Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 90 Martes, 13 de maio de 2014 Páx. 21385

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ORDE do 28 de abril de 2014 de aprobación definitiva da modificación puntual número 1 do Plan xeral de ordenación municipal da Capela (A Coruña).

O Concello da Capela (A Coruña) remite a modificación puntual nº 1 do Plan xeral de ordenación municipal en solicitude da súa aprobación definitiva por esta consellería conforme o disposto no artigo 85.7 da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

I. Antecedentes.

1. O Concello da Capela conta cun PXOM aprobado definitivamente por Orde da CPTOPT do 18 de maio de 2006, ao abeiro da LOUG.

2. A Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental da Xunta de Galicia decidiu o 27 de setembro de 2012 non someter a modificación a avaliación ambiental estratéxica.

3. No expediente constan os informes do arquitecto municipal do 11 de decembro de 2012, sobre a documentación do proxecto; do secretario do concello do 14 de decembro de 2012, sobre a tramitación da modificación, previos á aprobación inicial (artigo 85.1 da LOUG).

4. A modificación non foi sometida a informe previo á súa aprobación inicial (artigo 85.1 da Lei 9/2002) porque a modificación non afecta a clasificación do solo, a intensidade de uso nin os sistemas xerais previstos no planeamento vixente (artigo 93.4 da LOUG).

5. O Concello en pleno aprobou inicialmente a modificación o 29 de decembro de 2012. Foi sometida a información pública por dous meses (Diario de Ferrol, La Voz de Galicia e Diario Oficial de Galicia do 8 de xaneiro de 2013). Foi presentada unha alegación, segundo o certificado do 11 de marzo de 2013, que figura no expediente remitido. O acordo foi notificado aos concellos estremeiros de Fene, Neda, San Sadurniño, As Pontes, Cabanas e Monfero.

6. No expediente inicialmente remitido figura o seguinte canto a informes sectoriais (artigo 85.2 da LOUG):

a) Axencia Galega de Infraestruturas: informe do 15 de febreiro de 2013, favorable.

b) Solicitude de informe a Augas de Galicia, recibida por esta o 9 de xaneiro de 2013.

c) Solicitude de informe á Consellería do Medio Rural e do Mar, recibida por esta o 9 de xaneiro de 2013.

d) Informe da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia do 22 de xullo de 2013, favorable, presentado despois do requirimento desta consellería.

7. A modificación foi aprobada provisionalmente por acordo do Concello en pleno do 12 de abril de 2013, estimando a alegación formulada e, de novo, con modificacións, o 8 de agosto de 2013.

8. Esta consellería resolveu non outorgar a aprobación definitiva á modificación mediante a Orde do 8 de xaneiro de 2014.

9. A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural emitiu o 4 de marzo de 2014 un informe favorable sobre a modificación aprobada provisionalmente o 8 de agosto de 2013.

10. A modificación foi aprobada provisionalmente de novo por acordo do Concello en pleno do 20 de marzo de 2014.

11. O concello solicita novamente a aprobación definitiva mediante escrito do 21 de marzo de 2014 (rexistro de saída número 244 da mesma data) que tivo entrada no rexistro do Edificio Administrativo da Coruña da Xunta de Galicia o 25 de marzo de 2014. Ao escrito achega documentación administrativa e tres exemplares da modificación aprobada provisionalmente o 20 de marzo de 2014, redactados por Cruz Vigo Castro, Flavia Piñeiro Ces e Paula Souto Cañas, arquitectas (Cerna Arquitectos, S.L.P.).

II. Obxecto e descrición do proxecto.

1. A modificación formulada polo Concello da Capela ten por obxecto a modificación de diversos preceptos da normativa urbanística para:

a) Adaptala á Lei 2/2010 e á lexislación sectorial vixente.

b) Revisar certos aspectos das ordenanzas 2, 3, 4 e RBD.

c) Incorporar novos elementos ao catálogo de elementos protexidos.

2. En concreto, as modificacións propostas son as seguintes:

a) Modificación dos artigos 5.2.2 a 6 da normativa, para adaptalos ás disposicións legais sobre a situación fóra de ordenación.

b) Modificación dos artigos 5.3.1 e 5.4.1 e 2 da normativa, nos cales se regulan os supostos de inclusión e as obras admisibles na categoría de fóra de ordenación absoluta.

c) Modificación dos artigos 5.5.1 e 5.6.1 a 5 da normativa, que regulan os supostos de inclusión e as obras admisibles na categoría de fóra de ordenación parcial.

d) Modificación do artigo 9.4.2 e 4 da normativa sobre parcelacións para adaptala, de forma parcial, ao artigo 204 e seguintes da LOUG.

e) Modificación do artigo 30.18.2 e 3, para aumentar a altura permitida en edificacións de dúas e tres plantas e para declarar as edificacións anteriores ao plan que exceden a altura máxima como fóra de ordenación parcial.

f) Modificación da ordenanza 2 residencial acaroada, no que afecta o artigo 34.7.1, para aumentar a altura máxima de cornixa de 7 a 7,50 m.

g) Modificación da ordenanza 3 residencial, canto a:

• Artigo 35.6 da normativa, para unificar as condicións de parcelación nas dúas tipoloxías admitidas, en ringleira e illada, de xeito que pasan de 160 e 450 m2 respectivamente a 400 m2, a fronte mínima de 8 e 14 m a 8 m e a forma da parcela mantén a condición para ringleira de permitir a inscrición dun círculo de 5 m de diámetro, que se exixe agora tamén á tipoloxía illada.

• Artigo 35.7, sobre condicións de posición da edificación, para restrinxir a tipoloxía en ringleira ao suposto de existencia de medianís preexistentes e aplicar o límite de ocupación do 40 % da tipoloxía illada tamén á de ringleira.

• Artigo 35.8 da normativa, para estender a aplicación do límite de edificabilidade de 1,20 m2/m2 establecido polo plan xeral para a tipoloxía illada, tamén á de ringleira.

• Artigo 35.9.2 da normativa, para restrinxir a aplicación do límite de altura en planta baixa de 3,5 m ao uso residencial, suprimíndoo para os restantes usos.

h) Modificación da ordenanza 4 residencial pareada, que se corresponde co ámbito do núcleo urbano do poboado do Eume. Modifícase todo o contido do artigo 36 da normativa, agás as súas alíneas 1 e 2, para adaptalo ao feito de que se inclúe no catálogo do plan xeral.

i) Modificación da ordenanza RBD residencial baixa densidade, no artigo 37.7, alínea 1, para aumentar a altura de cornixa de 6,50 m a 7,50 m.

j) Modificación do artigo 67.12.1 sobre o silencio administrativo, remitíndoo a lexislación xeral.

k) Incorpóranse 6 novos elementos ao catálogo do plan xeral, coas fichas correspondentes.

III. Análise e consideracións.

Analizado o proxecto aprobado provisionalmente o 20 de marzo de 2014, en relación co cumprimento da Orde desta consellería do 8 de xaneiro de 2014, e vista a proposta literal que nesta mesma data eleva a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

1. Sobre o réxime do silencio administrativo no procedemento de outorgamento de licenzas (punto j) da alínea II.2 anterior), o novo proxecto substitúe a regulación detallada do silencio administrativo que se propuña por unha nova redacción do artigo 67.12 que fai remisión á lexislación aplicable que o regule.

2. Sobre a modificación da ordenanza 4 residencial pareada no ámbito do núcleo urbano do poboado do Eume (punto h) da alínea II.2 anterior), a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural emitiu o 4 de marzo de 2014 informe favorable sobre a modificación aprobada provisionalmente o 8 de agosto de 2013. O proxecto aprobado provisionalmente o 20 de marzo de 2014 non introduce modificación que afecte o eido desa normativa sectorial.

En consecuencia, o proxecto de modificación aprobado provisionalmente polo Concello en pleno o 20 de marzo de 2014, cumpre o indicado na Orde desta consellería do 8 de xaneiro de 2014.

De conformidade cos artigos 89, 93.4 e 94.4 da LOUG, e co artigo 3 do Decreto 83/2009, do 21 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, a competencia para resolver sobre a aprobación definitiva dos plans xerais de ordenación municipal corresponde ao conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

IV. Resolución.

Visto canto antecede,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar a aprobación definitiva á modificación puntual nº 1 do PXOM do Concello da Capela, de acordo co artigo 85.7.a) da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

Segundo. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Terceiro. Notifíquese esta orde ao Concello e publíquese no DOG.

Santiago de Compostela, 28 de abril de 2014

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas