Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 46 Venres, 7 de marzo de 2014 Páx. 9939

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 14 de febreiro de 2014, da Xefatura Territorial de Lugo, pola que se autoriza, se aproba o proxecto de execución e se declara a utilidade pública, para os efectos de urxente ocupación, dunha instalación eléctrica no concello do Corgo (expediente 018/2011 AT).

Examinado o expediente instruído por instancia da empresa Unión Fenosa Distribución, S.A., con enderezo para os efectos de notificación na Batundeira, nº 2, Velle (Ourense) aprécianse os seguintes

Antecedentes de feito:

Primeiro. Con data do 25 de novembro de 2011, a citada empresa solicita a autorización administrativa, a aprobación do proxecto de execución e a declaración de utilidade pública, en concreto, para a instalación eléctrica da liña de media tensión, centro de transformación e rede de baixa tensión Sabarei de Abaixo e de Arriba, no concello do Corgo, presenta o preceptivo proxecto das instalacións a que fai referencia o Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro (BOE núm. 310, do 27 de decembro), que regula as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, e xunta a relación concreta e individualizada de bens e dereitos afectados pola instalación que determina o artigo 53 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico (BOE núm. 285, do 28 de novembro) e o artigo 143 do Real decreto 1955/2000, antes citado, que a desenvolve.

Segundo. O proxecto someteuse a información pública para os efectos previstos na Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, e no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, mediante Resolución desta xefatura territorial de Economía e Industria do 9 de xaneiro de 2013. Esta resolución foi publicada no diario El Progreso do 23 de xaneiro, no BOP de Lugo do 26 de xaneiro e no DOG do 30 de xaneiro, no taboleiro de anuncios da citada xefatura territorial e no taboleiro de anuncios do Concello do Corgo. Con esta resolución inseríase a relación de bens e dereitos afectados.

Así mesmo, practicouse notificación individual aos interesados incluídos na referida relación de bens e dereitos afectados.

Terceiro. Enviáronse separatas relativas ao proxecto aos diferentes organismos afectados e cumpríronse os trámites establecidos no artigo 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

Cuarto. Durante o trámite de información pública presentaron alegacións José Antonio Ferreiro Palacios e José Soto Rodríguez, mediante escritos do 7 e do 22 de febreiro de 2013, onde solicitan un cambio de traza da liña eléctrica un predio nº 5.

Quinto. Á vista destas alegacións, a empresa beneficiaria, con data do 27.8.2013, presenta o modificado nº 1 da LMT, CT e RBT Sabarei de Abaixo e de Arriba e comunica que chegou a un acordo amigable co propietario do predio nº 5 e co representante dos predios nº 6 e 11. Todo o anterior notificóuselle ao propietario e ao representante dos ditos predios con data do 3.2.2014, sen que formulasen alegacións nin manifestasen oposición pola súa parte. Para o resto dos predios non variaron as afeccións, polo que non se require un novo trámite de información pública para o modificado do proxecto.

Sexto. Persoal dos servizos técnicos desta xefatura territorial emite informe favorable sobre a solicitude obxecto deste expediente e sobre o modificado nº 1, de acordo co disposto na Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, e o disposto no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro. Igualmente, unha vez revisado sobre o terreo o trazado da liña eléctrica proxectada, os referidos servizos técnicos informan de que non se dá ningunha das limitacións para a imposición da servidume de paso de enerxía eléctrica a que se refire o artigo 161 do Real decreto 1955/2000, en relación co artigo 57 da Lei 54/1997, sobre os predios incluídos na relación de bens e dereitos que foi obxecto de información pública e sobre os que a empresa beneficiaria non chegou a un acordo amigable cos seus propietarios.

Para estes feitos son de aplicación os seguintes

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A Xefatura Territorial de Lugo da Consellería de Economía e Industria é competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia; no Decreto 110/2013, do 4 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria, e no Decreto 36/2001, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, en relación co Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, e a Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico.

Segundo. No expediente cumpríronse os trámites sinalados no artigo 53 da citada Lei 54/1997, e os regulamentarios ordenados nos capítulos II e V do título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, que regula o procedemento de autorización de instalacións de enerxía eléctrica. En relación coa aplicación desas normas no presente caso cómpre ter en conta a disposición transitoria segunda da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

Terceiro. Sen prexuízo do anterior, cómpre ter en conta que consonte o artigo 151 do citado Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, en calquera momento a empresa beneficiaria e os titulares dos necesarios bens e dereitos poden convir un mutuo acordo, causando a correspondente conclusión do expediente expropiatorio.

De acordo co exposto e en virtude das competencias que ten atribuídas, esta xefatura territorial

RESOLVE:

Primeiro. Autorizar a Unión Fenosa Distribución, S.A. o establecemento da instalación eléctrica denominada LMT, CT e RBT Sabarei de Abaixo e de Arriba e modificado nº 1, no concello do Corgo, coas seguintes características técnicas principais:

1. Liña de media tensión aérea a 20 kV, cunha lonxitude de 1.377 metros con orixe no apoio metálico existente da LMT derivada ao CT Sabarei de Abaixo, en condutor LA 56 e final no apoio de formigón proxectado nº 9, sobre apoios de formigón (7) e metálicos (2).

2. Centro de transformación de intemperie de 50 kVA, cunha relación de transformación de 20.000/400-230 V, en Sabarei de Arriba sobre apoio de formigón (nº 9 no proxecto).

3. Rede de baixa tensión aérea en condutor RZ, cunha lonxitude de 982 metros, con orixe no centro de transformación proxectado de Sabarei de Arriba, sobre apoios de formigón (49) existentes.

Segundo. Aprobar o proxecto de execución e o modificado nº 1 da instalación eléctrica LMT, CT e RBT Sabarei de Abaixo e de Arriba visados, respectivamente, os días 9 de xuño de 2011 e 5 de agosto de 2013 cos números CO111390 e 20131408, polo ICOIIG da Coruña, e asinados polos enxeñeiros industriais Jesús Rodríguez Casal, colexiado número 1857, e Burkard Hecht Elorduy, colexiado número 2633.

Terceiro. Declarar a utilidade pública, en concreto, da instalación eléctrica obxecto do presente expediente, o que implica a necesidade de ocupación dos bens ou da adquisición dos dereitos afectados e a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa. Por isto, en cumprimento do disposto neste artigo, acórdase que o representante da Administración dea comezo, na data e hora que a cada interesado se lle notificará individualmente, ao levantamento das actas previas á ocupación dos predios contidos na relación de bens e dereitos publicada no diario El Progreso do 23 de xaneiro de 2013, no Boletín Oficial da provincia de Lugo do 26 de xaneiro de 2013 e no Diario Oficial de Galicia do 30 de xaneiro de 2013, expostas no taboleiro de anuncios desta xefatura territorial e no taboleiro de anuncios do Concello do Corgo. Así mesmo, faise constar que ata o momento do levantamento das actas previas se poderán formular as alegacións que se consideren oportunas, para os efectos de rectificar posibles erros na relación de bens afectados que foi obxecto de publicación nos medios e nas datas anteriormente referidos. Estas alegacións deberanse presentar por escrito ante esta xefatura territorial de Economía e Industria (Edificio Administrativo da Xunta de Galicia en Lugo, rolda da Muralla, 70, 27071 Lugo).

Todo isto de acordo coas condicións seguintes:

Primeira. As instalacións que se autorizan terán que realizarse de acordo coas especificacións e cos planos que figuran no proxecto LMT, CT e RBT Sabarei de Abaixo e de Arriba e o seu modificado nº 1, presentados pola empresa Unión Fenosa Distribución, S.A.

Segunda. O peticionario asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e logo da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade con carácter permanente.

Terceira. Deberase cumprir canto establece a lexislación técnica de liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias, de acordo co Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, así como, de ser o caso, a lexislación aplicable ás instalacións de baixa tensión e as súas instrucións técnicas complementarias de acordo co Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, ademais do resto de normativa e directrices vixentes que sexan de aplicación.

Cuarta. Para introducir modificacións nas instalacións que afecten datos básicos do proxecto será necesaria a autorización previa desta xefatura territorial.

Quinta. O prazo para a execución das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data de notificación/publicación desta resolución.

Sexta. A Administración reserva para si o dereito de deixar sen efecto esta autorización por calquera das causas establecidas no artigo 34 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, por incumprimento das condicións impostas ou por calquera outra causa excepcional que o xustifique.

Sétima. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial o outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

A publicación desta resolución realízase tamén para os efectos previstos no artigo 59.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro), cando os titulares dos predios propostos sexan descoñecidos, non se saiba o lugar de notificación, ou ben, tentada a notificación, non se puidese realizar, e así dirixirlle ao Ministerio Fiscal as dilixencias que se produzan de conformidade co establecido no artigo 5 da Lei de expropiación forzosa de 1954.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, cabe interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Economía e Industria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación/publicación nos termos establecidos nos artigos 107, 110, 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro), sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Lugo, 14 de febreiro de 2014

José Manuel Vázquez Leirado
Xefe territorial de Lugo