Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 90 Martes, 13 de maio de 2014 Páx. 21390

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ORDE do 28 de abril de 2014 de aprobación definitiva da modificación puntual do catálogo do Plan xeral de ordenación municipal de Santiago de Compostela para a corrección da ficha D-070, creación da ficha D-070 bis e incorporación do elemento F-134.

O Concello de Santiago de Compostela remite a modificación referida en solicitude da súa aprobación definitiva por esta consellería, conforme o disposto no artigo 85.7 da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

I. Antecedentes.

1. O Concello de Santiago conta cun PXOM aprobado definitivamente por ordes da CPTOPT do 3 de outubro de 2007 (aprobación parcial) e do 1 de setembro de 2008 (aprobación do documento de cumprimento da orde anterior).

2. A Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, decidiu o 14 de xuño de 2013 non someter esta modificación ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica.

3. No expediente consta o informe xurídico da xefa da Sección de Xestión Urbanística do 21 de outubro de 2013, que propón a aprobación inicial; e o do secretario xeral do Pleno do Concello, do 22 de outubro de 2013, favorable á aprobación inicial (artigo 85.1 da LOUG).

4. A modificación non foi sometida a informe previo á súa aprobación inicial (artigo 85.1 da Lei 9/2002), por non afectar a clasificación do solo, a intensidade de uso nin os sistemas xerais previstos no planeamento (artigo 93.4 da LOUG).

5. O Concello Pleno aprobou inicialmente a modificación o 31 de outubro de 2013. Foi sometida a información pública polo prazo de dous meses (El Correo Gallego e La Voz de Galicia do 4 de decembro e Diario Oficial de Galicia do 5 de decembro de 2013). Foi presentada unha alegación, segundo o certificado do 10 de febreiro de 2014 que figura no expediente remitido. O acordo foi notificado aos concellos limítrofes de Boqueixón, Teo, Ames, Vedra, Trazo, Oroso, O Pino e Val do Dubra, así como aos titulares catastrais das parcelas afectadas, segundo a relación que figura nos informes municipais.

6. A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia emitiu o 3 de febreiro de 2014 un informe favorable sobre a modificación (artigo 85.2 da LOUG).

7. No expediente consta informe xurídico da xefa da Sección de Xestión Urbanística do 19 de febreiro de 2014, no cal propón a inadmisión da alegación presentada e a aprobación provisional da modificación.

8. A modificación foi aprobada provisionalmente por acordo do Concello en pleno do 27 de febreiro de 2014, con inadmisión da alegación formulada.

9. A solicitude de aprobación definitiva foi presentada por medio de escrito da concelleira da Área de Desenvolvemento Urbano e Sustentable, por delegación da Alcaldía, do 3 de marzo de 2014 (rexistro de saída número 6446 do 5 de marzo de 2014), que tivo entrada no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia o 6 de marzo de 2014. Ao escrito xúntanse tres copias cotexadas do expediente administrativo e tres exemplares do proxecto de modificación con dilixencias de aprobación inicial e provisional e do documento de inicio. O documento de inicio vén subscrito pola arquitecta-xefe da Sección de Planeamento, Esther Sánchez Espiñeira, e o proxecto, ademais, pola xefa da Sección de Xestión Urbanística, Pilar Rubín Paz, ambas as dúas dos servizos municipais.

II. Obxecto e descrición do proxecto.

A modificación afecta o catálogo do plan xeral nos seguintes termos:

a) No catálogo vixente aparece un elemento o D-070 descrito como un conxunto en Casal da Horta, de arquitectura tradicional, chemineas, alpendres, hórreos…, ao cal o plan vixente outorga o grao de protección non integral, e que figura na folla I-21 do plano de ordenación do PXOM.

b) No plano I-22 aparece coa mesma referencia, a D-070, outro ben diferente, un pazo da arquitectura rexionalista da primeira metade do século XX, en moi mal estado, que a modificación propón catalogar coa referencia D-070 bis e co grao de protección non integral.

c) No contorno do elemento anterior existe un pombal, que a modificación inclúe no catálogo como elemento F-134, co grao de protección non integral.

Para os elementos descritos nas alíneas b) e c) inclúese cadansúa ficha no catálogo, co mesmo formato que as do plan xeral vixente, que os describe e lles outorga un grao de protección específico. Así mesmo, inclúese a folla I-22 do plano de ordenación do PXOM modificado atendendo ao exposto.

III. Análise e consideracións.

Analizada a documentación remitida polo Concello, e vista a proposta literal que nesta mesma data eleva a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

A incorporación de elementos de interese patrimonial ao catálogo e a conseguinte regulación, é unha razón de interese público para a modificación (artigo 94.1 da LOUG).

A modificación foi obxecto de informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia do 3 de febreiro de 2014.

No demais, e desde o punto de vista das competencias urbanísticas desta consellería non se fai obxección ao proxecto de modificación presentado.

De conformidade cos artigos 89, 93.4 e 94.4 da LOUG, e co artigo 3 do Decreto 83/2009, do 21 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, a competencia para resolver sobre a aprobación definitiva dos PXOM e as súas modificacións correspóndelle ao conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

IV. Resolución.

Visto canto antecede,

RESOLVO:

1º. Outorgar a aprobación definitiva á modificación puntual do catálogo do PXOM de Santiago de Compostela para a corrección da ficha D-070, creación da ficha D-070 bis e incorporación do elemento F-134, de acordo co artigo 85.7.a) da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

2º. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, de 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

3º. Notifíquese esta orde ao concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de abril de 2014

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas