Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 91 Mércores, 14 de maio de 2014 Páx. 21579

III. Outras disposicións

Consellería de Traballo e Benestar

ORDE do 16 de abril de 2014 pola que se regulan as condicións dos ingresos e traslados en servizos prestados en centros propios ou concertados, no ámbito da atención á dependencia e da promoción da autonomía persoal.

A Comunidade Autónoma de Galicia ten competencia exclusiva no eido da asistencia social, segundo o disposto no artigo 27.23º do seu Estatuto de autonomía, en relación co artigo 148.1.20 da Constitución española.

Esta atribución de competencias levou ao Parlamento de Galicia a aprobar a Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, que estrutura e regula, como servizo público, os servizos sociais en Galicia para a construción do sistema galego de benestar.

A Lei de servizos sociais de Galicia nace coa vocación de garantir, como dereito recoñecible e exixible, o dereito das persoas aos servizos sociais que lles correspondan en función da valoración obxectiva das súas necesidades, co obxecto de posibilitar que a súa liberdade e igualdade sexan reais e efectivas, removendo os atrancos que impiden ou dificultan a súa plenitude e facilitando a participación de todas e todos na vida política, económica, cultural e social, tal como prescribe a nosa Carta magna.

Esta lei anuncia, ademais, como un dos obxectivos do sistema galego de servizos sociais, garantir a vida independente e a autonomía persoal das persoas en situación de dependencia, integrando, para estes efectos, o catálogo de prestacións do sistema para a autonomía e a atención á dependencia.

Consonte con esta previsión e, tendo en conta, así mesmo, a Lei 39/2006, do 14 de decembro, de promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia, onde se establecen as condicións básicas de acceso ao coñecido como Sistema para a autonomía e atención á dependencia (SAAD), ditouse na nosa Comunidade Autónoma o Decreto 15/2010, do 4 de febreiro, polo que se regula o procedemento para o recoñecemento da situación de dependencia e do dereito ás prestacións do Sistema para a autonomía e a atención á dependencia, o procedemento para a elaboración do programa individual de atención e a organización e funcionamento dos órganos técnicos competentes. Esta norma nace co obxectivo claro e decidido de avanzar no desenvolvemento da atención e prevención da situación de dependencia, pero tamén de se adaptar a un novo escenario normativo e de consolidar os dereitos tanto das persoas en situación de dependencia como das que xa eran usuarias do Sistema galego de servizos sociais. Trátase, en definitiva, dunha norma que quería superar as dificultades xurdidas na nosa Comunidade Autónoma durante os primeiros momentos da implantación deste novo sistema de atención dirixido ás persoas en situación de dependencia. Buscaba, ao mesmo tempo, a axilidade e a eficacia nos procedementos, tanto de valoración da dependencia como da elaboración do Programa individual de atención.

No seu artigo 3, o Decreto 15/2010, do 4 de febreiro, regula o catálogo de servizos do Sistema para a autonomía e atención á dependencia, seguindo as pautas marcadas polo artigo 15 da Lei 39/2006, do 14 de decembro, de promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia e, entre outros, regúlanse os servizos de prevención das situacións de dependencia e de promoción da autonomía persoal, o servizo de atención diúrna e de atención nocturna, o servizo de atención residencial ou tamén os centros de atención a persoas en situación de dependencia, en razón dos distintos tipos de discapacidade.

Pola súa banda, o título II da antedita norma regula, a través dos seus artigos 44, 45 e 46, a xestión das prazas dos servizos. Estes preceptos regulan as pautas que presiden o recoñecemento do dereito dunha persoa dependente a acceder a un recurso concreto.

Por outra banda, recentemente publicouse o Decreto 149/2013, do 5 de setembro, polo que se define a carteira de servizos sociais para a promoción da autonomía persoal e atención á persoas en situación de dependencia e se determina o sistema de participación das persoas usuarias no financiamento do seu custo.

Esta carteira constitúe o instrumento mediante o cal se relacionan as modalidades e as prestacións que integran o contido dos servizos previstos no catálogo regulado polo artigo 15 da Lei 39/2006, do 14 de decembro, e polo artigo 3 do Decreto 15/2010, do 4 de febreiro.

No ámbito da discapacidade, o procedemento de ingresos e traslados nos centros propios, concertados e con reserva de prazas de atención a persoas con discapacidade viña rexéndose pola Orde do 27 de febreiro de 1996. Porén, non existe unha norma similar, na nosa Comunidade Autónoma, no ámbito da atención ás persoas maiores, onde se carece dunha regulación propia que incida sobre as condicións que rexerán os ingresos e traslados na rede pública de servizos propios e concertados.

Na falta de normativa propia, determinados aspectos relativos ao ingreso en servizos residenciais, concretamente para persoas autónomas, rexíanse, de forma supletoria, pola Resolución do 26 de agosto de 1987, da Dirección Xeral do Instituto de Servizos Sociais (Inserso), e pola Orde do 8 de xaneiro de 1986 do Ministerio de Traballo e Seguridade Social, polas que se regulan, respectivamente, os ingresos e traslados nos centros residenciais para a terceira idade e os baremos de admisións, traslados e permutas en centros do Instituto Nacional de Servizos Sociais.

En calquera caso, tanto no que atinxe á Orde de 27 de febreiro de 1996, como á normativa estatal que queda citada, trátase dunha regulación superada na maioría dos seus aspectos pola actual normativa en materia de dependencia, o que motivou a necesidade de abordar certos aspectos deste procedemento a través de instrucións internas da Secretaría Xeral de Política Social.

Esta situación está a provocar un baleiro normativo que é necesario encher, co obxecto de acadar un procedemento garantista e presidido polo principio de seguridade xurídica, especialmente naqueles aspectos que atinxen ao ingreso efectivo no servizo previamente recoñecido, pero tamén a calquera eventual traslado posterior a outro servizo.

Esta orde, que regula os ingresos e traslados na rede pública de servizos da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia de persoas en situación de dependencia, así como o ingreso e traslado de persoas maiores e persoas con discapacidade que, logo de ser valoradas segundo o baremo de valoración da situación de dependencia vixente en cada momento, non acadan o recoñecemento de persoa dependente ou o grao de dependencia suficiente para acceder ao recurso a través do Sistema para a autonomía e atención á dependencia, consta de 41 artigos agrupados en cinco capítulos, tres disposicións adicionais, unha transitoria, unha derrogatoria e dúas disposicións derradeiras.

O capítulo I, co título de disposicións xerais, regula o obxecto e ámbito de aplicación desta norma, os servizos a que será de aplicación, así como a delimitación tanto das persoas que poderán ingresar nalgunha das prazas da rede pública como os sistemas de acceso, abrindo a porta non só a través do Sistema para a autonomía e atención á dependencia senón tamén a través do sistema de libre concorrencia.

O capítulo II regula os aspectos relativos ao ingreso no servizo, desde a asignación de prazas ata a incorporación efectiva, sen esquecer a posible renuncia, o aprazamento do ingreso por motivos taxados ou a suspensión temporal do servizo, tamén por causas delimitadas pola propia norma.

O capítulo III, relativo aos traslados, prevé a posibilidade de que estes teñan lugar a petición da persoa interesada, pero tamén por un cambio na tipoloxía e necesidades da persoa usuaria do servizo e pola autorización previa dunha permuta entre persoas usuarias de idénticos servizos pero en distintos centros.

O capítulo IV regula o réxime aplicable ás estancias temporais.

Finalmente, o capítulo V, detalla as causas polas que se perde a condición de persoa usuaria do servizo.

Na disposición adicional primeira regúlase o acceso aos servizos públicos residenciais no caso das persoas ás cales non lles sexa recoñecida a situación de dependencia nalgúns dos graos establecidos segundo o baremo de valoración da situación de dependencia vixente en cada momento.

A disposición adicional segunda regula as porcentaxes da participación económica no custo dos servizos regulados nesta orde por parte das persoas en situación de autonomía e configura o concepto de capacidade económica aplicable.

A disposición adicional terceira prevé, respecto do órgano previsto no artigo 14, a ausencia de incremento de gasto para o órgano competente en materia de dependencia.

A disposición transitoria regula o marco normativo que, de forma transitoria, se aplica aos procedementos iniciados antes da data de entrada en vigor desta norma e que se refiren ao ingreso de persoas maiores ou persoas con discapacidade, nos casos en que se lles estivese a aplicar a Resolución do 26 de agosto de 1987, da Dirección Xeral do Instituto de Servizos Sociais, e a Orde do 8 de xaneiro de 1986, do Ministerio de Traballo e Seguridade Social, no caso de persoas maiores, e a Orde do 27 de febreiro de 1996, no caso de persoas con discapacidade.

A través do Decreto 227/2012, do 2 de decembro, establécese a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e, posteriormente, a través do Decreto 235/2012, do 5 de decembro, fíxase a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia. Correspóndelle á Consellería de Traballo e Benestar, entre outras, as competencias en materia de atención ás persoas maiores, persoas con discapacidade e persoas en situación de dependencia, integrándose dentro da súa estrutura orgánica, aprobada mediante o Decreto 42/2013, de 21 de febreiro, a Secretaría Xeral de Política Social, que se encargará da xestión dos ingresos e traslados de persoas maiores e de persoas con discapacidade nos servizos regulados por esta orde.

En relación con todo o anterior, correspóndelle a esta consellería a planificación xeral dos servizos sociais para persoas maiores, persoas con discapacidade, e persoas en situación de dependencia, coordinando a súa actuación coas demais entidades prestadoras de servizos.

En virtude do exposto e, no exercicio das atribucións conferidas segundo o artigo 38 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, así como segundo o artigo 34.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I
Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

1. Esta orde ten por obxecto a regulación das condicións aplicables para o ingreso e traslado nos servizos destinados a persoas maiores, a persoas con discapacidade e a persoas en situación de dependencia, aos que se refire o artigo seguinte, dentro da rede pública de servizos da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, tanto no caso de que se xestionen de forma directa, como indirectamente a través das diversas modalidades de contratación da xestión de servizos públicos establecidas na normativa reguladora dos contratos do sector público.

2. O ámbito de aplicación desta orde esténdese a todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2. Tipoloxía dos servizos

Para os efectos da regulación contida nesta orde, a rede pública de servizos da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia comprende os seguintes servizos:

a) Atención residencial.

b) Atención diúrna.

c) Atención nocturna.

d) Servizos de supervisión e apoios puntuais prestados desde os equipamentos especiais regulados polo Decreto 149/2013, do 5 de setembro, polo que se define a carteira de servizos sociais para a promoción da autonomía persoal e a atención ás persoas en situación de dependencia e se determina o sistema de participación das persoas usuarias no financiamento do seu custo.

Artigo 3. Titulares do dereito de ingreso

1. Poderán acceder aos servizos regulados no artigo 2 desta orde as persoas ás que, de conformidade co Decreto 15/2010, do 4 de febreiro, polo que se regula o procedemento para o recoñecemento da situación de dependencia e do dereito ás prestacións do Sistema para a autonomía e a atención á dependencia, o procedemento para a elaboración do programa individual de atención e a organización e funcionamento dos órganos técnicos competentes, se lles recoñecese a súa condición de persoas en situación de dependencia e se lles resolvese no seu Programa individual de atención algún dos servizos regulados nesta norma.

2. As persoas que non teñen recoñecida a condición de dependente ou cuxo grao de dependencia non é suficiente para acceder ao recurso solicitado a través do Sistema para a autonomía e atención á dependencia poderán acceder a el polo sistema de libre concorrencia, de existir dispoñibilidade de prazas.

Artigo 4. Sistemas de acceso

1. As persoas que queiran acceder a unha praza pública en calquera dos servizos indicados no artigo 2 deberán seguir, en todo caso, o procedemento de recoñecemento de dependencia establecido no Decreto 15/2010, do 4 de febreiro.

2. No momento en que se presente a solicitude de recoñecemento da situación de dependencia e do dereito ás prestacións do sistema, as persoas interesadas indicarán os servizos polos que teñan preferencia. No caso de servizos residenciais, así como nos servizos de supervisión e apoios puntuais prestados en equipamentos especiais, as persoas interesadas poderán indicar ata tres centros polos que teñan preferencia, na mesma ou diferente área xeográfica, das que figuran no anexo I desta orde. Para o caso de que non se sinale área preferente, entenderase que a solicitude se formula para todo o ámbito da Comunidade Autónoma.

No caso de non existir ningún centro adecuado ás necesidades da persoa solicitante dentro da área ou áreas sinaladas como preferentes, o ámbito de resolución farase igualmente extensivo a toda a Comunidade Autónoma.

3. Unha vez aplicado o baremo de valoración da situación de dependencia vixente en cada momento, se a persoa solicitante acada un grao de dependencia que lle permita o acceso a algún dos recursos desta norma, formularase proposta de Programa individual de atención para a súa posterior aprobación, de conformidade co previsto no artigo 38 do Decreto 15/2010, do 4 de febreiro.

De non acadar o recoñecemento da situación de dependencia, incluirase no Programa de asignación de recursos polo sistema de libre concorrencia, sempre que reúna os requisitos establecidos pola normativa vixente para acceder ao recurso.

4. Unha vez se resolva o dereito da persoa a acceder a algún dos servizos a que se refire esta norma, a xestión do ingreso realizarase, en todo caso, tanto para as persoas que acceden polo Sistema para a autonomía e atención á dependencia como polo sistema de libre concorrencia, a través do Programa de asignación de recursos.

Artigo 5. Acompañantes

1. De forma excepcional e co obxecto de manter a unidade familiar, poderá recoñecerse o dereito de admisión nos servizos residenciais, así como nos servizos de supervisión e apoios puntuais prestados desde os equipamentos especiais, como acompañante da persoa solicitante principal a quen, non reunindo todos os requisitos establecidos, se atope nalgunha das seguintes situacións:

a) Ser cónxuxe ou persoa en relación análoga de afectividade.

b) Ser parente por consanguinidade ata o segundo grao, sempre que reúna as seguintes condicións:

Primeira. Ter o recoñecemento da situación de dependencia nalgún dos graos establecidos, segundo o baremo de valoración da situación de dependencia vixente en cada momento.

Segunda. Os acompañantes de persoas con discapacidade deberán requirir a mesma atención especializada que require a persoa solicitante principal.

2. A solicitude para ingresar como acompañante poderá presentarse no momento en que se formule a solicitude principal e seguindo o mesmo procedemento, de xeito que ambos ingresen de forma simultánea, ou con posterioridade.

3. A persoa acompañante deberá de acreditar a convivencia de polo menos dous anos coa persoa solicitante principal, con anterioridade á data de presentación da solicitude principal.

4. Non se recoñecerá o dereito de acompañamento a aquelas persoas que requiran coidados específicos que non poidan atenderse no centro en que ingrese a persoa solicitante principal.

5. O centro poderá autorizar un familiar da persoa residente para que faga un labor de acompañamento durante o día, sen que isto supoña ocupación de praza no centro, nin acceso aos servizos. Este acompañamento non poderá interferir no traballo do persoal do servizo nin nas normas de organización e funcionamento do centro.

CAPÍTULO II
Asignación de praza e ingreso no servizo

Artigo 6. Comunicación de vacantes

1. Todos os centros que xestionen prazas públicas correspondentes aos servizos recollidos nesta orde deberán comunicar á unidade administrativa responsable da xestión de ingresos e traslados todas aquelas prazas que se atopen vacantes e dispoñibles para a súa cobertura, no prazo máximo de dous días desde que aquelas adquirisen tal condición.

2. As prazas que se comuniquen como vacantes serán destinadas á ocupación a través de novos ingresos, agás un 25 % que se reservarán para atender traslados.

Artigo 7. Resolución de asignación de praza

1. A asignación de prazas levarase a cabo a través do Programa de asignación de recursos, conforme os criterios sinalados nos artigos 44 e 45 do Decreto 15/2010, do 4 de febreiro.

2. Correspóndelle ao órgano superior competente en materia de dependencia resolver a asignación das prazas vacantes en cada momento, ás persoas con mellor dereito dentro do programa de asignación de recursos, con respecto ao tipo de recurso e vacante de que se trate.

3. A prelación de acceso ao servizo polo sistema de libre concorrencia realizarase de acordo coa aplicación sucesiva dos criterios que se regulan no artigo 44 do Decreto 15/2010, do 4 de febreiro.

4. Sen prexuízo do disposto con anterioridade, o órgano superior competente en materia de dependencia poderá adxudicar o servizo a unha persoa solicitante, con independencia do lugar que ocupe no Programa de asignación de recursos, ou mesmo sen estar incluído nel, cando se trate dun suposto de emerxencia social, a que fai referencia o artigo 16 do Decreto 15/2010, do 4 de febreiro.

Artigo 8. Notificación e recurso

A resolución de asignación da praza, que non pon fin a vía administrativa, será notificada á persoa interesada pola unidade administrativa responsable, quen poderá impugnala en alzada ante a persoa titular da consellería competente en materia de dependencia, de conformidade cos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 9. Comunicación ao centro

1. De forma simultánea á notificación á persoa interesada, a unidade administrativa responsable comunicaralle ao centro que corresponda a asignación da praza vacante, para os efectos de que, nun prazo máximo de dous días hábiles, se poña en contacto coa persoa beneficiaria co fin de acordar o ingreso efectivo. O contacto coa persoa beneficiaria poderá realizarse por calquera medio que permita ter constancia da súa realización.

O prazo para o ingreso na praza vacante será de dez días naturais, que comezarán a contar desde o día seguinte a aquel en que a persoa interesada reciba a comunicación por parte do centro, nos termos a que se refire o parágrafo anterior. A non incorporación no prazo sinalado entenderase como unha renuncia ao dereito.

2. No caso de acompañantes, a que fai referencia o artigo 5 desta orde, garánteselles o dereito a ingresar de xeito simultáneo no mesmo centro, sempre que a solicitude sexa formulada ao mesmo tempo.

3. Á marxe do previsto no parágrafo anterior, as persoas que sexan cónxuxes ou cunha relación análoga de afectividade, así como as persoas cuxo parentesco sexa de consanguinidade ata o segundo grao, que teñan dereito a formular solicitude principal, poderán, no momento de realizar as respectivas solicitudes, condicionar o seu ingreso respectivo de xeito que teña lugar ao mesmo tempo, sempre que exista praza vacante, incluíndose ambos no lugar correspondente á persoa solicitante que se atope mellor situada dentro do Programa de asignación de recursos.

Artigo 10. Comunicación do ingreso

No prazo de dous días hábiles desde que se produza o ingreso, o centro deberá comunicar á unidade administrativa responsable da xestión dos ingresos e traslados a data en que aquel tivo lugar. Así mesmo, deberán comunicarse á indicada unidade os casos de non incorporación dentro do prazo establecido e de renuncia, xuntando a documentación acreditativa.

Artigo 11. Renuncia

1. A persoa solicitante ou quen exerza a súa representación legal poderá renunciar ao dereito recoñecido na resolución de asignación do servizo.

2. Formalizada a renuncia, arquivarase a solicitude e porase fin ao expediente de conformidade co disposto no artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 12. Aprazamento do ingreso

1. Cando, por causas de forza maior ou por razón de ingreso hospitalario non se produza o ingreso dentro do prazo regulado no artigo 9, a persoa interesada, antes da finalización deste prazo, poderá solicitar o aprazamento do ingreso. De ser o caso, a súa praza será cuberta por outra persoa. Desaparecida a causa que xustifica o aprazamento, incorporarase na primeira praza vacante que se produza no servizo previamente recoñecido.

2. A autorización de aprazamento, que recollerá debidamente xustificada a súa causa, efectuaraa a unidade administrativa responsable da xestión de ingresos e traslados, nun prazo máximo de 3 días hábiles.

Artigo 13. Período de adaptación

1. O período de adaptación ten por finalidade comprobar se as persoas beneficiarias e, de ser o caso, os acompañantes da persoa solicitante principal, reúnen as condicións físicas e psíquicas indispensables para permanecer no servizo que se lles adxudicou, a súa adaptación ás características e funcionamento propio deste servizo, así como a existencia dos hábitos de convivencia mínimos e necesarios para garantir unha correcta atención e o propio benestar do resto de persoas usuarias.

2. A duración máxima do período de adaptación é de trinta días naturais contados desde o ingreso, salvo interrupción nos supostos de permisos autorizados ou por ingreso hospitalario. O devandito prazo poderá ampliarse de forma excepcional, por unha soa vez, e coa mesma duración, pola unidade administrativa responsable da xestión dos ingresos e traslados. Durante este período o centro adoptará as medidas necesarias para facilitar o proceso de adaptación.

A prórroga do período de adaptación será solicitada pola dirección do centro.

No caso de non adaptación, procederase de acordo co indicado no último parágrafo do artigo 14.

Artigo 14. Comisión Técnica de Observación

1. En cada centro existirá unha Comisión Técnica de Observación que terá por finalidade principal comprobar que se cumpren as condicións indicadas no punto 1 do artigo 13.

2. Esta comisión estará composta pola persoa titular da dirección do centro, que actuará asumindo a presidencia, e por outros/as tres profesionais, preferentemente do ámbito social e sanitario, en calidade de vogais, asumindo un/unha deles/as, as funcións de secretario/a. Se por calquera causa algún/algunha dos/as seus/súas compoñentes non puidese asistir ás reunións, será substituído/a por quen designe a persoa titular da dirección do centro.

Na determinación da composición deste órgano procurarase acadar unha presencia equilibrada entre homes e mulleres.

3. A Comisión Técnica de Observación poderá pedir os informes complementarios que crea convenientes. Das súas reunións e do acordo adoptado levantarase a correspondente acta.

4. No suposto de que a comisión considere que a persoa beneficiaria ou, de ser o caso, a persoa acompañante, non é apta para o tipo de praza asignada, deberá remitir, antes de rematar o período de adaptación, un informe razoado ao órgano superior competente en materia de dependencia, quen, de ser o caso, determinará a asignación doutro recurso máis axeitado.

A non superación do período de proba pola persoa beneficiaria comporta que o/a acompañante, de ser o caso, non adquira a condición de persoa usuaria.

Artigo 15. Ingreso definitivo

1. Unha vez superado o período de adaptación sen incidencias producirase, de forma automática, o ingreso definitivo no servizo, e as persoas beneficiarias adquirirán a condición de persoas usuarias.

2. No momento en que a persoa solicitante principal, a que se refire o artigo 5 desta orde, perda a condición de usuaria, se a persoa acompañante non reune os requisitos establecidos para obter a condición de usuaria por si mesma, deberá abandonar o centro no prazo máximo de tres meses contados desde a data en que perdeu a condición de residente a persoa solicitante principal. Non obstante, sempre que a persoa acompañante reúna os requisitos para ocupar unha praza pública en calquera dos servizos indicados no artigo 2 desta orde, poderá solicitar un traslado.

Artigo 16. Suspensión temporal do servizo

1. O servizo de atención residencial suspenderase de forma temporal con motivo do internamento da persoa beneficiaria nunha institución sanitaria ou por motivo dunha convivencia familiar fóra do centro sen que, neste caso, o período de suspensión poida exceder os corenta e cinco días naturais ao ano. Neste segundo suposto a ausencia debe comunicarse á dirección do centro e requirirá a súa autorización.

2. Os servizos de atención diúrna e atención nocturna, así como os servizos de supervisión e apoios puntuais prestados desde os equipamentos especiais, suspenderanse temporalmente durante o internamento da persoa beneficiaria nunha institución sanitaria, durante a estadía temporal nunha praza residencial ou por ausencia temporal do domicilio, en que a duración máxima da suspensión será de dous meses. No caso de ausencia temporal do domicilio, debe comunicarse á dirección do centro. Así mesmo, tal circunstancia deberá ser obxecto de comunicación nos termos establecidos no artigo 5 da Orde do 2 de xaneiro de 2012, de desenvolvemento do Decreto 15/2010, do 4 de febreiro.

3. No caso de persoas con discapacidade que accedan ao emprego, en calquera das súas modalidades, sempre que este acceso sexa incompatible co desfrute da praza asignada, reservaráselle esta por un período máximo de corenta e cinco días naturais. Transcorrido este tempo sen que se incorpore á praza asignada, considerarase que causa baixa nela.

No caso de que a persoa con discapacidade finalice o contrato laboral con posterioridade ao período de reserva, terá prioridade de acceso na primeira vacante que se produza no centro en que tiña asignada a praza pública.

CAPÍTULO III
Traslados

Artigo 17. Tipos de traslado

Poderán autorizarse traslados a centros en que se presten servizos da mesma natureza aos que desfruta a persoa solicitante, nos seguintes casos:

a) Traslado voluntario.

b) Traslado derivado dunha permuta.

c) Traslado por cambio de tipoloxía.

Artigo 18. Solicitudes

1. Unha vez que se produza o ingreso definitivo no servizo, a persoa usuaria daquel ou, de ser o caso, quen exerza a súa representación legal, poderá solicitar un traslado a un servizo de idéntica natureza ao que desfruta.

2. As solicitudes, que se dirixirán á xefatura territorial competente en materia de servizos sociais, deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido no artigo 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e no artigo 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

En caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado, co selo de Correos na primeira folla do formulario.

3. As solicitudes formalizaranse no anexo II desta orde e deberán xuntar os seguintes documentos:

a) Copia compulsada do DNI da persoa solicitante, en caso de que o/a interesado/a non autorice expresamente a comprobación dos datos por medio do acceso telemático ao Sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas.

b) Acreditación da representación que se ten da persoa solicitante, se é o caso, e copia compulsada do DNI da persoa representante, en caso de que esta non autorice expresamente a comprobación dos datos por medio do acceso telemático ao Sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas.

c) Informe social.

Artigo 19. Consentimentos e autorizacións

1. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos ou documentos coa finalidade de acreditar a identidade da persoa solicitante ou do representante, se é o caso. Deste xeito, o modelo de solicitude normalizado incluirá unha autorización expresa ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos achegados no procedemento administrativo. No caso de que a persoa interesada non autorice ao órgano xestor para realizar esta operación, a persoa interesada estará obrigada a achegalos nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

2. As persoas interesadas presentarán coas súas solicitudes os documentos e as informacións determinados no artigo 18, salvo que os documentos exixidos xa estean en poder de calquera órgano da Administración actuante; neste caso, a persoa solicitante poderá acollerse ao establecido na letra f) do artigo 35 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante a súa presentación, ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento.

Artigo 20. Presentación de documentación complementaria

1. A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada, segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso eléctronico dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

2. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente do formulario principal, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

Artigo 21. Emenda

Unha vez revisadas as solicitudes, poderá reclamarse ás/aos interesadas/os, en caso de documentación incompleta ou de defecto nesta, que, nun prazo de dez (10) días hábiles, remitan cantos datos, documentos complementarios e aclaracións se consideren necesarios para poder resolver o expediente, coa indicación de que, se así non o fixer, se considerará que desistiron da súa petición, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 22. Inclusión das solicitudes no programa de asignación de recursos

A xefatura territorial competente en materia de servizos sociais, unha vez recibidas as solicitudes, incluiraas no programa de asignación de recursos, tendo en conta os criterios que se indican nos artigos seguintes.

Artigo 23. Traslado voluntario

A asignación do servizo por traslado voluntario deberá efectuarse a favor da persoa con mellor dereito, tendo en conta a aplicación sucesiva dos seguintes criterios:

a) Traslado a un centro en que está ingresado/a o/a cónxuxe, ou persoa en relación análoga de afectividade, ou parente por consanguinidade ata o segundo grao.

b) Reagrupamento familiar e/ou social.

c) Antigüidade no centro en que está ingresado/a.

d) Data de presentación da solicitude de traslado.

e) No caso de igualdade en relación cos criterios citados, terase en conta a maior idade.

Artigo 24. Traslado por permuta

1. Poderán autorizarse permutas entre persoas usuarias de servizos da mesma natureza que se atopen ingresadas en centros distintos.

2. Recibida a solicitude de permuta no centro en que está ingresada a persoa interesada, a dirección do centro remitiraa, no prazo máximo de dez días, ao centro solicitado, no cal se lle dará a máxima difusión entre as persoas usuarias. O centro receptor admitirá durante quince días, cantas solicitudes se formulen polas persoas interesadas na permuta. Transcorrido o dito prazo, de ser o caso, a dirección do centro remitirá todas as solicitudes á xefatura territorial competente en materia de dependencia.

3. De ser varias as persoas residentes que solicitan a permuta, a asignación deberá efectuarse a favor da persoa con mellor dereito, tendo en conta a aplicación sucesiva dos seguintes criterios:

a) No mesmo centro para o que solicita a permuta está ingresado/a o/a cónxuxe, ou persoa en relación análoga de afectividade, ou parente por consanguinidade ata o segundo grao.

b) Reagrupamento familiar ou social.

c) Antigüidade no centro en que está ingresado/a.

d) No caso de igualdade en relación cos criterios citados, terase en conta a maior idade.

Artigo 25. Traslado por cambio de tipoloxía

1. Calquera persoa usuaria que, durante o desfrute do servizo asignado, vexa alteradas as súas necesidades de atención debido a unha modificación ou cambio na situación clínico-funcional, de tal xeito que se faga necesaria unha praza de distinta tipoloxía, terá dereito a ocupar a primeira vacante que se produza, adecuada á súa nova situación, preferentemente no centro en que se atopa e, de non contar este con prazas axeitadas, poderase promover, de oficio, o seu traslado a outro centro.

2. Para realizar o cambio de tipoloxía é necesario que a persoa usuaria sexa valorada de conformidade co baremo aplicable ás situacións de dependencia, vixente en cada momento, de acordo coa Lei 39/2006, do 14 de decembro, de promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia, en que se regulan as condicións básicas de acceso ao denominado Sistema para a autonomía e atención á dependencia, sendo preciso que esta valoración determine a necesidade dun novo recurso.

3. A asignación do servizo adecuado por cambio de tipoloxía deberá efectuarse a favor da persoa con mellor dereito, tendo en conta a aplicación sucesiva dos seguintes criterios:

a) Grao de dependencia.

b) Traslado a un centro en que está ingresado/a o/a cónxuxe, ou persoa en relación análoga de afectividade, ou parente por consanguinidade ata o segundo grao.

c) Reagrupamento familiar e/ou social.

d) Antigüidade no centro en que está ingresada.

e) Data de presentación da solicitude de traslado.

f) No caso de igualdade en relación cos criterios citados, terase en conta a maior idade.

4. Na ocupación de prazas vacantes, os cambios de tipoloxía terán preferencia sobre as solicitudes de traslado e de novo ingreso.

Artigo 26. Resolución das solicitudes de traslado e recurso

1. As solicitudes de traslado serán resoltas, en calquera dos tres supostos regulados nesta orde, polo órgano superior competente en materia de dependencia.

2. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución do procedemento será de 3 meses, contado desde o día seguinte ao da data en que a solicitude teña entrada no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido o dito prazo sen recaer resolución expresa, as solicitudes poderán entenderse estimadas.

3. A efectividade de acceso ao servizo por traslado quedará demorada ata que exista unha praza dispoñible axeitada ás necesidades da persoa solicitante.

4. Non se autorizará a solicitude de traslado no caso de que a persoa solicitante teña pendente facer efectiva a cantidade establecida en concepto de participación económica no custo do servizo.

5. Contra a resolución de asignación do servizo por traslado, que non pon fin a vía administrativa, a persoa interesada ou quen exerza a súa representación legal poderá interpoñer recurso de alzada ante a persoa titular da consellería competente en materia de dependencia, de conformidade cos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

CAPÍTULO IV
Estancias temporais

Artigo 27. Concepto

Enténdese por estancia temporal o desfrute por tempo limitado dun servizo residencial ou dun servizo de supervisión e apoio puntual prestado desde os equipamentos especiais. Durante este desfrute, as persoas beneficiarias terán os mesmos dereitos e obrigas que as persoas usuarias que ocupan praza de forma permanente.

Artigo 28. Requisitos xerais para ser persoa beneficiaria de estancia temporal

Para a adquisición da condición de persoa beneficiaria de estancia temporal será necesario cumprir os seguintes requisitos:

a) Ser persoa maior e/ou con discapacidade, e estar nunha situación de dependencia, estea ou non recoñecida formalmente.

b) Residir na Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Non requirir tratamento hospitalario.

d) Non padecer trastornos mentais ou condutuais graves, e non compensados, que poidan alterar a normal convivencia.

e) Non estar sancionado coa revogación da adxudicación da praza pública de xeito definitivo, conforme a Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia.

Artigo 29. Causas que xustifican o acceso ao servizo de estancia temporal

Poderán acceder a este servizo as persoas maiores e/ou con discapacidade que se atopen nalgunha das seguintes situacións:

a) Que a persoa coidadora non lle poida prestar á persoa dependente a atención axeitada por causa dunha enfermidade, un accidente ou unha intervención cirúrxica.

b) Que a persoa beneficiaria viva soa e precise dun período de convalecencia logo dunha enfermidade, un accidente ou unha intervención cirúrxica.

c) Necesidade dun período de descanso da persoa coidadora para evitar unha situación de esgotamento físico ou psíquico.

Artigo 30. Duración

As estancias temporais terán unha duración máxima de dous meses ao ano, podéndose fraccionar en períodos semanais ou quincenais.

Artigo 31. Prazo de presentación das solicitudes

As solicitudes deberán ser presentadas polo menos cun mes de antelación á data indicada para o seu ingreso no servizo, excepto nos casos de urxencia imprevisible en que non haberá prazo mínimo previo para a presentación da solicitude.

Artigo 32. Solicitudes

1. As solicitudes, que se dirixirán á xefatura territorial competente en materia de servizos sociais, deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedementos administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

En caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado, co selo de Correos na primeira folla do formulario.

2. As solicitudes formalizaranse no anexo III desta orde e deberanse xuntar os seguintes documentos:

a) Copia compulsada do DNI da persoa solicitante, no caso de que o/a interesado/a non autorice expresamente a comprobación dos datos por medio do acceso telemático ao Sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas.

b) Acreditación da representación que se ten da persoa solicitante, se é o caso, e copia compulsada do DNI da persoa representante, no caso de que esta non autorice expresamente a comprobación dos datos por medio do acceso telemático ao Sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas.

c) Certificado de empadroamento, emitido polo concello correspondente que acredite a residencia nun municipio da comunidade autónoma no momento de presentar a solicitude, no caso de que o/a interesado/a non autorice expresamente a comprobación dos datos por medio do acceso telemático ao Sistema de verificación de datos de residencia do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas.

d) Informe médico sobre o seu estado de saúde, en que se reflectirá se a persoa necesita ou non apoio para a realización das actividades da vida diaria. Indicarase a previsión de tempo necesario de atención.

e) Informe social, que conterá a información necesaria para a súa valoración no referente á situación socio-familiar, ás condicións de aloxamento e á necesidade do servizo de estancia temporal.

f) Copia da declaración do imposto da renda das persoas físicas correspondente ao último período en que se presente a solicitude, certificado de toda clase de pensións percibidas pola persoa solicitante ou declaración xurada de non percibilas ou, alternativamente, autorización, á administración competente en materia de servizos sociais, para obter os datos necesarios para determinar a renda, para estes efectos, a través da Axencia Estatal da Administración Tributaria; neste caso o solicitante non estará obrigado a presentar estes documentos.

g) Declaración responsable acerca do patrimonio da persoa solicitante (farase no anexo III).

h) Copia compulsada do DNI do cónxuxe ou parella de feito, ascendentes ou fillos/as menores de 25 anos ou maiores en situación de discapacidade, economicamente por conta da persoa solicitante, no caso de que non autoricen expresamente a comprobación dos datos por medio do acceso telemático ao Sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas (segundo modelo do anexo IV).

i) Copia da declaración do imposto da renda das persoas físicas correspondente ao último período en que se presente a solicitude, certificado de toda clase de pensións percibidas polo cónxuxe ou parella de feito, ascendentes ou fillos/as menores de 25 anos ou maiores en situación de discapacidade, economicamente por conta da persoa solicitante, ou declaración xurada de non percibilas ou alternativamente autorización das anteriores persoas (segundo o modelo do anexo IV), á administración competente en materia de servizos sociais para obter os datos necesarios para determinar a renda, para estes efectos, a través da Axencia Estatal da Administración Tributaria; neste caso o solicitante non estará obrigado a presentar estes documentos. Así mesmo, deberá presentar declaración responsable do patrimonio das citadas persoas (segundo o modelo do anexo V).

Artigo 33. Consentimentos e autorizacións

1. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos ou documentos coa finalidade de acreditar a identidade da persoa solicitante, ou da representación legal, se é o caso, así como a residencia da persoa solicitante. Polo tanto, o modelo de solicitude normalizado incluirá unha autorización expresa ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos achegados no procedemento administrativo. No caso de que a persoa interesada non autorice o órgano xestor para realizar esta operación, estará obrigada a achegalos nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

2. As persoas interesadas presentarán coas súas solicitudes os documentos e as informacións determinados no artigo 32.2, salvo que os documentos exixidos xa estean en poder de calquera órgano da Administración actuante; neste caso, a persoa solicitante poderá acollerse ao establecido na letra f) do artigo 35 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle a persoa solicitante a súa presentación, ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento.

Artigo 34. Presentación de documentación complementaria

1. A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada, segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

2. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente do formulario principal, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

Artigo 35. Emenda

Unha vez revisadas as solicitudes, poderá reclamarse, no caso de documentación incompleta ou de defecto nesta, ás/aos interesadas/os para que nun prazo de dez (10) días hábiles remitan cantos datos, documentos complementarios e aclaracións se consideren necesarios para poder resolver o expediente, coa indicación de que, se así non o fixer, se considerará que desistiron da súa petición, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 36. Inclusión da solicitude por estancia temporal no programa de asignación de recursos

A xefatura territorial competente en materia de servizos sociais, unha vez recibida a solicitude, incluiraa no programa de asignación de recursos, tendo en conta os criterios que se indican no artigo seguinte.

Artigo 37. Asignación do servizo de estancia temporal

1. A asignación de prazas levarase a cabo a través do programa de asignación de recursos de estancias temporais.

2. No suposto de que o número de solicitudes recibidas que reúnan os requisitos exixidos sexa superior ao número de prazas dispoñibles, adxudicarase o servizo de acordo coa aplicación sucesiva dos seguintes criterios:

a) Enfermidade, accidente ou intervención cirúrxica da persoa coidadora.

b) A persoa vive sola, e precisa dun período de convalecencia despois dunha enfermidade, un accidente ou unha intervención cirúrxica.

c) Menor capacidade económica.

d) Grao de dependencia, de ser o caso.

e) Non percepción doutra prestación ou servizo do sistema para a autonomía e atención á dependencia ou do sistema de servizos sociais.

f) Necesidade dun período de descanso, como respiro da persoa coidadora, para evitar unha situación de esgotamento físico ou psíquico.

g) No caso de igualdade en relación cos criterios citados, terase en conta a data de presentación da solicitude.

3. En ningún caso, a estancia temporal suporá a adquisición de dereito ningún para o acceso definitivo ao servizo adxudicado e deberá abandonar o servizo asignado ao rematar o período para o que lle foi concedido.

Artigo 38. Órgano competente para resolver

1. Correspóndelle ao órgano superior competente en materia de dependencia resolver a asignación das prazas vacantes temporais, tendo en conta as prazas dispoñibles que existan en cada momento, dentro do programa de asignación de recursos de estancias temporais.

2. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución do procedemento será de 3 meses, contado desde o día seguinte ao da data en que a solicitude teña entrada no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido o dito prazo sen recaer resolución expresa, as solicitudes poderán entenderse estimadas.

3. A efectividade de acceso ao servizo de estancia temporal quedará demorada ata que exista unha praza dispoñible axeitada ás necesidades da persoa solicitante.

Artigo 39. Notificación e recurso

A resolución de asignación da estancia temporal, que non pon fin a vía administrativa, será notificada á persoa interesada pola unidade administrativa responsable, quen poderá impugnala en alzada ante o/a titular da consellería competente en materia de dependencia, de conformidade cos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

CAPÍTULO V
Perda da condición de persoa usuaria do servizo

Artigo 40. Causas da perda da condición de persoa usuaria nun servizo de centro

A condición de persoa usuaria do servizo perderase por algunha das seguintes circunstancias:

a) Por petición propia, ou por parte do titor ou representante legal.

b) Por ocultación ou falsidade nos datos e/ou documentos que se teñan en conta para a concesión do servizo.

c) Por incumprimento grave das obrigas e deberes establecidas nas normas de funcionamento do servizo.

d) Por ausencia do servizo sen autorización do centro, ou por ausencia autorizada pero que supere o período que lle foi autorizado polo centro.

e) No suposto de ter ingresado como persoa acompañante e non reúna os requisitos para ser persoa usuaria por si mesma, cando cause baixa a persoa a que acompañaba.

f) Traslado a outro servizo.

g) Falta de pagamento da cantidade establecida en concepto de participación económica no custo do servizo ou ocultación de datos relativos á capacidade económica.

h) Por falecemento.

i) Pola aplicación dunha sanción que leve consigo a revogación da adxudicación da praza pública de xeito definitivo, conforme a Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia.

j) Por calquera outra causa conforme a normativa vixente establecida para o efecto.

Artigo 41. Órgano competente para a resolución da baixa no servizo

1. A perda da condición de persoa usuaria e a conseguinte baixa no servizo será acordada polo órgano superior competente en materia de dependencia no prazo de tres meses, unha vez constatada a circunstancia que a motiva.

2. Cando a baixa se produza por calquera das circunstancias a que se refiren as letras b), c), d), g), h) ou j), deberá garantirse, en todo caso, a audiencia previa da persoa interesada.

3. Contra esta resolución de baixa, que non pon fin a vía administrativa, a persoa interesada ou quen exerza a súa representación legal poderá interpoñer recurso de alzada ante a persoa titular da consellería competente en materia de dependencia, de conformidade cos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Disposición adicional primeira

As persoas a que non lles sexa recoñecida a situación de dependencia nalgúns dos graos establecidos segundo o baremo de valoración da situación de dependencia vixente en cada momento terán que ter 75 anos cumpridos para acceder aos servizos públicos de atención residencial, sempre que o recurso sexa axeitado á persoa e non sexa susceptible de atención noutro tipo de recurso social ou sanitario. Exceptuaranse deste requisito de idade ás persoas que se atopen nun dos supostos de emerxencia social.

Para os efectos do disposto no parágrafo anterior, enténdese por emerxencia social calquera das situacións a que fai referencia o artigo 16 do Decreto 15/2010, do 4 de febreiro.

Disposición adicional segunda

Mentres non se regule expresamente o copagamento de servizos sociais dirixidos a persoas en situación de autonomía, as porcentaxes da participación económica no custo dos servizos regulados nesta orde serán as actualmente vixentes para cada un dos anteditos servizos.

Para os efectos do disposto no parágrafo anterior, a determinación da capacidade económica sobre a que se aplicarán as porcentaxes de copagamento das persoas que accedan a unha praza pública, por libre concorrencia, en calquera dos servizos indicados no artigo 2 desta orde, farase de conformidade co establecido na normativa vixente para a determinación da capacidade económica das persoas que accedan ao recurso a través do Sistema para a autonomía e atención á dependencia, é dicir, tendo en conta o seu patrimonio.

O disposto nesta disposición adicional será aplicable tanto á persoa usuaria principal como á persoa acompañante.

Disposición adicional terceira

A constitución e posta en funcionamento da Comisión Técnica de Observación a que se refire o artigo 14 desta orde non xerará incremento de consignacións orzamentarias do órgano con competencias en materia de dependencia.

Disposición transitoria única

Os procedementos relativos ao ingreso de persoas maiores e de persoas con discapacidade en calquera dos servizos regulados por esta orde que puidesen estar sendo tramitados á súa entrada en vigor, de conformidade co establecido na Resolución do 26 de agosto de 1987, da Dirección Xeral do Instituto de Servizos Sociais (Inserso); a Orde do 8 de xaneiro de 1986 do Ministerio de Traballo e Seguridade Social, polas que se regulan, respectivamente, os ingresos e traslados nos centros residenciais para a terceira idade e os baremos de admisións, traslados e permutas en centros do Instituto Nacional de Servizos Sociais, e na Orde do 27 de febreiro de 1996, pola que se regula o procedemento de ingresos e traslados nos centros propios, concertados e con reserva de prazas de atención a persoas con minusvalía, rexeranse polas disposicións contidas nesta orde, mantendo a súa validez os trámites xa realizados.

Disposición derrogatoria única

Queda derrogada a Orde do 27 de febreiro de 1996 pola que se regula o procedemento de ingresos e traslados nos centros propios, concertados e con reserva de prazas de atención a persoas con minusvalidez e calquera outra disposición de igual ou inferior rango que se opoñan ao disposto nesta orde.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento da orde

Autorízase o órgano superior competente en materia de dependencia para ditar as normas que resulten necesarias para o desenvolvemento e execución desta orde.

Disposición derradeira segunda. Vixencia da norma

Esta orde entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de abril de 2014

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar

ANEXO I

ÁREAS XEOGRÁFICAS

CONCELLOS DA ÁREA XEOGRÁFICA

A CORUÑA

BEGONDO

ARANGA

ARTEIXO

BERGONDO

BETANZOS

CABANA DE BERGANTIÑOS

CAMARIÑAS

CAMBRE

CARBALLO

CARRAL

CEE

CERCEDA

CESURAS

COIRÓS

CORCUBIÓN

CORISTANCO

A CORUÑA

CULLEREDO

CURTIS

DUMBRÍA

FISTERRA

IRIXOA

LAXE

A LARACHA

MALPICA DE BERGANTIÑOS

MIÑO

MUXÍA

OLEIROS

OZA DOS RÍOS

PADERNE

PONTECESO

SADA

SOBRADO

VILASANTAR

VILARMAIOR

VIMIANZO

ZAS

FERROL

ARES

CABANAS

A CAPELA

CEDEIRA CERDIDO

FENE

FERROL

MAÑÓN

MOECHE

MONFERO

MUGARDOS

NARÓN

NEDA

ORTIGUEIRA

PONTEDEUME

AS PONTES DE GARCÍA RODRÍGUEZ

SAN SADURNIÑO

AS SOMOZAS

VALDOVIÑO

CARIÑO

SANTIAGO DE COMPOSTELA

AMES

ARZÚA

A BAÑA

BOIMORTO

BOIRO

BOQUEIXÓN

BRIÓN

CARNOTA

DODRO

FRADES

LOUSAME

MAZARICOS

MELIDE

MESÍA

MUROS

NEGREIRA

NOIA

ORDES

OROSO

OUTES

PADRÓN

O PINO

A POBRA DO CARAMIÑAL

PORTO DO SON

RIANXO

RIBEIRA

ROIS

SANTA COMBA

SANTIAGO DE COMPOSTELA

SANTISO

TEO

TOQUES

TORDOIA

TOURO

TRAZO

VAL DO DUBRA

VEDRA

DOZÓN

A ESTRADA

AGOLADA

LALÍN

PONTECESURES

RODEIRO

SILLEDA

VALGA

VILA DE CRUCES

XEOGRÁFICA DE LUGO-CENTRO

ABADÍN

ANTAS DE ULLA

BALEIRA

BECERREÁ

BEGONTE

CASTRO DE REI

CASTROVERDE

CERVANTES

O CORGO

COSPEITO

A FONSAGRADA

FRIOL

XERMADE

GUITIRIZ

GUNTÍN

O INCIO

LÁNCARA

LUGO

MEIRA

MONTERROSO

MURAS

NAVIA DE SUARNA

NEGUEIRA DE MUÑIZ

AS NOGAIS

OUTEIRO DE REI

PALAS DE REI

PARADELA

O PÁRAMO

A PASTORIZA

PEDRAFITA DO CEBREIRO

POL

A PONTENOVA

PORTOMARÍN

RIBEIRA DE PIQUÍN

RIOTORTO

SAMOS

RÁBADE

SARRIA

TABOADA

TRIACASTELA

VILALBA

BARALLA

LUGO-COSTA

ALFOZ

BARREIROS

CERVO

FOZ

XOVE

LOURENZÁ

MONDOÑEDO

OUROL

RIBADEO

TRABADA

O VALADOURO

O VICEDO

VIVEIRO

BURELA

MONFORTE

BÓVEDA

CARBALLEDO

CHANTADA

FOLGOSO DO COUREL

A POBRA DO BROLLÓN

MONFORTE DE LEMOS

PANTÓN

QUIROGA

RIBAS DE SIL

O SAVIÑAO

SOBER

VALDEORRAS

O BARCO DE VALDEORRAS

O BOLO

CARBALLEDA DE VALDEORRAS

LAROUCO

MANZANEDA

PETÍN

A POBRA DE TRIVES

A RÚA

RUBIÁ

A VEIGA

VIANA DO BOLO

VILAMARTÍN DE VALDEORRAS

VERÍN

CASTRELO DO VAL

CUALEDRO

A GUDIÑA

LAZA

A MEZQUITA

MONTERREI

OÍMBRA

RIÓS

VERÍN

VILARDEVÓS

VILARIÑO DE CONSO

OURENSE

ALLARIZ

AMOEIRO

A ARNOIA

AVIÓN

BALTAR

BANDE

BAÑOS DE MOLGAS

BARBADÁS

BEADE

BEARIZ

OS BLANCOS

BOBORÁS

A BOLA

CALVOS DE RANDÍN

CARBALLEDA DE AVIA

O CARBALLIÑO

CARTELLE

CASTRELO DE MIÑO

CASTRO CALDELAS

CELANOVA

CENLLE

COLES

CORTEGADA

CHANDREXA DE QUEIXA

ENTRIMO

ESGOS

XINZO DE LIMIA

GOMESENDE

O IRIXO

XUNQUEIRA DE AMBÍA

XUNQUEIRA DE ESPADANEDO

LEIRO

LOBEIRA

LOBIOS

MACEDA

MASIDE

MELÓN

A MERCA

MONTEDERRAMO

MUÍÑOS

NOGUEIRA DE RAMUÍN

OURENSE

PADERNE DE ALLARIZ

PADRENDA

PARADA DE SIL

O PEREIRO DE AGUIAR

A PEROXA

PIÑOR

PORQUEIRA

PONTEDEVA

PUNXÍN

QUINTELA DE LEIRADO

RAIRIZ DE VEIGA RAMIRÁS

RIBADAVIA

SAN XOÁN DE RÍO

SAN AMARO

SAN CIBRAO DAS VIÑAS

SAN CRISTOVO DE CEA

SANDIÁS

SARREAUS

TABOADELA

A TEIXEIRA

TOÉN

TRASMIRAS

VEREA

VILAMARÍN

VILAR DE BARRIO

VILAR DE SANTOS

VIGO

ARBO

BAIONA

CANGAS

A CAÑIZA

COVELO

CRECENTE

FORNELOS DE MONTES

GONDOMAR

A GUARDA

MOAÑA

MONDARIZ

MONDARIZ-BALNEARIO

MOS

AS NEVES

NIGRÁN

OIA

PAZOS DE BORBÉN

O PORRIÑO

PONTEAREAS

REDONDELA

O ROSAL

SALCEDA DE CASELAS

SALVATERRA DE MIÑO

TOMIÑO

TUI

VIGO

SALNÉS

CAMBADOS

CATOIRA

RIBADUMIA

VILAGARCÍA DE AROUSA

VILANOVA DE AROUSA

A ILLA DE AROUSA

PONTEVEDRA

BARRO

BUEU

CALDAS DE REIS

CAMPO LAMEIRO

CERDEDO

COTOBADE

CUNTIS

FORCAREI

O GROVE

A LAMA

MARÍN

MEAÑO

MEIS

MORAÑA

PONTEVEDRA

PORTAS

POIO

PONTE CALDELAS

SANXENXO

SOUTOMAIOR

VILABOA

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file