Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 90 Martes, 13 de maio de 2014 Páx. 21399

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

ORDE do 30 de abril de 2014 pola que se declara a perda da condición de utilidade pública, e a conseguinte exclusión do Catálogo de montes de utilidade pública, do monte Pedrouzos, no concello de Lousame, provincia da Coruña.

Antecedentes.

1. O monte Pedrouzos, do concello de Lousame, inscribiuse no Catálogo de montes de utilidade pública (CUP) co número 178. A Orde ministerial do 11 de novembro de 1959 (Boletín Oficial da provincia do 10 de decembro) aprobou o seu deslindamento, cunha superficie de 286,40 ha de cabida total e pública, pertencente á parroquia de San Xoán de Lousame. O monte foi catalogado e deslindado cos seguintes límites:

– Norte: con propiedades e monte de Vilanova e Cerquides.

– Leste: con montes da parroquia de Vilacova, terreos da mina de San Fins e máis monte de Vilacova.

– Sur: con propiedades particulares.

– Oeste: con propiedades particulares.

2. O monte, segundo a inscrición no CUP, foi entregado ao Patrimonio forestal do Estado no 9 de setembro de 1960, e está inscrito no Rexistro da Propiedade de Noia (tomo 448, libro 67).

3. O día 26 de maio de 1980 o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común (MVMC) da Coruña clasificou o monte Pedrouzos de Seoane a favor dos veciños de Seoane, parroquia de Lousame. Este monte tiña unha superficie de 40,50 ha incluída no perímetro do monte de utilidade pública (MUP) Pedrouzos.

4. O día 9 de novembro de 1981 o Xurado Provincial de MVMC da Coruña clasificou o monte Pedrouso, pertencente á comunidade de veciños do lugar de Aldea Grande, parroquia de Lousame. Este monte tiña unha superficie de 168,70 ha incluída no perímetro do MUP Pedrouzos.

5. O día 30 de abril de 1987 o Xurado Provincial de MVMC da Coruña clasificou o monte Marselle, da comunidade veciñal do lugar de Marselle, parroquia de Vilacova. Este monte tiña unha superficie de 4,70 ha incluída no perímetro do MUP Pedrouzos.

6. O día 13 de decembro de 1994 o Xurado Provincial de MVMC da Coruña clasificou o monte Gandarela, da comunidade veciñal do lugar de Gandarela, parroquia de Lousame. Este monte tiña unha superficie de 65,00 ha incluída no perímetro do MUP Pedrouzos.

7. A Orde do 14 de febreiro de 1997, da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes (Diario Oficial de Galicia do 3 de marzo), excluíu do CUP a parte do MVMC Gandarela (65,00 ha) que procede do MUP Pedrouzos. Non consta a formalización da exclusión do CUP das parcelas que pasaron a formar parte dos MVMC Pedrouzos de Seoane, Pedrouso e Marselle (cunha superficie de 40,50 ha, 168,70 ha e 4,70 ha, respectivamente).

8. Como consecuencia das clasificacións dos catro MVMC, a superficie do MUP Pedrouzos quedou reducida a 7,50 ha que, debido ao seu pequeno tamaño, perderon as causas que motivaron no seu día a declaración de utilidade pública e a inclusión no CUP, segundo se deduce do informe-proposta de descatalogación do monte de utilidade pública Pedrouzos (Lousame, A Coruña) do Servizo de Montes da Coruña.

9. O día 30 de mayo de 2013 o Servizo de Montes da Coruña notificou un trámite de audiencia ao Concello de Lousame (titular do monte), en aplicación do artigo 28.1 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, e do artigo 84 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. O prazo transcorreu sen que se presentasen reclamacións ou alegacións.

10. O día 3 de marzo de 2014 o secretario xeral de Medio Rural e Montes, tendo en conta o informe-proposta do Servizo de Montes da Coruña, propuxo a declaración da perda da condición de utilidade pública e a conseguinte exclusión do Catálogo de montes de utilidade pública do monte Pedrouzos (nº 178).

11. O día 14 de abril de 2014 a Asesoría Xurídica emitiu un informe sobre esta orde.

Consideracións legais e técnicas.

1. O artigo 16.2 da Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes, atribúe á competencia das comunidades autónomas a exclusión de montes no Catálogo de montes de utilidade pública e a conservación deste catálogo.

Este mesmo artigo obriga as comunidades autónomas a daren traslado ao ministerio competente na materia das actuacións que impliquen modificacións no catálogo.

2. O artigo 28.1 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, regula o procedemento para a exclusión dun monte do catálogo:

«Poderá declararse a perda da condición de utilidade pública, e a conseguinte exclusión do catálogo, de todo ou parte dun monte, mediante orde da consellería competente en materia de montes, por proposta do órgano forestal, de oficio ou por instancia da persoa titular do monte, e en procedemento tramitado para o efecto, oídos a administración titular e as persoas titulares doutros dereitos sobre o monte, cando desaparezan as causas que motivaron a súa declaración ou cando, por sentenza firme, se declare que o monte non é de titularidade pública».

Neste caso tramitouse o procedemento consonte o indicado.

3. De acordo co artigo 13 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, a resolución firme de clasificación dun MVMC produce, entre outros, o efecto de servir de título para excluílo do CUP.

4. O artigo 30.1 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, vincula a exclusión dun monte ou parte deste do Catálogo de montes de utilidade pública coa súa perda da condición de utilidade pública.

5. O artigo 30.2 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia establece que as reclamacións sobre exclusións de montes no catálogo que non se refiran a cuestións de propiedade terán carácter administrativo e resolveranse ante a xurisdición contencioso-administrativa, consonte o previsto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

O artigo 30 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, atribúe a competencia para a exclusión dun monte ou de parte deste do Catálogo de montes de utilidade pública á consellaría competente en materia de montes.

De acordo con todo o anterior,

DISPOÑO:

Artigo único.

1. Declarar a perda da condición de utilidade pública e a conseguinte exclusión do Catálogo de montes de utilidade pública, número 178, do monte Pedrouzos, situado no concello de Lousame (A Coruña), e que inclúe as superficies que se relacionan a seguir:

– 40,50 ha por clasificación do MVMC Pedrouzos de Seoane.

– 168,70 ha por clasificación do MVMC Pedrouso.

– 4,70 ha por clasificación do MVMC Marselle.

– 7,50 ha residuais do monte Pedrouzos por ter perdido as causas que motivaron no seu día a súa inclusión no catálogo.

2. Dar traslado ao ministerio competente na materia da citada exclusión do catálogo.

Disposición derradeira

Esta orde producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e contra ela as persoas interesadas poderán interpor recurso de reposición con carácter potestativo ante a conselleira do Medio Rural e do Mar no prazo dun mes, ou ben interpor directamente recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, de acordo co disposto nos artigos 109 e 116 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e nos artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 30 de abril de 2014

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar