Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 61 Venres, 28 de marzo de 2014 Páx. 13316

V. Administración de xustiza

Xulgado de Primeira Instancia número 5 de Pontevedra

EDICTO (1116/2012).

Gema Antolín Pérez, secretaria xudicial do Xulgado de Primeira Instancia número 5 de Pontevedra, anuncia que no presente procedemento, seguido por instancia de María Fe Labandeira Otero fronte a José Martín Flores Rodríguez se ditou sentenza, cuxo teor literal é o seguinte:

Sentenza.

En Pontevedra, 12 de novembro de 2013.

Vistos por min, Tomás Farto Piay, maxistrado xuíz substituto do Xulgado de Primeira Instancia número 5 de Pontevedra, os precedentes autos de xuízo de divorcio, seguidos ante este xulgado co nº 1116/2012, en que é parte demandante María Fe Labandeira Otero, representada polo procurador Sr. Barrios Pérez e asistida do letrado Juan Agra Requeijo, e como parte demandada, José Martín Flores Rodríguez, declarado en rebeldía procesual.

Antecedentes de feito.

Primeiro. O día 14 de decembro de 2012 foi presentada ante este xulgado demanda de divorcio interposta polo procurador Sr. Barrios Pérez, en nome e representación de María Fe Labandeira Otero, contra José Martín Flores Rodríguez, en que suplicaba que se ditase sentenza pola que, estimando a demanda, se declare disolto por divorcio o matrimonio formado polos referidos cónxuxes, cos demais efectos legais inherentes a esta declaración e as medidas que se instaron.

Segundo. Mediante decreto admitiuse a trámite a demanda, e acordouse dar traslado dela, con emprazamento á parte demandada para que a contestase dentro do prazo de vinte días e seguindo os trámites establecidos para o xuízo verbal coas especialidades do artigo 753 da nova Lei de axuizamento civil. O demandado non o verificou, polo que foi declarado en rebeldía procesual.

Terceiro. Declarada a rebeldía do demandado, convocáronse as partes para a celebración de xuízo, de conformidade co disposto no artigo 440 da Lei de axuizamento civil en consonancia co establecido nos artigos 753 e 770 da citada lei. Sinalouse o día 12 de setembro de 2013, compareceu a parte demandante, e solicitouse o recibimento do preito a proba, practicándose a proposta que foi admitida, a documental existente, co resultado que consta nas actuacións. Este procedemento quedou visto para sentenza tras concluír a parte demandante.

Cuarto. No presente procedemento observáronse todos os preceptos legais de preceptiva aplicación.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. Da proba documental achegada aos autos resultou acreditado que María Fe Labandeira Otero e José Martín Flores Rodríguez contraeron matrimonio civil en Caracas o día 16 de agosto de 1982, matrimonio que foi inscrito no tomo 73, páxina 60, da sección 2ª do Rexistro Civil do Consulado Xeral de España en Caracas (Venezuela), como así resulta da certificación rexistral de matrimonio incorporada aos autos. Da unión nace un fillo, o día 19 de febreiro de 1983, Pablo Javier, polo que na actualidade é maior de idade, como resulta igualmente da certificación rexistral incorporada.

O demandado é venezolano mentres que a demandante é española. Os dous teñen a súa residencia en España desde o ano 2006 e, no momento de interpor a demanda, a esposa mantén a súa residencia neste partido. Estas circunstancias probadas en autos xustifican a competencia deste tribunal.

Segundo. No presente procedemento a parte demandante, María Fe Labandeira Otero, exerce a acción de divorcio do matrimonio formado con José Martín Flores Rodríguez, invocando para iso o artigo 86 en relación co artigo 81.2º do Código civil, conforme o cal se decretará o divorcio por petición dun só dos cónxuxes, unha vez transcorridos tres meses desde o matrimonio.

Da proba documental achegada, certificación da inscrición de matrimonio, dedúcese o cumprimento dos requisitos necesarios para poder decretar o divorcio dos cónxuxes, ao ter transcorrido o prazo legal dende a celebración do matrimonio, polo que procede estimar a causa de divorcio alegada.

Aplícase a lei española conforme as normas de conflito nacionais, tal e como establece a normativa europea, así pois, conforme o artigo 107.2 CC a falta de nacionalidade común, por ser a residencia habitual común do matrimonio no momento de presentación da demanda, lei aplicable que tampouco foi cuestionada por ningunha das partes. Para maior abundamento, a xurisprudencia admite a aplicación da lexislación española cando o dereito estranxeiro non foi probado (sentenzas, por exemplo, do 25 de xaneiro de 1999 -STS 282/1999- e 5 de xuño de 2000 -STS 4611/2000-), o que non é incompatible co réxime establecido no artigo 107 do Código civil.

Terceiro. Segundo establece o artigo 91 do Código civil nas sentenzas de nulidade, separación e divorcio, ou na execución destas, o xuíz, en defecto de acordo dos cónxuxes, ou en caso de non aprobación deste, determinará conforme o establecido nos artigos seguintes as medidas que deben substituír as xa adoptadas con anterioridade en relación cos fillos, coa vivenda familiar, coas cargas do matrimonio, liquidación do réxime económico e coas cautelas e garantías respectivas, establecendo as que procedan se para algún destes conceptos non se tivese acordado ningunha.

As medidas están recollidas nos artigos 102 e 103 do C.C., comprendendo o artigo 102 unha serie de efectos que se producen por ministerio da lei e polo tanto independentemente dos que puidesen ou non solicitar. Debe terse en conta tamén o artigo 106, que establece que os efectos e medidas previstos neste capítulo rematan, en todo caso, cando sexan substituídos polos da sentenza estimatoria ou se poña fin ao procedemento doutro modo. A revogación de consentimentos e poderes enténdese definitiva.

Cuarto. O artigo 103 do Código civil prevé unha serie de medidas coas que se trata de facer fronte á concreta e persoal situación dos solicitantes. No caso que nos ocupa, unicamente se insta os efectos legais inherentes á declaración de divorcio sen que se inste nada distinto polo que, non existindo cuestións sobre as que deba pronunciarse o tribunal de oficio, se debe declarar a disolución por causa de divorcio sen máis.

Quinto. Conforme o disposto no artigo 89 do Código civil, a sentenza de divorcio que se dite deberá comunicarse de oficio ao Rexistro civil onde conste inscrito o matrimonio dos litigantes.

Sexto. O artigo 95 do C.C. sinala que a sentenza firme producirá respecto dos bens do matrimonio a disolución do réxime económico matrimonial.

Sétimo. En canto ás custas procesuais, non procede efectuar declaración ningunha en canto a estas, tendo en conta a natureza e circunstancias do procedemento.

Vistos os preceptos legais citados e demais de xeral e pertinente aplicación,

Resolvo:

Que debo estimar e estimo integramente a demanda presentada polo procurador Sr. Barrios Pérez, en nome e representación de María Fe Labandeira Otero, contra José Martín Flores Rodríguez, en rebeldía procesual, e debo declarar e declaro a disolución por divorcio do matrimonio contraído entre os litigantes o día 16 de agosto de 1982, matrimonio que foi inscrito no tomo 73, páxina 60, da sección 2ª do Rexistro Civil do Consulado Xeral de España en Caracas (Venezuela), con todos os efectos legais que a devandita declaración leva consigo.

Dada a natureza do presente procedemento, non procede realizar pronunciamento en canto ás custas procesuais.

En canto sexa firme esta resolución, comuníquese de oficio ao Rexistro Civil onde consta inscrito o matrimonio dos cónxuxes litigantes.

Notifíquese esta resolución en forma legal ás partes, ás que se advirte que contra ela cabe recurso de apelación para ante a Audiencia Provincial de Pontevedra no prazo de vinte días contado dende a súa notificación, que se tramitará polas regras establecidas na Lei de axuizamento civil.

Así, por esta miña sentenza, definitivamente xulgando nesta instancia, de conformidade coa autoridade que me confire a Constitución de 1978 e a Lei orgánica do poder xudicial, pronúncioo, mándoo, e asínoo.

Publicación. A anterior resolución leuna e publicouna o maxistrado-xuíz que a autoriza, en audiencia pública, no lugar e na data nesta indicados. Dou fe.

E encontrándose o devandito demandado, José Martín Flores Rodríguez, en paradoiro descoñecido, expídese este edicto co fin de que lle sirva de notificación en forma.

Pontevedra, 13 de novembro de 2013

A secretaria xudicial