Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 84 Luns, 5 de maio de 2014 Páx. 20311

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 24 de abril de 2014, da Xefatura Territorial da Coruña, de autorización administrativa, aprobación do proxecto de execución e declaración de utilidade pública, en concreto, dunha instalación eléctrica no concello de Cedeira (expediente IN407A 2012/182).

Vista a solicitude para o outorgamento da autorización administrativa, aprobación do proxecto de execución e declaración de utilidade pública, en concreto, das instalacións que a seguir se detallan:

Solicitante: Unión Fenosa Distribución, S.A.

Domicilio social: avda. de Arteixo, 171, A Coruña.

Denominación: LMT, CT, RBT Fragoso.

Situación: concello de Cedeira.

Características técnicas:

– Liña eléctrica de media tensión aérea a 20 kV, cunha lonxitude de 0,685 km, con orixe na LMT CDR-806 Vilela-Mera, tramo entre o CT Vilarnovo (expediente 51.081) e CT Ervellás (expediente 3.266), condutor tipo LA-56/54,6 mm2, e final no CT Fragoso (proxectado).

– Centro de transformación intemperie, cunha potencia de 100 kVA e unha relación de transformación de 20.000/400-230 V.

– Liña de baixa tensión aérea, cunha lonxitude de 1.240 m, con orixe no CTI Fragoso (proxectado), condutor tipo RZ e apoios de formigón.

Resultan os seguintes feitos:

Primeiro. O 2 de decembro de 2012 Juan Ramón Guijarro Castro, en nome e representación da empresa Unión Fenosa Distribución, S.A., solicitou a autorización administrativa, declaración de utilidade pública e aprobación do proxecto de execución dunha instalación de distribución eléctrica coa finalidade de mellorar a calidade da subministración de enerxía eléctrica no lugar de Fragoso, concello de Cedeira.

Segundo. A solicitude incluía unha relación de bens e dereitos afectados polo proxecto e, en concreto, unha relación dos bens e dereitos para os que non había mutuo acordo cos seus propietarios e para os que se pedía a aplicación da lexislación sobre expropiación forzosa.

Terceiro. Pola Resolución desta xefatura territorial do 9 de novembro de 2012, someteuse a solicitude ao trámite de información pública establecido no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, mediante a publicación no DOG núm. 236, do 12 de decembro de 2012, no BOP núm. 229, do 30 de novembro de 2012 e o xornal La Voz de Galicia do 1 de decembro de 2012. Tamén foi exposta no taboleiro de anuncios do Concello de Cedeira desde o día 27 de novembro de 2012 ata o 21 de decembro de 2012. Do mesmo xeito procedeuse á notificación individual aos propietarios de bens e dereitos afectados, agás aos titulares do predio núm. 4, que por resultaren descoñecidos, se comunicará ao Ministerio Fiscal no momento procedemental oportuno.

Cuarto. De acordo co establecido no artigo 127 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, déuselles traslado ás distintas administracións, organismos ou, se é o caso, empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, dunha separata do proxecto na parte que a instalación puidera afectar bens e dereitos ao seu cargo, que contiña as características da instalación e a documentación cartográfica correspondiente.

Remitiuse unha separata aos seguintes organismos: Concello de Cedeira, Deputación Provincial da Coruña, Augas de Galicia e Telefónica de España, S.A. Durante o prazo establecido regulamentariamente recibiuse a contestación do Concello de Cedeira, Deputación Provincial da Coruña, Augas de Galicia e Telefónica de España, S.A., que remitiron informes favorables, suxeitos ao cumprimento de determinadas condicións.

Unión Fenosa Distribución, S.A. manifestou a súa conformidade co condicionado establecido polos diferentes organismos.

Quinto. Durante o período de información pública recibíronse as seguintes alegacións:

a) Mª Josefa Suárez Pérez, en relación cos predios núm. 19, 20 e 21, comunicou que ela é a propietaria dos predios 19 e 21 xunto con Dolores Pérez Casal, debido ao falecemento do titular que consta no expediente, e que o predio 20 é propiedade privativa de Dolores Pérez Casal, polo que solicita que a tramitación do expediente continúe tendo en conta os ditos titulares. A alegación trasladouse a Unión Fenosa Distribución, S.A. que contestou o 28 de xaneiro de 2013 indicando que corrixira a titularidade deses predios. Debido a que Dolores Pérez Casal non asinou a alegación de Mª Josefa Suárez, o 19 de xuño de 2013 notificóuselle o procedemento expropiatorio. O 5 de agosto de 2013 Mª Josefa Suárez Pérez reiterou a súa alegación de que se lle tivese en conta no expediente de expropiación. O novo escrito remitiuse a Unión Fenosa Distribución, S.A. que contestou o 23 de outubro de 2014 indicando que Mª Josefa Suárez Pérez xa foi incluída no expediente tras a primeira alegación, polo que non ten máis que engadir ao respecto.

b) María Pilar Pazos Cheda, en nome dos herdeiros de Benedicto Pazos Freire, manifesta que na notificación que se lles realizou adxudicóuselles o predio núm. 11, que non é da súa propiedade, e que o predio núm. 10, que non vén ao seu nome, si é da súa propiedade, polo que solicita que se corrixan os erros e que o resto de comunicacións se lle dirixan a ela como representante dos herdeiros. A alegación trasladouse a Unión Fenosa Distribución, S.A., que contestou o 6 de maio de 2013 indicando que corrixira a titularidade deses predios. Como consecuencia da corrección de erros notificouse a afección do predio núm. 11 a Modesta Pérez Casal.

c) Amadeo López García, titular do predio núm. 3, solicitou o cambio do poste para o lindeiro do predio, xa que onde está proposto é moi prexudicial para os futuros aproveitamentos do predio. A alegación trasladouse a Unión Fenosa Distribución, S.A., que contestou o 27 de xuño de 2013 indicando que elaborou o anexo I ao proxecto en que se recolle a modificación da situación do apoio núm. 2 do proxecto dentro da parcela da propiedade de Amadeo López García, de xeito que se localice o máis próximo posible ao linde do predio, tal e como solicitou.

Sexto. O 27 de xuño de 2013 Unión Fenosa Distribución, S.A. presentou un documento denominado anexo 1 do proxecto LMT, CT, RBT Fragoso, co obxecto de variar a situación do apoio núm. 2 pola alegación presentada polo propietario do predio afectado.

Sétimo. O persoal dos servizos técnicos desta xefatura territorial emitiu informe favorable sobre a solicitude obxecto deste expediente, de acordo co disposto na Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, e o disposto no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro. Igualmente, unha vez revisado sobre o terreo o trazado da liña eléctrica proxectada, informan os servizos técnicos que non se dá ningunha das limitacións para a imposición de servidume de paso de enerxía eléctrica a que se refire o artigo 161 do Real decreto 1955/2000.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria é competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia, no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas (BOE núm. 246, do 24 de xullo); na Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico (BOE núm. 285, do 28 de novembro); no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro; no Decreto 36/2001, do 25 de xaneiro, que establece os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 34, do 16 de febreiro) e no Decreto 110/2013, do 4 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria.

Segundo. No presente expediente cumpríronse os trámites sinalados na Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, e no título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

Terceiro. A autorización administrativa, a aprobación do proxecto de execución e a declaración de utilidade pública, en concreto, das instalacións obxecto deste expediente cumpren coa normativa vixente, isto é: a Lei 54/1997, do 27 de novembro; o Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro; o Real decreto 3275/1982, do 12 de novembro, sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en centrais eléctricas, subestacións e centros de transformación (BOE núm. 288, do 1 de decembro); o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias (BOE núm. 68, do 19 de marzo); e o Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión (BOE núm. 224, do 18 de setembro).

Cuarto. Á vista das alegacións formuladas e das contestacións achegadas pola empresa solicitante, cómpre facer unhas consideracións previas de carácter xeral:

1) As manifestacións e datos que sexan útiles para determinar os dereitos afectados, así como a medición e descrición exacta das superficies e bens afectados, faranse constar no levantamento da acta previa á ocupación, momento ao cal os interesados afectados serán oportunamente convocados mediante notificación. Este acto desenvolverase de conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954.

2) De conformidade co disposto no punto 1.5 da Instrución técnica complementaria ITC-LAT 07 do Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, as liñas eléctricas aéreas estudaranse seguindo o trazado que considere máis conveniente o autor do proxecto, no seu intento de acadar a solución óptima para o conxunto da instalación, axustándose en todo caso ás prescricións que nesta instrución se establecen. É dicir, o trazado da liña será o elixido polo autor do proxecto, sempre que cumpra os requisitos xerais e de seguridade que establece o propio Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, e non infrinxa as limitacións e prohibicións que para a constitución de servidumes de paso de liñas aéreas establecen o artigo 57 da Lei 54/1997, de 27 de novembro, e o artigo 161 do Real decreto 1995/2000, do 1 de decembro.

3) Polo que respecta á valoración dos terreos e bens afectados, para o caso de que as partes non acaden un acordo previo, a determinación do prezo xusto corresponde ao Xurado de Expropiación de Galicia, de conformidade coas normas establecidas no capítulo III da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954 e tamén no capítulo III do Regulamento da Lei de expropiación forzosa, do 26 de abril de 1957.

Con respecto ás alegacións presentadas por Mª Josefa Suárez Pérez e María Pilar Pazos Cheda, realizáronse as correspondentes modificacións na RBD. Con respecto á alegación de Amadeo López García, debe aceptarse, xa que se atopa nos supostos do artigo 161.2 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, e Unión Fenosa Distribución, S.A. presentou un anexo ao proxecto que recolle a variación proposta.

De acordo co anterior, e no exercicio das competencias atribuídas,

RESOLVO:

Autorizar, aprobar o proxecto de execución, e declarar de utilidade pública, en concreto, as ditas instalacións, en que as características se axustarán en todas as partes ás que figuran no proxecto, e ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación.

Esta autorización outórgase sen prexuízo das concesións e autorizacións que sexan necesarias, de acordo con outras disposicións que resulten aplicables e, en especial, as relativas á ordenación do territorio e ao ambiente.

As instalacións executaranse nun prazo non superior a un ano, contado a partir da data de ocupación dos terreos.

A declaración de utilidade pública leva implícita a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados, e implicará a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer un recurso de alzada ante o conselleiro de Economía e Industria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación nos termos establecidos nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro), sen prexuízo de que os interesados poidan interpor calquera outro recurso que consideren pertinente.

A Coruña, 24 de abril de 2014

Por vacante (Artigo 30.3 do Decreto 110/2013; DOG nº 140, do 24 de xullo)
Isidoro Martínez Arca
Xefe do Servizo de Administración Industrial