Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 53 Martes, 18 de marzo de 2014 Páx. 11507

III. Outras disposicións

Axencia Tributaria de Galicia

RESOLUCIÓN do 7 de marzo de 2014 pola que se actualiza o modelo en formato electrónico de autoliquidación do canon eólico (modelo 012) e as fichas de usuario da oficina virtual tributaria do canon eólico e da taxa fiscal sobre o xogo do bingo.

A Orde da Consellería de Facenda do 27 de xaneiro de 2014 pola que se aproban as normas de aplicación do canon eólico aproba, no anexo III, o modelo en formato electrónico de autoliquidación do canon eólico (modelo 012).

A disposición adicional sexta da orde autoriza a dirección da Axencia Tributaria de Galicia (Atriga) para modificar ou actualizar mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia os seus anexos I ao IV, cando sexa preciso como consecuencia da modificación das normas legais ou regulamentarias ou como consecuencia dos avances tecnolóxicos, os cambios de sistemas ou calquera outra circunstancia que precise a correspondente plasmación nos modelos aprobados ou nas normas ou especificacións técnicas aprobadas polos ditos anexos.

Pola súa parte, a disposición adicional quinta da Orde da Consellería de Facenda do 27 de xaneiro de 2014 pola que se regulan a subministración electrónica dos cartóns de bingo autorizados na Comunidade Autónoma de Galicia e a presentación e o pagamento electrónico da taxa fiscal sobre o xogo do bingo, autoriza a dirección da Axencia Tributaria de Galicia para modificar ou actualizar mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia os seus anexos I ao IX, cando sexa preciso como consecuencia da modificación das normas legais ou regulamentarias ou como consecuencia dos avances tecnolóxicos, os cambios de sistemas ou calquera outra circunstancia que precise a correspondente plasmación nos modelos aprobados ou nas normas ou especificacións técnicas aprobadas polos ditos anexos.

Sendo preciso, para efectos técnicos, separar do bloque de liquidación do modelo 012 para a autoliquidación do canon eólico os bloques referentes ao ingreso ou á solicitude de devolución, procédese á súa modificación.

Por outra banda, o acceso á oficina virtual tributaria (OVT) por parte dos usuarios autorizados pode realizarse con acceso total (o usuario concreto persoa física accede a todas as operacións realizadas polo usuario autorizado con independencia do usuario concreto persoa física que realizase a operación) ou con acceso parcial (o usuario concreto persoa física accede tan só ás operacións realizadas por el polo usuario autorizado). Actualmente, nas fichas de usuario aprobadas para a utilización das aplicacións informáticas da oficina virtual tributaria para o cumprimento das obrigas tributarias do canon eólico e do bingo non está reflectida esta utilidade, polo que cómpre engadila.

Por todo isto, consonte co exposto, de acordo co establecido na disposición adicional sexta da Orde da Consellería de Facenda do 27 de xaneiro de 2014 pola que se aproban as normas de aplicación do canon eólico, e na disposición adicional quinta da Orde da Consellería de Facenda do 27 de xaneiro de 2014 pola que se regulan a subministración electrónica dos cartóns de bingo autorizados na Comunidade Autónoma de Galicia e a presentación e o pagamento electrónico da taxa fiscal sobre o xogo do bingo,

RESOLVO:

Primeiro. Introdúcense as seguintes modificacións na Orde da Consellería de Facenda do 27 de xaneiro de 2014 pola que se aproban as normas de aplicación do canon eólico:

A) Substitúese a ficha de usuario contida no anexo I da orde pola que figura no anexo I desta resolución.

B) Substitúese o modelo en formato electrónico de autoliquidación do canon eólico (modelo 012) contido no anexo III polo modelo que figura no anexo II desta resolución.

Segundo. Substitúese a ficha de usuario contida no anexo I da Orde da Consellería de Facenda do 27 de xaneiro de 2014 pola que se regulan a subministración electrónica dos cartóns de bingo autorizados na Comunidade Autónoma de Galicia e a presentación e o pagamento electrónico da taxa fiscal sobre o xogo do bingo pola que figura no anexo III desta resolución.

Terceiro. Os usuarios que estean autorizados para a utilización das aplicacións informáticas que a Axencia Tributaria de Galicia (Atriga) poña á disposición dos suxeitos pasivos na oficina virtual tributaria (OVT), que queiran ter un nivel de acceso total na OVT, deberán presentar ante a Atriga a ficha de usuario coa identificación dos usuarios concretos persoas físicas para as que queren solicitar o dito nivel de acceso.

Cuarto. A presente resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación.

Santiago de Compostela, 7 de marzo de 2014

Ulpiano L. Villanueva Rodríguez
Director da Axencia Tributaria de Galicia

ANEXO I

Identificación de usuarios para a utilización das aplicacións
informáticas da oficina virtual tributaria para o cumprimento
das obrigas tributarias do canon eólico

IDENTIFICACIÓN DO SUXEITO PASIVO:

Denominación social

NIF

Enderezo

Concello

Provincia

Teléfono

Correo electrónico

IDENTIFICACIÓN DO/S USUARIO/S DA APLICACIÓN:

Nome e apelidos

NIF

Teléfono

Correo electrónico

Idioma1

Nivel de acceso2:

Nome e apelidos

NIF

Teléfono

Correo electrónico

Idioma1

Nivel de acceso2

Nome e apelidos

NIF

Teléfono

Correo electrónico

Idioma1

Nivel de acceso2

RESPONSABLE DE INFORMÁTICA:

Nome e apelidos

NIF

Teléfono

Correo electrónico

1 O idioma poderíase cubrir «galego» ou «castelán», segundo se desexe.

2 Acceso. Se se pon «total», poderanse ver todos os expedientes presentados; se se pon «parcial», só se poderán ver os expedientes gravados por ese usuario exclusivamente.

ANEXO II
Modelo en formato electrónico de autoliquidación do canon eólico (modelo 012)

Instruccións:

– Carácter e devindicación.

Neste bloque deberán consignarse os datos correspondentes ao carácter e á devindicación da autoliquidación, do xeito que se describe a seguir:

Exercicio: farase constar o ano a que corresponde a autoliquidación.

Data da devindicación: no primeiro período impositivo consignarase a data de formalización da acta de recepción da obra do parque eólico; no resto dos anos en que a autorización estea vixente, consignarase o 1 de xaneiro do exercicio a que se refira a autoliquidación.

Nº de días do período impositivo: consignarase por defecto o número de días que teña o ano natural a que se refire a autoliquidación, salvo nos seguintes supostos:

– No primeiro ano de actividade do parque: consignarase o número de días do ano natural que transcorreron desde a data de formalización da acta de recepción da obra do parque ata o último día do ano, ambos os dous incluídos.

– No último ano de actividade: consignarase o número de días do ano natural que transcorreron desde o primeiro día do ano natural ata o día do desmantelamento do parque, incluíndo ambos os dous días.

Complementaria: marcarase este recadro cando se trate dunha autoliquidación que complementa outra presentada con anterioridade para o mesmo período impositivo. Só se poderá presentar unha autoliquidación complementaria cando resulte un importe a ingresar superior ou unha cantidade a devolver ou a compensar inferior ao importe resultante da autoliquidación anterior. Farase constar o número da autoliquidación a que complementa a actual.

Modificativa: marcarase este recadro cando se trate dunha autoliquidación que modifica outra presentada con anterioridade para o mesmo período impositivo como consecuencia dunha repotenciación do parque ou de calquera outra modificación que determine unha devolución derivada da normativa do tributo. Farase constar o número da autoliquidación a que complementa a actual, así como a data de efectos da repotenciación (data de formalización da acta de posta en servizo do parque eólico repotenciado), da modificación (data da autorización da modificación, no caso de que sexa unha modificación que precisase autorización, e, en caso contrario, consignarase a data da modificación) ou do cesamento (data do desmantelamento do parque).

Neste bloque, unha vez presentada a autoliquidación, cargarase o número de expediente e a data de presentación.

– Suxeito pasivo.

Neste bloque cargaranse os datos identificativos do suxeito pasivo: NIF, apelidos e nome ou razón social, enderezo fiscal ou enderezo para efectos de notificacións. O enderezo que será cargado informaticamente é o enderezo fiscal do seu certificado dixital. Se quere consignar un enderezo diferente para os efectos de notificación, deberá comunicalo con carácter previo na oficina virtual tributaria. Para isto deberá acceder ao módulo de «Xestión de datos persoais» no submenú «Catálogo de servizos».

– Representante.

No caso de actuar mediante representante, deberá consignar os datos deste: NIF, apelidos e nome e enderezo.

– Datos do parque.

Neste bloque deberase consignar:

Nome do parque eólico: denominación do parque eólico para os efectos administrativos.

Código do parque: o código asignado pola Atriga no CEPEG, respecto ao parque a que se refire a autoliquidación.

Número de aeroxeradores do parque/devindicación/número de aeroxeradores dentro da CAG/devindicación: consignarase o número de aeroxeradores que ten o parque na data da devindicación. No caso de que se trate dun parque que se estenda máis alá da Comunidade Autónoma de Galicia, consignarase o número de aeroxeradores que están dentro da Comunidade Autónoma de Galicia.

Nº de días: cando se trate da primeira autoliquidación presentada no ano, consignarase o número de días do ano natural a que se refire a autoliquidación e coincidirá co número de días do período impositivo sinalado no bloque denominado Devindicación. Cando se trate dunha autoliquidación modificativa ou dunha complementaria derivada da comunicación dunha modificación nos datos do CEPEG, consignarase o número de días transcorridos no período impositivo desde a data da devindicación ata a data de efectos da circunstancia que motivou a presentación do modelo 007, ambos os dous días incluídos.

Número de aeroxeradores do parque tras a modif./repotenciación/desmantelamento/número de aeroxeradores dentro da CAG tras a modif./repotenciación/desmantelamento: consignarase o número de aeroxeradores que ten o parque tras a modificación, tras a repotenciación ou tras o desmantelamento do parque, circunstancias comunicadas cada unha delas mediante o correspondente modelo 007. No caso de que se trate dun parque que se estenda máis alá da Comunidade Autónoma de Galicia, consignarase o número de aeroxeradores que están dentro da Comunidade Autónoma de Galicia. No caso de desmantelamento, o número de aeroxeradores será cero.

Nº de días/modificación/repotenciación/desmantelamento: cando se trate dunha autoliquidación modificativa ou dunha complementaria derivada da comunicación dunha modificación nos datos do CEPEG, consignarase o número de días do ano natural a que se refire a autoliquidación nos que vai ter efectos a modificación ou a repotenciación ou, no caso de se tratar do desmantelamento do parque, o número de días do ano natural en que o parque eólico estará desmantelado.

– Liquidación.

Neste bloque deberá proceder á autoliquidación do importe da débeda tributaria consonte cos datos declarados.

Base impoñible: no recadro da base impoñible consignarase o número de aeroxeradores existentes no parque eólico que estean situados no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, conforme as seguintes regras:

1. No primeiro ano: consignarase o resultado de multiplicar o número de aeroxeradores do parque na Comunidade Autónoma de Galicia polo dato consignado como «Nº días período impositivo» no bloque de Carácter e devindicación e dividido polo número de días do ano natural a que se refire a autoliquidación.

2. No resto dos anos de vida do parque eólico: consignarase o número de aeroxeradores do parque na Comunidade Autónoma de Galicia.

3. Cando se trate dunha autoliquidación complementaria motivada por unha modificación das características do parque que dese lugar a un importe a ingresar, ou dunha autoliquidación modificativa consignaranse tantas bases impoñibles como o número de subperíodos en que quedase dividido o ano natural, e para o cálculo da base impoñible de cada subperíodo terase en conta o número de aeroxeradores e o número de días do subperíodo con respecto ao número total de días do ano natural a que se refire a autoliquidación, tendo en conta que, no caso de desmantelamento do parque, no último período do ano o número de aeroxeradores será cero.

Tipo de gravame: no recadro do tipo de gravame consignarase o tipo de gravame que estea vixente na data da devindicación. Para determinar o tramo que é de aplicación terase en conta o número de aeroxeradores do parque na Comunidade Autónoma de Galicia na data da devindicación. Cando se trate dunha autoliquidación complementaria motivada por unha modificación das características do parque que dese lugar a un importe a ingresar, ou dunha autoliquidación modificativa, e sempre que se produza un cambio no tramo da tarifa como consecuencia da modificación ou da repotenciación, consignaranse tantos tipos de gravame como o número de subperíodos en que quedase dividido o ano natural, e para o cálculo do tramo aplicable terase en conta o número de aeroxeradores do parque na Comunidade Autónoma de Galicia antes da modificación ou repotenciación e o número de aeroxeradores do parque na Comunidade Autónoma de Galicia logo da modificación ou repotenciación.

Cota tributaria: a cota tributaria será o resultado de multiplicar a base impoñible polo tipo de gravame que corresponda en función do número da aeroxeradores que ten o parque na Comunidade Autónoma de Galicia. Cando se trate dunha autoliquidación complementaria motivada por unha modificación das características do parque que dese lugar a un importe a ingresar, ou dunha autoliquidación modificativa, a cota tributaria será a suma do resultado de aplicar a cada base impoñible de cada subperíodo o tipo de gravame aplicable que corresponda.

Bonificación: no caso de que a autoliquidación sexa unha modificativa motivada por unha repotenciación, e proceda a aplicación da bonificación previamente recoñecida pola Atriga, consignarase o importe que corresponda pola aplicación da porcentaxe establecida na Lei 8/2009, do 22 de decembro, polo número de aeroxeradores reducido, sobre a cota tributaria.

Cota líquida: no recadro da cota líquida consignarase, de ser o caso, a diferenza entre a cota tributaria e a bonificación.

Cota ingresada con anterioridade: no caso de autoliquidacións complementarias ou modificativas, consignarase/anse a/s cota/s ingresada/s na/s autoliquidación/s anterior/es.

Cota autoliquidada: consignarase a diferenza entre a cota líquida e a cota ingresada con anterioridade.

Total a ingresar/devolver: consignarase o importe do recadro anterior.

Importe ingresado/a devolver: neste recadro trasladarase o importe consignado no total anterior.

– Devolución.

No caso de que o importe sexa unha cantidade a devolver derivada da normativa do canon eólico, o suxeito pasivo deberá:

– Marcar o recadro da súa solicitude, consignar o importe cuxa devolución solicita e consignar, empezando pola esquerda, os datos identificativos da conta (IBAN) da súa titularidade en que desexa recibir a devolución. No caso de contas en entidades financeiras españolas, o código IBAN estará composto por 24 díxitos, que deberán consignarse comezando pola esquerda.

– Marcar o recadro polo que renuncia á devolución do importe a favor do Tesouro da Facenda Galega e consignar o importe correspondente. Neste caso, o importe que figurará no recadro importe ingresado/a devolver será 0.

– Liquidación.

No caso de que o dito importe sexa positivo e o suxeito pasivo pretenda solicitar un aprazamento ou fraccionamento da débeda tributaria, deberá marcar o recadro correspondente a Aprazamento/fraccionamento Lei 58/2003, do 17 de decembro, e deberá presentar ante a Atriga solicitude expresa de aprazamento ou fraccionamento na forma, lugar e prazo e cos requisitos e consecuencias sinalados na normativa de aplicación e sen que a solicitude poida entenderse presentada pola marcación deste recadro. Neste caso, o importe que figurará no recadro Importe ingresado/a devolver será 0.

A declaración será datada e asinada polo suxeito pasivo ou polo seu representante.

ANEXO III

Identificación de usuarios para a utilización das aplicacións informáticas da oficina virtual tributaria para o pagamento electrónico e a presentación electrónica das autoliquidacións da taxa fiscal sobre o xogo realizado en bingos

IDENTIFICACIÓN DO SUXEITO PASIVO:

Denominación social

NIF

Enderezo

Concello

Provincia

Teléfono

Correo electrónico

IDENTIFICACIÓN DO/S USUARIO/S DA APLICACIÓN:

Nome e apelidos

NIF

Teléfono

Correo electrónico

Idioma3

Nivel de acceso4:

Nome e apelidos

NIF

Teléfono

Correo electrónico

Idioma1

Nivel de acceso2

Nome e apelidos

NIF

Teléfono

Correo electrónico

Idioma1

Nivel de acceso2

RESPONSABLE DE INFORMÁTICA:

Nome e apelidos

NIF

Teléfono

Correo electrónico

1 O idioma poderíase cubrir «galego» ou «castelán», segundo se desexe.

2 Acceso. Se se pon «total», poderanse ver todos os expedientes presentados; se se pon «parcial», só se poderán ver os expedientes gravados por ese usuario exclusivamente.

3 O idioma poderíase cubrir «galego» ou «castelán» segundo se desexe.

4 Acceso. Se se pon «total», poderanse ver todos os expedientes presentados; se se pon «parcial», só se poderán ver os expedientes gravados por ese usuario exclusivamente.

missing image file