.

Antecedentes:

1. O monte Castro Pedrouzos, do concello de Rois, inscribiuse no Catálogo de montes de utilidade pública (CUP) co número 294. A Orde ministerial do 23 de novembro de 1967 (BOP da provincia da Coruña do 24 de febreiro de 1968) aprobou o seu deslindamento, cunha superficie de 157,47 ha de cabida total e de 148,12 ha de cabida pública e pertencente á parroquia de Leroño. O monte foi catalogado e deslindado cos seguintes límites:

– Norte: predios de veciños de Salgueiros; monte Coto da Corga, número 405 do Catálogo de libre disposición, do concello de Rois; predio Agro Devesa de Antonio, de veciños de Leroño e Covas, e monte Coto da Corga, a través do regacho Rego dos Carballiños.

– Leste: predios de veciños de Covas e Eigrés; monte Pirrón, nº 326 do Catálogo, e predios de veciños de Eigrés, Covas e Faro.

– Sur: montes Chan do Monte e Faro, números 300 e 305 do Catálogo; predios de veciños de Faro e Vilar de Castro; e monte Abaixo e Arriba, nº 317 do Catálogo.

– Oeste: monte Abaixo e Arriba, nº 317, e predios de veciños de Vilar de Castro, Pedrouzos e Salgueiros.

2. O monte, segundo inscrición no CUP, foi entregado ao patrimonio forestal do Estado o 24 de outubro de 1969.

3. O día 22 de outubro de 1976, o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común (MVMC) da Coruña clasificou o monte Vilar de Castro a favor dos veciños de Vilar de Castro, parroquia de Leroño. Este monte tiña unha superficie de 71,67 ha incluída no perímetro do monte de utilidade pública (MUP) Castro Pedrouzos.

4. O día 22 de outubro de 1976, o Xurado Provincial de MVMC da Coruña tamén clasificou o monte Leroño pertencente á comunidade de veciños do lugar de Leroño, parroquia do mesmo nome. Este monte tiña unha superficie de 9,20 ha incluída no perímetro do MUP Castro Pedrouzos.

5. O día 4 de febreiro de 1977, o Xurado Provincial de MVMC da Coruña clasificou o monte De Eigrés da comunidade veciñal do lugar de Eigrés, parroquia de Leroño. Este monte tiña unha superficie de 32,50 ha incluída no perímetro do MUP Castro Pedrouzos.

6. O día 25 de xuño de 1979, o Xurado Provincial de MVMC da Coruña clasificou o monte De Covas da comunidade veciñal do lugar de Covas, parroquia de Leroño. Este monte tiña unha superficie de 29,25 ha incluída no perímetro do MUP Castro Pedrouzos.

7. Non consta a formalización da exclusión do CUP das parcelas que pasaron a formar parte dos catro montes veciñais clasificados.

8. Como consecuencia das clasificacións dos catro MVMC a superficie do MUP Castro Pedrouzos quedou reducida a 5,50 ha que, debido ao seu pequeno tamaño, perderon as causas que motivaron no seu día a súa declaración de utilidade pública e a súa inclusión no CUP, segundo se desprende do informe-proposta de descatalogación do monte de utilidade pública Castro Pedrouzos (Rois, A Coruña) do Servizo de Montes da Consellería do Medio Rural e do Mar da Coruña.

9. O día 25 de xuño de 2013, o Servizo de Montes da Coruña notificou un trámite de audiencia ao Concello de Rois (titular do monte), en aplicación do artigo 28.1 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, e do artigo 84 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. O Concello de Rois solicitou, en escrito do 13 de xuño de 2013, a información planimétrica necesaria co fin de poder presentar os documentos e xustificacións pertinentes. O día 26 de xuño de 2013, o Concello de Rois manifesta a súa conformidade coa descatalogación do monte Castro Pedrouzos.

10. O día 3 de marzo de 2014, o secretario xeral de Medio Rural e Montes, tendo en conta o informe-proposta do Servizo de Montes da Coruña, propuxo a declaración da perda da condición de utilidade pública, e a conseguinte exclusión do Catálogo de montes de utilidade pública do monte Castro Pedrouzos (nº 294).

11. O día 14 de abril de 2014, a Asesoría Xurídica emitiu un informe sobre esta orde.

Consideracións legais técnicas:

1. O artigo 16.2 da Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes, atribúe á competencia das comunidades autónomas a exclusión de montes no Catálogo de montes de utilidade pública o mantemento deste catálogo.

Este mesmo artigo obriga as comunidades autónomas a dar traslado ao ministerio competente na materia das actuacións que impliquen modificacións no catálogo.

2. O artigo 28.1 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, regula o procedemento para a exclusión dun monte do catálogo:

«Poderá declararse a perda da condición de utilidade pública, e a conseguinte exclusión do catálogo, de todo ou parte dun monte, mediante orde da consellería competente en materia de montes, por proposta do órgano forestal, de oficio ou por instancia da persoa titular do monte, e en procedemento tramitado para o efecto, oídos a Administración titular e as persoas titulares doutros dereitos sobre o monte, cando desaparezan as causas que motivaron a súa declaración ou cando, por sentenza firme, se declare que o monte non é de titularidade pública».

Neste caso tramitouse o procedemento consonte o indicado.

3. De acordo co artigo 13 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, a resolución firme de clasificación dun MVMC produce, entre outros, o efecto de servir de título para excluílo do CUP.

4. O artigo 30.1 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, vincula a exclusión dun monte, ou parte deste do Catálogo de montes de utilidade pública coa súa perda da condición de utilidade pública.

5. O artigo 30.2 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, establece que as reclamacións sobre exclusións de montes no catálogo que non se refiran a cuestións de propiedade terán carácter administrativo e resolveranse ante a xurisdición contencioso-administrativa, consonte o previsto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

O artigo 30 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, atribúe a competencia para a exclusión dun monte, ou de parte deste, do Catálogo de montes de utilidade pública á consellería competente en materia de montes.

De acordo con todo o anterior,

DISPOÑO:

Artigo único

1. Declarar a perda da condición de utilidade pública, e a conseguinte exclusión do Catálogo de montes de utilidade pública, número 294, do monte Castro Pedrouzos, situado no concello de Rois (A Coruña), e que inclúe as superficies que se relacionan a continuación:

– 71,67 ha por clasificación do MVMC Vilar de Castro.

– 9,20 ha por clasificación do MVMC Leroño.

– 32,50 ha por clasificación do MVMC De Eigrés.

– 29,25 ha por clasificación do MVMC De Covas.

– 5,50 ha residuais do monte Castro Pedrouzos por perder as causas que motivaron no seu día a súa inclusión no catálogo.

2. Dar traslado ao ministerio competente na materia da citada exclusión do catálogo.

Disposición derradeira

Esta orde producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e contra ela as persoas interesadas poderán interpoñer recurso de reposición, con carácter potestativo ante a conselleira do Medio Rural e do Mar, no prazo dun mes ou ben interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, de acordo co disposto nos artigos 109 e 116 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e nos artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 30 de abril de 2014

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar