Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 49 Mércores, 12 de marzo de 2014 Páx. 10614

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Facenda

ORDE do 24 de febreiro de 2014 pola que se acorda a adxudicación do procedemento de alleamento dun inmoble situado na rúa dos Concheiros de Santiago de Compostela.

Mediante Orde da Consellería de Facenda do 7 de novembro de 2013 foi autorizado o alleamento, mediante poxa, dun inmoble no concello de Santiago de Compostela.

Logo de publicarse o 9 de xaneiro de 2014 no Diario Oficial de Galicia número 5, e nun xornal de ampla difusión (La Voz de Galicia do mesmo día) o anuncio da Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio de alleamento do citado inmoble, tivo lugar o 19 de febreiro de 2014 a poxa pública anunciada, polo que, á vista das actas da mesa de contratación, de conformidade co disposto no artigo 70 do Decreto 50/1989, polo que se aproba o Regulamento para a execución da Lei do patrimonio da Comunidade Autónoma galega, e tras a proposta da Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio,

DISPOÑO:

Primeiro. Aprobar a seguinte adxudicación:

A Josefa García Seijo, polo prezo de 111.000 euros, o inmoble seguinte:

Predio urbano. Vivenda letra B da primeira planta, pertencente á casa sinalada co número 7-A da rúa dos Concheiros, da cidade de Santiago de Compostela. Inscrito no Rexistro da Propiedade número 1 de Santiago de Compostela co número 32.465, folio 28, libro 360, tomo 1.374. Referencia catastral: 8181422NH3488A0004HP.

Como anexo conta co rocho nº 7, situado na planta baixo cuberta do edificio, equivalente ao 10 % indiviso do pleno dominio desta planta. Inscrito no Rexistro da Propiedade número 1 de Santiago de Compostela co número 32.483-T7, folio 147, libro 361, tomo 1.375.

Segundo. O pagamento do prezo de adxudicación efectuarase segundo o estipulado no artigo 70.3º do Decreto 50/1989, do 9 de marzo, polo que se aproba o Regulamento para a execución da Lei de patrimonio.

Terceiro. A venda formalizarase como corpo certo en escritura pública, e serán por conta da adquirente os custos do seu outorgamento. Os tributos derivados da transmisión serán exixidos conforme o disposto na lexislación tributaria. Así mesmo, quedan a cargo do adxudicatario o pagamento dos custos dos anuncios que se producisen neste procedemento de alleamento.

Cuarto. Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante esta consellería no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, ou recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses.

Santiago de Compostela, 24 de febreiro de 2014

P.D. (Orde 9.1.2012; Diario Oficial de Galicia nº 9, do 13 de xaneiro)
Mª del Socorro Martín Hierro
Secretaria xeral técnica e do Patrimonio da Consellería de Facenda