Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 90 Martes, 13 de maio de 2014 Páx. 21403

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

ORDE do 30 de abril de 2014 pola que se declara a perda da condición de utilidade pública, e a conseguinte exclusión do Catálogo de montes de utilidade pública, do monte Sieiras, no concello de Muros, provincia da Coruña.

Antecedentes.

1. O monte Sieiras, do concello de Muros, inscribiuse no Catálogo de montes de utilidade pública (CUP) co número 136. A Orde ministerial do 21 de xaneiro de 1974 (Boletín Oficial de la provincia do 22 de febreiro) aprobou o seu deslindamento, cunha superficie de 141,50 ha de cabida total (141,4958 ha públicas) e pertencente á parroquia de Abelleira. O monte deslindouse cos seguintes límites:

– Norte: monte Calvo e outros, número 110 do CUP pertencente á parroquia de Torea.

– Leste: propiedades particulares e estrada de Noia a Muros.

– Sur: estrada de Noia a Muros e propiedades particulares.

– Oeste: monte Baño número 107 do CUP, pertencente á parroquia de Serres, e monte Sestaio e outros número 121 do CUP, pertencente á parroquia de Sestaio.

O monte, segundo a inscrición no CUP, está inscrito no Rexistro da Propiedade de Muros (tomo 231, libro 53).

2. O día 12 de decembro de 1997 o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común (MVMC) da Coruña clasificou o monte parte do monte Sieiras a favor dos veciños do lugar de Lestón de Abaixo, parroquia de Abelleiras. Este monte procede do MUP Sieiras e clasificouse cunha superficie de 13,50 ha.

3. O día 12 de xullo de 2001 o Xurado Provincial de MVMC da Coruña clasificou o monte Sieiras e Bornalle, pertencente á comunidade de veciños dos lugares de Bornalle, Vilar, Priegue e Pazo, parroquia de Abelleira. Este monte, clasificado con 180,60 ha, ten dúas parcelas: a do monte Bornalle, de 83,40 ha, e a do monte Sieiras, de 97,20 ha e que procede do MUP Sieiras.

4. A Orde do 30 de xuño de 2000 da Consellería de Medio Ambiente (Diario Oficial de Galicia do 10 de xullo) excluíu do CUP, por ter quedado firme a resolución do Xurado Provincial de Montes que o clasifica como veciñal en man común, o MVMC parte do monte Sieiras, de 13,50 ha. Non consta a formalización da exclusión do CUP da parcela que procedía do MUP Sieiras e que pasou a formar parte do MVMC Sieiras e Bornalle, cunha superficie de 97,20 ha.

Como consecuencia das clasificacións dos dous MVMC, a superficie do MUP Sieiras quedou reducida a 30,80 ha, que perderon as causas que motivaron no seu día a súa declaración de utilidade pública e a súa inclusión no CUP, segundo se deduce do informe da xefa do Distrito Forestal V-Fisterra e do informe-proposta de descatalogación do monte de utilidade pública Sieiras (Muros, A Coruña) do Servizo de Montes da Coruña.

5. O día 21 de xuño de 2013 o Servizo de Montes da Coruña notificou un trámite de audiencia ao Concello de Muros (titular do monte), en aplicación do artigo 28.1 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, e do artigo 84 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. O prazo transcorreu sen que se presentasen reclamacións ou alegacións.

6. O día 3 de marzo de 2014 o secretario xeral do Medio Rural e Montes, tendo en conta o informe-proposta do Servizo de Montes da Coruña, propuxo a declaración da perda da condición de utilidade pública e a conseguinte exclusión do Catálogo de montes de utilidade pública, do monte Sieiras (nº 136).

7. O día 14 de abril de 2014 a Asesoría Xurídica emitiu un informe sobre esta orde.

Consideracións legais e técnicas.

1. O artigo 16.2 da Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes, atribúe á competencia das comunidades autónomas a exclusión de montes no Catálogo de montes de utilidade pública e a conservación deste catálogo.

Este mesmo artigo obriga as comunidades autónomas a daren traslado ao ministerio competente na materia das actuacións que impliquen modificacións no catálogo.

2. O artigo 28.1 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, regula o procedemento para a exclusión dun monte do catálogo:

«Poderá declararse a perda da condición de utilidade pública, e a conseguinte exclusión do catálogo, de todo ou parte dun monte, mediante orde da consellería competente en materia de montes, por proposta do órgano forestal, de oficio ou por instancia da persoa titular do monte, e en procedemento tramitado para o efecto, oídos a administración titular e as persoas titulares doutros dereitos sobre o monte, cando desaparezan as causas que motivaron a súa declaración ou cando, por sentenza firme, se declare que o monte non é de titularidade pública».

Neste caso tramitouse o procedemento consonte o indicado.

3. De acordo co artigo 13 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, a resolución firme de clasificación dun MVMC produce, entre outros, o efecto de servir de título para excluílo do CUP.

4. O artigo 30.1 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, vincula a exclusión dun monte ou parte deste do Catálogo de montes de utilidade pública coa súa perda da condición de utilidade pública.

5. O artigo 30.2 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, establece que as reclamacións sobre exclusións de montes no catálogo que non se refiran a cuestións de propiedade terán carácter administrativo e resolveranse ante a xurisdición contencioso-administrativa, consonte o previsto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

O artigo 30 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, atribúe a competencia para a exclusión dun monte ou de parte deste do Catálogo de montes de utilidade pública á consellaría competente en materia de montes.

De acordo con todo o anterior,

DISPOÑO:

Artigo único.

1. Declarar a perda da condición de utilidade pública e a conseguinte exclusión do Catálogo de montes de utilidade pública, número 136, do monte Sieiras, situado no concello de Muros (A Coruña), e que inclúe as superficies que se relacionan a seguir:

– 97,20 ha por clasificación do MVMC Sieiras e Bornalle.

– 30,80 ha do monte Sieiras por ter perdido as causas que motivaron no seu día a súa inclusión no catálogo.

2. Dar traslado ao ministerio competente na materia da citada exclusión do catálogo.

Disposición derradeira

Esta orde producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e contra ela as persoas interesadas poderán interpor recurso de reposición con carácter potestativo ante a conselleira do Medio Rural e do Mar no prazo dun mes, ou ben interpor directamente recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, de acordo co disposto nos artigos 109 e 116 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e nos artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 30 de abril de 2014

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar