Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 68 Martes, 8 de abril de 2014 Páx. 15718

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 17 de marzo de 2014, da Xefatura Territorial de Lugo, pola que se autoriza, se aproba o proxecto de execución e se declara a utilidade pública, en concreto, para os efectos da urxente ocupación, a instalación eléctrica LMT soterrada a 20 kV e CT de abonado de 400 kVA para subministración aos servizos auxiliares da subestación eléctrica de Xove, no concello de Xove (expediente 010/2012 AT).

Examinado o expediente instruído por instancia da empresa Red Eléctrica de España, S.A.U., con enderezo para os efectos de notificación no Paseo Conde de los Gaitanes, nº 177, Alcobendas, 28109 Madrid, aprécianse os seguintes

Antecedentes de feito.

1º. Con data do 10 de xullo de 2012, a citada empresa solicita a autorización administrativa, a aprobación do proxecto de execución e a declaración de utilidade pública, en concreto, para a instalación eléctrica LMT soterrada a 20 kV e CT de abonado de 400 kVA para subministración aos servizos auxiliares da subestación eléctrica de Xove, no concello de Xove, presentando o preceptivo proxecto das instalacións a que fai referencia o Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro (BOE núm. 310, do 27 de decembro), que regula as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica e xuntando a relación concreta e individualizada de bens e dereitos afectados pola instalación que determina o artigo 53 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico (BOE núm. 285, do 28 de novembro) e o artigo 143 do Real decreto 1955/2000, antes citado, que a desenvolve.

2º. O proxecto someteuse a información pública para os efectos previstos na Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico e no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, mediante resolución desta Xefatura Territorial de Economía e Industria do 4 de xullo de 2013. Esta resolución foi publicada no diario El Progreso de Lugo do 30 de xullo de 2013, no BOP de Lugo do 26 de xullo de 2013 e no DOG do 13 de agosto de 2013, no taboleiro de anuncios da citada xefatura territorial e no taboleiro de anuncios do Concello de Xove.

Con esta resolución inseríase a relación de bens e dereitos afectados.

Así mesmo, practicouse notificación individual aos interesados incluídos na referida relación de bens e dereitos afectados.

3º. Enviáronselles separatas relativas ao proxecto aos diferentes organismos afectados e cumpríronse os trámites establecidos no artigo 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

4º. Durante o trámite de información pública presentáronse alegacións o día 30.7.2013 pola Deputación Provincial de Lugo manifestando a insuficiente descrición das afeccións sobre o predio nº 2 do parcelario do proxecto (da súa titularidade) e discrepando da cualificación do destino do ben afectado como Cultivo: vía LU-2609 ao ser unha estrada provincial de uso público rodado. Neste sentido manifestan que a estrada está sometida, tanto á Lei 33/2003, de patrimonio das administracións públicas, de acordo coa cal se debe xestionar con dedicación preferente ao uso común fronte ao uso privativo, como á Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, que determina a necesidade das autorizacións pertinentes polo órgano competente da Administración titular da estrada para a realización de obras, instalacións, etc. que afecten terreos comprendidos na área de influencia das estradas. De acordo con iso, solicitan a exclusión do predio nº 2 da relación de bens e dereitos afectados pola declaración de utilidade pública da instalación eléctrica proxectada ao entender que o promotor da instalación debe solicitar dese organismo a correspondente autorización para a execución das obras e instalacións que se propoña realizar e que se autorizarían baixo determinadas condicións para garantir a prestación do servizo público en condicións axeitadas de funcionalidade e seguridade. No entanto, o dito organismo si aceptaría a expropiación íntegra ou incluso a cesión gratuíta da vía sinalada para a súa incorporación, para todos os efectos, á Xunta de Galicia.

5º. As anteriores alegacións foron remitidas á empresa beneficiaria da expropiación e contestadas mediante escrito presentado o 6.11.2013 e remitido á parte alegante o 11 de novembro. Así mesmo, con data do 20 de febreiro de 2014, achégase á Deputación Provincial nova planimetría para ampliar a información solicitada concedéndolle trámite de alegacións sen que formulase ningunha manifestación.

6º. Por persoal dos servizos técnicos desta xefatura territorial emítese informe favorable sobre a solicitude obxecto deste expediente, de acordo co disposto na Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, e o disposto no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro. Igualmente, unha vez revisado sobre o terreo o trazado da liña eléctrica proxectada, informan os referidos servizos técnicos que non se dá ningunha das limitacións para a imposición da servidume de paso de enerxía eléctrica a que se refire o artigo 161 do Real decreto 1955/2000, en relación co artigo 57 da Lei 54/1997, sobre os predios incluídos na relación de bens e dereitos que foi obxecto de información pública e sobre as que a empresa beneficiaria non chegou a un acordo amigable cos seus propietarios.

A estes feitos son de aplicación os seguintes

Fundamentos de dereito.

Primeiro. A Xefatura Territorial de Lugo da Consellería de Economía e Industria é competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia; no Decreto 110/2013, do 4 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria, no Decreto 36/2001, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalaciones eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, en relación co Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro e a Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico.

Segundo. No expediente cumpríronse os trámites sinalados no artigo 53 da citada Lei 54/1997, e os regulamentarios ordenados nos capítulos II e V do título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, que regula o procedemento de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Terceiro. Á vista das alegacións presentadas, da contestación que formula a empresa promotora, dos informes técnicos e do resto da documentación que figura no expediente, considérase que aquelas non impiden continuar coa tramitación do expediente, esencialmente, porque, partindo da necesidade da instalación eléctrica, hai que ter en conta o disposto no artigo 52 en relación co 54 da Lei 54/1997, do sector eléctrico, do 24 de novembro (BOE núm. 285, do 28 de novembro), que declara de utilidade pública as instalacións eléctricas de xeración, transporte e distribución de enerxía eléctrica para os efectos da expropiación forzosa dos bens e dereitos necesarios para o seu establecemento e dispón que tal declaración levará implícita a necesidade de ocupación deses bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implicará a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Esa declaración de utilidade pública para a instalación eléctrica denota, polo que respecta á estrada provincial, que non estamos ante un «uso privativo» dun ben patrimonial; é máis, supón, unha vez recoñecida, a posibilidade de impoñer unha servidume de paso (aéreo ou subterráneo) da instalación sobre «servidumes administrativas xa establecidas» ou preferentemente «sobre terreos de dominio, uso ou servizo público ou patrimoniais do Estado, da Comunidade Autónoma, das provincias ou dos municipios...» (artigo 157.2 e 161.2.a) do Real decreto1955/2000, do 1 de decembro). Polo tanto, a inclusión do predio nº 2 do parcelario do proxecto na RBD é correcta, non procedendo a exclusión solicitada pola Deputación Provincial de Lugo.

De acordo con iso, considérase que a descrición das afeccións que sobre os bens (o predio nº 2) lle foi notificada a ese organismo é, en principio, abonda, de acordo co establecido no artigo 17 da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954 (BOE núm. 351, do 17 de decembro). Isto sen prexuízo de que, de ser o caso e ter que chegarse á expropiación efectiva do ben, poida comprobarse sobre o terreo no trámite de levantamento das actas previas á ocupación, o alcance real das afeccións de acordo co previsto no artigo 52.3 da dita lei.

Por outra banda, hai que matizar que a expropiación procede para os bens e/ou dereitos estritamente necesarios ou imprescindibles para o establecemento da instalación (así resulta do artigo 52 da Lei do sector eléctrico e do artigo 15 do Regulamento de expropiación forzosa, aprobado polo Decreto do 26 de abril de 1957) e que ademais non se trata neste caso dunha expropiación en pleno dominio do ben senón, como quedou exposto, para establecer sobre el, se fose necesario, a correspondente servidume de paso. De acordo con iso, a petición subsidiaria de expropiación íntegra da estrada que fai ese organismo resulta desproporcionada, debendo engadir que aínda que neste caso a Xunta de Galicia actúa como Administración expropiante, non expropia para si senón en beneficio da empresa por causa, como xa se dixo, da utilidade pública da instalación eléctrica (artigo 52 citado en relación co artigo 2 da Lei de expropiación forzosa) polo que tampouco está xustificada a petición última da deputación provincial relativa a asunción da estrada, a todos os efectos, por esta Administración.

Agora ben, sen prexuízo das anteriores consideracións, non hai dúbida que tal como manifesta o organismo afectado e tal como recoñece a empresa beneficiaria, unha vez autorizada a instalación eléctrica e declarada a súa utilidade pública, antes de iniciar as obras, a empresa debe obter as oportunas autorizacións do dito organismo, como Administración titular da estrada que, como tal, poderá establecer no seu eido competencial as condicións que estime convenientes para garantir na súa realización as axeitadas condicións de seguridade e funcionalidade da vía de comunicación.

Cuarto. Sen prexuízo do anterior, cómpre ter en conta que consonte o artigo 151 do citado Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, en calquera momento a empresa beneficiaria e os titulares dos necesarios bens e dereitos poden convir un mutuo acordo, causando a correspondente conclusión do expediente expropiatorio.

De acordo co exposto e en virtude das competencias que ten atribuídas, esta xefatura territorial

RESOLVE:

Primeiro. Autorizar a Red Eléctrica de España, S.A.U. o establecemento da instalación eléctrica denominada LMT soterrada a 20 kV e CT de abonado de 400 kVA para subministración aos servizos auxiliares da subestación eléctrica de Xove, no concello de Xove, coas seguintes características técnicas principais:

1. Liña de media tensión soterrada a 20 kV, cunha lonxitude de 1.350 metros, con orixe en apoio metálico existente, anterior ao CTI Sumoas Abaixo, en condutor RHZ-OL 18/30 kV 3×(1×240) mm2 e final no CT proxectado na subestación Xove.

2. Centro de transformación de abonado de 400 kVA 20/04 kV, en edificio prefabricado.

Segundo. Aprobar o proxecto de execución da instalación eléctrica LMT soterrada a 20 kV e CT de abonado de 400 kVA para subministración aos servizos auxiliares da subestación eléctrica de Xove visado o día 14 de xuño de 2012 co número 201202864, polo Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Madrid, e asinado polo enxeñeiro industrial Fco. Javier Yáñez Vilas, colexiado número 6831.

Terceiro. Declarar a utilidade pública, en concreto, da instalación eléctrica obxecto deste expediente, o que implica a necesidade de ocupación dos bens ou da adquisición dos dereitos afectados e a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa. Por isto, en cumprimento do disposto neste artigo, acórdase que o representante da Administración dea comezo, na data e hora que a cada interesado se lle notificará individualmente, ao levantamento das actas previas á ocupación dos predios contidos na relación de bens e dereitos publicada no diario El Progreso de Lugo do 30 de xullo de 2013, no Boletín Oficial da provincia de Lugo do 26 de xullo de 2013 e no Diario Oficial de Galicia do 13 de agosto de 2013, expostas no taboleiro de anuncios desta xefatura territorial e no taboleiro de anuncios do concello de Xove. Así mesmo, faise constar que ata o momento do levantamento das actas previas, se poderán formular as alegacións que se consideren oportunas, para os efectos de rectificar posibles erros na relación de bens afectados que foi obxecto de publicación nos medios e nas datas anteriormente referidos. Estas alegacións deberanse presentar por escrito perante esta Xefatura Territorial de Economía e Industria (Edificio Administrativo da Xunta de Galicia en Lugo, rolda da Muralla, 70, código postal 27071, Lugo).

Todo isto de acordo coas condicións seguintes:

Primeira. As instalacións que se autorizan terán que realizarse de acordo coas especificacións e cos planos que figuran no proxecto LMT soterrada a 20 kV e CT de abonado de 400 kVA para subministración aos servizos auxiliares da subestación eléctrica de Xove presentados pola empresa Red Eléctrica de España, S.A.U.

Segunda. O peticionario asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que, en todo momento, se manterán as condicións regulamentarias de seguridade con carácter permanente.

Terceira. Deberase cumprir canto establece a lexislación técnica de liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias, de acordo co Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, así como, de ser o caso, a lexislación aplicable ás instalacións de baixa tensión e as súas instrucións técnicas complementarias de acordo co Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, ademais do resto de normativa e directrices vixentes que sexan de aplicación.

Cuarta. Para introducir modificacións nas instalacións que afecten datos básicos do proxecto será necesaria a autorización previa desta xefatura territorial.

Quinta. O prazo para a execución das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data de notificación/publicación desta resolución.

Sexta. A Administración resérvase para si o dereito de deixar sen efecto esta autorización por calquera das causas establecidas no artigo 34 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, por incumprimento das condicións impostas ou por calquera outra causa excepcional que o xustifique.

Sétima. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

A publicación desta resolución realízase tamén para os efectos previstos no artigo 59.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro) cando os titulares dos predios propostos sexan descoñecidos, non se saiba o lugar de notificación, ou ben, intentada a notificación, non se puidese realizar e así dirixirlle ao Ministerio Fiscal as dilixencias que se produzan de conformidade co establecido no artigo 5 da Lei de expropiación forzosa de 1954.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, cabe interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Economía e Industria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación/publicación nos termos establecidos nos artigos 107, 110, 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro) sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Lugo, 17 de marzo de 2014

P.S.L. (Decreto 110/2013, do 4 de xullo)
Mª A. Belén Miragaya Sánchez
Xefa do Servizo de Enerxía e Minas