Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 35 Xoves, 20 de febreiro de 2014 Páx. 7056

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 12 de febreiro de 2014, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas de emerxencia social e para a realización de viaxes por razóns de interese social, asistencial ou humanitario e se procede á súa convocatoria para o ano 2014.

De acordo co disposto no artigo 4 do Decreto 88/2013, do 30 de maio, de estrutura orgánica dos órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, a Secretaría Xeral da Emigración é o órgano superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ao que lle corresponden as competencias en materia de desenvolvemento da Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade, as relacións coas comunidades galegas no exterior, as políticas de emigración e retorno en Galicia e a representación e participación nos órganos e foros relacionados con estas que lle encomende a persoa titular da Presidencia da Xunta.

Así mesmo, a disposición adicional segunda do Decreto 88/2013, do 30 de maio, desconcentra no secretario xeral da Emigración a competencia para a aprobación das bases, a convocatoria e a resolución das axudas e subvencións do seu respectivo ámbito de competencia.

A Xunta de Galicia, en materia de emigración, establece como unha das súas áreas de actuación prioritaria a asistencia sociosanitaria digna para todos os galegos e galegas residentes no exterior, mediante, entre outros, o programa de axudas económicas individuais, que teñen como obxectivo contribuír a paliar a carencia de medios económicos para poder afrontar as necesidades básicas de subsistencia e atención sociosanitaria.

Por outra banda, o Estatuto da cidadanía española no exterior, aprobado mediante a Lei 40/2006, do 14 de decembro, que se configura como o marco xurídico que lles garante aos cidadáns residentes no exterior o exercicio dos seus dereitos e deberes constitucionais, establece no seu artigo 5 a asistencia e protección por parte da Administración xeral do Estado e as comunidades autónomas, no marco das súas respectivas competencias, daqueles cidadáns residentes no exterior que se atopen en situacións de necesidade.

Para a realización de todas estas funcións, a Secretaría Xeral da Emigración conta con distintas liñas de axudas e subvencións baseadas nos principios de publicidade e concorrencia, segundo os criterios establecidos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia con cargo aos fondos públicos.

Porén, ao longo destes anos, a Secretaría Xeral da Emigración ten detectada a existencia de situacións do carácter máis diverso, sobrevidas e non previstas a persoas sen recursos destes colectivos, orixinadas por causas derivadas de desastres naturais ou de carácter sanitario, social ou asistencial que, polas súas características especiais, deben ser obxecto dunha convocatoria específica de axudas que se adapte ás súas peculiaridades, fundamentalmente á da necesidade de ser atendidas con urxencia.

As peticións prodúcense ao longo de todo o ano, sen concentrarse en datas concretas e as causas destas (motivos asistenciais, de precariedade económica, humanitarios, etc.) están dentro do ámbito de actuación que, por atribucións competenciais, lle corresponde á Secretaría Xeral da Emigración.

As circunstancias de temporalidade e a especificidade dos supostos concretos que se formulan, así como á diferente situación persoal e familiar das persoas solicitantes e dos países nos que viven, impiden a comparanza e prelación entre as solicitudes presentadas para a súa resolución nun único procedemento, sendo aplicable a excepción prevista no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, coas garantías previstas no seu artigo 31.4. Así mesmo, ao ter estas axudas un carácter marcadamente social e humanitario, dirixidas a persoas sen recursos e que se conceden en atención a ter acreditado, previamente a súa concesión, tal situación, cómpre aplicar o disposto no artigo 28.9 da mencionada Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia na fase de xustificación, sen prexuízo de poder establecer os controis necesarios para verificar o cumprimento das obrigas e a existencia de tal situación.

Na súa consecuencia, convén realizar unha convocatoria de axudas para atender estas situacións, que se tramitará na modalidade de concorrencia non competitiva, prevista no antedito artigo 19.2, de modo que as solicitudes de subvención irán sendo atendidas na medida en que se vaian presentando, sen comparación con outras solicitudes ata o esgotamento do crédito dispoñible, establecendo uns requisitos e criterios básicos nos que se fundamenten as resolucións sobre as peticións que se reciban, de tal xeito que garantan a súa obxectividade e non se creen expectativas que non poidan ser satisfeitas por razón da propia índole da convocatoria, das situacións ás que se pretende dar cobertura e das propias limitacións dos créditos a ela destinados.

En virtude do exposto, no exercicio das competencias atribuídas no Decreto 88/2013, do 30 de maio, e de conformidade co disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da referida Lei 9/2007, nos preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, na Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e demais normativa de aplicación,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar ás bases polas que se rexerá a concesión de subvencións ás persoas galegas emigrantes e descendentes destas, que residan no exterior e se atopen en grave risco de exclusión ou necesidade, para atender situacións sobrevidas de carácter extraordinario de emerxencia social, sanitaria ou asistencial que precisen dunha actuación urxente ou para as que teñan por finalidade sufragar os custos de viaxes que teñan que realizar, por razóns destas características, as persoas que poidan ter a condición de beneficiarios ao cumprir os requisitos establecidos nos artigos 3 e 4 desta resolución e cuxa atención corresponda ao ámbito de competencias propias deste centro directivo.

2. Así mesmo, por medio desta resolución convócanse as devanditas subvencións para o ano 2014.

Artigo 2. Natureza e réxime das axudas

1. Estas axudas teñen carácter persoal e intransferible, non orixinan ningún dereito subxectivo para as persoas beneficiarias.

2. Tendo en conta o obxecto e a finalidade destas subvencións, o procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, de acordo co establecido no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ata o esgotamento do crédito orzamentario da convocatoria e se cumpran as garantías previstas no artigo 31.4 desta lei.

Para estes efectos, a concesión destas axudas estará condicionada á existencia de crédito orzamentario e, no caso de esgotamento do crédito, a Secretaría Xeral da Emigración publicará a indicada circunstancia, o que levará consigo a non admisión das solicitudes posteriores, sen prexuízo de que se poida incrementar o crédito orzamentario nos supostos previstos no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. As axudas previstas nesta resolución serán incompatibles con calquera outra das reguladas pola Secretaría Xeral da Emigración ou organismos públicos para os mesmos conceptos.

Artigo 3. Persoas beneficiarias

Poderán ser persoas beneficiarias destas subvencións:

1. Cidadáns de orixe galega que sexan emigrantes e descendentes destes ata o primeiro grao por consanguinidade, residentes no exterior, que teñan nacionalidade española e estean empadroados nalgún concello de Galicia.

Excepcionalmente, para o caso de teren que realizar unha viaxe as persoas ás que se refire este punto e non poidan valerse por si mesmas, tamén poderá ser beneficiario/a unha persoa acompañante.

2. Cidadáns galegos/as residentes en Galicia que sexan familiares ate o segundo grao de consanguinidade ou afinidade do colectivo de emigrantes galegos/as naturais de Galicia residentes no exterior, que teñan que desprazarse necesariamente xunto a estes/as por mor de que padezan situacións extraordinarias de carácter asistencial, sanitario ou humanitario.

Artigo 4. Requisitos das persoas beneficiarias

a) Ter rendas, ingresos ou patrimonio insuficiente.

A carencia de rendas, ingresos ou patrimonio, deberá ser acreditada pola persoa que solicita a axuda ou que vai realizar a viaxe así como pola persoa acompañante á que, de ser o caso, tamén se lle outorgue a axuda e polos familiares que, se é o caso, vaian acoller ou seren atendidos pola persoa que se despraza.

Considerarase que existen rendas ou ingresos insuficientes cando aqueles dos que dispoña a persoa interesada ou se prevexa que vai dispoñer en cómputo anual, sexan iguais ou inferiores á 1,20 veces a prestación económica por ancianidade vixente, establecida polo Estado español para o país de residencia do solicitante, nas contías determinadas para o exercicio 2014, computándose todo tipo de rendas, mesmo as axudas públicas ou privadas.

Naqueles países para os que o Estado español non ten fixadas as contías das prestacións económicas por ancianidade, a referencia será o 80 % da contía da pensión non contributiva do Estado español por xubilación.

Así mesmo, cando o solicitante da axuda sexa unha persoa que resida en Galicia, tomarase como referencia o salario mínimo interprofesional vixente no ano 2014.

Malia o disposto nos parágrafos anteriores, se a persoa solicitante carece de rendas ou ingresos suficientes segundo o previsto neste parágrafo, pero convive con outra ou outras persoas nunha mesma unidade económica familiar, a contía anterior virá determinada pola suma do límite máximo de ingresos persoais (que virá dada, segundo o caso, pola prestación asistencial por ancianidade, pensión non contributiva ou salario mínimo interprofesional) máis o resultado de multiplicar o 30 % da devandita cifra polo número de persoas que convivan ou do 70 % no caso de menores de 16 anos, menos un.

Para estes efectos, considerarase unidade económica familiar, a formada pola persoa solicitante da axuda, cónxuxe ou parella de feito, fillos e parentes por consanguinidade ou afinidade ate o segundo grao que convivan coa persoa solicitante. Igualmente, consideraranse rendas ou ingresos computables os bens ou dereitos de que dispoña anualmente a persoa beneficiaria ou a unidade económica familiar, derivados tanto do traballo como do capital, así como calquera outro substitutivo daqueles.

Considerarase que existe patrimonio mobiliario suficiente cando existan bens mobles cun valor superior á base de cálculo da pensión asistencial por ancianidade en cómputo anual, pensión non contributiva do Estado español por xubilación, ou salario mínimo interprofesional, segundo o caso. Así mesmo, considerarase que existe patrimonio inmobiliario suficiente cando o valor patrimonial ou equivalente dos inmobles, agás a vivenda habitual, supere en 2,5 veces a base de cálculo da pensión asistencial por ancianidade en cómputo anual ou pensión non contributiva do Estado español por xubilación, ou salario mínimo interprofesional, segundo o caso.

En casos acreditados de graves situacións de catástrofes naturais ou de calquera outra causa que orixine unha situación repentina de desamparo ou emerxencia, o secretario xeral de Emigración poderá, logo de resolución, modificar os niveis de rendas ou patrimonio para poder ser beneficiario destas axudas.

b) Acreditar razóns de carácter social, sanitario ou asistencial de situacións sobrevidas nun tempo próximo ao da solicitude que, pola súa gravidade, requiran unha urxente atención ou ter a necesidade de realizar a viaxe para a que se solicita a axuda por mor destas razóns.

Para estes efectos, consideraranse razóns sociais, sanitarias, asistenciais ou humanitarias, as seguintes:

– Atoparse no exterior en situacións de marxinación social, ou de tal grao de dependencia, que non se poida valer por si mesmo e non ter cuberta a necesidade de atención por ningún medio.

– Situacións derivadas da perda, inadecuación ou dotación básica da vivenda habitual ou familiar e carecer de medios para paliar esta situación.

– Situacións derivadas de problemas perentorios referidos á alimentación, vestido, educación e outros de natureza análoga non cubertos polos diferentes sistemas de protección.

– Situacións derivadas de problemas sanitarios graves cuxo tratamento non estea debidamente cuberto ou con respecto dos cales, para a axuda de viaxes, a súa atención no Estado español, tanto nun centro incluído na rede sanitaria pública como nun centro privado, supoña unha vantaxe significativa. Nestes casos deberá ser acreditado previamente pola persoa solicitante da axuda que ten cuberta a correspondente prestación sanitaria.

– Situacións sobrevidas causadas por graves catástrofes naturais ou outras causas que provoquen a perda ou grave deterioración da vivenda habitual e do enxoval.

– Aqueloutras situacións de carácter social, asistencial ou humanitario que deriven na necesidade dunha intervención urxente.

Artigo 5. Imputación orzamentaria e contía das axudas

1. Para a concesión destas subvencións destinarase un crédito de 15.000 euros correspondente á aplicación orzamentaria 04.30.312C.480.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014. Este importe poderá ser ampliado en función das maiores dispoñibilidades orzamentarias que se poidan producir na devandita aplicación á vista do número de solicitudes. Transcorrido o segundo cuadrimestre do ano sen ter sido tramitadas solicitudes para poder adxudicar o 50 % do crédito previsto neste artigo, este poderá reducirse ata unha porcentaxe similar á empregada ata esa data para poder atender outros fins, logo da correspondente resolución do secretario xeral da Emigración que será publicada no Diario Oficial de Galicia.

2. A axuda máxima por persoa beneficiaria non poderá exceder de 3.000 euros. A axuda máxima que se concederá para a realización de viaxes será de 1.500 euros por persoa beneficiaria, e deberán realizarse na clase máis económica do medio de transporte que se utilice.

Artigo 6. Solicitudes, prazo e lugar de presentación

1. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado que figura como anexo I desta resolución, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Igualmente se poderán presentar nas delegacións da Xunta de Galicia en Bos Aires e Montevideo, nas oficinas consulares, así como nos consulados ou seccións consulares das embaixadas correspondentes ao domicilio ou residencia da persoa solicitante.

En caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado, co selo de correos na primeira folla do formulario para garantir que a data de remisión é anterior á de peche da convocatoria. Deberá remitirse á Secretaría Xeral da Emigración, sita na rúa Basquiños, 2, 15704 Santiago de Compostela.

A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

2. No caso de que as persoas solicitantes sexan menores de idade ou incapacitadas, asinará a solicitude o pai, a nai ou persoa titora daqueles.

3. Soamente se poderá conceder unha axuda por feito causante. Cada persoa solicitante soamente poderá pedir unha axuda por un único suposto. De presentarse máis dunha solicitude, entenderase como válida a presentada en primeiro lugar, segundo o asento de rexistro correspondente.

4. O prazo para a presentación de solicitudes estará aberto desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata o 30 de novembro de 2014, ambos os dous inclusive.

Artigo 7. Investimento subvencionable

Segundo o tipo de finalidade serán subvencionables os gastos derivados dos seguintes conceptos:

– De urxencia social: necesidades básicas en relación á alimentación, o vestido, á vivenda habitual ou outros supostos de carácter urxente e grave necesidade.

– De urxencia sanitaria: necesidades graves e urxentes de carácter sanitario, non cubertas ou só cubertas parcialmente polos sistemas públicos.

– De custos de viaxe: os necesarios para paliar os efectos das causas expostas anteriormente que precisen o traslado da persoa interesada, ou familiares desta, a outro país que non sexa o de residencia habitual. Para estes efectos, entenderanse incluídos nestes custos os de emisión do billete, así como os correspondentes a taxas e impostos directamente relacionados coa emisión daquel. De ser o caso, tamén se entenderán incluídos os custos derivados da tramitación de permisos ou documentos oficiais que sexan requisito indispensable para efectuar a viaxe.

As resolucións de concesión para a realización de viaxes, ditadas ao abeiro da correspondente resolución, implicarán que a Secretaría Xeral da Emigración poderá efectuar, de ser o caso, as xestións que sexan precisas para a emisión dos billetes e para a súa posta á disposición en favor da persoa beneficiaria da axuda, quen, salvo manifestación expresa en contra, se entenderá que presta o seu consentimento para a realización de tales trámites.

Artigo 8. Documentación

A solicitude irá acompañada da documentación que a continuación se relaciona, en orixinal ou copia compulsada:

a) Documentos acreditativos da identidade e nacionalidade española:

1. Fotocopia do DNI, no caso de non prestar o seu consentimento expreso para que a Secretaría Xeral da Emigración comprobe, por medio de acceso electrónico, a verificación dos seus datos de identidade, segundo o modelo que consta na propia solicitude.

As persoas que non dispoñan de DNI presentarán fotocopia do pasaporte.

2. Certificado de inscrición no Rexistro de Matrícula Consular ou outro documento oficial xustificativo que acredite a residencia no exterior continuada e a nacionalidade española. No documento presentado debe constar a dilixencia de inscrición no Rexistro de Matrícula Consular, agás en casos de imposibilidade de obtención.

b) Documentos acreditativos da orixe galega. A orixe galega xustificarase mediante calquera documento oficial que acredite un dos dous requisitos seguintes:

1. Ser nado en Galicia ou que a última veciñanza administrativa en España fose en Galicia cun mínimo de dous anos continuados.

2. Atoparse vinculado a un concello galego no censo electoral de residentes ou residentes ausentes e ser descendente ata o primeiro ou segundo grao de consanguinidade, segundo os casos, dunha das persoas descritas no parágrafo anterior.

c) Documentos acreditativos da situación económica tanto da persoa beneficiaria da axuda como, se é o caso, da unidade económica familiar ou do acompañante e da familia de acollemento:

1. Nos países en que exista obriga de presentar declaración da renda das persoas físicas ou declaración similar, copia da última declaración presentada da persoa interesada
e/ou membros da unidade económica familiar e, se é o caso, da persoa acompañante e da familia de acollemento.

No caso de que non exista obriga de presentar declaración da renda das persoas físicas ou declaración similar ou non estivesen obrigados a realizala, xustificación desta circunstancia e certificación ou xustificante acreditativo dos ingresos, rendas ou pensión de calquera natureza que perciba a persoa interesada e os membros da unidade económica familiar e, se é o caso, da persoa acompañante e da familia de acollemento.

2. Certificado catastral ou documentación similar en que conste o valor patrimonial dos bens inmobles, agás a vivenda habitual, de que dispoñan os membros da unidade económica familiar da persoa solicitante e, se é o caso, da persoa acompañante e da familia de acollemento.

De non existir no país de residencia a posibilidade de expedición do devandito certificado catastral, abondará con presentar unha declaración responsable en que conste o valor patrimonial dos bens mobles e inmobles de que dispoñan os membros da unidade económica familiar da persoa solicitante e, se é o caso, da persoa acompañante e da familia de acollemento.

d) Documentos xustificativos do estado de necesidade que fundamente a solicitude de axuda, emitidos por un organismo oficial ou por organismo de ampla traxectoria no eido asistencial ou no eido sanitario. Así mesmo, consideraranse válidos os certificados emitidos por profesionais destes ámbitos visados polos correspondentes colexios oficiais.

e) Para a realización de prestacións sanitarias no territorio do Estado español, acreditación da súa cobertura pola Seguridade Social ou polo centro sanitario onde tal prestación se vaia realizar. Igualmente, para o caso de acollemento familiar ou asistencial, acreditación por parte da familia ou centro de acollida de facerse cargo da persoa beneficiaria da axuda.

f) Para o caso de necesitar da asistencia dunha persoa acompañante, certificados expedidos por organismos oficiais, acreditativos do grao de discapacidade e da necesidade de asistencia dunha terceira persoa durante a viaxe. Non terán que presentar esta documentación cando a persoa solicitante autorice a Secretaría Xeral da Emigración a verificar o dato do grao de discapacidade, sempre e cando este fose recoñecido pola Xunta de Galicia, e marcando o recadro que figura no anexo I.

3. Para o caso de que a persoa solicitante da axuda teña necesariamente que viaxar cunha persoa acompañante, esta deberá cubrir tamén a correspondente solicitude segundo o modelo do anexo II desta resolución, e presentar a documentación que se especifica na letra c), do punto anterior e copia do seu DNI e pasaporte.

Artigo 9. Consentimentos e autorizacións

1. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos ou documentos coa finalidade de acreditar a identidade da persoa solicitante. Polo tanto, o modelo de solicitude normalizado incluirá unha autorización expresa ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos achegados no procedemento administrativo. No caso de que a persoa interesada non autorice o órgano xestor para realizar esta operación, estará obrigada a achegalos nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

2. A persoa solicitante da axuda presta o seu consentimento, en declaración que se inclúe na solicitude, para que a Secretaría Xeral da Emigración poida solicitar da Axencia Estatal de Administración Tributaria a subministración directa e telemática da información relativa aos seus ingresos, rendas e situación patrimonial.

3. A Secretaría Xeral da Emigración, con carácter previo á resolución correspondente, poderá solicitar a realización de informes socio-asistenciais a persoas cualificadas para avaliar a situación real da persoa solicitante. En caso de constatación de graves diverxencias entre estes informes e as declaracións ou documentación achegada na solicitude, a Secretaría Xeral da Emigración poderá arquivar o expediente sen máis trámite.

4. As solicitudes das persoas interesadas acompañarán os documentos e as informacións determinados no artigo 8, salvo que os documentos exixidos xa estivesen en poder de calquera órgano da Administración actuante; neste caso a persoa solicitante poderá acollerse ao establecido na letra f) do artigo 35 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia nos cales foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento ao que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante a súa presentación, ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

5. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, a Secretaría publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, feito que terá lugar agás nos supostos legalmente establecidos; todo isto consonte o establecido na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, e na Lei orgánica 1/1982, do 5 de maio, pola que se regula a protección civil do dereito á honra, á intimidade persoal e familiar e á propia imaxe, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

6. A través da solicitude proporciónanse datos de carácter persoal que serán obxecto de tratamento, e para ese efecto, procederase á súa incorporación a un ficheiro que cumprirá as exixencias da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, adoptándose tanto ás medidas de seguridade técnicas como organizativas. Con respecto deste ficheiro, cuxo titular e responsable será a Secretaría Xeral da Emigración, decláranse recoñecidos os dereitos de acceso, cancelación, rectificación e oposición por escrito e achegando identificación suficiente ao seguinte enderezo: rúa Basquiños, 2, 15704 Santiago de Compostela (A Coruña).

A finalidade da recollida e tratamento dos datos persoais será estritamente a xestión e tramitación do expediente correspondente e as que deriven da aplicación da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega.

Os datos non serán obxecto de cesión a terceiros; no entanto, a Secretaría Xeral da Emigración revelará ás autoridades públicas competentes os datos persoais e calquera outra información que estea no seu poder ou sexa accesible a través dos seus sistemas e sexa requirida de conformidade coas disposicións legais e regulamentarias aplicables ao caso.

Artigo 10. Procedemento de instrución e concesión

1. A Subdirección Xeral da Emigración e das comunidades galegas é o órgano encargado da instrución do procedemento, correspondendo ao secretario xeral da Emigración ditar a resolución de concesión ou denegación da axuda.

2. Se a solicitude non reunise algún dos requisitos exixidos nesta resolución, requirirase a persoa interesada para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixese, se terá por desistido na súa petición, logo da correspondente resolución que será ditada nos termos do artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderá requirirse a persoa solicitante para que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

3. Instruído o procedemento, e inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, porase de manifesto ás persoas interesadas para que, nun prazo de dez días, poidan formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que estimen pertinentes.

Porén, poderase prescindir do trámite ao que se refire o parágrafo anterior cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas pola persoa interesada.

4. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nesta resolución ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de non admisión, en que se indicarán as causas desta.

Artigo 11. Resolución, notificación e pagamento

1. Unha vez concluída a tramitación do expediente, o instrutor formulará a proposta de resolución, que se elevará ao secretario xeral da Emigración quen, á vista da proposta, ditará a correspondente resolución, que deberá estar debidamente motivada.

O prazo máximo para resolver será de dous meses contados desde o día seguinte ao da presentación da solicitude. Transcorrido o dito prazo sen que se ditasen as resolucións expresas, as solicitudes poderán entenderse desestimadas, de acordo co establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, as actividades obxecto destas axudas deberán realizarse con anterioridade ao 31 de decembro de 2014.

2. Segundo o previsto no artigo 24 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, todas as resolucións serán notificadas de acordo co previsto no artigo 58 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e a notificación practicarase conforme o establecido no seu artigo 59.

3. A contía das axudas concedidas aboaráselles ás persoas beneficiarias nun pagamento único, unha vez notificada a resolución de concesión. Realizarase, salvo casos que así o aconsellen, mediante transferencia bancaria. A Administración non se fai responsable da imposibilidade de efectuar o pagamento por causas imputables ás persoas solicitantes.

No suposto de que, unha vez ditada a resolución de concesión da axuda, a persoa beneficiaria falecese, poderá aboarse a axuda as persoas que acrediten a súa condición de herdeiras, de acordo coa normativa do país de residencia, no prazo de tres meses desde a data da resolución, sempre que o obxecto da axuda así o aconselle.

Artigo 12. Aceptación e renuncia

1. Sen prexuízo dos recursos que procedan contra a resolución, transcorridos quince días desde a notificación desta sen que a persoa interesada comunicase expresamente a súa renuncia á subvención, entenderase que a acepta, e desde ese momento adquirirá a condición de beneficiaria.

2. No caso de que se comunicase a renuncia, o secretario xeral da Emigración ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 42.1 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 13. Obrigas das persoas beneficiarias

Son obrigas das persoas beneficiarias, logo do aboamento da axuda correspondente:

a) Realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión da subvención e xustificar, en caso das axudas de viaxe, telo efectuado ante a Secretaría Xeral da Emigración.

b) Someterse ás actuacións de comprobación que efectúe a Secretaría Xeral da Emigración, se é o caso, así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos como estatais ou comunitarios, para o que se achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

c) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

d) Adoptar, de ser o caso, as medidas de difusión contidas no punto 3 do artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

e) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 33 da dita lei.

f) As demais obrigas previstas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

A Secretaría Xeral da Emigración poderá solicitar as aclaracións ou informes relativos á xustificación do investimento que considere adecuados.

Artigo 14. Control

1. A Secretaría Xeral da Emigración poderá levar a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das subvencións.

2. Ademais, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Artigo 15. Modificación da resolución

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados poderán dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. O órgano competente para a concesión da axuda poderá acordar a modificación da resolución por instancia da persoa beneficiaria, sempre que se cumpran os seguintes requisitos:

a) Que se acredite a inexistencia de prexuízos a terceiros.

b) Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de ter concorrido na concesión inicial, non supuxesen a denegación da axuda ou subvención.

c) Que a actividade, conduta ou modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade das normas ou bases reguladoras.

A persoa beneficiaria deberá solicitar a dita modificación mediante instancia dirixida ao secretario xeral da Emigración, xunto coa documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos reflectidos no punto anterior, cun límite de 15 días desde o da data de notificación da resolución da axuda concedida.

3. O acto polo que se acorde a modificación da resolución ou, se é o caso, se denegue, será ditado polo órgano que a ditou, logo da instrución do correspondente expediente, en que se dará audiencia aos interesados na forma prevista no artigo 10 desta resolución.

Artigo 16. Incumprimento, reintegros e sancións

1. O incumprimento das condicións e obrigas contidas nesta resolución ou na demais normativa aplicable, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora correspondentes.

2. Para facer efectiva a devolución á que se refire o punto anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Ás persoas beneficiarias das subvencións reguladas nesta resolución, seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 17. Publicidade

O artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia prevé que se publicarán no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, persoa beneficiaria, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención. Igualmente, estas relacións serán obxecto de publicación na páxina web
http://emigracion.xunta.es, da Secretaría Xeral da Emigración.

Non obstante o anterior, atendendo ás especiais características destas axudas e de conformidade co artigo 13.6 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, exceptúase da publicación na páxina web da Secretaría Xeral da Emigración e do Diario Oficial de Galicia a relación das persoas beneficiarias destas axudas residentes no exterior e o importe das axudas concedidas, dado que a publicación podería ser contraria ao respecto e salvagarda da honra e intimidade persoal e familiar das persoas solicitantes.

Artigo 18. Desenvolvemento e aplicación

O secretario xeral da Emigración poderá ditar todas as resolucións que sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación desta resolución.

Artigo 19. Información ás persoas interesadas

Sobre este procedemento administrativo, poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Secretaría Xeral da Emigración, a través dos seguintes medios:

a) Poderá obterse información xeral deste procedemento na Guía de procedementos e servizos na páxina web da Xunta de Galicia (http://www.xunta.es).

b) Así mesmo, no portal web oficial da Secretaría Xeral da Emigración
(http://emigracion.xunta.es), na súa epígrafe de Liñas de Axuda, onde, ademais de obter os modelos normalizados de solicitude, se poderá descargar o texto íntegro desta resolución así como facer consultas a través da caixa de correo de dúbidas habilitado para o efecto.

Artigo 20. Réxime de recursos

1. Contra esta resolución cabe interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que a ditou no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Así mesmo, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

2. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa, e contra elas cabe interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que as ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa ou no prazo de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se entenda producido o acto presunto.

Así mesmo, poderán interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel no que se entenda producido o acto presunto, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-admi-nistrativa.

Santiago de Compostela, 12 de febreiro de 2014

Antonio Rodríguez Miranda
Secretario xeral da Emigración

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file