Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 41 Venres, 28 de febreiro de 2014 Páx. 8670

III. Outras disposicións

Consellería de Traballo e Benestar

ORDE do 20 de febreiro de 2014 pola que se establecen as bases que rexen as axudas para o programa Galeuropa a mozos e mozas para a realización de prácticas formativas non remuneradas en empresas de calquera Estado ou país, agás España, e se procede á súa convocatoria.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27, parágrafos 22, 23 e 24, establece que lle corresponde á Comunidade Autónoma galega a competencia exclusiva nas materias de promoción do deporte e a adecuada utilización do lecer, asistencia social, así como a promoción do desenvolvemento comunitario, que se aplica, entre outros, ao ámbito da xuventude.

Mediante o Decreto 285/1989, do 16 de decembro, asúmense as funcións e servizos transferidos pola Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de promoción sociocultural, no ámbito da mocidade e desenvolvemento comunitario.

O artigo 15 da Lei 6/2012, do 19 de xuño, de xuventude de Galicia, dispón que a Xunta de Galicia potenciará a mobilidade entre a xuventude galega, desenvolvendo programas para a realización de estudos, cursos e actividades noutras comunidades autónomas, na Unión Europea e noutros países, co obxectivo de potenciar o coñecemento da diversidade e riqueza cultural, o que contribuirá á súa formación e posterior inserción laboral.

De conformidade co Decreto 42/2013, do 21 de febreiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Traballo e Benestar, correspóndelle á Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, entre outras funcións, a dirección e xestión das actuacións en materia de xuventude, así como das políticas xuvenís de carácter interdepartamental e de apoio ao desenvolvemento da actividade xuvenil, e o fomento da participación da mocidade na vida social.

A Consellería de Traballo e Benestar considera prioritario apoiar a formación da xuventude, reducir os obstáculos lingüísticos e fomentar a súa autonomía persoal mediante a mellora da súa empregabilidade e mobilidade.

Neste marco xeral hai que indicar que esta orde ten por obxecto establecer as bases para regular a concesión de axudas a mozos e mozas galegos/as para estadías de prácticas formativas non remuneradas que se realizarán en empresas de calquera Estado ou país estranxeiro agás España, e proceder á súa convocatoria.

Segundo as demandas das últimas convocatorias procédese a abrir a posibilidade de realizar as prácticas formativas a calquera país fóra mesmo do ámbito europeo, co obxecto de potenciar a experiencia profesional dos mozos e mozas galegos e galegas, mediante o coñecemento doutros mercados laborais.

Esta convocatoria axústase ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e, en concreto, no relativo aos principios de obxectividade, concorrencia e publicidade na concesión de axudas e subvencións, ao establecido no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, e ás disposicións aplicables da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, a Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e o Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006.

Na súa virtude, e no uso das atribucións que me foron concedidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta disposición ten por obxecto establecer as bases para regular a concesión de axudas, en réxime de concorrencia competitiva, a mozos e mozas galegos e galegas para estancias de prácticas formativas non remuneradas que se realizarán en empresas de calquera Estado ou país estranxeiro, agás España, e proceder á súa convocatoria.

2. As estadías teñen como finalidade apoiar as persoas participantes en actividades de formación para adquirir os coñecementos, competencias e cualificacións que complementen o desenvolvemento persoal e profesional, facilitando a mobilidade dos/as traballadores/as polos distintos países a nivel mundial e promovendo o desenvolvemento e a súa transferencia entre os países participantes ao mesmo tempo que perfeccionan as habilidades lingüísticas nun idioma estranxeiro, salvo que o país de destino sexa un país de fala hispano-portuguesa.

3. As prácticas terán unha duración de 8 semanas (agás causa de forza maior debidamente xustificada segundo o establecido no último parágrafo do artigo 14), cun mínimo de 25 horas formativas semanais, e desenvolveranse no período comprendido entre o día seguinte ao da publicación da resolución definitiva de persoas beneficiarias e o 30 de outubro de 2014.

Artigo 2. Financiamento e contía das axudas

1. Para o financiamento destas axudas, existe crédito suficiente e adecuado na Lei 11/2013, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014 (DOG núm. 249, do 31 de decembro) e consignado na aplicación orzamentaria 11.06.313A.480.0, por unha contía de 600.000 euros.

2. A contía máxima por participante, por 8 semanas, é a indicada na seguinte táboa. A contía adxudicada a cada persoa beneficiaria corresponderase coa cantidade que esta xustifique dentro dos límites da contía máxima sinalada.

País de acollida

Importe

8 semanas

País de acollida

Importe

8 semanas

País de acollida

Importe

8 semanas

Alemaña

1.875 €

Finlandia

2.290 €

Malta

1.710 €

Austria

2.040 €

Francia

2.205 €

P. Baixos

2.040 €

Bélxica

1.955 €

Grecia

1.875 €

Polonia

1.625 €

Bulgaria

1.465 €

Hungría

1.710 €

Portugal

1.790 €

Chipre

1.790 €

Irlanda

2.125 €

R. Checa

1.790 €

Croacia

1.875 €

Islandia

2.040 €

R. Unido

2.400 €

Dinamarca

2.400 €

Italia

2.125 €

Romanía

1.540 €

Eslovaquia

1.710 €

Letonia

1.625 €

Suecia

2.290 €

Eslovenia

1.875 €

Lituania

1.625 €

Turquía

1.710 €

Estonia

1.625 €

 

Luxemburgo

1.955 €

 

Outros

2.400 €

Artigo 3. Incompatibilidade das axudas

Estas axudas son incompatibles con calquera outro tipo de axudas ou bolsas de institucións públicas, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais, destinadas a actividades similares, para o mesmo período de tempo.

Cando o órgano instrutor teña coñecemento de que unha persoa beneficiaria percibiu outra ou outras subvencións incompatibles coa outorgada sen efectuar a correspondente renuncia, poderá exixir o reintegro desta axuda.

Artigo 4. Destinatarios/as

1. Poderán solicitar as axudas as mozas e os mozos que cumpran os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e ademais os seguintes:

a) Ser galego/a e estar empadroado/a en calquera concello de Galicia.

b) Ter entre 18 e 30 anos ao remate do prazo de presentación de solicitudes.

c) Estar en posesión dalgunha das titulacións sinaladas nos parágrafos seguintes, acreditada por calquera centro público ou privado de Galicia, ou estar en condicións de obtela no momento de presentar a solicitude:

– Título de técnico/a ou técnico/a superior (grao medio ou superior) de Formación Profesional, de Ensinanzas Profesionais de Artes Plásticas e Deseño ou de Ensinanzas Deportivas.

– Título universitario de grao ou equivalente (licenciado/a, arquitecto/a, enxeñeiro/a e diplomado/a, arquitecto/a, técnico/a, enxeñeiro/a técnico/a ou titulacións equivalentes das Ensinanzas Artísticas Superiores.

d) Que a dita titulación se obtivese nos cinco anos inmediatamente anteriores á data da convocatoria.

e) Posuír coñecemento da lingua do país de destino elixido na solicitude cun nivel suficiente para desenvolver unha práctica formativa na empresa axeitada ao seu grao de formación académica. O coñecemento do inglés considérase válido como lingua vehicular para calquera país que non teña como lingua oficial o francés, alemán ou italiano.

2. Serán excluídos/as os/as solicitantes que se atopen nalgunha das situacións de prohibición recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 5. Solicitudes e documentación

1. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia a nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia.

Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

En caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado, co selo de correos na primeira folla do formulario para garantir que a data de remisión é anterior á de peche da convocatoria.

2. A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada, segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

3. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto no artigo 29 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Polo tanto, o día final do citado prazo será o correspondente, no mes seguinte, ao mesmo número ordinal do día da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Se no mes de vencemento non houber día equivalente ao da publicación, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

4. Xunto coa solicitude deberá achegar:

a) Currículum vítae modelo europeo.

b) Copia do DNI cando o/a solicitante non autorice a Consellería de Traballo e Benestar a consulta dos seus datos no Sistema de verificación de datos de identidade.

c) Copia do título académico polo que opta á axuda, ou documentación que acredite suficientemente que está en disposición de obtelo.

d) Certificado de empadroamento nalgún concello de Galicia cando o/a solicitante non autorice a Consellería de Traballo e Benestar a consulta dos seus datos no Sistema de verificación de datos de residencia.

e) Copia do título de idiomas ou certificado acreditativo dun dos niveis encadrados no Marco Europeo de Referencia das Linguas (mínimo A1).

5. A elección do país de destino na solicitude será vinculante. A presentación da solicitude implica a aceptación das bases.

Artigo 6. Instrución

1. Unha vez rematado o prazo de presentación das solicitudes, a Subdirección Xeral de Promoción de Actividades procederá á instrución do expediente de comprobación da corrección da documentación administrativa achegada. De existir defectos ou falta de documentación, requiriralle á persoa solicitante que nun prazo de dez días seguintes á recepción do requirimento, envíe os documentos que se lle demanden, con indicación de que, se así non o fixese, considerarase que desistiu da súa petición, de conformidade co previsto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, logo de resolución, que será ditada nos termos do artigo 42.

2. Simultaneamente á emenda de deficiencias materiais da documentación, coa finalidade de comprobar a adecuación do/a solicitante ao programa, por vía telemática, especificando día, hora e lugar, todas as persoas solicitantes serán convocadas a:

– Unha proba escrita de nivel de idioma do país de destino sempre que o idioma oficial sexa o inglés, francés, alemán ou italiano; se o país de destino ten outro idioma a proba será en inglés, agás para os/as solicitantes que acrediten coñecemento do idioma do país equivalente ao Marco Europeo de Referencia das Linguas (MERL), nivel mínimo A1. Tamén estarán exentas as persoas que elixan un país de destino de fala hispano-portuguesa.

– Un test escrito de motivación.

– Unha entrevista persoal de intercambio de información e confirmación de itinerario profesional.

3. As probas e entrevistas serán realizadas e avaliadas por técnicos/as designados/as pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, e deixarase constancia no expediente do resultado das probas e da valoración efectuada, mediante informe subscrito polos/as técnicos/as avaliadores/as, que terá carácter motivado.

Non obstante, a avaliación das probas e entrevistas realizadas aos/ás solicitantes que foran requiridos/as para emendar a documentación presentada quedará condicionada á efectiva emenda en tempo e forma.

Artigo 7. Comisión de avaliación e órgano instrutor

1. A comisión de avaliación estará integrada polos/as seguintes membros:

Presidenta: a subdirectora xeral de Promoción de Actividades, ou persoa en quen delegue.

Secretario/a: un/unha funcionario/a da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado.

Vogais:

– A xefa do Servizo de Promoción de Actividades e Mobilidade Xuvenil.

– Un/unha técnico/a da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado.

2. Se por calquera causa, no momento en que a comisión de avaliación teña que examinar as solicitudes, algún/algunha dos/as compoñentes non puidese asistir, será substituído/a pola persoa que para o efecto se nomee.

3. A instrución do procedemento correspóndelle á Subdirección Xeral de Promoción de Actividades.

Artigo 8. Criterios de avaliación

1. O procedemento de concesión das axudas será en réxime de concorrencia competitiva e conforme os principios de publicidade, transparencia, igualdade e non discriminación. A comisión de avaliación levará a cabo unha selección das persoas candidatas para o que terá en conta os seguintes criterios:

1) Ter buscada unha empresa onde realizar as prácticas, e acreditalo presentando o anexo IV asinado no momento da entrevista: 1 punto.

2) Non ter feito ningunha outra modalidade de prácticas formativas no estranxeiro (incluídas convocatorias anteriores de Galeuropa, e bolsas Leonardo da Vinci e/ou Erasmus de prácticas) nos últimos dous anos: 2 puntos e no último ano: 1 punto.

3) Ser titulado/a (técnico/a ou técnico/a superior) de formación profesional ou de ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño ou de ensinanzas deportivas nos últimos cinco anos: grao medio: 2 puntos e grao superior: 1,5 puntos.

4) Entrevista persoal: ata un máximo de 4 puntos, na que se valorará o grao de implicación e coñecemento específico da mobilidade, e a autonomía para xestionala, a capacidade de comunicación e resolutiva, as habilidades de interrelación e a claridade de expresión.

5) Proba motivacional de realización de prácticas: ata un máximo de 1 punto.

6) Nivel de coñecemento do idioma estranxeiro. O baremo estará en relación ao nivel do MERL: A1= 0,50 puntos; A2= 1 punto; B1= 1,5 puntos; B2= 2 puntos; C= 2,5 puntos, e só se aplicará para as certificacións oficiais acreditativas de cada nivel relacionadas no anexo II.

As restantes certificacións de coñecemento de idioma valoraranse con 0,50 puntos.

A proba de idioma valorarase ata un máximo de 2 puntos.

A exención da proba por elección dun país de fala hispano-portuguesa equivale á máxima puntuación da proba.

2. No suposto de que se produzan empates nas puntuacións de dúas ou máis persoas solicitantes, o criterio de desempate será a puntuación máis alta obtida nos puntos precedentes na mesma orde en que están establecidos.

De persistir o desempate, teríanse en conta os criterios de maior antigüidade no título e de maior idade, e por esta orde.

Artigo 9. Proposta de resolución e listaxes provisionais

1. Rematadas as probas e entrevistas, o expediente pasará á comisión de avaliación, quen avaliará todas as solicitudes e levantará acta coa puntuación obtida por cada solicitante. Á vista da acta da comisión de avaliación o órgano instrutor procederá a formular a proposta de resolución, segundo os casos:

a) En relación aos/ás solicitantes que non emendaron en tempo e forma a documentación requirida, ou non concorresen á realización das probas ou da entrevista persoal, formularase proposta de inadmisión a trámite das súas solicitudes.

b) En relación ao resto de solicitudes, proporase a súa admisión a trámite e formularase proposta de resolución.

A concesión da subvención efectuarase consonte a orde de prelación establecida pola comisión de avaliación en aplicación dos criterios definidos no artigo 8 e ata esgotar o crédito orzamentario.

As persoas admitidas que non sexan propostas como adxudicatarias inicialmente por esgotarse o crédito orzamentario pasarán a formar parte da lista de reserva.

En todo caso, a concesión da subvención quedará condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión e, de ser o caso, limitarase a que exista o período de tempo necesario para realizar as prácticas.

2. A relación provisional de persoas excluídas a de admitidas e mais a lista de espera, coa puntuación obtida e o país de destino, será publicada na páxina web da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado http://www.xuventude.xunta.es

As persoas interesadas terán o prazo dos 5 días hábiles posteriores á data da exposición pública da relación provisional para efectuar as reclamacións que consideren oportunas. As ditas reclamacións entenderanse resoltas coa publicación da listaxe definitiva.

Artigo 10. Resolución

1. Unha vez comprobadas as reclamacións presentadas contra a relación provisional, o órgano instrutor elevará a proposta de resolución ao director xeral de Xuventude e Voluntariado quen, por delegación da conselleira de Traballo e Benestar e logo da fiscalización da intervención, ten a competencia para a adxudicación das axudas mediante a correspondente resolución, que se notificará ás persoas solicitantes no prazo de dous meses desde a publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o dito prazo sen que recaia resolución expresa, deberá entenderse desestimada a petición correspondente.

2. A resolución terá o seguinte contido:

– Beneficiarios/as das axudas.

– País de destino no que cada beneficiario/a desenvolverá as súas prácticas formativas.

– Puntuación acadada.

– Lista de reserva de posibles suplentes para o caso de renuncias ou baixas.

3. Ao abeiro do disposto no artigo 59.6.b) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e procedemento administrativo común, a notificación da resolución realizarase exclusivamente a través de súa publicación na páxina web da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, http://www.xuventude.xunta.es. Realizada a notificación da resolución, os/as adxudicatarios/as terán un prazo de dez días hábiles para a súa aceptación ou renuncia cubrindo o cadro que corresponda no anexo III.

4. A resolución comprenderá o acto de outorgamento da axuda. Malia isto, a axuda non será efectiva ata que se concrete a empresa de destino das prácticas, presentando o anexo IV debidamente asinado.

No caso de non ter presentada a aceptación da empresa no momento da entrevista, deberán facelo no prazo indicado no punto 5 deste artigo e, de non facelo así, a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado declarará a perda do dereito á axuda, sen que esta declaración dea lugar a ningún tipo de dereito indemnizatorio para a persoa interesada.

Publicada a resolución, a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado colaborará, en todo momento, coas persoas beneficiarias e prestaralles apoio para o desenvolvemento do programa.

5. No caso de aceptar a axuda a persoa beneficiaria, deberá presentar na Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado a seguinte documentación:

– No prazo de dez días hábiles, o anexo III co cadro de aceptación da axuda marcado, xunto co número de conta bancaria da que sexa titular. No caso de que solicite o anticipo previsto no artigo 11.3.2 terá que indicalo no mesmo anexo III marcando o cadro previsto para o efecto.

– No prazo de vinte días hábiles, o anexo IV, debidamente cuberto e selado pola empresa estranxeira na que se realizarán as prácticas, agás que se entregase previamente na entrevista. (Polas súas características especiais, considerarase válida a entrega inicial deste anexo IV por correo electrónico, sempre e cando se achegue o orixinal antes de rematar o prazo de xustificación da subvención).

– Ata dous días antes de iniciar as prácticas, entregará copia da tarxeta sanitaria europea ou do seguro médico que dea unha cobertura equivalente no país de destino, durante o período das prácticas.

6. A resolución recaída neste procedemento pon fin á vía administrativa e contra ela poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte á notificación –ou publicación– da resolución, se o acto fose expreso, ou no prazo de tres meses contado a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, ante o mesmo órgano que as ditou ou ser impugnadas directamente ante a orde xurisdicional contencioso-administrativa, no prazo de dous meses se o acto é expreso e de seis meses, se é presunto, contados a partir do día seguinte ao da notificación –ou publicación– da resolución ou do día seguinte a aquel en que, de acordo coa súa normativa específica, se produza o acto presunto (artigo 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa).

Artigo 11. Xustificación da axuda e pagamento

1. Son gastos subvencionables:

– A estadía (inclúe gastos de manutención, aloxamento e materiais de primeira necesidade: farmacéuticos, de hixiene persoal e hixiene da vivenda).

– Os gastos de viaxe e transporte.

– Os gastos da entidade intermediaria, nacional ou estranxeira, para a busca da empresa para a realización das prácticas formativas, de ser o caso.

– Gastos derivados de transferencias bancarias necesarias para o pagamento de facturas ou documentos equivalentes.

– Seguro de responsabilidade civil e seguro médico, no caso de que fosen imprescindibles.

2. Xustificación da subvención:

Finalizada a estadía para a realización das prácticas formativas, os/as beneficiarios/as procederán –ata o 15 de novembro de 2014– á xustificación do 100 % da axuda, mediante a presentación da seguinte documentación:

– Declaración complementaria de non ter percibido outras axudas para a mesma actividade, das administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades, segundo o modelo do anexo VII.

– Declaración de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e/ou fronte á Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da comunidade autónoma.

– Certificado emitido pola empresa en que constará a efectiva realización das prácticas formativas, así como o período en que se desenvolveron, o número de horas laborais por semana e as actividades levadas a cabo, de conformidade co modelo do anexo V e V-B desta orde.

– Relación numerada de todos os gastos efectuados (con indicación da data do gasto, identificación do/da emisor/a (nome e número/código de identificación fiscal), forma de pagamento e o seu importe (en moeda local e o seu equivalente en euros), seguindo o modelo establecido no anexo VI.

– A documentación acreditativa do gasto e do seu pagamento, conforme o indicado nos puntos seguintes.

2.1. Documentación acreditativa do gasto.

O gasto xustificarase mediante facturas orixinais e demais documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa, dos gastos derivados da realización das prácticas formativas. Deberán presentarse numeradas por orde cronolóxica e a numeración coincidirá coa relación de gastos indicada no punto anterior. En canto ao contido das facturas, haberá que aterse ao disposto nos artigos 6 e 7 do Real decreto 1619/2012, que contén o Regulamento das obrigas de expedir facturas por empresarios e profesionais.

En casos excepcionais en que se xustifique a imposibilidade de obter a correspondente factura, para gastos de escasa contía, poderase admitir a xustificación de gastos mediante a achega de recibos, nos cales deberá constar a data, a identificación do emisor e a contía total que se poderá xustificar, deste xeito non poderá superar o 20 % da axuda ou da cantidade xustificada, de ser esta inferior a aquela e sen prexuízo da minoración que, de ser o caso, corresponda.

2.2. Xustificación do pagamento.

O pagamento de recibos ou facturas xustificarase mediante extractos ou certificacións bancarias debidamente identificados.

No caso de pagamentos realizados mediante tarxeta de crédito/débito, deberá xustificarse, ademais, a acreditación da súa titularidade.

Excepcionalmente, en supostos debidamente xustificados e motivados polo órgano concedente, nos cales o pagamento se faga en efectivo, poderá aceptarse a xustificación do pagamento mediante xustificante da recepción do provedor, ben a través dun documento separado ou mediante dilixencia no xustificante de gasto, en ambos os dous casos coa data de cobramento, a sinatura do provedor e a identificación correspondente. Todo isto unicamente para gastos de escasa contía e por importe sempre inferior a 200 euros.

Para gastos superiores a 200 euros non poderán aceptarse, en ningún caso, paga-mentos en efectivo.

Con respecto a este punto, haberá que ter en conta que o gasto só será subvencionable cando se acredite de xeito suficiente e adecuado que se realizou o seu pagamento con anterioridade á finalización do prazo de xustificación da axuda.

3. Pagamento da subvención.

3.1. Unha vez recibida e comprobada a documentación, poderase proceder ao pagamento da axuda concedida.

No caso de que o gasto certificado mediante facturas, documento equivalente ou recibos, sexa inferior ao orzamento da axuda, a contía desta axuda será minorada na mesma porcentaxe.

Tamén se minorará a axuda no caso de renuncia, unha vez iniciadas as prácticas. Neste caso, teranse en conta os gastos íntegros da viaxe de ida e volta ao país de destino das prácticas e a diferenza será minorada de xeito proporcional ao tempo de prácticas efectivamente realizadas.

3.2. De acordo co previsto no artigo 63 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, farase o anticipo do 80 % a aqueles/as beneficiarios/as que, unha vez publicada a resolución definitiva de concesión da axuda, manifesten expresamente a súa aceptación, segundo o modelo que figura como anexo III, e presenten documentación indicada no artigo 10.5 dentro do prazo que nel se establece.

Artigo 12. Obrigas dos/as beneficiarios/as

O/a beneficiario/a está obrigado/a a:

1. Realizar as prácticas formativas subvencionadas.

2. Aboar á entidade intermediaria, nacional ou estranxeira, os gastos de busca de empresa, se é o caso.

3. Xustificar os gastos incorridos na realización das prácticas formativas.

4. Asistir ás reunións de traballo, informativas e formativas, tanto previas á saída, coma ao regreso da estadía e tamén durante a estadía no país de realización das prácticas.

5. Someterse ás actuacións de comprobación que deba efectuar a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado.

6. A achegar canta información lle sexa requirida pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, así como a que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos como estatais ou comunitarios.

7. Comunicarlle á Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da axuda.

A falta de asistencia ás reunións de traballo ou o incumprimento das obrigas polos/as beneficiarios/as poderá ser motivo de declaración de perda do dereito á axuda.

8. No prazo de cinco días desde que se inicien as prácticas, deberán enviar un correo electrónico á Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado (galeuropa@xunta.es) indicando o período de duración das prácticas, o nome da empresa en que está realizando as prácticas, o seu enderezo postal, teléfono e correo electrónico da persoa responsable.

9. Ademais das obrigas anteriormente sinaladas, as persoas beneficiarias deberán cumprir as obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 13. Reintegro da axuda

1. Procederase ao reintegro nos termos e supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e, en concreto, nos seguintes casos:

a) Incumprimento da obriga de xustificación ou xustificación insuficiente nos termos establecidos no artigo 28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e no establecido nesta orde.

b) Obtención da axuda sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión con falsificación das condicións requiridas para isto ou ocultación daquelas que o impedisen.

c) Incumprimento da finalidade para a que foi concedida a axuda.

Entenderase que se dá o incumprimento, a que se refire o parágrafo anterior, cando o/a adxudicatario/a da axuda non realice, por calquera causa, as prácticas formativas ou non xustifique fidedignamente os gastos da estadía.

d) Abandono inxustificado da axuda logo da súa aceptación en calquera fase do seu desenvolvemento.

e) Resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro previstas nos artigos 11 e 12 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Con independencia das causas de reintegro enumeradas neste artigo, a declaración xudicial ou administrativa de nulidade ou anulabilidade da resolución de concesión por concorreren as causas previstas nos artigos 62 e 63 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, cando concorra algunha das causas de reintegro antes referidas, comportará a obriga de devolver as cantidades percibidas.

Non procederá a revisión de oficio do acto de concesión cando concorra causa de reintegro.

3. As cantidades que se deban reintegrar terán a consideración de ingresos de dereito público, resultando de aplicación para o seu cobramento o previsto nos artigos do 19 ao 23 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Artigo 14. Renuncias

Unha vez publicada a resolución de concesión desta subvención, as persoas beneficiarias terán un prazo de 10 días hábiles para renunciar conforme o disposto no artigo 10.3.

Iniciadas as prácticas, a renuncia terá que ser por causas de forza maior xustificadas ou, do contrario, procederase ao reintegro da axuda tal e como establece o artigo 13. No caso de renuncia xustificada, procederá o reintegro da parte que corresponda segundo o tempo de prácticas efectivamente realizadas, de acordo co indicado no artigo 11.3.1.

Considerarase, en todo caso, causa de forza maior a enfermidade grave da persoa beneficiaria e a enfermidade grave/morte dun/dunha familiar ata o segundo grao, e tamén asinar un contrato de traballo. En calquera caso, a causa da renuncia terá que documentarse suficientemente.

Disposición adicional primeira. Delegación de atribucións

Apróbase a delegación de atribucións da conselleira de Traballo e Benestar no director xeral de Xuventude e Voluntariado, para resolver a concesión, denegación, modificación ou outras incidencias das axudas previstas nesta orde, así como para autorizar e dispoñer os gastos, o recoñecemento das obrigas e a proposta de pagamento, en relación co disposto no artigo 73 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Disposición adicional segunda. Límite orzamentario

En todo caso, a concesión das axudas terá como límite global a cantidade consignada na correspondente aplicación orzamentaria para o ano 2014.

Disposición adicional terceira. Réxime de infraccións e sancións

Os/as beneficiarios/as destas axudas quedan suxeitos/as ao réxime de infraccións e sancións previstas para esta materia no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición adicional cuarta. Transparencia e publicidade

De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co disposto no artigo 15.2.c) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a Consellería de Traballo e Benestar publicará na súa páxina web oficial de xuventude a relación das persoas beneficiarias, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e da súa publicación na citada páxina web.

Así mesmo, coa presentación da solicitude, o/a beneficiario/a autoriza a Consellería de Traballo e Benestar para incluír e facer público nos rexistros regulados no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, os datos relevantes referidos ás axudas concedidas.

Disposición adicional quinta. Protección de datos

Segundo o disposto na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, o/a solicitante poderá exercer os dereitos de acceso, rectificación, consulta, cancelación e oposición mediante escrito dirixido ao/á responsable da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Traballo e Benestar, Edificio Administrativo San Caetano, 15781 Santiago de Compostela.

Os datos só serán cedidos a terceiros vinculados co desenvolvemento propio da axuda, polo que se considera que o/a solicitante permite a cesión destes ás persoas directamente relacionadas co desenvolvemento do programa Galeuropa.

Disposición derradeira primeira. Autorización para o desenvolvemento do establecido nesta orde

Facúltase o director xeral de Xuventude e Voluntariado para ditar, dentro das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de febreiro de 2014

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file