O Decreto 18/2006, do 26 de xaneiro, constitúe o marco normativo polo que se establecen as axudas públicas en materia de vivenda a cargo da Comunidade Autónoma de Galicia e se regula a xestión das previstas no Real decreto 801/2005, do 1 de xullo, para o período 2005-2008.
O seu artigo 6 establece que as axudas se atenderán da forma que será establecida mediante ordes anuais da Consellería de Vivenda e Solo.
A disposición transitoria cuarta do Decreto 402/2009, do 22 de outubro, polo que se establecen as axudas públicas en materia de vivenda con cargo á Comunidade Autónoma de Galicia e se regula a xestión das previstas no Real decreto 2066/2008, do 12 de decembro, para o período 2009-2012, establece que as axudas derivadas de situacións creadas ao abeiro de plans anteriores seguirán a súa tramitación, rexéndose de acordo coa súa normativa de orixe.
O Decreto 79/2009, do 19 de abril, polo que se estableceu a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, suprimiu a Consellería de Vivenda e Solo. A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas asume as competencias en materia de vivenda e solo en virtude do Decreto 44/2012, do 19 de xaneiro, polo que se establece a súa estrutura orgánica.
Por todo o anterior e en virtude das atribucións que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,
DISPOÑO:
Artigo único
Para os efectos do disposto no artigo 6 do Decreto 18/2006, do 26 de xaneiro, e para dar cobertura aos expedientes que obteñan no exercicio 2014 a fase de concesión, indícase a aplicación do estado de gastos dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014, onde figura o crédito con cargo ao cal serán atendidas as axudas previstas no citado decreto:
– Para a promoción de vivendas protexidas de nova construción destinadas ao alugamento e de aloxamentos protexidos por parte de empresas privadas, corresponde a aplicación 07.81.451B.770.0 por importe 15.100,00 €.
– Para a adquisición de vivenda protexida, usada e promoción para uso propio por parte de familias e institucións sen ánimo de lucro, corresponde a aplicación orzamentaria 07.81.451B.780.1 por un importe máximo de 84.900,00 €.
Disposición derradeira. Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 28 de abril de 2014
Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas