Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 82 Mércores, 30 de abril de 2014 Páx. 19842

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 14 de febreiro de 2014, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se outorga a Gas Galicia SDG, S.A. autorización administrativa e se aproba o proxecto de execución das instalacións da rede de distribución para a subministración de gas natural á empresa Leche Celta, S.L.U., no termo municipal de Pontedeume (expediente IN627A 2013/3-0).

Logo de examinar o expediente instruído por instancia da empresa Gas Galicia SDG, S.A., con CIF nº A15383284 e domicilio, para os efectos de notificación, na rúa Lisboa, edificio Área Central, local 31 - HIJ, 15707 Santiago de Compostela (A Coruña), resultan os seguintes

Antecedentes de feito

Primeiro. O 5 de agosto de 2012 a empresa Gas Galicia SDG, S.A. presentou a solicitude de autorización administrativa e aprobación do proxecto de execución das instalacións da rede de distribución para a subministración de gas natural con MOP (máxima presión de operación) = 4 bar á empresa Leche Celta, S.L.U., no termo municipal de Pontedeume (A Coruña).

Segundo consta no proxecto de execución presentado, as características básicas das instalacións son as seguintes:

A citada rede parte dun punto de conexión coa rede en servizo (MOP = 4 bar) do termo municipal de Miño (situado no extremo noroeste da rede da urbanización Costa-Miño Golf), diríxese cara ao leste e cruza a autoestrada AP-9F ata a vía de servizo e continúa por esta vía en dirección sur ata chegar ao límite da empresa Leche Celta, S.L.U.

A condución realizarase en polietileno (PE 100 SDR 17,6) de 110 mm de diámetro e terá unha lonxitude de 931 m.

O seu orzamento ascende á cantidade de setenta e catro mil oitocentos seis euros con setenta e cinco céntimos (74.806,75 €).

Segundo. O 7 de agosto de 2013 esta dirección xeral resolveu iniciar o trámite de competencia para o outorgamento da dita autorización administrativa, para os efectos previstos no artigo 5 do Decreto 62/2010, do 15 de abril.

Esta resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 26 de agosto de 2013 e durante o prazo establecido (30 días) non se presentaron outras solicitudes en concorrencia e, en consecuencia, continuouse co procedemento de outorgamento de autorización administrativa solicitada por Gas Galicia SDG, S.A.

Terceiro. O 1 de outubro de 2013 esta dirección xeral resolveu someter á información pública a solicitude de autorización administrativa e aprobación do proxecto de execución das instalacións da rede de distribución para a subministración de gas natural con MOP = 4 bar á empresa Leche Celta, S.L.U. en Pontedeume (A Coruña).

Esta resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 18 de outubro de 2013, no Boletín Oficial da provincia do 18.10.2013 e nos xornais La Opinión do 14 de outubro de 2013 e La Voz de Galicia do 16 de outubro de 2012, e tamén estivo exposta no taboleiro de anuncios do Concello de Pontedeume durante un prazo de vinte días (do 7 de outubro ao 4 de novembro de 2013).

Durante o período en que o devandito proxecto se someteu ao trámite de información pública non se presentaron alegacións.

Cuarto. Polo que respecta aos tres organismos cuxos bens ou dereitos resultan afectados polo devandito proxecto de execución (Ministerio de Fomento, Augas de Galicia e Concello de Pontedeume), a empresa Gas Galicia SDG, S.A. solicitoulles a correspondente autorización, co seguinte resultado:

Organismo

Resultado

1

Demarcación de Estradas do Estado en Galicia - Ministerio de Fomento

Autorización do 17.9.2013.

2

Augas de Galicia - Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

Autorización do 15.1.2014.

3

Concello de Pontedeume

Informe técnico do 18.9.2013: para a concesión da licenza municipal require, entre outras cousas, a autorización previa da Consellería de Economía e Industria.

Quinto. O 8 de novembro de 2013 a Xefatura Territorial da Coruña da Consellería de Economía e Industria (en diante, xefatura territorial) emitiu informe favorable sobre o devandito proxecto de execución.

Fundamentos de dereito

Primeiro. A Dirección Xeral de Enerxía e Minas é competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia; no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas; no Decreto 132/1982, do 4 de novembro, sobre asunción de competencias en materia de industria, enerxía e minas e a súa asignación á Consellería de Industria, Enerxía e Comercio; no Decreto 235/2012, do 5 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia; no Decreto 110/2013, do 4 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria; en relación coa Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos; co Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de gas natural; co Decreto 62/2010, do 15 de abril, polo que se regula o trámite de competencia e os criterios de valoración no suposto de concorrencia de dúas ou máis solicitudes de autorización administrativa de instalacións de transporte secundario e distribución de gas natural e redes de distribución de gases licuados do petróleo (GLP); coa Orde da Consellería de Industria e Comercio do 30 de novembro de 1999 sobre a tramitación de autorizacións administrativas das canalizacións de gas; e coa Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Segundo. O citado proxecto cumpre coas exixencias regulamentarias fixadas no Real decreto 919/2006, do 28 de xullo, polo que se aproba o regulamento técnico de distribución e utilización de combustibles gasosos e as súas instrucións técnicas complementarias ICG 01 a 11.

Terceiro. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites regulamentarios.

De conformidade co que antecede e no exercicio das competencias que ten atribuídas, esta dirección xeral

RESOLVE:

Outorgar á empresa Gas Galicia SDG, S.A. a autorización administrativa e aprobar o proxecto de execución das instalacións da rede de distribución para a subministración de gas natural á empresa Leche Celta, S.L.U., no termo municipal de Pontedeume (A Coruña), con suxeición ás seguintes condicións:

Primeira. A empresa Gas Galicia SDG, S.A. constituirá no prazo de dous meses, contado desde o momento do outorgamento da autorización, unha fianza por valor de 1.496,14 €, importe do 2 % do orzamento das instalacións, para garantir o cumprimento das súas obrigas, conforme o previsto no artigo 73.4 da Lei 34/1998, do 7 de outubro, e no artigo 82 do Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro.

Esta fianza constituirase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre o réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias, e será devolta unha vez que se formalice a acta de posta en marcha das instalacións.

Segunda. As instalacións que se autorizan realizaranse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto de execución presentado por Gas Galicia SDG, S.A., titulado «Proxecto de autorización administrativa e execución das instalacións da rede de distribución para subministración de gas natural con MOP = 4 bar á empresa Leche Celta, S.L.U. en Pontedeume», subscrito polo enxeñeiro industrial Alfonso Vázquez Varela (colexiado nº 1.130 do Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia), datado en xullo de 2013 e coa referencia GDP411130600042001.

Terceira. As instalacións e as súas montaxes deberán cumprir as disposicións e normas técnicas que en xeral sexan de aplicación e, en particular, as correspondentes ao Regulamento técnico de distribución e utilización de combustibles gasosos coas súas instrucións técnicas complementarias e as normas que os complementan, regulamentos electrotécnicos, normas UNE e demais normativa e directrices vixentes, así como cantas as substitúan ou se diten a nivel estatal ou desta comunidade autónoma, e deberán preverse para responder aos avances tecnolóxicos no eido do gas e lograr abastecementos flexibles e seguros.

Ademais, atenderase ao seguinte condicionado técnico recollido no informe emitido pola xefatura territorial, a respecto do devandito proxecto de execución, a que se fai referencia no antecedente de feito quinto desta resolución:

«Terase en conta que nos treitos de condución en que for necesario empregar tubaxe de aceiro, as canalizacións soterradas deberanse protexer contra a corrosión mediante un revestimento continuo plástico que garanta a resistencia eléctrica, a impermeabilidade, a plasticidade, a resistencia mecánica, etc., nas condicións a que se verán sometidas as instalacións. Nas partes aéreas, a protección contra a corrosión exterior realizarase mediante a aplicación de pintura metalizada ou calquera outro medio axeitado.

As canalizacións soterradas, en xeral, estarán provistas contra a corrosión externa dun sistema de protección catódica, composto polos equipamentos precisos para manter o potencial da tubaxe a-1 V.

Ademais, en todos aqueles puntos en que a condución de aceiro subministre gas natural (industria, estacións de regulación, etc.), a canalización estará provista dunha xunta dieléctrica illante, coa finalidade de mantela illada das perturbacións eléctricas externas ao propio sistema de protección».

Cuarta. Canto aos bens e dereitos afectados polo devandito proxecto de execución, dos organismos citados no antecedente de feito cuarto desta resolución, a empresa Gas Galicia SDG, S.A. procederá a realizar os correspondentes cruzamentos e afeccións de acordo cos condicionados establecidos nas súas respectivas autorizacións.

Quinta. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución.

Unha vez executadas as instalacións, a empresa Gas Galicia SDG, S.A. deberá presentar a solicitude de posta en servizo ante a xefatura territorial, quen deberá emitila tras as comprobacións técnicas que considere oportunas.

Sexta. A empresa Galicia SDG, S.A. deberá iniciar a subministración de gas no prazo dun mes contado a partir da data en que a xefatura territorial formalice a acta de posta en marcha.

Sétima. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións ou licenzas de competencia doutros organismos ou entidades públicas necesarias para realizar as instalacións autorizadas.

Oitava. A Administración reserva para si o dereito a deixar sen efecto a presente autorización por calquera das causas sinaladas no artigo 34.1 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo; por incumprimento das condicións estipuladas, pola facilitación de datos inexactos, ou por calquera outra causa legal ou regulamentaria que así o prevexa.

Contra a presente resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderá interpoñerse, de ser o caso, recurso de alzada ante o conselleiro de Economía e Industria, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte á súa notificación.

Santiago de Compostela, 14 de febreiro de 2014

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas