Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 50 Xoves, 13 de marzo de 2014 Páx. 10855

V. Administración de xustiza

Xulgado do Social número 2 da Coruña

EDICTO (1126/2011).

María Adelaida Egurbide Margañón, secretaria xudicial do Xulgado do Social número 2 da Coruña, fago saber que no procedemento ordinario 1126/2011 deste xulgado do social, seguidos por instancia de Borja Vizoso Dovale contra a empresa Wendys Book, S.L., Fondo de Garantía Salarial, Fogasa, sobre ordinario, se ditou a seguinte resolución, cuxa parte dispositiva se xunta:

Xulgado do Social número 2 da Coruña.

Sentenza: 90/2014.

Xulgado do Social número 2 da Coruña.

Procedemento: autos número 1126/2011.

Sentenza.

Na Coruña o 20 de febreiro de 2014.

Vistos por Miguel Herrero Liaño, maxistrado xuíz do Xulgado do Social número 2 da Coruña, os presentes autos número 1126/2011 seguidos por instancia de Borja Vizoso Dovale, representado pola letrada Sra. Moscoso Vidal, contra Wendys Books, S.L., con intervención de Fogasa, que non comparecen, sobre reclamación de cantidade.

Antecedentes de feito.

Primeiro. A parte demandante antes citada formulou demanda con entrada o día 7.11.2011, aclarada por posterior escrito con entrada o día 30.3.2012, que foi remitida a este xulgado, contra a demandada xa mencionada. Pídeselle que se condene a empresa demandada ao pagamento da cantidade de 7.704,66 euros, máis os xuros por mora no pagamento do salario.

Segundo. Que admitida a trámite a demanda foron convocadas as partes aos actos de conciliación e xuízo que tiveron lugar coa asistencia da parte demandante, non comparecendo a demandada, a pesar de ter sido citada legal forma. A demandante ratificou a demanda. Recibido o xuízo a proba, a parte demandante propuxo documental, e logo de declaración de pertinencia uníronse os documentos aos autos, co resultado que figura neles; seguidamente as partes fixeron uso da palabra para conclusións en apoio das súas peticións e quedou o xuízo visto para sentenza.

Terceiro. Que na tramitación deste xuízo se observaron as prescricións legais vixentes.

Feitos probados.

Primeiro. A parte demandante prestou servizos para a empresa demandada desde o 14.7.2010, con categoría profesional de encargado e salario diario de 37,03 euros incluíndo o rateo de pagas extraordinarias.

A empresa procedeu ao despedimento do demandante mediante burofax do 27.9.2011, e en acta de conciliación ante o SMAC do 7.11.2011 recoñeceu a improcedencia do despedimento.

Segundo. A empresa demandada débelle á parte demandante a cantidade de 7.704,66 euros en concepto de salarios das mensualidades de marzo a agosto de 2011. Recóllese no feito segundo da demanda, que se dá por reproducido.

Terceiro. O 19.10.2011 celebrouse acto de conciliación previa ante o SMAC, co resultado de intentado sen efecto ante a incomparecencia da conciliada.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. A anterior relación fáctica despréndese da valoración conxunta da proba practicada en autos, e así da documental presentada pola demandante, comprensiva de contratos de traballo e nómina, así como actas de conciliación. A isto engádeselle a aplicación do artigo 94.2 LPL ante a incomparecencia da empresa e sen prexuízo do que se expresa a seguir sobre a valoración probatoria.

Segundo. No presente procedemento a parte demandante exerce reclamación de cantidade correspondente a diversos conceptos salariais nos termos reflectidos no relato fáctico, non tendo comparecido a empresa demandada, correctamente citada.

O principio regulador da carga da proba nos supostos de reclamación de pagamento de cantidades por salarios devindicados e non percibidos, determina que o reclamante quede obrigado a demostrar a prestación dos servizos cuxo pagamento reclama e, en consecuencia, a devindicación non satisfeita do salario correspondente a eles; e é o demandado, se excepciona o pagamento ou calquera feito impeditivo ou extintivo, a quen lle incumbirá a carga de probar o dito pagamento ou calquera feito impeditivo ou extintivo –sentenzas do Tribunal Supremo do 13 de maio de 1986, 26 de xaneiro de 1988 e 2 de marzo de 1992–. A aplicación do «onus probandi» –coa consecuente imposición ao traballador da carga de acreditar o presuposto constitutivo da súa pretensión– determina a necesidade de que o empregador demandado xustifique o aboamento efectivo das retribucións reclamadas.

Como consecuencia da proba articulada, no suposto de autos, acreditáronse nas actuacións os presupostos constitutivos da obriga, todo o cal comporta as obrigas contidas nos artigos 4.2.f), 29.1º e 53.4 do Estatuto dos traballadores, en relación co artigo 122.3 da Lei reguladora da xurisdición social, correspondéndolle ao demandado a proba dos feitos que impidan, extingan ou enerven tales obrigas (artigos 217.3º e 281 da LAC), non se tendo practicado a dita proba, a demanda debe ser estimada, con obriga de aboamento das cantidades que se declararon probadas.

Vistos os preceptos citados e demais de xeral e pertinente aplicación,

Decido que debo estimar e estimo a demanda que en materia de cantidade foi interposta por Borja Vizoso Dovale fronte a Wendys Books, S.L., con intervención do Fogasa, e, en consecuencia, debo condenar e condeno a parte demandada a que lle aboe á demandante a cantidade de 7.704,66 euros máis os xuros moratorios previstos no artigo 29.3 ET.

Modo de impugnación: advírteselle ás partes que contra a presente resolución poderán interpoñer recurso de suplicación perante o Tribunal Superior de Xustiza que deberá ser anunciado por comparecencia, ou mediante escrito presentado na oficina xudicial dentro dos cinco días seguintes ao da notificación desta sentenza, ou por simple manifestación no momento en que se lle practique a notificación. Advírtaselle igualmente ao recorrente que non sexa traballador ou beneficiario do réxime público de seguridade social, ou habentes causa seus, ou non teña recoñecido o beneficio de xustiza gratuíta, que deberá depositar a cantidade de 300 euros na conta aberta en Banesto a nome desta oficina xudicial co número 1532 0000 36 1126 11, debendo indicar no campo concepto «Recurso» seguido do código «34 Social suplicación», acreditando mediante a presentación do xustificante de ingreso no período comprendido ata a formalización do recurso así como, no caso de ter sido condenado en sentenza ao pagamento dalgunha cantidade, deberá consignar na conta de depósitos e consignacións aberta a cantidade obxecto de condena, ou formalizar aval bancario a primeiro requirimento indefinido pola dita cantidade en que se faga constar a responsabilidade solidaria do avalista, incorporándoos a esta oficina xudicial co anuncio de recurso. En todo caso, o recorrente deberá designar letrado para a tramitación do recurso, no momento de anuncialo.

Así por esta miña sentenza, definitivamente xulgando, o pronuncio, mando e asino.

Publicación. Expídoa eu, secretaria xudicial, para facer constar que no día de hoxe o maxistrado xuíz deposita na Secretaría deste xulgado a anterior sentenza para a súa notificación e publicidade na forma permitida e ordenada pola Constitución e as leis. Mesma data que a sentenza. Dou fe.

E para que sirva de notificación en legal forma a Wendys Book, S.L., en ignorado paradoiro, expido este edicto para a súa inserción no Boletín Oficial da provincia e no Diario Oficial de Galicia.

Advírteselle ao destinatario que as seguintes comunicacións se farán fixando copia da resolución ou da cédula no taboleiro de anuncios da oficina xudicial, salvo o suposto da comunicación das resolucións que deban revestir forma de auto ou sentenza, ou cando se trate de emprazamento.

A Coruña, 24 de febreiro de 2014

Adelaida Egurbide Margañón
Secretaria xudicial