Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 83 Venres, 2 de maio de 2014 Páx. 19929

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 48/2014, do 30 de abril, polo que se autoriza o vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza para adaptar e incorporar á sede electrónica os procedementos administrativos da Xunta de Galicia.

Desde o ano 2009, a Xunta de Galicia situou a simplificación administrativa como un dos eixes prioritarios da súa actuación dentro das súas políticas de modernización e racionalización administrativa.

O pasado 27 de febreiro de 2014, o Consello da Xunta de Galicia aprobou o Plan de axilización administrativa 2014-2016 (en diante, Plan Achega) co obxectivo de acadar unha administración máis áxil, eficiente e próxima nas súas relacións coa cidadanía.

O plan recolle unha serie de medidas concretas destinadas a revisar os procedementos administrativos que a Administración galega pon á disposición dos cidadáns para melloralos, simplificalos e posibilitar a súa presentación electrónica, como garantía do principio de celeridade que a Administración galega asume dentro dos seus compromisos de actuación.

Estas medidas están planificadas no marco temporal 2014-2016 e suporán a culminación do proceso de incorporación á sede electrónica dos procedementos administrativos da Guía de procedementos e servizos, a redución dos seus prazos de resposta, así como a supresión ou simplificación da documentación requirida.

A primeira das actuacións recollidas no Plan Achega, de acordo co seu cronograma, consiste na revisión, en dúas fases, de máis de 900 procedementos administrativos do sector público autonómico que están integrados na Guía de procedementos e servizos pero que aínda non estaban dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia, polo que só se permitía a súa presentación presencial.

Esta revisión aínda non tivera lugar por tratarse de procedementos estáticos e estar vixentes e inmóbiles desde hai anos ao non ter un prazo específico para a presentación de solicitudes (procedementos de prazo aberto). Desta forma, unicamente permitían a presentación presencial por parte dos seus destinatarios, ademais de seguir exixindo documentación que a lexislación vixente nesta materia xa non permite requirir e á cal a Administración galega pode acceder directamente mediante a plataforma de interoperabilidade administrativa.

As tarefas de revisión están encomendadas aos grupos de traballo formados polos responsables de cada un dos procedementos dos departamentos da Xunta de Galicia e coordinados pola Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, e son realizadas seguindo as pautas de simplificación recollidas na Guía de habilitación de procedementos administrativos, na de textos e na de formularios normalizados, aprobadas polo Consello da Xunta de Galicia o 25 de abril de 2013. Esta revisión ten como fins inmediatos a redución de cargas administrativas mediante a simplificación documental, o impulso da Administración electrónica, a eliminación ou supresión de procedementos obsoletos ou non utilizados e a redución dos prazos de tramitación ou resposta.

A medida que os procedementos afectados van sendo revisados, pasan a estar preparados e en disposición para o inicio do seu proceso de adaptación prevista no Plan Achega.

Así, en primeiro lugar o dito plan establece a necesidade de que o Consello da Xunta de Galicia aprobe un decreto que autorice o vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, polo seu carácter de órgano transversal encargado do impulso da modernización, simplificación e redución de cargas administrativas, a adaptar e incorporar á sede electrónica todos os procedementos previamente revisados, simplificados e reducidos. Esta incorporación realizarase de forma progresiva, a través da publicación de ordes nas cales se procederá a incorporar á sede electrónica os procedementos administrativos revisados e os novos modelos de anexos elaborados por cada grupo de traballo.

A partir deste momento, e co obxectivo de manter adaptados á normativa vixente os anexos vinculados a normas reguladoras de procedementos administrativos, este decreto tamén recolle o mecanismo de actualización na sede electrónica da Xunta de Galicia sen necesidade de ser publicados no DOG novamente, sempre que esta actualización non supoña unha modificación substancial da norma.

Desta maneira, e unha vez finalizado todo este proceso que está planificado no marco temporal 2014-2016, a Administración galega verá reducidos e simplificados todos os seus trámites nas súas relacións coa cidadanía, o que suporá unha maior axilidade na prestación dos seus servizos públicos.

De conformidade co exposto, en uso das facultades atribuídas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, por proposta do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día trinta de abril de dous mil catorce,

DISPOÑO:

Artigo único

1. Autorízase o vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza para adaptar e incorporar á sede electrónica da Xunta de Galicia
https://sede.xunta.es os procedementos administrativos á disposición da cidadanía na Guía de procedementos e servizos, segundo os compromisos do Plan de axilización administrativa 2014-2016 (Plan Achega).

2. Mediante orde do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza adaptaranse os procedementos administrativos, previamente revisados e simplificados, ao disposto nas guías aprobadas polo Consello da Xunta do 25 de abril de 2013 e, se é o caso, habilitarase a súa presentación electrónica na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Disposición adicional única

Co obxectivo de manter adaptados á normativa vixente os formularios vinculados a normas reguladoras de procedementos administrativos de prazo aberto, estas poderán incluír a súa actualización permanente e dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia sen necesidade de publicar os formularios novamente no DOG, sempre que a modificación ou actualización non supoña unha modificación substancial.

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, trinta de abril de dous mil catorce

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza