Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 89 Luns, 12 de maio de 2014 Páx. 21288

V. Administración de xustiza

Xulgado do Social número 4 da Coruña

EDICTO (882/2011).

Encarnación Mercedes Tubío Lariño, secretaria do Xulgado do Social número 4 da Coruña, dou fe e certifico que neste xulgado se seguen autos número 882/2011 por instancia de Mutua Gallega contra a empresa Armando de León González, S.L., o Instituto Nacional da Seguridade Social e a Tesouraría Xeral da Seguridade Social, sobre cantidade, nos cales se ditou sentenza o 8.4.2014 que, copiada nos particulares necesarios, di así:

Sentenza

Na Coruña o 8 de abril de 2014.

Nicolás E. Pita Lloveres, maxistrado xuíz do Xulgado do Social número 4 da Coruña, despois de ver os presentes autos seguidos neste xulgado co número 882/2011 en que son parte, dun lado, como demandante, a Mutua Gallega, asistida polo letrado Sr. Torrado Oubiña, e doutro, como demandadas, a empresa Armando de León González, S.L., que non comparece, o Instituto Nacional da Seguridade Social e a Tesouraría Xeral da Seguridade Social, ambos asistidos polo letrado Sr. Requejo Gutiérrez, sobre cantidade, pronunciou en nome da súa maxestade o rei, a seguinte sentenza:

Antecedentes de feito.

Primeiro. A Mutua Gallega presentou o 1 de setembro de 2011 ante o Xulgado Decano demanda que foi repartida a este xulgado o 2 de setembro do mesmo ano, en que despois de expoñer os feitos e fundamentos que considerou pertinentes, remataba suplicando que se ditase sentenza pola que se declare que a empresa Armando de León González, S.L. é responsable directa do reintegro á mutua das cantidades correspondentes ás prestacións anticipadas por esta como consecuencia dos procesos de IT por continxencia profesional sufridos polos traballadores a que se fai referencia na demanda, debendo ser declarada esta responsable directa, sendo responsable subsidiario o INSS como continuador do FGAT e da TXSS.

Segundo. Admitida a trámite a demanda, convocáronse as partes aos actos de conciliación e xuízo que tiveron lugar o 5 de febreiro de 2014, coa asistencia da parte demandante, a cal ratificou a súa demanda. A demandada comparecida opúxose ás pretensións exercidas polos motivos que constan acreditados en autos. Recibido o xuízo a proba, as partes propuxeron proba documental, e uníronse aos autos, logo de declaración de pertinencia, os documentos presentados, co resultado, que, se é o caso, se mencionará; seguidamente, as partes fixeron uso da palabra para conclusións en apoio das súas peticións, e o xuízo quedou visto para sentenza.

Terceiro. Na tramitación dos presentes autos seguíronse todos os trámites legais, salvo no relativo ao prazo para ditar a presente resolución, debido ao volume de asuntos que actualmente soporta este xulgado.

Feitos probados.

Primeiro. O 23 de abril de 2001 a empresa Armando de León González, S.L. subscribiu coa Mutua Gallega convenio de asociación para a cobertura de risco de accidentes de traballo e enfermidades profesionais, así como para a cobertura de prestación económica por incapacidade temporal derivada de continxencias comúns.

Segundo. A empresa Armando de León González, S.L. estivo en situación de descuberto desde outubro de 2008 ata setembro de 2009 (46.437,40 euros), contando con 14 traballadores en outubro de 2008 e con 7 en setembro de 2009.

Terceiro. Víctor Manuel Martín Quintero, mentres prestaba os seus servizos para a empresa Armando de León González, S.L., sufriu, o 1 de setembro de 2009 accidente de traballo sen baixa, e a mutua aboou a cantidade de 199,02 euros en concepto de asistencia sanitaria urxente.

Cuarto. David González Hernández, mentres prestaba os seus servizos para a empresa Armando de León González, S.L., sufriu o 14 de setembro de 2009 accidente de traballo, e a mutua aboou, en concepto de gastos de asistencia sanitaria a cantidade 637,22 euros, deducindo, no correspondente TC2 relativo aos meses de setembro e outubro de 2009, a cantidade de 377,26 euros cada un (total 754,52).

Quinto. Esgotouse a vía administrativa previa.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. A anterior relación fáctica quedou acreditada en virtude da proba documental achegada polas partes valorada no seu conxunto.

Segundo. A demandante solicita a declaración de responsabilidade da empresa demandada ao pagamento das cantidades realizadas pola mutua, fundándose na situación de descuberto de cotizacións desta.

Fronte á devandita pretensión, a entidade xestora nega a existencia de vontade rupturista na empresa codemandada, atendidas as circunstancias concretas do caso, sinala que a responsabilidade unicamente alcanza as prestacións que anticipou derivada das continxencias de accidente de traballo, e pon de manifesto que determinadas prestacións aboadas pola mutua foron deducidas nos correspondentes TC.

Comezando pola responsabilidade da empresa demandada, o artigo 126.2 da LXSS establece que o incumprimento das obrigas de afiliación, alta e cotización determinará a exixencia de responsabilidade en canto ao pagamento das prestacións, logo da fixación dos supostos de imputación, do seu alcance e regulación do procedemento para facela efectiva; e xa que tal precepto non foi desenvolvido, a xurisprudencia entendeu que seguen vixentes a nivel regulamentario os artigos 94 e seguintes da LSS de 1966, en virtude do disposto pola disposición transitoria 2 do Decreto 1645/1972, do 23 de xuño.

Pola súa banda, o artigo 126.3 da LXSS establece: «Non obstante o establecido no punto anterior, as entidades xestoras, mutuas de accidentes de traballo e enfermidades profesionais ou, se é o caso, os servizos comúns procederán, de acordo coas súas respectivas competencias, ao pagamento das prestacións aos beneficiarios naqueles casos, incluídos no devandito punto, nos cales así se determine regulamentariamente, coa conseguinte subrogación nos dereitos e accións de tales beneficiarios; o indicado pagamento procederá, aínda cando se trate de empresas desaparecidas ou daquelas que pola súa especial natureza non poidan ser obxecto de procedemento de constrinximento. Igualmente, as mencionadas entidades, mutuas e servizos asumirán o pagamento das prestacións, na medida que se atenúe o alcance da responsabilidade dos empresarios respecto ao devandito pagamento».

A STSX de Galicia do 10 de decembro de 2008 di: «É criterio xurisprudencial reiterado, recollido entre outras nas STS do 5 de abril de 2001 e do 1 de febreiro de 2000, ditada esta última en sala xeral, o de que a responsabilidade polas prestacións que deriven de accidente de traballo recae sobre o empresario que de forma reiterada deixou de cumprir coa súa obriga de cotizar, distinguindo, para tal efecto, os supostos de descuberto ocasional en que, pola súa intranscendencia, a responsabilidade sería da entidade xestora ou colaboradora, daqueloutros reiterados, duradeiros e, por iso, cualificables de rupturistas por encubrir un verdadeiro incumprimento da obriga de cotizar (en que a responsabilidade recae sobre a empresa). Conforme o devandito criterio, o recurso debe ser estimado atendendo á doutrina contida na STS do 20 de xaneiro de 2003, citada en instancia e rectamente entendida, segundo a cal “a responsabilidade nestes casos está en función da duración dos descubertos, en atención ao período de seguro correspondente ao traballador afectado, de forma que só cando o período en descuberto é «expresivo da vontade empresarial de non cumprir coas súas obrigas de cotizar» debe imputarse esa responsabilidade prestacional á empresa, o que non se producirá cando se trate de «incumprimentos transitorios, ocasionais ou involuntarios» en canto que, por selo, non obedecen a unha vontade de incumprir aquela obriga legal de cotizar, senón a outras circunstancias accidentais non constitutivas de incumprimento determinante de responsabilidade (...), sendo en tal sentido, como en diversas sentenzas se considerou, que a empresa era responsable (así, na STS 1-2-2000, en que o descuberto era só de sete meses pero eran os únicos sete meses de relación laboral do traballador coa empresa, na STS 5-3-2991, en que a empresa só aboara un mes dentro do período dos doce meses anteriores, que eran os únicos traballados desde que fora dado de alta na empresa o produtor), debe matizarse que “os únicos descubertos que hai que ter en conta son os anteriores ao accidente dado que a responsabilidade empresarial só pode considerarse derivada da actuación empresarial previa á produción do accidente e non de calquera actuación posterior, como pode apreciarse recollida nas sentenzas desta sala do 22.2.2001 (rec. 3033/2000) e 24.3.2001 (rec. 794/2000 )».

Aplicando tal doutrina ao presente caso, ben que é certo que o incumprimento se produce desde outubro de 2008 e os accidentes teñen lugar no mes de setembro de 2009, é dicir, once meses despois, tal incumprimento non pode ser catalogado como transitorio, ocasional ou involuntario, senón que é unha clara manifestación da vontade rupturista, tendo en conta tanto o volume de incumprimento coma a entidade da empresa e o número de traballadores, acumulándose, no devandito período, unha débeda por valor de 46.437,40 euros, nunha empresa que en outubro de 2008 contaba con 14 traballadores e en setembro de 2009 con 7, polo que procede declarar a responsabilidade directa da empresa codemandada.

Cuarto. Entrando xa na responsabilidade subsidiaria do INSS en relación coas prestacións de IT, este alega que non o alcanza responsabilidade ningunha, entendendo que nos casos, como o presente, en que a empresa procedeu a un desconto das cantidades aboadas polo subsidio de IT en réxime de pagamento delegado dos boletíns de cotizacións, nos encontraremos ante un problema de recadación en período voluntario, sen responsabilidade subsidiaria do INSS.

En efecto, a STS do 29 de novembro de 2011 sinala: «Para dar resposta a esta cuestión hai que comezar recordando a doutrina da sala sobre a responsabilidade subsidiaria do Instituto Nacional da Seguridade Social. Esta doutrina parte da existencia dun incumprimento nas obrigas da Seguridade Social que, de conformidade co artigo 126.2 da Lei xeral da seguridade social (LXSS) en relación co artigo 94.2 da Lei articulada da seguridade social (LASS), determina a responsabilidade do empresario no pagamento da prestación; responsabilidade que implica o desprazamento da que, conforme a regra do número 1 do artigo 126, corresponde á entidade xestora ou colaboradora competente, a cal, non obstante, asume en determinados casos, como o presente, a obriga de anticipar a prestación en virtude do denominado principio de automaticidade, o que, pola súa vez, determina que a entidade que asumiu o pagamento da prestación se subrogue nos dereitos e accións dos beneficiarios fronte ao empresario responsable (artigo 126.3.4º). Desta forma, a entidade que anticipa a prestación subrógase na acción do beneficiario contra o empresario responsable. Nada di o artigo 126 da LXSS sobre a segunda función de garantía que afecta a responsabilidade subsidiaria do INSS fronte á mutua que anticipou a prestación.

Pero a doutrina da sala a partir das sentenzas do 4 de febreiro e do 8 de xullo de 1991, seguida de numerosas resolucións posteriores, precisou que, ben que as normas sobre as funcións de garantía na lexislación anterior –Seguro de Accidentes de Traballo e LASS– só prevían a subrogación a favor do Fondo de Garantía, como “único garante dos dereitos dos beneficiarios, a partir da recepción do principio de automaticidade, a subrogación esténdese ás mutuas en canto, en virtude deste principio, asumen o anticipo da prestación. Agora ben, as sentenzas citadas engaden que “o anterior debe «entenderse acorde coa transitoria sexta da Lei xeral da seguridade social, en que se dispón a subsistencia do Fondo de Garantía de Accidentes de Traballo, con mantemento das súas competencias e funcións», pois este mandato demostra que a instauración do principio de automaticidade das prestacións non debe “alterar a área de responsabilidade do citado fondo nin debía supoñer, polo tanto, que parte da que correspondía a este debese recaer sobre a Mutua Patronal que, como consecuencia do devandito principio, anticipase prestacións causadas, xa que tal pagamento, como se dixo, produce subrogación nos dereitos e accións que corresponde-sen ao beneficiario”. De aí que o INSS e, eventualmente, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social, no ámbito das súas respectivas competencias, en canto sucesores do extinguido Fondo de Garantía de Accidentes de Traballo, deban responder subsidiariamente ante a mutua en caso de insolvencia do empresario.

Esa extensión da responsabilidade prodúcese para cumprimento da función de garantía do efectivo aboamento da prestación para o beneficiario, é dicir, cando o empresario incumpre a obriga de pagamento da prestación, ben de forma directa ou mediante a constitución do capital custo, o que obriga a mutua a facerse cargo da prestación para que esta teña efectividade. Pero non foi isto o que sucedeu no presente caso. A prestación aboouna o empresario, aínda que indebidamente ese aboamento se realizou como pagamento delegado e descontouse das correspondentes cotizacións. Ese desconto constitúe unha infracción por parte do empresario responsable das normas sobre recadación en período voluntario, ao proceder a compensar un pagamento que, aínda que real, non fixo en nome da mutua nin por delegación desta, senón cubrindo unha responsabilidade propia. Por iso, o desconto indebido non ten amparo no artigo 52 do Regulamento xeral de recadación, aprobado polo Real decreto 1415/2004, en relación coas normas que regulan a colaboración obrigatoria das empresas e, en concreto, do artigo 20 da Orde de 25 de novembro de 1966. Pero esa infracción non pode dar lugar a unha acción atendible de garantía por parte da mutua fronte á Administración da Seguridade Social, porque a mutua non realizou ningún pagamento ao traballador para cubrir a desprotección causada polo incumprimento do empresario, que pagou correctamente a prestación ao traballador, pero que a descontou indebidamente á mutua, co que, á parte das posibles sancións administrativas aplicables, estamos ante un problema de recadación en período voluntario, que determinará, se é o caso, o recurso á vía executiva para recuperar o indebidamente descontado. É certo que non resulta aplicable a doutrina das nosas sentenzas do 26 de xuño e do 3 de xullo de 2002, pois refírense a supostos en que non existía ningunha responsabilidade empresarial en materia de prestacións e o empresario limitarase a descontar como pagamento delegado o importe dunha prestación que non aboara ao traballador, co que a responsabilidade directa da mutua non quedaba alterada e, en consecuencia, se esta pagou ao traballador, fíxoo para atender a súa propia responsabilidade, con independencia de que o empresario practicase ademais un desconto improcedente que podería ter determinado un dobre pagamento da entidade colaboradora, ao facer efectiva a prestación e ao soportar o seu desconto indebido por quen non a pagou. Pero o suposto aquí decidido si é o mesmo que o que resolveu a sentenza de contraste, cuxo criterio hai que reiterar polas razóns expostas.

A responsabilidade subsidiaria que se pide fronte a Administración da Seguridade Social está fóra da función de garantía, mesmo na interpretación extensiva que realizou a sala a partir da sentenza do 4 de febreiro de 1991, porque a responsabilidade do Fondo de Garantía de Accidentes, que agora asumen os seus sucesores, érao para cumprir esa función, cando “a entidade aseguradora” ou “o patrón” deixasen de satisfacer as prestacións, pero non se estende a cubrir os prexuízos que a entidade colaboradora poida sufrir polo funcionamento irregular da repercusión do pagamento delegado na recadación en período voluntario.

Procede, polo tanto, a estimación do recurso do INSS, como propón o Ministerio Fiscal, para casar a sentenza impugnada e resolver o debate formulado en suplicación, estimando o recurso do INSS, para revogar parcialmente a sentenza de instancia, deixando reducida a responsabilidade subsidiaria do INSS e da TXSS ao importe da asistencia sanitaria. Todo iso sen custas neste recurso nin no de suplicación».

Polo tanto, aplicando a anterior doutrina ao suposto de autos, non nos encontramos ante un suposto de responsabilidade subsidiaria das entidades xestoras como consecuencia do anticipo realizado pola mutua en relación coas prestacións de IT, senón cunha cuestión relativa ao pagamento delegado realizado por este e a súa recadación en período voluntario, polo que non procede a declaración da responsabilidade pretendida, debendo limitarse esta ao aboamento dos gastos sanitarios. En relación cos devanditos gastos sanitarios, a parte demandante acredita 199,02 euros respecto a Víctor Manuel Martín Quintero (factura emitida polo Servizo Canario de Saúde) e 637,22 euros en relación co traballador David González Hernández (155+50+199,22+66+90+77), segundo as facturas achegadas.

Das devanditas cantidades debe responder subsidiariamente o INSS como sucesor do Fondo de Garantía de Accidentes de Traballo.

Resolución.

Estímase parcialmente a demanda interposta por Mutua Gallega fronte ao Instituto Nacional da Seguridade Social, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a empresa Armando de León González, S.L. e, en consecuencia:

– Condénase a empresa Armando de León González, S.L. a aboar á Mutua Gallega, como responsable directa, a cantidade de mil cincocentos noventa euros con setenta e seis céntimos de euro (1.590,76 euros), con responsabilidade subsidiaria do INSS e da TXSS respecto dos gastos por asistencia sanitaria, por importe de oitocentos trinta e seis euros con vinte e catro céntimos de euro (836,24 euros) para o caso de insolvencia da anterior.

Notifíquese a presente resolución ás partes facéndolles saber que contra ela non cabe recurso ningún.

Así o acorda, manda e asina, Nicolás E. Pita Lloveres, maxistrado do Xulgado do Social número 4 da Coruña.

E para que conste, para os efectos da súa publicación no Diario Oficial de Galicia co fin de que sirva de notificación en forma á empresa Armando de León González, S.L. expido e asino a presente.

A Coruña, 16 de abril de 2014

A secretaria xudicial