Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 33 Martes, 18 de febreiro de 2014 Páx. 6631

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 11 de febreiro de 2014, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións correspondentes aos programas de apoio infraestrutural e adquisición de equipamentos ás comunidades galegas no exterior e se procede a súa convocatoria para o ano 2014.

O Estatuto de autonomía de Galicia recoñécelles ás comunidades galegas asentadas fóra de Galicia o dereito a colaborar e compartir a vida social e cultural do pobo galego. A Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade, determina que son comunidades galegas as entidades sen ánimo de lucro, asentadas fóra de Galicia e constituídas por galegos/as, con personalidade xurídica no territorio en que estean asentadas e que teñan por obxecto principal os labores de protección, instrución ou lecer dos/das galegos/as residentes fóra de Galicia e dos/das seus/súas descendentes, e/ou o mantemento ou o fomento dos lazos culturais, sociais ou económicos con Galicia.

Segundo o establecido no artigo 4 do Decreto 88/2013, do 30 de maio, de estrutura orgánica dos órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, a Secretaría Xeral da Emigración é o órgano superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ao cal lle corresponden as competencias en materia de desenvolvemento da Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade, as relacións coas comunidades galegas no exterior, as políticas de emigración e retorno en Galicia e a representación e participación nos órganos e foros relacionados con estas que lle encomende a persoa titular da Presidencia da Xunta.

Así mesmo, a disposición adicional segunda do Decreto 88/2013, do 30 de maio, desconcentra no secretario xeral da Emigración a competencia para a aprobación das bases, a convocatoria e a resolución das axudas e subvencións do seu respectivo ámbito de competencia.

A través da Secretaría Xeral da Emigración, a Xunta de Galicia está desenvolvendo, desde hai anos, programas de axudas e subvencións en favor das comunidades galegas no exterior co fin de posibilitar o cumprimento dos intereses e finalidades que lles son propios.

Os principios de economía, austeridade e eficiencia na asignación e no emprego de recursos públicos que deben presidir a actuación das administracións públicas determinan que deban buscarse fórmulas que posibiliten unha xestión máis racional e eficiente dos recursos públicos que garantan unha mellor optimización destes.

Neste senso, o artigo 19.2 da Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade, establece que a Xunta de Galicia promoverá os procesos de unión ou fusión entre as entidades galegas no exterior, perseguindo así unha optimización non só dos recursos propios, senón tamén daqueles que son achegados anualmente pola propia administración a través dos correspondentes programas de axudas e subvencións.

Deste xeito, na presente resolución establécese unha maior puntuación na valoración das solicitudes daquelas entidades que sexan o resultado dun recente proceso de unión ou fusión doutras entidades ou que nos seus ámbitos territoriais teñan a característica de ser as únicas recoñecidas coa correspondente categoría.

En execución da Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade, procede establecer o marco normativo ao cal deberá axustarse o procedemento de concesión de subvencións que posibiliten ás comunidades galegas establecidas noutras comunidades autónomas ou no exterior a reforma, rehabilitación, conservación das súas instalacións, restauración do seu patrimonio, ou a mellora de dotacións e equipamentos, e proceder á súa convocatoria para o exercicio 2014.

O procedemento de concesión das subvencións realizarase en réxime de concorrencia competitiva, respectando os principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade e non discriminación, aos cales se debe axustar a xestión das subvencións e axudas outorgadas polas administracións públicas.

En virtude do exposto, no exercicio das competencias atribuídas no Decreto 88/2013, do 30 de maio, e de conformidade co disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da referida Lei 9/2007, nos preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, na Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e demais normativa de aplicación,

RESOLVO:

CAPÍTULO I
Disposicións comúns aos dous programas

Artigo 1. Obxecto

1. Esta resolución ten por obxecto establecer as bases que regularán o procedemento de concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, ás entidades galegas no exterior, para a realización dos seguintes programas:

– Programa A. Axudas para a ampliación, reforma, rehabilitación e conservación das súas instalacións e/ou do seu patrimonio cultural.

– Programa B. Axudas para a mellora de dotacións e equipamentos de carácter inventariable.

2. Así mesmo, ten por obxecto convocar as devanditas subvencións para o ano 2014.

Artigo 2. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das subvencións establecidas para estes programas as entidades galegas asentadas fóra de Galicia que, de acordo coa tipoloxía establecida no artigo 4 da Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade, teñan recoñecida a categoría de comunidades galegas ou de centros colaboradores da galeguidade.

2. Igualmente, e de conformidade co establecido nas disposicións transitorias terceira e cuarta da Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade, tamén poderán ser beneficiarias as comunidades galegas e os centros colaboradores recoñecidos pola normativa anterior á devandita lei.

3. Non poderán concorrer ás subvencións establecidas nesta convocatoria as entidades galegas que teñan adoptado o acordo de iniciar un proceso de unión ou fusión mentres que o devandito proceso non estea rematado.

Artigo 3. Imputación orzamentaria e contía das subvencións

1. Para a concesión das subvencións previstas nesta resolución, destinarase inicialmente un crédito total de 600.000 € con cargo á aplicación orzamentaria 04.30.312C.781.0.-Axudas para conservación, obras, equipamentos e infraestrutura das súas instalacións-, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014. Este importe poderá ampliarse de acordo coas dispoñibilidades orzamentarias e como consecuencia das circunstancias sinaladas no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Esta contía distribuirase do xeito que segue:

– Programa A. Axudas para a ampliación, reforma, rehabilitación e conservación de instalacións e/ou patrimonio cultural, 350.000 €.

Só se concederán axudas por este programa ás entidades que sexan propietarias dos bens onde se vaian executar as accións subvencionadas ou que os teñan en réxime de alugamento ou de cesión de uso.

O importe máximo dos investimentos do proxecto para o que se solicite subvención, non poderá superar a contía de 75.000 €.

O importe máximo que se concederá será inferior a 30.000 €. Malia o anterior, non se concederán axudas superiores a 6.000 € para obras ou conservación de instalacións en inmobles que non sexan propiedade da entidade solicitante ou para os cales non se achegue documento de cesión de uso a favor dela superior a 15 anos, contados desde a data de publicación desta resolución.

– Programa B. Axudas para mellora de dotacións e equipamentos de carácter inventariable, 250.000 €.

O importe máximo que se concederá neste programa será de 12.000 €.

De existir remanente nalgún dos dous programas, poderá ser redistribuído, pasando a incrementar a consignación do outro programa.

Artigo 4. Concorrencia de axudas

As subvencións concedidas ao abeiro desta convocatoria son compatibles con calquera outra que puidese ser concedida para a mesma finalidade. Non obstante, o importe da axuda en ningún caso poderá superar, illadamente ou en concorrencia con subvencións doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, o custo da acción que levou a cabo a entidade beneficiaria.

Artigo 5. Solicitudes

1. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado que figura como anexo I desta resolución, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Igualmente se poderán presentar nas delegacións da Xunta de Galicia en Bos Aires e Montevideo, nas oficinas consulares, así como nos consulados ou seccións consulares das embaixadas correspondentes ao domicilio ou residencia do solicitante.

En caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado, co selo de Correos na primeira folla do formulario para garantir que a data de remisión é anterior á de peche da convocatoria. Deberá remitirse á Secretaría Xeral da Emigración, sita na rúa Os Basquiños 2, 15704 Santiago de Compostela.

A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada, segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e artigo 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

2. Na presente convocatoria as entidades tan só poderán presentar unha solicitude para un dos dous programas previstos no artigo 1 desta resolución.

Na solicitude só poderán incluírse accións que se vaian executar no prazo comprendido entre o día 1 de xaneiro de 2014 e a data límite prevista para a súa xustificación no artigo 12.1 desta resolución.

O importe da subvención solicitada será como máximo o 80 % do investimento total previsto na solicitude. No caso de que o importe solicitado supere esa cifra, non se terá en conta o exceso.

Para fixar o importe do investimento total previsto deberán terse en conta os límites establecidos no artigo 3 desta resolución. No caso de que o gasto supere esa cantidade, a entidade deberá executar, na súa totalidade, as accións incluídas, tanto nos seus conceptos como nos seus importes; doutro xeito, só percibirá a parte proporcional que corresponda da subvención concedida.

Artigo 6. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será de 40 días naturais contados a partir do seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

Artigo 7. Documentación xeral

1. Xunto coa solicitude as entidades deberán presentar, ademais da documentación específica que, para cada programa, se relaciona nos artigos 23 e 26, a seguinte documentación:

a) Fotocopia do NIF da entidade ou equivalente segundo o país (CUIT, RIF, Cadastro, …), salvo que xa estea en poder de calquera órgano da administración actuante; neste caso, a entidade solicitante poderá acollerse ao establecido na letra f) do artigo 35 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á entidade solicitante a súa presentación, ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

b) As entidades solicitantes que non teñan a súa residencia fiscal en territorio español deberán presentar certificado de residencia fiscal emitido polas autoridades competentes do seu país de residencia, e unha declaración en que conste que a entidade solicitante está ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e de Seguridade Social, e que non ten débedas pendentes coa Comunidade Autónoma de Galicia, incluída no anexo I desta resolución.

c) As entidades que sexan o resultado dun proceso de unión ou fusión, deberán acompañar, ademais, a documentación que acredite este dato.

2. A solicitude e a documentación que se presente deberá ser asinada polo representante legal da entidade solicitante.

Artigo 8. Consentimentos e autorizacións

1. Para as entidades con domicilio social en España, a presentación da solicitude de concesión destas subvencións comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante poderá denegar expresamente o consentimento e neste caso deberá presentar a certificación nos termos previstos regulamentariamente.

2. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, a Consellería publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, se poidan impoñer nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a referida publicidade.

3. De conformidade co disposto no artigo 5 da Lei orgánica 15/1999, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos nas solicitudes deste programa serán incorporados a un ficheiro para o seu tratamento coa finalidade da xestión deste procedemento. As entidades solicitantes poden exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición previstos na lei, dirixindo un escrito á Secretaría Xeral da Emigración como responsable do ficheiro.

Artigo 9. Procedemento de instrución e concesión

1. O procedemento para a tramitación e concesión das subvencións que se convocan por esta resolución axustarase ao procedemento de concorrencia competitiva previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da referida Lei 9/2007, e demais normativa de aplicación.

2. O órgano instrutor será a Subdirección Xeral da Emigración e das Comunidades Galegas.

3. De acordo co establecido no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, se a solicitude non reune os requisitos establecidos, o órgano competente requirirá a entidade solicitante para que a emende no prazo máximo e improrrogable de dez días, e indicaralle que, se non o fai, se terá por desistida da súa solicitude, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

4. Os expedientes serán avaliados por un órgano colexiado que formulará a correspondente proposta de concesión ao órgano concedente a través do órgano instrutor. O devandito órgano colexiado estará formado por tres vogais e un/unha secretario/a, designados/as polo secretario xeral da Emigración. En caso de ausencia dalgún dos membros integrantes da comisión de avaliación, poderá ser substituído/a pola persoa funcionaria que para o efecto designe o secretario xeral da Emigración.

5. Os expedientes serán avaliados, segundo os criterios sinalados para cada programa, polo órgano colexiado establecido no número anterior, que deberá emitir informe en que se concrete o resultado da avaliación efectuada.

6. O cálculo dos importes propostos polo órgano colexiado realizarase para cada programa, tendo en conta a distribución do crédito e o disposto na convocatoria.

Entre as entidades solicitantes que cumpran os requisitos para seren beneficiarias das subvencións, establecerase unha orde de prelación, segundo o número de puntos que acaden aplicando os criterios de valoración establecidos.

En función do número de puntos que acade cada entidade determinarase a porcentaxe do investimento que se vai subvencionar. A contía que se concederá a cada unha resultará de aplicar a porcentaxe resultante ao seu proxecto de investimento, sen que supere o límite previsto no artigo 3, nin o 80 % do orzamento do proxecto –minorado na parte do gasto que non sexa subvencionable–, nin a contía solicitada.

O crédito dispoñible distribuirase entre as entidades segundo a orde de prelación, ata que se esgote.

Atendendo ás características dos programas convocados, non se concederán axudas por contía inferior a 200 €. Os créditos correspondentes a axudas inferiores a esta contía distribuiranse, porcentualmente, entre o resto de axudas propostas tendo en conta os límites previstos nos parágrafos anteriores.

7. O órgano instrutor, á vista do expediente e do informe do órgano colexiado, formulará a proposta de resolución, que se presentará ao secretario xeral da Emigración, que é o órgano competente para resolver, quen resolverá dentro das dispoñibilidades orzamentarias.

Artigo 10. Reformulación das solicitudes

1. De acordo co establecido no artigo 25 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, cando o importe da subvención de cada proxecto na proposta de resolución provisional sexa inferior ao que figura na solicitude presentada, a Secretaría Xeral da Emigración poderá instar da entidade beneficiaria a reformulación da súa solicitude para axustar os compromisos e as condicións á subvención outorgable.

2. En calquera caso, a reformulación de solicitudes deberá respectar o obxecto, as condicións e a finalidade da subvención, así como os criterios de valoración establecidos respecto das solicitudes.

3. A realización da comunicación ás entidades para que reformulen as súas solicitudes, poderase efectuar por medio de publicación no taboleiro de anuncios da Secretaría Xeral da Emigración e na páxina web http://emigracion.xunta.es. A eficacia das citadas comunicacións será a partir das devanditas publicacións.

Sen prexuízo do anterior, a Secretaría Xeral da Emigración remitirá ao enderezo de correo electrónico das entidades, sempre que este conste na solicitude, unha comunicación dando conta da realización desta publicación. Así mesmo, debe significarse que os prazos de dez días se computarán desde a publicación na páxina web destas comunicacións e non desde a súa comunicación escrita.

4. As entidades solicitantes terán un prazo de dez días, desde a data de publicación destas comunicacións, para remitir á Secretaría Xeral da Emigración a reformulación das súas solicitudes, para a súa análise, segundo o modelo que figura como anexo II desta resolución. No caso daquelas entidades que non respondan nese prazo, entenderase que aceptan o importe da subvención que apareza na proposta de resolución provisional.

Artigo 11. Resolución

As resolucións serán ditadas polo secretario xeral da Emigración e notificadas aos interesados nos prazos e na forma establecidos nos artigos 58 e 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O prazo máximo para resolver será de cinco meses, que comezará a contar desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o dito prazo sen que se diten as resolucións expresas, as solicitudes poderán entenderse desestimadas, de acordo co establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 12. Xustificación

1. As accións subvencionadas a través da presente convocatoria deberán ser executadas e xustificadas antes do 15 de outubro de 2014.

A Secretaría Xeral da Emigración poderá outorgar unha ampliación do prazo establecido para presentar a xustificación, de conformidade co artigo 45 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro. A non presentación da xustificación no prazo establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia de reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións.

Transcorrido o prazo establecido da xustificación sen que se presente a documentación xustificativa, requirirase o beneficiario para que no prazo improrrogable de dez días presente a dita documentación.

2. O réxime de xustificacións é o de conta xustificativa simplificada, de conformidade co establecido no artigo 51 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, por ser o importe das subvencións para cada programa e beneficiario inferior a 30.000 €.

3. Previamente ao pagamento do importe da subvención concedida, sen prexuízo da posibilidade de efectuar pagamentos á conta ou anticipos segundo o disposto no artigo 12 desta resolución, as entidades beneficiarias deberán achegar á Secretaría Xeral da Emigración, no prazo establecido, a seguinte documentación xustificativa:

a) Unha memoria de actuación xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención, con indicación detallada das accións realizadas e dos resultados obtidos.

b) Relación clasificada dos investimentos realizados, con indicación do acredor e do número de documento, o seu concepto, o seu importe, a data de emisión e a data de pagamento (pode usarse o modelo que figura como anexo III a esta resolución).

c) Un detalle doutros ingresos e/ou subvencións que financiasen a acción subvencionada, con indicación do importe e a súa procedencia, segundo o modelo normalizado que figura como anexo IV desta resolución.

d) As entidades con sede social en España deberán acreditar que están ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas, e da Seguridade Social, así como que non teñen débedas pendentes coa Comunidade Autónoma de Galicia, salvo no caso das subvencións que non superen os 3.000 € individualmente, así como no caso das entidades con sede social fóra de España que deberán presentar unha declaración responsable de que están ao día nesas obrigas, podendo utilizar para iso o modelo que figura como anexo IV desta resolución.

e) Se é o caso, carta de pagamento de reintegro no suposto de remanentes non aplicados, así como dos xuros derivados destes.

4. Cando o órgano administrativo competente para a comprobación da subvención aprecie a existencia de defectos emendables na xustificación presentada pola entidade beneficiaria, porao no seu coñecemento e concederalle un prazo de dez días para a súa corrección. A falta de presentación da documentación requirida no prazo establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención.

5. Considerarase gasto subvencionable o efectivamente realizado e pagado con anterioridade á finalización do período de xustificación establecido neste artigo.

6. En virtude do disposto no artigo 42.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, aceptarase a xustificación do pagamento mediante recibo do provedor para gastos de escasa contía por importes inferiores a 1.000 €.

7. A Secretaría Xeral da Emigración, a través das técnicas de mostraxe comprobará os xustificantes que considere oportunos e que permitan obter evidencia razoable sobre a adecuada aplicación da subvención; para este fin poderase requirir ao beneficiario a remisión dos xustificantes de gasto seleccionados.

Esta mostraxe realizarase de acordo co seguinte procedemento:

Relaciónanse os beneficiarios por programa e orde alfabética, asignándolles un número correlativo.

Escóllese un número ao azar do 1 ao 20. Este número determinará a primeira entidade beneficiaria que será obxecto da mostraxe, e os seguintes que se elixan serán múltiplos do devandito número.

Artigo 13. Pagamento

1. Unha vez resolto o expediente, e para acadar unha maior operatividade neste tipo de axudas e por tratarse de entidades que non teñen ánimo de lucro, poderanse efectuar pagamentos á conta ou ben autorizarse anticipos de pagamentos dos importes concedidos ata a contía máxima permitida de acordo co establecido no artigo 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, suxeitos aos requisitos que se establecen nesta lei e nos artigos 62 e 63 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento. O resto do importe ou a parte que corresponda, librarase logo da completa xustificación por parte dos beneficiarios do cumprimento da finalidade para a cal se concedeu a subvención e demais condicións exixidas nesta resolución.

2. De conformidade co establecido no artigo 65.4.h) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as entidades beneficiarias non estarán obrigadas a constituír garantía.

Artigo 14. Subcontratación

De acordo co establecido no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as entidades beneficiarias destas subvencións poderán subcontratar, total ou parcialmente, as accións obxecto delas; poderán subcontratar con terceiros ata o cento por cento das accións subvencionadas.

Artigo 15. Requirimentos

De acordo co artigo 59.6 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, a realización dos requirimentos que procedan poderán efectuarse por medio de publicación no taboleiro de anuncios da Secretaría Xeral da Emigración e na páxina web http://emigracion.xunta.es

A eficacia dos citados requirimentos será a partir das devanditas publicacións. Sen prexuízo do anterior, a Secretaría Xeral da Emigración poderá remitir ao enderezo de correo electrónico das entidades, sempre que este conste na solicitude, unha comunicación dando conta da publicación dos requirimentos. Así mesmo, debe significarse que os prazos de dez días se computarán desde a publicación na páxina web indicada dos requirimentos e non desde a súa comunicación.

Artigo 16. Obrigas das entidades beneficiarias

Con carácter xeral, os beneficiarios das subvencións correspondentes aos programas convocados por esta resolución quedan obrigados a:

1. Realizar a acción ou comportamento que fundamente a concesión da subvención.

2. Someterse aos requisitos legais e regulamentarios que recolla a normativa xeral de aplicación ás axudas e subvencións da Xunta de Galicia, en concreto as recollidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como ás actuacións de comprobación que respecto da xestión de fondos pode efectuar o departamento concedente, ás de control financeiro que realice a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma e aos procedementos fiscalizadores do Consello de Contas e do Tribunal de Contas.

3. Comunicar á Secretaría Xeral da Emigración a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as accións subvencionadas.

4. Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos percibidos.

5. Non se considera que incorre en incumprimento o beneficiario que non xustifique integramente o importe do orzamento presentado coa solicitude, sempre e cando o proxecto ou actividade obxecto da subvención se cumprise nos termos da solicitude e poida considerarse cumprida a finalidade que fundamentou a concesión da subvención. Neste suposto, o pagamento realizarase pola parte proporcional á da contía da subvención efectivamente xustificada, calculado en función da porcentaxe do custo final da actividade, tendo en conta o disposto no artigo 9 desta resolución.

6. As entidades beneficiarias de subvencións quedarán obrigadas á difusión do financiamento por parte da Secretaría Xeral da Emigración nos actos, documentación e publicacións que realicen, por calquera medio, con motivo da actuación subvencionada.

7. Destino e ocupación dos bens. Os bens inmobles rehabilitados destinaranse á sede habitual e permanente da entidade galega beneficiaria durante un período mínimo de cinco anos. O resto dos bens de equipamento subvencionados deberán destinarse para o fin para o cal se concedeu a subvención durante un período mínimo de tres anos.

O incumprimento da obriga de destino antes do vencemento do prazo sinalado, que se producirá en todo caso co alleamento ou gravame do ben ou coa disolución da entidade galega beneficiaria da axuda, será causa de reintegro da subvención nos termos establecidos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, quedando os bens afectos ao pagamento do reintegro calquera que sexa o seu posuidor, salvo que resulte ser un terceiro protexido pola fe pública rexistral ou se xustifique a adquisición dos bens con boa fe e xusto título.

Non se considerará incumprida a obriga de destino referida no punto anterior cando o cambio de destino, alleamento ou gravame do ben, ou a disolución da entidade, sexa autorizada pola Secretaría Xeral da Emigración; a entidade beneficiaria deberá comunicar con antelación calquera modificación prevista na finalidade ou na titularidade do ben subvencionado. Neste suposto, o adquirente asumirá a obriga de destino dos bens polo período restante e, no caso de incumprimento desta, do reintegro da subvención.

Artigo 17. Modificación da resolución de concesión e revogación

1. As entidades beneficiarias das subvencións quedan obrigadas a comunicarlle á Secretaría Xeral da Emigración, no momento en que se produza, calquera alteración dos requisitos exixidos na convocatoria ou de circunstancias sobrevidas que impidan ou dificulten a realización de obras e accións e/ou a adquisición dos equipamentos subvencionados, e a Secretaría Xeral poderá adoptar a resolución de modificación da concesión ou de revogación que corresponda.

2. Unha vez ditada a resolución de concesión o beneficiario poderá solicitar, antes de que conclúa o prazo para a realización das accións, a modificación do seu contido, de concorrer circunstancias que alterasen substancialmente as condicións tidas en conta para a concesión da subvención a criterio da Secretaría Xeral da Emigración.

Artigo 18. Incumprimento, reintegros e sancións

1. O incumprimento das obrigas contidas nesta resolución ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora correspondentes.

2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Procederá a revogación das axudas e subvencións, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora, nos casos e nos termos previstos nos artigos 33 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. De acordo co artigo 14.1.n) da citada lei, os criterios de graduación dos posibles incumprimentos para determinar a cantidade que se debe minorar ou reintegrar serán os seguintes:

a) O incumprimento total dos fins para os cales se concede a subvención, da realización dos gastos subvencionables ou da obriga de xustificación dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, se é o caso, ao reintegro da totalidade da axuda percibida.

b) Calquera outro incumprimento considerarase incumprimento parcial dos fins para os cales se concedeu a axuda, da realización dos gastos subvencionables ou da obriga de xustificación, e dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, se é o caso, ao reintegro na porcentaxe correspondente ao investimento non efectuado ou non xustificado.

4. De acordo co establecido no artigo 64 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e cando proceda o reintegro da subvención, a entidade beneficiaria poderá devolver voluntariamente os pagamentos percibidos mediante o seu ingreso na correspondente conta bancaria da Xunta de Galicia. O importe da devolución incluirá os xuros de demora previstos legalmente ata o momento en que se produciu a devolución efectiva por parte da entidade.

5. Ás entidades beneficiarias das subvencións reguladas nesta resolución seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da devandita Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 19. Control e comprobación

1. A Secretaría Xeral da Emigración poderá levar a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das subvencións.

2. Ademais, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Así mesmo, estarán sometidas ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Artigo 20. Publicidade

De conformidade co establecido no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a Secretaría Xeral da Emigración publicará no Diario Oficial de Galicia as subvencións de contía igual ou superior a 3.000 €, concedidas a través desta convocatoria, indicando o programa e o crédito orzamentario a que se imputan, o beneficiario, a cantidade concedida e a finalidade para a cal se outorgou a subvención.

Igualmente, a relación de subvencións concedidas será obxecto de publicación na páxina web desta secretaría xeral http://emigracion.xunta.es

Artigo 21. Réxime de recursos

1. Contra esta resolución cabe interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que a ditou no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Así mesmo, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

2. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa, e contra elas cabe interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que as ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta é expresa ou no prazo de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se entenda producido o acto presunto.

Así mesmo, poderán interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta é expresa ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se entenda producido o acto presunto, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

CAPÍTULO II
Disposicións específicas para cada programa

Sección 1ª. Programa A
Axudas a entidades galegas no exterior para a ampliación, reforma,
rehabilitación e conservación das súas instalacións e/ou do seu
patrimonio cultural

Artigo 22. Obxecto e finalidades das subvencións

O obxecto deste programa é a concesión de subvencións ás entidades galegas no exterior para contribuír ao financiamento dos gastos derivados dos investimentos que realicen en obras de ampliación, reforma, rehabilitación, conservación e restauración, destinadas á mellora das súas instalacións e/ou patrimonio cultural.

Non se concederán subvencións para as obras que se pretendan realizar nos establecementos hostaleiros ou calquera tipo de explotación comercial que funcionen dentro das instalacións obxecto da solicitude.

Poderán subvencionarse ao abeiro deste programa, entre outros, os gastos derivados de:

1. Investimentos que realicen as entidades galegas propietarias das instalacións, en obras que realicen para a súa rehabilitación, conservación ou ampliación.

2. Investimentos que realicen as entidades galegas en obras imprescindibles de rehabilitación e conservación nas instalacións que, aínda que non sexan propias, utilicen como sede habitual e permanente.

3. Execución de obras de reforma que teñan como finalidade a ampliación, mellora, modernización, adaptación, adecuación ou reforzo de instalacións xa existentes das que sexan titulares as entidades solicitantes.

4. Realización do proxecto de obras asinado por técnico competente e/ou expedición da preceptiva licenza municipal de obras. O importe destes gastos non poderá superar o 10 % da totalidade do investimento proxectado.

5. Investimentos na restauración dos bens de interese artístico e histórico, así como daqueles documentos, fondos ou coleccións que conformen o patrimonio bibliográfico e documental titularidade das entidades galegas no exterior, levadas a cabo por técnicos competentes en cada unha das materias.

Artigo 23. Documentación que se debe presentar coa solicitude

Ademais da documentación relacionada no artigo 7 desta resolución, as entidades interesadas en concorrer ás subvencións obxecto deste programa deberán presentar a seguinte documentación:

a) Memoria descritiva das obras que se van realizar. Detallarase polo miúdo a descrición das obras proxectadas, a situación xurídica das instalacións (en propiedade, alugamento, cesión ou outros) e os motivos e finalidades que xustifiquen a súa realización.

b) Orzamento ou orzamentos realizados por empresas en que se detalle o custo das obras referidas na memoria para as cales se solicita a subvención. O importe máximo dos investimentos non poderá superar a contía prevista na convocatoria. No caso de que o proxecto presentado supere ese importe, non se terá en conta o exceso, e deberá ser rectificado por parte da entidade solicitante.

c) Cando o importe do gasto subvencionable supere a contía de 50.000 euros deberanse achegar tres orzamentos de diferentes empresas, salvo que polas especiais características dos gastos non exista no mercado número dabondo de entidades que subministren ou presten os investimentos proxectados, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención. No suposto de que a elección non recaia na proposta económica máis vantaxosa, de entre as ofertas presentadas, deberase achegar unha memoria que xustifique tal decisión.

d) No caso de restauracións, informe asinado por un técnico competente que inclúa o diagnóstico sobre o estado de conservación da obra ou documento, fondo ou colección que se vai restaurar, así como a súa necesidade de restauración e a correspondente proposta de intervención e o seu valor histórico, artístico, bibliográfico ou documental.

e) No caso de non ser propietarios, documento de cesión de uso ou copia do contrato oficial vixente de alugamento do local que sirva de sede habitual e permanente da entidade solicitante, a non ser que xa conste copia del na Secretaría Xeral da Emigración, e se faga constar así expresamente. Nese contrato debe constar a data do seu vencemento e que o local alugado ou cedido é a sede social da entidade.

Todas as solicitudes poderán ir acompañadas de calquera outra documentación complementaria que se considere adecuada para unha mellor valoración (planos, informes, memorias económicas anuais da entidade, fotografías, etc.).

Artigo 24. Criterios de valoración

1. As solicitudes presentadas serán obxecto de valoración, de acordo cos seguintes criterios:

1.1. Interese xeral e importancia do proxecto. Ata un máximo de 40 puntos.

A vista da memoria descritiva das accións que se van acometer, valorarase o grao de urxencia ou necesidade das obras que se van realizar, así como a repercusión e a influencia que poida ter nos seus asociados, no seu ámbito e no seu contorno.

– Obras de rehabilitación que haxa que acometer con urxencia pola afectación nas instalacións de desastres naturais ou outras catástrofes de carácter imprevisto, ata 40 puntos.

– Obras de rehabilitación ou reforma a realizar nas cales quede acreditada a súa urxente necesidade, ata 35 puntos.

– Obras de ampliación, rehabilitación ou reforma, destinadas ou non a ampliar ou mellorar a oferta de uso dos asociados, ata 20 puntos.

– Obras de conservación, reparación ou restauración, destinadas ou non a ampliar ou mellorar a oferta de uso dos asociados, sexa ou non o inmoble propiedade da entidade solicitante, ata 15 puntos.

– Accións de restauración do patrimonio cultural inventariable da entidade, ata 15 puntos.

No caso de que na solicitude se presenten varias finalidades a valoración será proporcional.

1.2. Estado de conservación das instalacións, locais ou edificios en que se vai realizar o investimento, ata 15 puntos.

Outorgarase maior puntuación a aquelas instalacións, locais ou edificios cuxo estado de conservación estea máis deteriorado. Tamén se puntuará máis cando os inmobles sexan propiedade da entidade solicitante.

1.3. Grao de novidade dos investimentos para os cales se solicita a subvención, en relación aos que foron presentados pola entidade en anos anteriores, ata 10 puntos.

- Cando os investimentos para os cales se solicita a subvención sexan totalmente diferentes aos solicitados nos tres últimos anos, de 8 a 10 puntos.

- Cando os investimentos para os cales se solicita a subvención sexan parcialmente diferentes aos solicitados nos tres últimos anos, de 5 a 7 puntos.

- Cando os investimentos para os cales se solicita a subvención sexan coincidentes cos investimentos para os cales se solicitou a axuda durante os tres últimos anos, ata 4 puntos.

1.4. Entidades que sexan o resultado dun proceso de unión ou fusión, sempre que este rematase a partir do 1 de xaneiro de 2011, inclusive, ou cando, no seu respectivo ámbito territorial, non existan outras entidades galegas recoñecidas, 15 puntos.

1.5. Nivel de financiamento das accións que se van subvencionar a través doutras fontes, distintas á da subvención solicitada á Secretaría Xeral da Emigración: fondos propios da entidade, outras subvencións de organismos públicos ou privados e outras vías de financiamento, ata 20 puntos.

Obterán a máxima puntuación aquelas entidades que financien por outras fontes distintas á da subvención solicitada unha porcentaxe igual ou superior ao 80 % do investimento; aquelas que non presenten ningún financiamento por outras fontes superior ao 20 % obterán 0 puntos, e as demais proporcionalmente.

2. Aqueles proxectos que non acaden unha puntuación mínima de 20 puntos, coa aplicación dos criterios establecidos, non serán obxecto de subvención, nin serán tidos en conta nos cálculos para determinar o importe das subvencións propostas.

Sección 2ª. Programa B
Axudas a entidades galegas no exterior para a mellora de
dotacións e equipamentos inventariables

Artigo 25. Obxecto e finalidades das subvencións

O obxecto deste programa é a concesión de subvencións para financiar a adquisición de dotacións e equipamentos que melloren as condicións en que se desenvolvan as actividades asociativas.

Non se concederán subvencións para a adquisición de equipamentos destinados aos establecementos hostaleiros ou doutro tipo cando teñan un carácter de explotación comercial.

Poderán subvencionarse ao abeiro deste programa, entre outros, os seguintes gastos:

a) Mobiliario e equipamentos materiais que melloren as condicións asistenciais, culturais, educativas, etc., en beneficio dos seus asociados.

b) Equipamentos materiais tecnolóxicos, informáticos e de telecomunicacións.

c) Instrumentos musicais e vestimenta tradicional galega destinados aos grupos de carácter cultural da entidade.

d) Equipamentos e material para ludotecas destinados a espazos de xogo dentro das instalacións das entidades.

e) Outro material inventariable que contribúa á mellora das dotacións e equipamentos das entidades para a realización do seu obxecto social.

Artigo 26. Documentación que se presentará coa solicitude

Ademais da documentación relacionada no artigo 7 desta resolución, as entidades interesadas en concorrer ás subvencións obxecto deste programa deberán presentar a seguinte documentación:

a) Memoria descritiva dos equipamentos que se pretenden adquirir, en que consten os motivos e/ou necesidade da adquisición e a súa finalidade, que deberá figurar entre as regulamentarias da sociedade.

b) Orzamento ou orzamentos realizados por empresas provedoras en que se detalle o custo dos equipamentos para os cales se solicita a subvención.

c) Cando o importe do gasto subvencionable, incluíndo a totalidade dos investimentos previstos, supere a contía de 18.000 euros deberanse achegar tres orzamentos de diferentes provedores, referidos a cada un dos equipamentos que se van adquirir, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado número abondo de entidades que subministren os equipamentos, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención. No suposto de que a elección non recaia na proposta económica máis vantaxosa de entre as ofertas presentadas, deberá achegarse unha memoria que xustifique tal decisión.

Todas as solicitudes poderán ir acompañadas de calquera outra documentación complementaria que se considere adecuada para unha mellor valoración (informes, memorias, fotografías, etc.).

Artigo 27. Criterios de valoración

1. As solicitudes presentadas serán obxecto de valoración, de acordo cos seguintes criterios:

1.1. Interese xeral e importancia do proxecto, ata 50 puntos.

– Valorarase a importancia dos equipamentos para o desenvolvemento das finalidades e actuacións da entidade en relación coas actividades de promoción, conservación ou difusión da lingua, vida social, cultural, ou progreso de Galicia entre os seus asociados, ata 30 puntos.

– Valorarase o grao de carencia ou necesidade que teña a entidade dos equipamentos solicitados, ata 20 puntos.

1.2. Grao de novidade dos investimentos para os cales se solicita a subvención, con relación aos que foron presentados pola entidade en anos anteriores, ata 20 puntos.

– Cando os investimentos para os cales se solicita a subvención sexan totalmente diferentes aos solicitados e subvencionados durante os tres últimos anos, 20 puntos.

– Cando os investimentos para os cales se solicita a subvención sexan parcialmente diferentes aos solicitados e subvencionados durante os tres últimos anos, de 8 a 19 puntos.

– Cando os investimentos para os cales se solicita a subvención sexan coincidentes cos solicitados e subvencionados durante os tres últimos anos, ata 7 puntos.

1.3. Entidades que sexan o resultado dun proceso de unión ou fusión, sempre que este rematase a partir do 1 de xaneiro de 2011, inclusive, ou cando, no seu respectivo ámbito territorial, non existan outras entidades galegas recoñecidas, 15 puntos.

1.4. Nivel de financiamento por outras fontes, distintas á da subvención solicitada á Secretaría Xeral da Emigración: fondos propios da entidade, outras subvencións de organismos públicos ou privados e outras vías de financiamento, ata 15 puntos.

Obterán a máxima puntuación aquelas entidades que financien por outras fontes distintas á da subvención solicitada unha porcentaxe igual ou superior ao 80 % do investimento; aquelas que non presenten ningún financiamento por outras fontes superior ao 20 % obterán 0 puntos, e as demais proporcionalmente.

2. Aqueles proxectos que non acaden unha puntuación mínima de 20 puntos, coa aplicación dos criterios establecidos, non serán obxecto de subvención, nin serán tidos en conta nos cálculos para determinar o importe das subvencións propostas.

Santiago de Compostela, 11 de febreiro de 2014

Antonio Rodríguez Miranda
Secretario xeral da Emigración

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file