Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 83 Venres, 2 de maio de 2014 Páx. 19932

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 22 de abril de 2014, da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa e da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, pola que se aproba a versión 1.1 das Guías para a habilitación electrónica de procedementos.

O Consello da Xunta de Galicia do 25 de abril de 2013 aprobou tres guías que teñen o obxectivo de axudar aos órganos e unidades da Administración xeral e do sector autonómico de Galicia, na elaboración de normas que regulan procedementos administrativos e convocatorias de subvencións e facilitar o cumprimento da normativa en materia de Administración electrónica e simplificación administrativa.

Con esta publicación, encamiñada á modernización, racionalización e simplificación dos procedementos administrativos e servizos, propíciase a redución de trámites e cargas burocráticas, ademais de facilitar a relación entre os cidadáns e a Administración, contribuír a reducir os custos administrativos das actividades empresariais e axudar á mellora da competitividade das empresas e estimular o seu desenvolvemento grazas á promoción da sede electrónica como canle preferente na tramitación administrativa.

Así pois, as guías aprobadas están a ser unha axuda a todos os órganos e unidades da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia na elaboración de proxectos de disposicións administrativas de carácter xeral que regulen procedementos administrativos por instancia de parte, así como de bases reguladoras e de convocatorias de subvencións que se publiquen no Diario Oficial de Galicia.

Como ferramentas vivas estas guías necesitan estar actualizadas conforme a lexislación vixente en cada momento e a realidade social do tempo en que han de ser aplicadas. Así, a propia actividade administrativa levou a identificar desde a súa publicación melloras que poderían facelas máis eficientes.

De acordo co anterior, procédese á revisión e actualización do contido recollido nas guías para a habilitación electrónica de procedementos polos órganos con competencias horizontais en materia de administración electrónica e simplificación de procedementos administrativos, despois da identificación de melloras que inciden na axilización da tramitación administrativa dos procedementos e na claridade do servizo ofrecido á cidadanía.

Nesta liña, esta nova versión recolle a adaptación aos novos sistemas transversais de tramitación dispoñibles, como son a notificación electrónica de Galicia e a plataforma de interoperabilidade pasaxe.

Así mesmo, ponse á disposición dos interesados, na sede electrónica da Xunta de Galicia, unha serie de modelos comúns que facilitarán os seus trámites administrativos ante a Administración galega. Entre os modelos normalizados dispoñibles, as persoas interesadas poderán encontrar, entre outros, os destinados a realizar emendas, modificacións das súas solicitudes, alegacións ou recursos.

Ademais, naqueles procedementos que teñan como destinatarios as entidades locais, establécese a obriga de utilizar a sede electrónica como única canle obrigatoria para a presentación das súas solicitudes.

Por outra banda, e co obxectivo de facilitar a posible modificación dos formularios de inicio de procedementos, só naqueles procedementos que non teñan un prazo específico para a presentación de solicitudes (prazo aberto), a Guía de textos normalizados recolle un mecanismo áxil de actualización dos formularios dispoñibles na sede electrónica. Neste senso, estes formularios poderán ser actualizados na sede electrónica da Xunta de Galicia sen necesidade de publicalos novamente no DOG, sempre que a modificación ou actualización non supoña unha modificación substancial.

Por todo o exposto,

RESOLVEMOS:

Primeiro. Aprobar a versión 1.1 das guías para a habilitación electrónica de procedementos.

Segundo. As devanditas guías estarán publicadas, desde a publicación da presente resolución, na intranet da Xunta de Galicia no enderezo http://intranet.xunta.es/reduce

Terceiro. As presentes guías estarán permanentemente actualizadas no enderezo anterior. Non obstante, e no suposto de que algunha modificación teña o carácter de substancial, será necesario que a dita actualización se realice mediante a aprobación da resolución conxunta correspondente.

Santiago de Compostela, 22 de abril de 2014

Natalia Prieto Viso Mar Pereira Álvarez
Directora xeral de Avaliación Directora da Axencia para a Modernización
e Reforma Administrativa Tecnolóxica de Galicia