Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 53 Martes, 18 de marzo de 2014 Páx. 11483

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Desenvolvemento Rural

RESOLUCIÓN do 27 de febreiro de 2014 pola que se convocan para o ano 2014 as subvencións aos proxectos dinamizadores das áreas rurais de Galicia promovidos por microempresas para o uso das tecnoloxías da información e as comunicacións, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2007-2013.

A Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (en diante, Agader) foi creada como instrumento básico de actuación da Xunta de Galicia para o fomento e a coordinación do territorio rural galego para mellorar as condicións de vida e contribuír a frear o seu despoboamento (disposición adicional 6ª da Lei 5/2000, do 28 de decembro, de medidas fiscais e de réxime orzamentario e administrativo, modificada pola Lei 12/2008, do 3 de decembro, pola que se modifican a Lei 7/1996 e a Lei 5/2000, e pola Lei 15/2010, do 28 de decembro, de medidas fiscais e administrativas).

No marco das súas funcións, desenvolvidas no Decreto 79/2001, do 6 de abril, polo que se aproba o seu regulamento, corresponde a Agader a xestión dos recursos destinados á dinamización das áreas rurais de Galicia.

O Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2007-2013 (PDR), aprobado pola Comisión Europea mediante a Decisión CE(2008) 703, do 15 de febreiro, prevé no eixe 3 diversas medidas dirixidas á mellora da calidade de vida nas zonas rurais e á diversificación da economía rural, cuxa xestión corresponde a Agader. Esas medidas están financiadas, igual que as restantes que integran o PDR, polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), xunto con fondos da Comunidade Autónoma de Galicia e da Administración xeral do Estado.

Esta convocatoria forma parte dun réxime de axudas amparadas no Regulamento (CE) 800/2008 da Comisión, do 6 de agosto de 2008, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado común en aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado (Regulamento xeral de exención por categorías, Diario Oficial de la Unión Europea (DOUE) L 214, do 9 de agosto), que foi comunicado á Comisión Europea e rexistrado co nº X475/2009 (DOUE C nº 5, do 9 de xaneiro de 2010).

A Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) é un ente de dereito público dos sinalados no artigo 1 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia. O seu director xeral ten delegada a aprobación dos procedementos de selección de actuacións con cargo aos recursos que lle sexan asignados para o desenvolvemento do medio rural, así como a súa xestión orzamentaria e a súa distribución, segundo o acordo do Consello de Dirección de Agader do 11 de xullo de 2013 (DOG nº 148, do 5 de agosto).

En consecuencia, e no uso das facultades que me foron conferidas,

RESOLVO:

Primeiro. Obxecto

1. Convocar para o ano 2014, en réxime de concorrencia competitiva, as subvencións para o uso das tecnoloxías da información e as comunicacións promovidas por microempresas, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2007-2013.

2. Manter a vixencia para a presente convocatoria das bases reguladoras aprobadas mediante a Resolución do 22 de abril de 2013 (DOG nº 87, do 7 de maio).

3. Aprobar os formularios para xestionar esta convocatoria, que se xuntan a esta resolución como anexo.

Segundo. Financiamento

A dotación máxima para financiar esta convocatoria é de catrocentos corenta e un mil euros (441.000 euros), con cargo á aplicación orzamentaria 2014-12-A1-712A-7700.

Este crédito está cofinanciado nun 75 % polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), no marco da medida 312 do eixe 3 (Creación e desenvolvemento de microempresas), do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2007-2013.

Terceiro. Requisitos para solicitar a subvención

Todos os proxectos subvencionables deberán cumprir os requisitos seguintes:

a) Que non estean iniciados na data de presentación da solicitude da axuda.

b) Que se desenvolvan no territorio de Galicia exceptuando as zonas incluídas nos perímetros urbanos, definidos como tales no planeamento urbanístico vixente, das cidades de Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo.

c) Que sexan finalistas, é dicir, que no momento da certificación final cumpran os obxectivos e funcións para os que se lle concedeu a axuda.

d) Que sexan viables técnica, económica e financeiramente.

e) Que se axusten ás especificacións indicadas nas presentes bases.

f) Que o promotor do proxecto non teña sido sancionado pola Consellería do Medio Rural e do Mar pola comisión de infraccións en materia de subvencións no prazo dun ano se a infracción foi cualificada como leve, de dous anos se a infracción foi cualificada como grave ou tres anos se a infracción foi cualificada como moi grave. Os prazos computaranse desde a data de remate de presentación das solicitudes.

As subvencións reguladas nestas bases están financiadas con fondos Feader e, polo tanto, serán incompatibles con calquera outra axuda que, para o mesmo gasto ou investimento, leve cofinanciamento comunitario, independentemente do fondo de procedencia e a súa tipoloxía (subvención directa, bonificación de xuros...). Tamén serán incompatibles con outras axudas encadradas en calquera dos outros eixes do PDR. Igualmente, os préstamos do Banco Europeo de Investimentos (BEI), aínda sendo compatibles para un mesmo proxecto, son incompatibles para un mesmo gasto específico.

Coas excepcións anteriores, as subvencións concedidas ao abeiro destas bases reguladoras serán compatibles con outras axudas, subvencións ou recursos destinados á mesma finalidade, tanto de orixe pública como privada, sempre que a intensidade máxima das axudas con fondos públicos non exceda o 50 % do importe elixible do proxecto.

Os beneficiarios das axudas, se é o caso, estarán suxeitos ao réxime sancionador previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (en diante LSG) e desenvolvido no título VI do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da LSG.

Cuarto. Presentación de solicitudes e documentación

As solicitudes dirixiranse ao director xeral de Agader e presentaranse no modelo normalizado (modelo A) que se inclúe no anexo desta resolución. Este modelo validado pola aplicación informática valerá tanto para a presentación en papel, unha vez impreso, como para a presentación electrónica.

As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es),
de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

En caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado, co selo de Correos na primeira folla do formulario para garantir que a data de remisión é anterior á de peche da convocatoria.

Se é o caso, e optar pola presentación en papel, toda a documentación se entregará sen encadernar, obviando espirais, carpetas clasificadoras, peches térmicos, canudos, etc.

Cada empresa só poderá presentar unha única solicitude dentro do período de solicitude de cada ano. No caso de que un mesmo solicitante presente máis dunha solicitude, só se admitirá a trámite a solicitude que tivese entrada en último lugar ante a Administración.

a) Documentación xurídico-administrativa da empresa solicitante.

1º. NIF da entidade solicitante en vigor.

2º. Documento acreditativo de que a persoa que asina a solicitude representa á entidade solicitante, agás no caso de empresarios individuais.

Este documento poderá xustificarse achegando un certificado expedido polo Rexistro Mercantil ou outros rexistros públicos necesarios para ter personalidade xurídica (Rexistro de Cooperativas, Rexistro de Sociedades Laborais, etc.) en que se identifiquen os representantes ou apoderados da entidade solicitante, así como o alcance da dita representación e vixencia. De non achegarse o dito certificado, deberá achegarse a escritura pública de outorgamento do poder ou, de ser o caso, o do nomeamento do representante, que debe estar en vigor na data de presentación da solicitude e presentarse íntegra, e figurar nela expresamente a súa inscrición no rexistro que legalmente lle puider corresponder.

3º. Informe da vida laboral da conta (ou contas) de cotización da entidade solicitante que comprenda os 12 meses anteriores ao de presentación da solicitude, así como os xustificantes de ingreso dos traballadores autónomos.

4º. Modelo 036 de declaración censual.

As solicitudes das persoas interesadas se acompañarán dos documentos e informacións determinadas nos puntos anteriores, salvo que os documentos exixidos xa estean en poder de calquera órgano da administración actuante; neste caso a persoa solicitante poderá acollerse ao establecido na alínea f) do artigo 35 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

b) Documentación técnica relativa ao proxecto, consistente en:

1º. Memoria técnica explicativa, na cal se detallarán todos os aspectos inherentes ao desenvolvemento do proxecto e que serán obxecto de valoración competitiva. A devandita memoria terá unha extensión máxima de 20 páxinas.

Esta memoria técnica presentarase con carácter voluntario, para mellorar a explicación do proxecto. No caso de que o solicitante non a presente dentro do prazo de presentación de solicitudes, entenderase que solicita expresamente a valoración do seu proxecto coa información dispoñible no formulario normalizado (modelo B).

2º. Acreditación de contrato da internet de alta capacidade. Debe achegar copia da última factura mensual en que se recolla o servizo de conexión á internet de alta capacidade. No caso de concorreren as circunstancias excepcionais de imposibilidade de servizo agás por conexión de satélite, deberá achegar oferta dun provedor de conexión vía satélite, que acredite que está en condicións de dispor de conexión vía satélite antes da data límite de xustificación da subvención.

3º. Plano do Sixpac en que se indiquen as coordenadas do proxecto.

c) Documentación económica identificativa das contías dos investimentos.

1º. Orzamento detallado, ordenado e agrupado por partidas, en documento normalizado (modelo C), dos gastos necesarios para a execución do proxecto.

2º. Non terán a consideración de orzamentos as estimacións de gastos realizadas polo solicitante e que carezan do soporte da oferta do provedor ou tarifa oficial do gasto.

3º. Cando o gasto subvencionable supere a contía establecida no artigo 138.3 do Real decreto 3/2011, do 14 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos do sector público –18.000 € cando se trate doutros contratos diferentes aos de obra civil–, deberán presentarse tres ofertas como mínimo (modelo D), de diferentes provedores, salvo que polas especiais características dos gastos non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten. Cando o beneficiario teña a obriga de solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores deberá xustificar nunha memoria a elección da oferta cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

4º. Cando polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que os subministren ou presten e non se poidan presentar as tres ofertas a que se refire o punto c.3º anterior, deberá acreditarse expresamente este feito polo solicitante incluíndo dentro da memoria económica un certificado expedido polo provedor no cal se recolla que é o único provedor existente no Estado. O órgano xestor poderá non aceptar tal circunstancia se considera que non está debidamente motivada ou non queda debidamente acreditada a súa xustificación.

As ofertas presentadas e os provedores escollidos supoñen unha documentación vinculante para o desenvolvemento do proxecto no caso de ser beneficiario da axuda. Non se considerarán subvencionables, parcial ou totalmente, aqueles investimentos dos cales non se presente documentación económica completa conforme o aquí recollido.

d) Calquera outra documentación adicional que o interesado considere conveniente para a correcta avaliación do proxecto.

e) A presentación da solicitude de concesión de subvención polo interesado comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante poderá denegar expresamente o consentimento, e debe presentar entón a certificación nos termos previstos regulamentariamente.

De conformidade co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, se a solicitude non reúne os requisitos establecidos na convocatoria, o órgano competente requirirá ao interesado para que a repare no prazo máximo e improrrogable de 10 días, e indicaralle que, se non o fixer, se terá por desistido da súa solicitude, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da citada lei.

Sen prexuízo do disposto nos parágrafos anteriores, poderá requirirse o solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

Quinto. Prazo para presentar as solicitudes e a documentación xustificativa

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da presente convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

O prazo límite para a execución dos investimentos vinculados aos proxectos subvencionados e para a xustificación dos gastos será o 30 de agosto de 2014.

Sexto. Criterios de valoración das solicitudes

Os criterios de valoración que servirán de base para a determinación da preferencia na concesión da subvención daqueles proxectos que reúnan todos os requisitos exixidos nas presentes bases, serán os seguintes:

a) Localización xeográfica do proxecto: 10 puntos.

Valorarase a variación da poboación do concello no período 2005-2010 segundo os datos do INE.

Asignación de puntuación para a variación da poboación:

– Concellos cunha caída da poboación igual ou maior do 10 %: 10 puntos.

– Concellos cunha caída da poboación igual ou maior do 7,5 % e menor do 10 %: 8 puntos.

– Concellos cunha caída da poboación igual ou maior do 5 % e menor do 7,5 %: 6 puntos.

– Concellos cunha caída da poboación igual ou maior do 2,5 % e menor do 5 %: 4 puntos.

– Concellos cunha caída da poboación igual ou maior que 0 e inferior a 2,5 %: 2 puntos.

– Concellos que incrementan poboación: 0 puntos.

Os proxectos que non teñan localización física determinada terán 0 puntos por localización xeográfica.

b) Descrición e calidade do proxecto (de 0 a 40 puntos).

Segundo á información dispoñible nos formularios normalizados, na documentación económica e, se é o caso, na memoria técnica que presente con carácter voluntario, valoraranse os seguintes elementos:

– Descrición do proxecto e das melloras esperadas (ata 10 puntos).

– Concreción e clareza da información facilitada (ata 20 puntos).

– Nivel de detalle dos orzamentos dos provedores (ata 10 puntos).

c) Páxina web do solicitante (de 0 a 15 puntos, máximo).

Só se valorará a páxina web do solicitante se figura de xeito claro o nome ou razón social, o NIF, o domicilio e, se se tratar de persoas xurídicas, os datos de inscrición no Rexistro Mercantil ou aquel que corresponda, valorándose os seguintes elementos:

– Páxina web cun dominio propio (ata 2 puntos).

– Plano/mapa de situación da empresa (ata 2 puntos).

– Multiidioma (ata 2 puntos).

– Catálogo ou relación polo miúdo de produtos e servizos (ata 2 puntos).

– Cesta de compra ou opción de comercio electrónico (ata 2 puntos).

– Acceso a áreas privadas con claves ou certificados electrónicos (ata 2 puntos).

– Visibilidade de certificados de calidade da empresa en normas ISO (ata 2 puntos).

– Visibilidade doutros certificados distintos de normas ISO (ata 2 puntos).

– Accesibilidade ao contido na web e selos de accesibilidade (ata 2 puntos).

d) Capacidade técnica acreditada na presentación (de 0 a 5 puntos).

Solicitude presentada ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia, sen que sexa necesaria a súa rectificación nin petición de documentación complementaria en papel (5 puntos).

A valoración máxima dos criterios anteriores pode acadar os 70 puntos. Adicionalmente, considerarase o impulso do código libre e software de fontes abertas, así como o emprego da lingua galega na execución das actividades. Estes criterios adicionais serán aplicados en porcentaxe sobre a valoración acadada nos puntos anteriores, do seguinte xeito:

– Impulso ao código libre e ao software de fontes abertas (FLOSS) (0 a 15 % adicional).

Nivel de uso de ferramentas FLOSS para a execución do proxecto.

– Emprego da lingua galega na realización das actividades (0 a 15 % adicional).

Compromiso, con carácter voluntario e recollido no modelo B, de utilización da lingua galega na realización das actividades para as cales se solicita a axuda.

Sétimo. Órganos competentes para a instrución e resolución do procedemento

Os actos de instrución do procedemento corresponden á Subdirección de Planificación e Dinamización do Medio Rural. O órgano competente para a resolución das subvencións é o director xeral de Agader (artigos 8 e 9 da Resolución do 23 de abril antes mencionada).

Oitavo. Prazo para resolver e notificar a concesión da subvención

O director xeral de Agader resolverá motivadamente a selección dos proxectos. O prazo límite para ditar resolución expresa e notificala será o 30 de xuño de 2014. O interesado poderá entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo se, transcorrido o prazo anterior, non se notificou a resolución expresa.

Noveno. Medios de notificación

Ademais de publicarse no DOG as subvencións concedidas ao abeiro destas bases, as notificacións vinculadas a este procedemento, ao tratarse dun procedemento selectivo de concorrencia competitiva e acolléndose ao recollido no artigo 59 da LRXAP, faranse a través do taboleiro de anuncios da sede de Agader (lugar da Barcia, nº 56, Laraño, 15897 Santiago de Compostela) e na web de Agader http://agader.xunta.es

Nas notificacións indicarase de modo expreso que a subvención é concedida en virtude dun programa cofinanciado polo Feader, e o eixe do PDR de Galicia en que se enmarca o proxecto.

Notificada a resolución, e sen prexuízo dos recursos que procedan, transcorridos quince días naturais desde a notificación ou publicación desta sen que o interesado comunicase expresamente a súa renuncia á subvención (modelo E), entenderase que a acepta, e desde ese momento adquirirá a condición de beneficiario.

A renuncia á subvención poderase facer por calquera medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 91 da Lei 30/1992.

Décimo. Documentación xustificativa para o pagamento

a) O beneficiario xustificará a subvención documentalmente, presentará toda a documentación requirida e solicitará o pagamento mediante a presentación do modelo G. A solicitude presentarase en formato papel preferentemente no Rexistro Xeral de Agader ou por calquera dos medios previstos no artigo 38.4 da Lei 30/1992.

b) Cando o importe que derive da solicitude de pagamento presentada polo beneficiario exceda en máis do 3 % a comprobación efectuada por Agader sobre a admisibilidade dos gastos, aplicarase unha redución adicional pola diferenza entre ambos os importes.

c) Para cada un dos gastos realizados presentaranse as facturas orixinais ou documentos probatorios de valor equivalente e os documentos xustificativos que aseguren a efectividade do pagamento. Agader selará as facturas indicando a subvención para cuxa xustificación foron presentadas e se o importe do xustificante se imputa total ou parcialmente á subvención, e, neste último caso, a porcentaxe que resulte afectada pola subvención e, posteriormente, devolveraas ao promotor.

Considéranse documentos xustificativos do pagamento das facturas os seguintes:

1º. Xustificante bancario do pagamento polo beneficiario (transferencia bancaria, xustificante bancario de ingreso de efectivo polo portelo, certificación bancaria), en que conste o número da factura obxecto de pagamento, a identificación da persoa que realiza o pagamento, que deberá coincidir co beneficiario da axuda, e a identificación do destinatario do pagamento, que deberá coincidir coa persoa, empresa ou entidade que emitiu a factura.

2º. Efectos mercantís que permitan o pagamento aprazado. Neste caso, achegarase copia do efecto mercantil acompañada da documentación bancaria (extracto da conta do beneficiario, documento bancario acreditativo do pagamento do efecto, etc.) en que conste claramente que o efecto foi efectivamente cargado na conta do beneficiario dentro do prazo de xustificación.

Non se admitirán como xustificantes os obtidos a través da internet se non están validados pola entidade bancaria.

Non se admitirán pagamentos en metálico nin mediante arrendamento financiero (leasing, renting, etc.).

No caso dunha factura cuxo pagamento se xustifique mediante varios documentos de pagamento, cada un destes deberá facer referencia á factura a que se imputa o pagamento.

No caso de facturas pagadas conxuntamente con outras non referidas ao proxecto, a xustificación do pagamento realizarase mediante a achega do correspondente extracto bancario, acompañado dun dos seguintes documentos: relación emitida polo banco dos pagamentos realizados, orde de pagamentos da empresa selada polo banco.

d) Os gastos xustificados deberán ter correspondencia clara coas partidas do orzamento aceptadas por Agader na resolución de concesión da subvención e responder de xeito indubidable á natureza do proxecto subvencionado. Sen necesidade de instar procedemento de modificación da subvención, Agader poderá aceptar variacións nas partidas de gasto aprobadas, coa condición de que as variacións non superen en conxunto o 20 % do orzamento, que non aumente o importe total do gasto aprobado e que non desvirtúen as características do proxecto e condicións que foron tidas en conta para a resolución de concesión.

e) Se o beneficiario xustifica conceptos e elementos subvencionables aprobados que representen menos do 60 % do importe do investimento subvencionable, entenderase que non acadou os obxectivos propostos na solicitude e, por tanto, perderá o dereito de cobramento da subvención. Se a xustificación é igual ou superior ao 60 %, pero sen acadar o 100 % do investimento subvencionable, percibirá a subvención proporcional correspondente ao investimento xustificado admisible, sempre que cumpra o resto das condicións de concesión e a finalidade ou obxectivos para os cales se concedeu a axuda.

f) Na fase de xustificación do gasto Agader poderá contrastar os prezos achegados polo beneficiario por calquera dos medios previstos no artigo 30, número 5, da LSG co fin de comprobar que os gastos subvencionables se axustan ao valor de mercado. En caso de discrepancia minoraranse os importes aprobados na concesión da axuda.

g) Coa xustificación deberase xuntar unha relación dos equipamentos subvencionados en que conste a marca, o modelo e o número de serie ou referencia equivalente para a súa identificación (modelo H). Estes mesmos datos deben figurar, ademais, na correspondente factura.

h) Copia da factura do servizo de conexión á internet de alta capacidade, contratado polo beneficiario. Esta factura será a última de que dispoña anterior á data de xustificación.

i) No momento da xustificación final da execución do proxecto, e en calquera caso antes do derradeiro pagamento, o beneficiario deberá presentar a declaración sobre o conxunto das axudas solicitadas para o mesmo proxecto.

j) No caso de que o solicitante denegue expresamente a autorización ao órgano xestor para que solicite de oficio os certificados de que se atopa ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, e de que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma nin é debedor por resolución de procedencia de reintegro, deberá achegar estas certificacións.

k) De non autorizar o solicitante a oportuna consulta á Axencia Estatal da Administración Tributaria por parte de Agader para obter a información necesaria, co obxecto de levar unha correcta cuantificación dos indicadores do PDR de Galicia 2007-2013, coa xustificación deberase xuntar, segundo o caso, a seguinte documentación:

Persoas físicas. Declaracións do IRPF ou rexistros contables sobre ingresos e gastos correspondentes aos seguintes exercicios: exercicio en que se finaliza o investimento subvencionado (ano n); dous exercicios posteriores a aquel en que se finaliza o investimento subvencionado (ano n+2).

Persoas xurídicas. Contas de perdas e ganancias dos seguintes exercicios: exercicio en que se finaliza o investimento subvencionado (ano n); dous exercicios posteriores a aquel en que se finaliza o investimento subvencionado (ano n+2).

l) Todas as operacións de investimento incluirán unha visita in situ para comprobar o remate do proxecto obxecto da solicitude de pagamento en cumprimento do Regulamento 65/2011 da Comisión, do 27 de xaneiro de 2011; ademais, terase en conta o disposto no artigo 30.2 da LSG. Os gastos xustificados deben coincidir cos compromisos adquiridos segundo a resolución de concesión da subvención.

Décimo primeiro. Réxime de recursos

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, cabe interpor potestativamente recurso de reposición ante o Consello de Dirección de Agader, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, ou recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da citada publicación no DOG.

Décimo segundo. Información aos interesados

Sobre este procedemento administrativo, que ten o código MR706A, poderase obter documentación normalizada ou información adicional a través das seguintes canles:

a) Páxina web oficial de Agader (http://agader.xunta.es), na súa sección «liña de axudas».

b) O teléfono 981 54 73 82 de Agader.

c) Presencialmente, nas dependencias de Agader, no lugar da Barcia, nº 56, Laraño, 15897 Santiago de Compostela.

Así mesmo, para cuestións xerais sobre este ou outros procedementos, poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia que é o 012 (desde fóra de Galicia 902 12 00 12).

Esta resolución aplicarase desde o día seguinte ao da súa publicación no DOG e o director xeral de Agader poderá ditar os actos necesarios para asegurar a súa correcta aplicación e execución.

Santiago de Compostela, 27 de febreiro de 2014

P.D. (Resolución do 11.7.2013; DOG nº 148, do 5 de agosto)
Antonio Crespo Iglesias
Director xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file