Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 44 Mércores, 5 de marzo de 2014 Páx. 9434

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

RESOLUCIÓN do 26 de febreiro de 2014 pola que se procede a publicar o Acordo de encomenda de xestión de diversas consellerías a prol desta consellería, para a colaboración nun programa de inspección e control da incapacidade temporal para os anos 2014-2016 na Comunidade Autónoma de Galicia.

Coa finalidade de dar cumprimento ao disposto no artigo 8.4 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, procédese a publicar no Diario Oficial de Galicia o Acordo de encomenda de xestión de diversas consellerías a prol da Consellería de Sanidade, para a colaboración nun programa de inspección e control da incapacidade temporal para os anos 2014-2016 na Comunidade Autónoma de Galicia, aprobado no Consello da Xunta de Galicia do 5 de decembro de 2013.

Para xeral coñecemento, disponse a súa publicación como anexo a esta resolución.

ANEXO

Acordo de encomenda de xestión de diversas consellerías
a prol da Consellería de Sanidade

Primeiro.

O dito acordo de encomenda de xestión subscribírono as seguintes consellerías o 9 de decembro de 2013:

– Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

– Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

– Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

– Consellería de Traballo e Benestar.

– Consellería do Medio Rural e do Mar.

– Consellería de Sanidade.

Segundo. Actividades a que se refire

Dentro do obxecto deste acordo de encomenda de xestión desenvolverase un programa especial de inspección e control da incapacidade temporal por parte dos servizos de Inspección Sanitaria da Consellería de Sanidade como prioridade e folla de ruta para os vindeiros anos 2014, 2015 e 2016.

Para acadar a maior efectividade do programa e a maior eficiencia na racionalización da incapacidade temporal, para os efectos da súa execución, levarase a cabo a colaboración necesaria entre o persoal médico asesor dependente de cada consellería e as unidades de Saúde Laboral dos servizos de Inspección Sanitaria provinciais da Consellería de Sanidade.

Na súa virtude, por proposta da Consellería de Sanidade, o Consello da Xunta de Galicia, decidido a facilitar e promover a colaboración e unidade de acción entre os diferentes departamentos da Administración da Xunta de Galicia afectados, promove o presente acordo de encomenda de xestión para gañar en efectividade, polo que determina levala a cabo.

Terceiro. Natureza e alcance da xestión

O obxecto do acordo de encomenda de xestión é propiciar unha colaboración eficiente entre os diferentes departamentos da Xunta de Galicia para levar a cabo o control da prestación sanitaria por incapacidade temporal do empregado público da función pública galega adscrito, para os efectos deste aseguramento, ao mutualismo administrativo de Muface e Muxexu. Trátase, por tanto, de comprobar que o absentismo por incapacidade temporal se adecúe a situacións médicas reais en que o repouso laboral debe formar parte do tratamento clínico, o que cumpriría con dúas premisas esenciais que garantirán unha maior eficiencia na Administración da Xunta de Galicia para:

1. Evitar a potencial existencia de prácticas que desvirtúen a esencia da prestación.

2. Reducir as repercusións económicas das prácticas incorrectas dentro do capítulo I dos orzamentos xerais da Xunta de Galicia.

En consecuencia, o acordo define o ámbito de aplicación, concreta as cuestións de competencia e a colaboración entre as unidades e axentes implicados para acadar con éxito un área do programa especial de inspección e control da incapacidade temporal, no ámbito do empregado público que pertence ao réxime especial da Seguridade Social de funcionarios civís do Estado e da Administración de xustiza xestionado por Muface e Muxexu, respectivamente, non sometido ata este momento a ningún control por parte das unidades de saúde laboral da Inspección Sanitaria.

Tamén responde á finalidade de precisar a colaboración entre as consellerías da Xunta de Galicia asinantes do presente acordo de encomenda de xestión para que os servizos de Inspección Sanitaria da Consellería de Sanidade se convertan en unidades de asesoramento facultativo a que os órganos de persoal respectivos poidan solicitar informe para os efectos de valoración da incapacidade temporal para a concesión de licenzas, de acordo co disposto no artigo 90.1.a) do Decreto 375/2003, polo que se aproba o Regulamento do mutualismo administrativo.

Así mesmo, o acordo de encomenda de xestión ten como último fin a efectiva abordaxe dun programa especial de inspección e control da incapacidade temporal dentro do Plan de prioridades de inspección sanitaria da Consellería de Sanidade para os anos 2013-2016, e cumprir coas actuacións e obxectivos dos anexos deste acordo.

Cuarto. Prazo de vixencia

O acordo de encomenda de xestión entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e producirá efectos ata o 31 de decembro de 2016; poderá ser prorrogado por períodos anuais mediante acordo expreso das partes formalizado con anterioridade á súa finalización, o cal deberá ser tamén obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia. Sen prexuízo do sinalado, con anterioridade á data de terminación da súa vixencia, poderá ser denunciado por calquera das partes asinantes ou, de ser o caso, revogado por acordo do Consello de Goberno da Xunta de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de febreiro de 2014

Rocío Mosquera Álvarez
Conselleira de Sanidade