Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 50 Xoves, 13 de marzo de 2014 Páx. 10722

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Desenvolvemento Rural

RESOLUCIÓN do 3 de marzo de 2014 pola que se fai público o acordo de cesión en propiedade, mediante adxudicación directa e a título gratuíto, dun inmoble situado no concello de Friol (Lugo).

A Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) adoptou o 18.2.2014 o acordo de cesión, mediante adxudicación directa e a título gratuíto, dun inmoble situado no concello de Friol (Lugo), a favor do Concello de Friol (Lugo).

De conformidade co artigo 86.1 do Decreto 50/1989, do 9 de marzo, polo que se aproba o Regulamento do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, procede publicar ese acordo.

Por todo isto,

RESOLVO:

Publicar o Acordo do 18.2.2014, da Presidencia da Agader, polo que se cede en propiedade, mediante adxudicación directa e a título gratuíto, un inmoble situado no concello de Friol (Lugo), que se incorpora a esta resolución como documento anexo.

Santiago de Compostela, 3 de marzo de 2014

Antonio Crespo Iglesias
Director xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural

ANEXO

Acordo do 18 de febreiro de 2014, da Presidencia da Axencia Galega
de Desenvolvemento Rural (Agader), polo que se cede en propiedade,
mediante adxudicación directa e a título gratuíto, un inmoble situado
no concello de Friol (Lugo)

A Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) é titular dun inmoble que constitúe masa común nos termos establecidos no artigo 31 da Lei 10/1985, do 14 de agosto, de concentración parcelaria para Galicia, de conformidade co artigo 5.2 en relación co artigo 5.1 a) da Lei 6/2011, do 13 de outubro, de mobilidade de terras.

O Concello de Friol solicitou formalmente a súa cesión, mediante adxudicación directa e a título gratuíto.

O 25.3.2013, o Consello de Dirección da Agader autorizou que se iniciase o procedemento para a transmisión en propiedade do inmoble mediante adxudicación directa e a título gratuíto.

O 8.10.2013, a Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio da Consellería de Facenda emitiu informe favorable sobre a transmisión en propiedade do inmoble, conforme o previsto no artigo 14.2 da Lei 6/2011, do 13 de outubro, de mobilidade de terras.

O 6.11.2013, a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma emitiu informe favorable sobre a transmisión en propiedade do inmoble, conforme o previsto no artigo 11 do Decreto 307/2009, do 28 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Facenda.

O 7.11.2013, o Consello da Xunta de Galicia autorizou a transmisión en propiedade do inmoble, conforme o previsto no artigo 17.3 da Lei 6/2011, do 13 de outubro, de mobilidade de terras.

O 14.2.2014, a Subdirección de Mobilidade de Terras da Agader emitiu informe favorable sobre a transmisión en propiedade do inmoble.

O 11.7.2013, o Consello de Dirección da Agader delegou na persoa titular da presidencia de Agader as competencias para o alleamento e a cesión de bens inmobles e dereitos reais a que fan referencia os artigos 74.2 e 83.2 da Lei 5/2011, do 30 de setembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, segundo fixo público a Resolución do 24 de xullo de 2013 (DOG número 148, do 5 de agosto).

Tendo en conta o exposto, de acordo cos artigos 14 ao 17 da Lei 6/2011, do 13 de outubro, de mobilidade de terras, e 82 e seguintes da Lei 5/2011, do 30 de setembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, e tras a proposta do director xeral da Agader,

DISPOÑO:

Primeiro. Acórdase a cesión, a título gratuíto, a favor do Concello de Friol (Lugo), da propiedade do ben inmoble, de carácter patrimonial, sito no concello de Friol, parroquia do Pacio (Santa María), lugar de Vilacarpide, e que se describe a seguir:

Descrición: predio rústico; terreo dedicado a monte decruable no sitio de Llano de Cubelo, concello de Friol, que limita: ao norte, con María Ángela Rodríguez Vázquez  (150); ao sur, con camiño; ao leste, con camiño, e ao oeste, con camiño. Ten unha extensión superficial de oitenta e nove áreas con noventa centiáreas (8.990 metros cadrados).

Referencia catastral: 27020C502001510000UD.

Inscrición rexistral: inscrita no Rexistro da Propiedade número 2 de Lugo, a nome da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), tomo 1159, libro 69, folio 222, inscrición 1ª, Idufir 2701300619537.

Segundo. A cesión en propiedade queda sometida ás seguintes cláusulas:

1. O inmoble destinarase a un centro de interpretación local multiusos agrogandeiro e forestal.

2. A persoa cesionaria, con coñecemento da situación física e legal do ben, adquíreo ao seu risco e ventura, renunciando ao saneamento por evicción, por vicios ou defectos ocultos e por gravames ocultos que lle concede o Código civil. E débelle remitir cada tres anos á persoa cedente a documentación que acredite o destino do ben.

3. De conformidade cos artigos 85 e 86 da Lei 5/2011, do 30 de setembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, se o ben cedido non se aplica ao fin sinalado no prazo de dous anos desde o outorgamento do documento de cesión, ou deixa de estalo con posterioridade; se se descoida ou utiliza con grave quebrantamento ou se incumpren as condicións do acordo, considerarase resolta a cesión e o ben reverterá na entidade cedente.

Serán por conta da persoa cesionaria o detrimento ou a deterioración sufridos polo ben cedido, sen que sexan indemnizables os gastos en que incorra para cumprir as cargas ou condicións impostas.

A resolución da cesión será declarada polo órgano competente para o seu outorgamento e na resolución que declare a extinción da cesión determinarase, se é o caso, a indemnización polas deterioracións que sufrise o ben, logo da determinación da súa contía mediante taxación pericial.

Na resolución que declare a extinción da cesión, a persoa cedente poderá optar por que o ben reverta, sen dereito a indemnización na persoa cesionaria:

a) Repoñendo o ben ao estado anterior a calquera uso construtivo e/ou non construtivo.

b) Nas mesmas condicións de uso, construtivo e/ou non construtivo, en que se entregou, repoñendo o ben ao estado anterior.

c) Nas condicións de uso, construtivo e/ou non construtivo, en que se atope no momento da extinción da cesión.

4. A persoa cesionaria realizará, pola súa conta, a correspondente alta, baixa ou modificación no Catastro inmobiliario; as inscricións, as anotacións e as altas no Rexistro da Propiedade ou noutros rexistros que correspondan, aínda que estas sexan facultativas e non obrigatorias, así como a declaración de obra nova, se for o caso, inscrita no Rexistro da Propiedade.

Todos os custos e impostos que deriven da cesión serán por conta da persoa cesionaria, incluso o imposto sobre o incremento de valor dos terreos de natureza urbana (plusvalía), se o houber.

5. A persoa cesionaria declara coñecer a situación urbanística do inmoble que se cede, así como os deberes legais e as obrigas pendentes de cumprir en caso de levarse a cabo actuacións de transformación urbanística, renunciando polo tanto á facultade de rescindir o contrato e exixir as indemnizacións que procedan a que alude o artigo 19.3 do Real decreto lexislativo 2/2008, do 20 de xuño, polo que se aproba o texto refundido da Lei do solo.

Terceiro. A cesión formalizarase en documento administrativo subscrito polo órgano unipersoal de goberno da Agader, ou funcionario en quen delegue, e deberá constar nel o acordo de cesión e a aceptación do cesionario.

Cuarto. Agader, a través da Subdirección de Mobilidade de Terras, realizará todos os trámites necesarios para a efectividade de canto se dispón no presente acordo.

Santiago de Compostela, 18 de febreiro de 2014. (P.D. Acordo do 11.7.2013, DOG número 148, do 5 de agosto). A presidenta da Agader, Rosa María Quintana Carballo.