Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 50 Xoves, 13 de marzo de 2014 Páx. 10687

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ORDE do 27 de febreiro de 2014 sobre a aprobación definitiva da modificación puntual da ordenanza número 2 do Plan xeral de ordenación municipal do Porriño.

O Concello do Porriño eleva, para a súa aprobación definitiva, o expediente da modificación puntual da ordenanza nº 2 do Plan xeral de ordenación municipal do Porriño, de conformidade co previsto no artigo 85.7 da LOUG, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

I. Antecedentes.

1. O Concello do Porriño dispón na actualidade de PXOM aprobado o 10 de abril de 2003, recollido nun texto refundido aprobado o 26 de xuño de 2003 ao abeiro da disposición transitoria terceira da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, que sufriu oito modificacións puntuais.

2. No DOG do 18 de abril de 2012 publícase Anuncio do 13 de marzo de 2012, da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental da CMATI, polo que se fai pública a Decisión do 12 de marzo de 2012 de non someter a modificación puntual ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica.

3. Constan no expediente os informes favorables municipais: xurídico do 18 de abril de 2012 e 19 de febreiro de 2013 e técnico do 19 de febreiro de 2013.

4. O Pleno do Concello, en sesión do 26 de agosto de 2013, aprobou inicialmente a modificación puntual e someteuna a información pública durante dous meses, mediante anuncios nos xornais Atlántico Diario e Faro de Vigo do 19 de setembro e no DOG do 27 de setembro.

5. O Pleno do Concello, en sesión do 5 de decembro de 2013, aprobou provisionalmente a modificación puntual.

II. Análise e consideracións.

Unha vez analizado o expediente, e vista a proposta literal que nesta mesma data eleva a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

1. O ámbito de actuación correspóndese co solo urbano reflectido no PXOM, onde é de aplicación a ordenanza nº 2: solo urbano de alta densidade, grao 1.

2. O obxecto da modificación do PXOM consiste en facilitar a execución do plan xeral nos ámbitos da ordenanza nº 2, cambiando a consideración de parcela mínima edificable nela.

3. O interese público da modificación puntual xustifícase en evitar a aparición, no ámbito desta ordenanza, de soares inedificables nos casos en que se cumpran as condicións mínimas de superficie de vivenda establecidas na norma de habitabilidade.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva do planeamento xeral correspóndelle ao conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, de conformidade co disposto nos artigos 89 e 93.4 da LOUG, e no artigo 1 do Decreto 316/2009, do 4 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da CMATI.

III. Resolución.

Visto o que antecede,

RESOLVO:

1. Outorgar a aprobación definitiva á modificación puntual da ordenanza nº 2 do PXOM do Porriño, de acordo co artigo 85.7.a da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

2. De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002 e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, o concello deberá publicar no Boletín Oficial da provincia a normativa e as ordenanzas do PXOM aprobado definitivamente.

3. Notifíquese esta orde ao concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

4. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo, ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 27 de febreiro de 2014

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas