Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 35 Xoves, 20 de febreiro de 2014 Páx. 7080

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 12 de febreiro de 2014, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se regulan e se convocan as subvencións do programa de axudas económicas individuais para residentes no exterior durante o ano 2014.

Segundo o establecido no artigo 4 do Decreto 88/2013, do 30 de maio, de estrutura orgánica dos órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, a Secretaría Xeral da Emigración é o órgano superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia a que lle corresponden as competencias en materia de desenvolvemento da Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade, as relacións coas comunidades galegas no exterior, as políticas de emigración e retorno en Galicia e a representación e participación nos órganos e foros relacionados con elas que lle encomende a persoa titular da Presidencia da Xunta.

Así mesmo, a disposición adicional segunda do Decreto 88/2013, do 30 de maio, desconcentra no secretario xeral da Emigración a competencia para a aprobación das bases, a convocatoria e a resolución das axudas e subvencións do seu respectivo ámbito de competencia.

A Xunta de Galicia, en materia de emigración, establece como unha das súas áreas de actuación prioritaria a asistencia sociosanitaria digna para todos os galegos e galegas residentes no exterior, mediante, entre outros, o programa de axudas económicas individuais, que teñen como obxectivo contribuír a paliar a carencia de medios económicos para poder afrontar as necesidades básicas de subsistencia e atención sociosanitaria.

O Estatuto da cidadanía española no exterior, aprobado mediante a Lei 40/2006, do 14 de decembro, que se configura como o marco xurídico que garante aos cidadáns residentes no exterior o exercicio dos seus dereitos e deberes constitucionais, establece no seu artigo 5 a asistencia e protección por parte da Administración xeral do Estado e as comunidades autónomas, no marco das súas respectivas competencias, daqueles cidadáns residentes no exterior que se encontren en situación de necesidade.

A Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral da Emigración, pretende, nunha actuación coordinada co Estado español, a consolidación dunha política de atención e protección aos galegos residentes no exterior que se encontren en situación de necesidade, coa finalidade de garantir a estes cidadáns o exercicio dos seus dereitos e deberes constitucionais e estatutarios en termos de igualdade cos españois residentes en Galicia.

En consecuencia, convén realizar unha convocatoria de axudas para atender estas situacións, que se tramitará na modalidade de concorrencia non competitiva, prevista no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, establecendo uns requisitos e criterios básicos nos cales se fundamenten as resolucións sobre as peticións que se reciban, de tal xeito que garantan a súa obxectividade e non se xeren expectativas que non poidan ser satisfeitas por razón da propia índole da convocatoria, das situacións a que se pretende dar cobertura e das propias limitacións dos créditos a ela destinados.

Así mesmo, ao teren estas axudas un carácter marcadamente social e humanitario, dirixidas a persoas sen recursos e que se conceden en atención a ter acreditado, previamente á súa concesión, tal situación, cómpre aplicar o disposto no artigo 28.9 da mencionada Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, na fase de xustificación, sen prexuízo de poder establecer os controis necesarios para verificar o cumprimento das obrigas e a existencia de tal situación.

En virtude do exposto, no exercicio das competencias atribuídas no Decreto 88/2013, do 30 de maio, e de conformidade co disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da referida Lei 9/2007, nos preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, na Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e demais normativa de aplicación,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

1. O obxecto desta resolución é establecer un programa de axudas económicas individuais e de carácter extraordinario, non periódico e social para o ano 2014 en réxime de concorrencia non competitiva, dirixido aos emigrantes de nacionalidade española e de orixe galega, e a determinados familiares, residentes nos países do estranxeiro establecidos no artigo 3.2 desta resolución, que se encontren en situación de precariedade económica. Están destinadas a cubrir as necesidades básicas de subsistencia e atención sociosanitaria.

2. Así mesmo, por medio desta resolución convócanse as devanditas axudas para o ano 2014.

Artigo 2. Beneficiarios

Poderán ser beneficiarios destas axudas:

1. Os emigrantes galegos e os seus fillos maiores de 18 anos que posúan a condición de galegos residentes no exterior, de acordo co establecido no parágrafo seguinte deste punto, e que o acrediten segundo o establecido no artigo 14 desta resolución.

Para os efectos da presente convocatoria terán a condición de galegos residentes no exterior aqueles emigrantes que teñan nacido en Galicia ou ben acrediten ter residido en Galicia de forma continuada durante dez anos con nacionalidade española, así como tamén os seus fillos maiores de dezaoito anos que teñan nacionalidade española e que se encontren vinculados con calquera concello galego no censo electoral de residentes no exterior.

2. Os netos de emigrantes galegos, maiores de 18 anos, que teñan a condición de galegos residentes no exterior, que teñan nacionalidade española, que se encontren vinculados con calquera concello galego no censo electoral de residentes no exterior e que acrediten un ano de residencia continuada en Galicia.

3. No caso de falecemento das persoas indicadas nos números 1 e 2, poderán ser beneficiarios por unha única vez das axudas previstas no artigo 5 desta resolución o seu cónxuxe viúvo, os fillos, a parella de feito ou relación análoga, sempre que non transcorresen máis de quince meses desde o falecemento.

4. Os fillos e netos de emigrantes galegos deberán ter a vinculación con Galicia, cando menos, cun ano de antigüidade.

Artigo 3. Requisitos xerais dos solicitantes

Poderán solicitar estas axudas as persoas que cumpran e acrediten documentalmente os requisitos xerais que a seguir se sinalan:

1. Acreditar a condición de beneficiarios de acordo co que se dispón no artigo 2 desta resolución.

2. Residir nun país do estranxeiro en que o Estado español teña fixada unha base de cálculo para a prestación económica por ancianidade no ano anterior ao da convocatoria.

3. Carecer de rendas, ingresos ou patrimonio suficientes.

a) Considerarase que existen rendas ou ingresos insuficientes cando aqueles de que dispoña o interesado ou se prevexa que vai dispoñer en cómputo anual sexan iguais ou inferiores á base de cálculo da prestación económica por ancianidade establecida polo Estado para o país de residencia (sen prexuízo das contías específicas dos artigos 4 e 10.2 desta resolución), nas contías que se determinen para o exercicio do ano en que se convocan estas axudas para países indicados no punto 3 do artigo 4.

No caso de residir nun país obxecto da convocatoria que non se atope entre os anteriores, o límite de ingresos será 1,2 veces a dita base de cálculo.

Malia o disposto nos parágrafos anteriores, se o solicitante carece de rendas ou ingresos suficientes segundo o previsto nel, pero convive con outra ou outras persoas nunha mesma unidade económica familiar, a contía anterior virá determinada pola suma do límite máximo de ingresos persoais máis o resultado de multiplicar o 70 % da dita cifra polo número dos que convivan menos un.

Para os efectos do establecido neste punto, consideraranse rendas ou ingresos computables todo tipo de rendas, mesmo as axudas públicas ou privadas, os bens ou dereitos de que dispoña anualmente o beneficiario ou a unidade económica familiar, derivados tanto do traballo como do capital, así como calquera outro substitutivo daqueles.

b) Considerarase que existe patrimonio mobiliario suficiente cando existan bens mobles na unidade económica familiar cun valor superior á base de cálculo da prestación económica por ancianidade en cómputo anual. Así mesmo, considerarase que existe patrimonio inmobiliario suficiente cando o valor patrimonial ou equivalente dos inmobles, na unidade económica familiar, agás a vivenda habitual, supere en 2,5 veces a base de cálculo da prestación económica por ancianidade en cómputo anual.

4. Non pertencer a organizacións, comunidades ou institucións que, polas súas regras ou estatutos, estean obrigados a prestarlles asistencia.

5. Ademais dos requisitos anteriores, en cada un dos supostos de axuda prevista nos seguintes artigos os solicitantes terán que cumprir os requisitos específicos que se sinalen en cada un deles, tendo en conta que todos os requisitos se deberán cumprir na data de remate do prazo de presentación de solicitudes.

6. Entenderase como unidade económica familiar a integrada polo solicitante e, de ser o caso, o seu cónxuxe, parella de feito ou relación análoga, así como os fillos e parentes por consanguinidade, afinidade ou adopción ata o segundo grao sempre que convivan co solicitante.

Artigo 4. Axudas por encontrarse a unidade familiar en situación de precariedade

Poderán solicitar as axudas deste suposto as persoas que cumpran os requisitos xerais previstos no artigo 3 desta resolución e nos específicos seguintes:

1. Ter 70 anos cumpridos.

2. Ter ingresos por calquera concepto da unidade económica familiar inferiores ao 25 % da base de cálculo da prestación económica por ancianidade establecida polo Estado para o ano da convocatoria para o país de residencia, computando os ingresos na forma establecida no artigo 3.3.a).

3. Residir nun país iberoamericano con que o Estado español non teña asinados convenios bilaterais en materia de seguridade social.

Artigo 5. Axudas por situación de dependencia ou enfermidade grave do solicitante

Poderán solicitar as axudas deste suposto as persoas que cumpran os requisitos xerais previstos no artigo 3 desta resolución e se encontren nalgún dos seguintes supostos:

a) Encontrarse o/a solicitante en situación de dependencia que faga necesarios coidados e asistencia por parte dunha terceira persoa.

Entenderase por situación de dependencia o estado de carácter permanente en que se encontran as persoas que, por razóns derivadas da idade, enfermidade ou discapacidade e ligadas á falla ou perda de autonomía física, mental, intelectual ou sensorial, precisan da atención doutra ou doutras persoas ou axudas importantes para realizar as actividades básicas da vida diaria ou, no caso das persoas con discapacidade intelectual ou enfermidade mental, doutros apoios para a súa autonomía persoal.

As actividades básicas da vida diaria son as tarefas máis elementais da persoa que lle permiten desenvolverse cun mínimo de autonomía e independencia e que están referidas ao coidado persoal, aos labores domésticos básicos, á mobilidade esencial e ás funcións básicas mentais ou intelectuais.

b) Padecer o/a solicitante unha enfermidade grave e carecer da correspondente cobertura para o seu tratamento ou atención médica.

Artigo 6. Axudas por situación de dependencia ou enfermidade moi grave no seo da unidade familiar

Poderán solicitar as axudas deste suposto as persoas que cumpran os requisitos xerais previstos no artigo 3 desta resolución e estar o seu cónxuxe ou persoa con que manteña unha unión de feito ou relación análoga, ou os seus fillos, nunha das seguintes situacións:

a) Encontrarse en situación de dependencia que faga necesarios coidados e asistencia por parte dunha terceira persoa.

b) Padecer unha enfermidade moi grave e carecer da correspondente cobertura para o seu tratamento ou atención médica.

Artigo 7. Axudas por invalidez ou enfermidade permanente

Poderán solicitar as axudas deste suposto as persoas que cumpran os requisitos xerais previstos no artigo 3 desta resolución e aqueles específicos que se sinalan a seguir:

1. Ser maior de 18 anos e menor de 65.

2. Encontrarse o/a solicitante en situación de invalidez ou enfermidade permanente que o incapacite para o desenvolvemento de calquera tipo de actividade laboral.

Artigo 8. Axudas para a cobertura de medicamentos e tratamentos de enfermidades crónicas ou graves, cando teñan un custo elevado

Poderán solicitar as axudas deste suposto as persoas que cumpran os requisitos xerais previstos no artigo 3 desta resolución e aqueles específicos que se sinalan a seguir:

1. Ter cumpridos 65 anos.

2. Padecer unha enfermidade crónica ou grave que requira dunha medicación ou tratamento de custo elevado e carezan da correspondente cobertura.

Entenderase que o custo é elevado cando as cantidades destinadas a eses fins ascendan polo menos a un 6 % da base de cálculo da prestación económica por ancianidade establecida polo Estado español para o país de residencia, nas contías que se determinen para o exercicio do ano en que se convocan estas axudas, en cómputo mensual. O custo dos medicamentos será o efectivamente aboado, unha vez deducidos os descontos a que tiver dereito. Entre os gastos derivados do tratamento da enfermidade crónica ou grave poderanse engadir, de ser o caso, os de copagamento de actos médicos.

Artigo 9. Axudas para as mulleres que sufran violencia de xénero

Poderán solicitar as axudas deste suposto as mulleres que cumpran os requisitos xerais previstos no artigo 3 desta resolución e aqueles específicos que se sinalan a seguir:

1. Ser maior de idade ou emancipada.

2. Sufrir unha situación de violencia de xénero acreditada, no ano anterior ao da convocatoria.

Artigo 10. Axudas para paliar unha situación de desemprego na unidade económica familiar

Poderán solicitar as axudas deste suposto as persoas que se encontren en situación legal de desemprego e que cumpran os requisitos xerais previstos no artigo 3 desta resolución e aqueles específicos que se sinalan a seguir:

1. Ser maior de 50 anos e menor de 65.

2. Que os ingresos por calquera concepto da unidade económica familiar non superen a metade da base de cálculo da prestación económica por ancianidade establecida polo Estado no país de residencia, para o exercicio en que se publica a convocatoria, computando os ingresos do xeito establecido no artigo 3.3.a) desta resolución.

Artigo 11. Réxime de concesión

1. As solicitudes presentadas conforme o artigo 4 desta resolución, axudas por encontrarse a unidade económica familiar en situación de precariedade en países iberoamericanos en que o Estado español non teña asinados convenios en materia de seguridade social, tramitarase na modalidade de concorrencia non competitiva, segundo o previsto no artigo 19.2 da citada Lei 9/2007, tendo en conta as especiais características destas axudas, así como a dificultade obxectiva de realizar unha comparación ou prelación das solicitudes presentadas. O importe das axudas fixarase en función do número de solicitudes e as dispoñibilidades orzamentarias e non poderá superar a contía mínima das axudas que se concederán no resto dos supostos previstos nesta resolución, de conformidade co establecido no artigo 19.3 da citada Lei 9/2007.

2. O réxime de concesión das axudas económicas nos supostos previstos nos artigos 5, 6, 7, 8, 9 e 10 desta resolución, tendo en conta as especiais características destas axudas, tramitaranse igualmente polo procedemento de concorrencia non competitiva previsto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, se ben nestes supostos o importe da axuda outorgarase en función da puntuación obtida ao aplicar os criterios de valoración establecidos no artigo 21 desta resolución e da gravidade do suposto polo cal se solicita, en función da seguinte orde decrecente, segundo os artigos correspondentes a cada suposto: 9, 5, 7, 8, 10, 6 e 4. Mediante a combinación destes dous criterios, e cos límites establecidos no artigo 12.2 desta resolución, determinarase, de xeito progresivo, o importe da axuda para todas as puntuacións de cada un dos supostos.

Artigo 12. Financiamento e contías das axudas

1. Financiamento.

As axudas para a realización deste programa concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 04.30.312C.480.0. Accións de políticas migratorias dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2014.

O crédito inicialmente outorgado para esta finalidade é de dous millóns de euros (2.000.000 €), distribuído do seguinte xeito:

– Para o suposto do artigo 4 desta resolución o crédito será de novecentos vinte e cinco mil euros (925.000 €).

– Para os supostos dos artigos 5, 6, 7, 8, 9 e 10 desta resolución, o crédito será de un millón setenta e cinco mil euros (1.075.000 €).

De non cubrirse un dos créditos anteriores, poderá asignarse a contía sobrante ao outro crédito.

O total das axudas concedidas aos beneficiarios residentes nun mesmo país non poderán superar o 75 % do orzamento. Este límite podería aumentar no caso de que sobrase crédito orzamentario nos restantes países.

Os créditos iniciais poderán ser ampliados en función do previsto no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Este incremento do crédito quedará condicionado á declaración de dispoñibilidade de crédito como consecuencia da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou mesmo programa, ou derivadas dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito ou no suposto previsto no artigo 25.3 do citado decreto.

2. Contía das axudas.

A contía da axuda para os beneficiarios de países que teñan asinados convenios en materia de seguridade social co Estado español estará limitada cunha cota inferior de 350 € e unha cota superior de 800 €. Non obstante, se o número de solicitudes admitidas fose tal que a contía individual por axuda resultase inferior a 350 €, denegaríanse aquelas solicitudes correspondentes ás persoas de menor idade ata acadar o dito mínimo de 350 €.

Para os beneficiarios dos países que non teñan asinados convenios en materia de seguridade social co Estado español, a contía da axuda estará limitada cunha cota inferior de 150 € e unha cota superior de 400 €. Non obstante, se o número de solicitudes admitidas fose tal que a contía individual por axuda resultase inferior a 150 €, denegaríanse aquelas solicitudes correspondentes ás persoas de menor idade que solicitasen a axuda polo suposto do artigo 4 desta resolución (axudas por encontrase a unidade familiar en situación de precariedade), ata acadar o dito mínimo de 150 €.

Artigo 13. Natureza e compatibilidade das axudas

1. As axudas teñen carácter persoal e intransferible. As axudas non orixinan ningún dereito subxectivo para os beneficiarios e estarán, en todo caso, condicionadas ás dispoñibilidades orzamentarias do exercicio correspondente, previstas para esta finalidade.

No suposto de que, unha vez ditada a resolución de concesión das axudas, o/a beneficiario/a faleza, terán dereito á súa percepción as persoas que acrediten, de acordo coa normativa do país de residencia, a súa condición de herdeiros/as.

2. Soamente se poderá conceder unha axuda por feito causante. As axudas previstas nos artigos 4 e 10 desta resolución son incompatibles coa solicitude de axudas por outro suposto na mesma unidade económica familiar.

A axuda que se conceda corresponderá co suposto de maior gravidade, de ser da mesma gravidade coa de maior puntuación, e de ser esta a mesma, co solicitante de maior idade.

3. Cada solicitante soamente poderá pedir unha axuda por un único suposto. De presentarse máis dunha solicitude, entenderase como válida a presentada en primeiro lugar, segundo o asento de rexistro correspondente.

4. Cando nunha mesma unidade económica familiar concorra máis dun beneficiario, a contía das axudas será minorada nun 70 %, agás a do suposto de maior gravidade. No caso de ser o mesmo suposto, minorarase a de menor puntuación e, de ser a mesma, a de menor idade.

Cando o solicitante resida nun centro asistencial ou similar, a contía máxima da axuda non superará a diferenza entre o custo do centro e os ingresos acreditados polo solicitante. En todo caso, non superará o importe previsto na convocatoria

Artigo 14. Acreditación da condición de galego residente no exterior

A condición de galego residente no exterior deberá acreditarse mediante a presentación da seguinte documentación:

a) A nacionalidade española mediante o pasaporte español en vigor, o certificado de inscrición no Rexistro de Matrícula Consular ou outro documento xustificativo que acredite a nacionalidade española. No documento presentado debe constar a dilixencia de inscrición no Rexistro de Matrícula Consular, agás en casos de imposibilidade de obtención.

b) A orixe galega xustificarase mediante calquera documento oficial que acredite un dos dous requisitos seguintes:

1. Ter nacido en Galicia ou que a última veciñanza administrativa en España fose en Galicia de forma continuada durante dez anos.

2. Que se encontre vinculado con calquera concello galego no censo electoral de residentes no exterior e sexa descendente ata o segundo grao de consanguinidade dunha das persoas descritas no número 1 da letra b). A vinculación cun concello galego no censo de residentes no exterior non se exixirá no caso de que o/a solicitante/a estea incapacitado legalmente, sempre que a dita incapacidade impida a inscrición no dito censo.

Artigo 15. Documentación

1. Todos os solicitantes deberán presentar a seguinte documentación:

a) Solicitude segundo o modelo normalizado do anexo I desta resolución. No caso de que o solicitante estea incapacitado, a solicitude farase a nome do incapacitado e asinaraa o seu representante legal.

No modelo da solicitude inclúese unha declaración do conxunto de todas as solicitudes de axuda efectuada, con expresión das que foron concedidas polas distintas administracións públicas competentes.

b) Documentación acreditativa da identidade e nacionalidade:

DNI da persoa solicitante que posúa a nacionalidade española, no caso de non prestar o seu consentimento expreso para que a Secretaría Xeral da Emigración comprobe, por medio de acceso electrónico, a verificación dos seus datos de identidade, segundo o modelo que consta na propia solicitude.

Para o resto, fotocopia do pasaporte español ou documento de identidade en que consten os seus datos persoais. Para todos, acreditación documental da condición de galego residente no exterior, de acordo co artigo anterior.

c) Para os casos mencionados nos puntos 1 e 2 do artigo 2, xustificación oficial da residencia en Galicia.

d) Documentación que acredite a convivencia familiar, se é o caso.

e) Libro de familia, se procede. No seu defecto, achegarase documentación xustificativa do matrimonio, da unión de feito ou relación análoga e do nacemento do resto de membros da unidade familiar. As relacións maritais análogas ao matrimonio terán que acreditar que levan convivindo polo menos un ano, e tal circunstancia poderase probar por medio da inscrición no rexistro ou documento público. No caso de teren fillos en común, abondará con acreditar a convivencia, segundo o que se establece na Lei 2/2006, do 14 de xuño, do dereito civil de Galicia.

f) No caso de separación legal ou divorcio, anexarase a correspondente sentenza xudicial firme ou certificación rexistral.

g) Nos países en que exista obriga de presentar declaración da renda das persoas físicas ou declaración similar, copia da última declaración presentada do interesado e/ou os membros da unidade económica familiar. No caso de que non estivesen obrigados a realizala, xustificación oficial desta circunstancia, nos países en que se expida, e certificación ou xustificante acreditativo dos ingresos, rendas ou pensións de calquera natureza que perciba o interesado e/ou os membros da unidade económica familiar ou, de non percibirse, declaración responsable do solicitante de que ningún membro da unidade económica familiar, incluído o interesado, percibe ingresos, rendas ou pensión de calquera natureza.

h) Nos países en que non exista obriga de presentar declaración da renda das persoas físicas ou declaración similar, certificación ou xustificante acreditativo dos ingresos, rendas ou pensións de calquera natureza que perciba o interesado e/ou os membros da unidade económica familiar ou, de non percibilos, declaración responsable do solicitante de que ningún membro da unidade económica familiar, incluído o interesado, percibe ingresos, rendas ou pensións de calquera natureza.

i) No caso de residir o solicitante nun centro asistencial ou similar, deberá presentar xustificante do custo mensual do dito centro.

j) Certificado catastral ou documentación similar en que conste o valor patrimonial dos bens inmobles, agás a vivenda habitual, de que dispoñan os membros da unidade económica familiar.

De non existir no país de residencia a posibilidade de expedición do dito certificado catastral, abondará con presentar unha declaración responsable en que conste o valor patrimonial dos bens inmobles, agás a vivenda habitual, de que dispoñan os membros da unidade económica familiar.

k) Certificado oficial de defunción, no suposto de que o solicitante de axuda sexa unha das persoas previstas no artigo 2.3 desta resolución.

l) Outros documentos xustificativos do estado de necesidade que fundamenten a solicitude de axuda, completen e faciliten a graduación do estado de necesidade.

2. Os solicitantes que fosen beneficiarios do programa de axudas económicas individuais a galegos residentes no exterior para o exercicio de 2013, convocada por Resolución da Secretaría Xeral da Emigración do 5 de marzo de 2013, non terán que presentar a documentación establecida nas alíneas b), d), e) e f), sempre que presenten a declaración xurada que figura como anexo II desta resolución.

3. Ademais, para cada caso concreto, deberán achegar a seguinte documentación:

3.1. Para os casos de dependencia ou enfermidade grave/moi grave descritas nos artigos 5 e 6, documento oficial en que se acredite o recoñecemento da dependencia ou enfermidade grave, emitido polo sistema público do país de residencia.

Nos países en que este documento non se expedise: certificado médico, segundo o modelo normalizado do anexo III, realizado polos servizos médicos dunha sociedade galega ou española que preste servizos na área de saúde. Cando o certificado médico anterior non poida ser expedido pola sociedade galega ou española aludida, poderá admitirse como válido un certificado médico expedido por calquera centro de saúde pública oficial (centros médicos nacionais, provinciais ou municipais) do país de residencia, preferentemente referendado pola dirección médica das ditas sociedades galegas ou españolas, naqueles lugares en que estas existan. Será causa de exclusión a presentación de certificados médicos en modelos distintos ao normalizado do anexo III.

3.2. Para os casos de invalidez ou enfermidade permanente previstos no artigo 7, documento oficial en que se acredite o recoñecemento da invalidez ou enfermidade permanente, emitido polo sistema público do país de residencia.

Nos países en que este documento non se expedise, certificado médico segundo o modelo normalizado do anexo IV nos mesmos termos que os descritos no punto anterior.

3.3. Para os casos de cobertura de medicamentos e tratamento de enfermidades crónicas ou graves previstos no artigo 8:

a) Certificado médico, segundo o modelo normalizado do anexo V, nos mesmos termos que o descrito no punto 3.1 deste artigo.

b) Xustificación dos gastos mensuais en medicamentos efectivamente aboados polo solicitante, no modelo normalizado do anexo VI conforme as prescricións médicas establecidas no certificado indicado na letra a) e, de ser o caso, xustificación dos outros gastos mensuais efectuados no tratamento da enfermidade.

3.4. Para os casos de violencia de xénero do artigo 9, acreditación de sufrir a situación de violencia de xénero mediante sentenza, orde xudicial de protección, informe do Ministerio Fiscal ou informe socio ambiental emitido por un organismo oficial.

3.5. Para os casos de desemprego na unidade familiar previsto no artigo 10, xustificantes da situación de desemprego, coa indicación de se é subsidiado ou non, do cabeza de familia e do resto dos membros que compoñen a unidade familiar e que estean nesa situación.

4. Se a solicitude non estiver debidamente cuberta ou non se achegar a documentación exixida, a Secretaría Xeral da Emigración requirirá o interesado para que, nun prazo máximo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixer, se entenderá por desistido da súa petición, de conformidade co que se dispón no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico da administracións públicas e do procedemento administrativo común, logo da resolución ditada nos termos previstos no artigo 42 da citada lei.

5. A falsidade ou ocultación de datos na documentación presentada para a obtención da axuda comportará a exclusión do proceso de valoración e, por tanto, a imposibilidade de ser beneficiario das axudas establecidas nesta resolución.

Artigo 16. Lugar de presentación de solicitudes

1. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia
(https://sede.xunta.es), de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. A achega de tales copias implica a autorización á Administración para que acceda e trate a información persoal contida nos correspondentes documentos.

Os/as interesados/as que non posúan certificado e así o desexen poderán dirixirse ás entidades colaboradoras que se indican a seguir, nas cales existen persoas habilitadas para o efecto, para a presentación electrónica das súas solicitudes:

* En Brasil:

– Peña Galega da Casa de España de Río de Janeiro.

– Real Sociedade Española de Beneficencia de Salvador-Baía.

– Sociedade Hispano Brasileira de Socorros Mutuos e Instrución de São Paulo.

– Sociedade de Socorros Mutuos e Beneficencia Rosalía de Castro en Santos.

* En Cuba:

– Federación de Sociedades Galegas en La Habana.

* En Venezuela:

– Irmandade Galega de Venezuela en Caracas.

A utilización desta vía requirirá unha autorización que o/a interesado/a outorga á persoa responsable da entidade colaboradora para que remita a súa solicitude vía electrónica. Esa autorización farase constar no modelo de solicitude.

2. Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

En caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado, co selo de Correos na primeira folla do formulario para garantir que a data de remisión é anterior á de peche da convocatoria. Deberá remitirse á Secretaría Xeral da Emigración, sita na rúa Basquiños, 2, 15704 Santiago de Compostela.

3. Os modelos normalizados de solicitude poderán obterse nas páxinas web:

https://sede.xunta.es e http://emigracion.xunta.es

Artigo 17. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será de 40 días naturais contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

Artigo 18. Consentimentos e autorizacións

1. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos ou documentos coa finalidade de acreditar a identidade da persoa solicitante. Por tanto, o modelo de solicitude normalizado incluirá unha autorización expresa ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos achegados no procedemento administrativo. No caso de que a persoa interesada non autorice o órgano xestor para realizar esta operación, estará obrigada a achegalos nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

2. As solicitudes das persoas interesadas acompañaranse dos documentos e as informacións determinados no artigo 15, salvo que os documentos exixidos xa estivesen en poder de calquera órgano da administración actuante; neste caso, a persoa solicitante poderá acollerse ao establecido na letra f) do artigo 35 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirir á persoa solicitante a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

Artigo 19. Competencia e instrución

1. A competencia para resolver as solicitudes de axudas presentadas ao abeiro desta resolución corresponden ao secretario xeral da Emigración.

2. O órgano instrutor será a Subdirección Xeral da Emigración e das Comunidades Galegas. Os expedientes serán avaliados por un órgano colexiado, que emitirá o correspondente informe en que se concrete o resultado da avaliación. O dito órgano colexiado estará formado por 3 funcionarios/as da Secretaría Xeral da Emigración.

3. Para as solicitudes presentadas en Arxentina e Uruguai crearanse comisións de avaliación presididas polos delegados da Xunta de Galicia en Bos Aires e Montevideo respectivamente. Para as solicitudes presentadas en Brasil, Cuba e Venezuela poderanse crear comisións de avaliación, presididas por un funcionario técnico da Secretaría Xeral da Emigración. Estas comisións estarán compostas por técnicos das delegacións e, se é o caso, por membros dos centros galegos de cada país como representantes das comunidades galegas coñecedores da realidade social en que residen, viven e se desenvolven os solicitantes.

4. Os expedientes que non fosen avaliados polas comisións mencionadas no punto 3 deste artigo serán avaliados polo órgano establecido no número 2 deste artigo.

5. Se algunha das comisións de avaliación citadas así o considera oportuno, poderá encargar informes socio ambientais, que serán realizados por profesionais titulados que comproben a veracidade dos datos achegados nas solicitudes, e os resultados obtidos deberán ser tidos en conta na avaliación das correspondentes solicitudes.

6. Os expedientes serán avaliados polas comisións segundo os criterios de valoración establecidos nesta resolución para os distintos programas. Posteriormente, o órgano instrutor a que se refire o número 2 deste artigo elaborará as propostas de concesión que elevará o órgano instrutor ao secretario xeral da Emigración, para a súa resolución.

Artigo 20. Tramitación

O procedemento para a tramitación e concesión das axudas que se convocan nesta resolución axustarase ao previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento que a desenvolve, e na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 21. Criterios de valoración

Os criterios de valoración para o outorgamento das axudas serán os que se sinalan a seguir, tendo en conta que a distribución da puntuación será proporcional establecendo un orde de maior a menor en cada suposto e segundo a prelación de cada un deles establecida no artigo 12.

1. Para os supostos dos artigos 5 e 6:

a) Grao de dependencia de terceiros/gravidade da enfermidade: de 1 a 4 puntos.

b) Ingresos económicos e patrimonio: de 1 a 3 puntos.

c) Idade do solicitante: de 1 a 2 puntos.

2. Para o suposto do artigo 7:

a) Grao de autonomía: de 1 a 4 puntos.

b) Ingresos económicos e patrimonio: de 1 a 3 puntos.

c) Idade do/da solicitante: de 1 a 2 puntos.

3. Para o suposto do artigo 8:

a) Gasto farmacéutico: de 1 a 4 puntos.

b) Ingresos económicos e patrimonio: de 1 a 3 puntos.

c) Idade do solicitante: de 1 a 2 puntos.

4. Para o suposto do artigo 9:

a) Cargas familiares do/da solicitante, considerando como tales os menores de 24 anos ou maiores desta idade discapacitados que dependan economicamente do/da solicitante: de 1 a 4 puntos.

b) Ingresos económicos e patrimonio de que dispón o/a solicitante: de 1 a 3 puntos.

c) Idade do/da solicitante: de 1 a 2 puntos.

5. Para o suposto do artigo 10:

a) Cargas familiares da unidade económica familiar, considerando como tales os menores de 24 anos ou maiores desta idade discapacitados que dependan economicamente do/da solicitante: de 1 a 4 puntos.

b) Ingresos económicos e patrimonio de que dispón o/a solicitante: de 1 a 3 puntos.

c) Idade do/da solicitante: de 1 a 2 puntos.

Artigo 22. Resolución. Modificación da resolución de concesión. Pagamento e reintegro

1. As resolucións serán notificadas aos interesados e deberán ser sempre motivadas.

O prazo máximo para resolver será de cinco meses contados a partir do día seguinte ao da finalización do prazo de presentación de solicitudes. Transcorrido o dito prazo sen que se ditasen as resolucións expresas, poderán entenderse desestimadas as solicitudes, de acordo co establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Os beneficiarios das axudas quedan obrigados a comunicar á Secretaría Xeral da Emigración, no momento en que se produza, calquera alteración dos requisitos exixidos na convocatoria ou de circunstancias sobrevidas que impidan ou dificulten a execución das accións para as cales se solicitou a axuda, e a secretaría pode adoptar a resolución de modificación da concesión ou de revogación que corresponda.

3. A contía das axudas concedidas aboarase aos beneficiarios nun pagamento único, unha vez notificada a resolución de concesión. A Administración non se fai responsable da imposibilidade de efectuar o pagamento por causas imputables aos solicitantes.

4. Procederá o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia dos xuros de mora debidos desde o momento en que se efectúe o pagamento nos casos sinalados no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xullo, de subvencións de Galicia. De acordo co artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, os criterios de graduación dos posibles incumprimentos para determinar a cantidade que se minorará ou reintegrará serán os seguintes:

– O incumprimento total dos fins para os cales se concede a subvención ou o da realización dos gastos subvencionables dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, se é o caso, ao reintegro da totalidade da axuda concedida.

– Calquera outro incumprimento considerarase incumprimento parcial dos fins para os cales se concedeu a axuda da realización dos gastos subvencionables e dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, se é o caso, ao reintegro na porcentaxe correspondente ao investimento non efectuado.

Artigo 23. Deberes dos beneficiarios

Os beneficiarios de axudas e subvencións correspondentes aos programas convocados por esta resolución quedan obrigados a someterse aos requisitos legais e regulamentarios que prevexa a normativa xeral de aplicación ás axudas e subvencións da Xunta de Galicia, así como ás actuacións de comprobación que respecto da xestión de fondos pode efectuar a entidade concedente e ás de control financeiro que realice a Intervención xeral da Comunidade Autónoma e aos procedementos fiscalizadores do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Os datos persoais recollidos en virtude desta convocatoria serán obxecto de tratamento por parte da Secretaría Xeral da Emigración e serán incorporados a un ficheiro que cumpra as exixencias da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, e adoptaranse tanto as medidas de seguranza técnica como organizativa. A finalidade de recolla dos datos será o rexistro, estudo e avaliación das axudas convocadas nesta resolución, co fin de exercer as competencias propias da Secretaría Xeral da Emigración.

O solicitante autoriza expresamente a Secretaría Xeral da Emigración, no ámbito das súas competencias, para ceder os datos persoais a aqueles organismos da Administración xeral do Estado con competencias xerais na materia, co fin de colaborar no exercicio das funcións que lle sexan propias.

O interesado, así como o seu representante legal, poderán exercer os dereitos de acceso, cancelación, rectificación e oposición por escrito e achegando identificación suficiente ao seguinte enderezo: Secretaría Xeral da Emigración, rúa Basquiños, 2, 15704 Santiago de Compostela, A Coruña.

Artigo 24. Publicidade

De conformidade coa Lei orgánica 1/1982, do 5 de maio, de protección civil do dereito á honra, a intimidade persoal e familiar e a propia imaxe e co disposto no artigo 9.4 do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, e de conformidade co artigo 13.6 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, non se procederá á publicidade destas axudas na páxina web da Secretaría Xeral da Emigración (http://emigracion.xunta.es) e no Diario Oficial de Galicia, nin a relación de beneficiarios nin o importe das axudas concedidas, porque a súa publicación podería ser contraria ao respecto e salvagarda da honra e intimidade persoal e familiar dos solicitantes.

Artigo 25. Réxime de recursos

1. Contra esta resolución cabe interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que a ditou no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Así mesmo, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

2. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpor potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que as ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou no prazo de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se entenda producido o acto presunto.

Así mesmo, poderán interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se entenda producido o acto presunto, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 12 de febreiro de 2014

Antonio Rodríguez Miranda
Secretario xeral da Emigración

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file