Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 33 Martes, 18 de febreiro de 2014 Páx. 6661

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 11 de febreiro de 2014, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se regulan e se convocan as subvencións do programa Reencontros na Casa para residentes no exterior, durante o ano 2014.

Segundo o establecido no artigo 4 do Decreto 88/2013, do 30 de maio, de estrutura orgánica dos órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, a Secretaría Xeral da Emigración é o órgano superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ao cal lle corresponden as competencias en materia de desenvolvemento da Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade, as relacións coas comunidades galegas no exterior, as políticas de emigración e retorno en Galicia e a representación e participación nos órganos e foros relacionados con estas que lle encomende a persoa titular da Presidencia da Xunta.

Así mesmo, a disposición adicional segunda do Decreto 88/2013, do 30 de maio, desconcentra no secretario xeral da Emigración a competencia para a aprobación das bases, a convocatoria e a resolución das axudas e subvencións do seu respectivo ámbito de competencia.

A teor do establecido no parágrafo anterior, a Secretaría Xeral da Emigración desenvolve anualmente, entre outros, programas que permiten o achegamento a Galicia e á súa realidade actual de maiores pertencentes ás colectividades galegas do exterior con escasos recursos económicos.

Neste contexto enmárcase esta resolución pola que se regula e se convoca o programa de viaxes a Galicia Reencontros na Casa, que lles permite a emigrantes galegos e fillos/as de emigrantes galegos maiores de 60 anos viaxar a Galicia a custo reducido para estreitaren vínculos cos seus familiares residentes aquí.

En virtude do exposto, no exercicio das competencias atribuídas no Decreto 88/2013, do 30 de maio, e de conformidade co disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da referida Lei 9/2007, nos preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, na Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e demais normativa de aplicación,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

A presente resolución ten por obxecto establecer as bases reguladoras e convocar as axudas correspondentes ao programa Reencontros na Casa para o ano 2014, orientado a promover o contacto dos galegos residentes no exterior coa súa terra e cos seus familiares, fortalecendo así os vínculos de unión con Galicia.

As axudas consistirán no financiamento parcial do custo da viaxe a Galicia dos emigrantes galegos que carezan de recursos desde os seus países de residencia ata Galicia.

Artigo 2. Beneficiarios/as

1. Poderán ser beneficiarios deste programa aquelas persoas que cumpran os seguintes requisitos:

1.1. Ser emigrante galego.

1.2. Ter a nacionalidade española.

1.3. Residir en América.

1.4. Ter, cando menos, 60 anos e estar xubilado ou ter, cando menos, 65 anos de idade, contados na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

1.5. Non ter participado nos últimos cinco anos naturais en programas de viaxes a Galicia desta secretaría xeral.

1.6. Para ser beneficiarios/as deste programa será necesario que poidan valerse por si mesmos e non padecer trastornos psicofísicos que alteren a normal convivencia e que estean en condicións de realizar unha viaxe de longa duración, circunstancias que deberán acreditarse mediante os correspondentes certificados médicos.

1.7. Ter familiares de ata o cuarto grao de consanguinidade ou afinidade cos que poidan residir durante a súa estadía en Galicia.

1.8. Ter ingresos inferiores a tres veces o importe das bases de cálculo da prestación económica por ancianidade do Ministerio de Emprego e Seguridade Social para o ano da convocatoria, segundo países de residencia. Se o solicitante convive con outra ou outras persoas nunha mesma unidade económica familiar, a contía anterior virá determinada pola suma do límite máximo de ingresos persoais máis o resultado de multiplicar o 70 % da devandita cifra polo número de conviventes menos un.

2. Poderán ser beneficiarias, como acompañantes, as persoas unidas por matrimonio, unión de feito ou relación análoga aos solicitantes do programa indicados no punto 1, sempre e cando cumpran os requisitos establecidos nos puntos 1.3, 1.5, 1.6 deste artigo e acheguen a documentación xustificativa.

3. Tamén poderán ser beneficiarios os fillos/as de emigrantes galegos que teñan a condición de galego e cumpran os requisitos indicados nos puntos 1.2, 1.3, 1.4, 1.5, 1.6, 1.7 e 1.8 deste artigo.

4. Entenderase como unidade económica familiar a integrada polo solicitante e, de ser o caso, o seu cónxuxe, parella de feito ou relación análoga, así como os fillos e parentes por consanguinidade ou adopción ata o segundo grao sempre que convivan co solicitante.

5. As relacións de feito análogas ao matrimonio terán que acreditar que levan convivindo polo menos un ano, e tal circunstancia poderase probar por medio da inscrición no rexistro correspondente, por manifestación expresa mediante acta de notoriedade ou por calquera outro medio admisible en dereito. No caso de teren fillos en común chegará con acreditar a convivencia.

Artigo 3. Características do programa

1. A condición de beneficiario/a quedará supeditada ao compromiso de acollida dos familiares do solicitante residentes en Galicia e ao pagamento, dentro do prazo establecido no seu momento, da porcentaxe correspondente da pasaxe de avión.

2. Os participantes poderán permanecer cos seus familiares en Galicia ata completar un período máximo de 3 meses, e serán pola súa conta todos os gastos de aloxamento, manutención e calquera outro derivados da súa estadía en Galicia.

3. As viaxes serán de ida e volta, desde o país de residencia habitual do solicitante ata un aeroporto de Galicia.

4. Os beneficiarios/as deberán ingresar, por transferencia ou tarxeta de pagamento, na conta bancaria da axencia de viaxes designada, a parte que lles corresponda do importe do billete, cunha antelación de 20 días naturais á data sinalada para a realización da viaxe. Entenderase que os que non cumpran con este requisito desisten da súa solicitude.

5. A prestación de asistencia sanitaria dos/as beneficiarios/as será de acordo coa lexislación nesta materia e os convenios subscritos polo Estado e a Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 4. Prazas convocadas e datas de realización

1. Prazas convocadas.

A asignación do número de prazas, realizada en función do número de galegos residentes en cada país e das necesidades e demandas constatadas nas últimas convocatorias deste programa, queda fixada para o ano 2014, do seguinte xeito:

Países

Nº de prazas

Arxentina:

88

Brasil:

17

Cuba:

10

Uruguai:

70

Venezuela:

6

Outros países:

3

Total:

194

O número de prazas inicialmente previsto para os distintos países podería variar para adaptalo aos termos económicos previstos no correspondente contrato de servizos.

As prazas que queden vacantes, ata un máximo dun 25 % do total das 194 prazas, distribuiranse proporcionalmente entre aqueles países que teñan un maior número de prazas nas solicitudes admitidas en relación ás prazas ofertadas.

O 90 % das prazas asignadas a cada país destinarase a persoas que cumpran os requisitos indicados no artigo 2, puntos 1 e 2 e o 10 % restante ás persoas que cumpran os requisitos do punto 3 do mesmo artigo. Só no caso de que non se cubrise a última das cotas anteriores, poderían redistribuírse as prazas, engadindo ás prazas vacantes á primeira das ditas cotas.

O número de prazas convocadas poderá incrementarse, na mesma proporción por países, no caso de que o permitan as dispoñibilidades orzamentarias.

2. Datas de realización.

As datas de realización serán, preferentemente, a finais do mes de xuño.

Artigo 5. Financiamento, achegas económicas e compatibilidade das axudas

1. Financiamento.

As subvencións do presente programa teñen a consideración de axudas en especie e, consecuentemente, non supoñen contabilización do gasto. Os servizos que se prestan aos participantes neste programa serán obxecto de licitación de acordo coa normativa de contratos do sector público.

2. Achegas económicas.

A Secretaría Xeral da Emigración farase cargo, con carácter xeral, do 60 % do custo da viaxe a Galicia dos/das beneficiarios/as desde os lugares de partida, fixados pola Secretaría Xeral da Emigración, en América, ata o lugar de destino designado en Galicia.

Naqueles países nos que a base de cálculo da prestación económica por ancianidade en 2013 non superase os 3.000 euros anuais, a Secretaría Xeral da Emigración farase cargo do 90 % da pasaxe.

Naqueles países en que existan dificultades para acceder ás divisas necesarias para sufragar a parte que deberá aboar o beneficiario, debido a dificultades na política cambiaria, poderá sufragarse o 100 % da pasaxe.

3. Compatibilidade.

As axudas reguladas nesta resolución son compatibles con calquera outra axuda que lle puidese ser concedida para a mesma finalidade. Non obstante, o importe da axuda en ningún caso poderá superar, illadamente ou en concorrencia con subvencións doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, o custo da acción que vai levar a cabo o/a beneficiario/a.

Artigo 6. Documentación

1. A solicitude irá acompañada da documentación que a continuación se relaciona:

a) Documentación acreditativa da identidade e nacionalidade:

DNI da persoa solicitante que posúa a nacionalidade española, no caso de non prestar o seu consentimento expreso para que a Secretaría Xeral da Emigración comprobe, por medio de acceso electrónico, a verificación dos seus datos de identidade, segundo o modelo que consta na propia solicitude. Para o resto, pasaporte en vigor ou outro documento acreditativo da identidade e nacionalidade do/a solicitante ou certificación consular do solicitante, para acreditar a nacionalidade española e a inscrición no Rexistro de Matrícula como residente.

b) Documentación acreditativa da última veciñanza administrativa en Galicia. As persoas que soliciten o programa por aplicación do numero 3 do artigo 2 desta resolución, deberán acreditar ser fillos de emigrante galego/a e ter a condición de galego mediante a inscrición no censo de residentes ausentes nun concello galego.

c) Documentación acreditativa da residencia en América, do lugar e da data de nacemento, no caso de que estes datos non estean especificados na documentación anterior.

d) Nos países en que exista obriga de presentar declaración da renda das persoas físicas ou declaración similar, copia da última declaración presentada polo solicitante e/ou os membros da unidade económica familiar. No caso de que o solicitante e/ou os membros da unidade económica familiar non estivesen obrigados a realizala, xustificación oficial desta circunstancia e certificación ou xustificante acreditativo dos ingresos, rendas ou pensións de calquera natureza que perciba o solicitante e/ou os membros da unidade económica familiar.

e) Nos países en que non exista obriga de presentar declaración da renda das persoas físicas ou declaración similar, certificación ou xustificante acreditativo dos ingresos, rendas ou pensións de calquera natureza que perciba o solicitante e/ou os membros da unidade económica familiar.

f) Certificado médico, segundo o modelo incluído no anexo II desta resolución, conforme o solicitante é válido por si mesmo e non padece trastornos psicofísicos que alteren a normal convivencia e está en condicións de realizar unha viaxe de longa duración.

g) Libro de familia, se procede. No seu defecto, achegarase documentación xustificativa do matrimonio, da unión de feito ou relación análoga e do nacemento do resto de membros da unidade económica familiar.

2. O cónxuxe ou persoa unida ao solicitante emigrante galego por unión de feito ou relación análoga, de ser o caso, deberá presentar, debidamente cuberto, o anexo III acompañado da seguinte documentación:

a) Documentación acreditativa da identidade:

DNI do cónxuxe acompañante que posúa a nacionalidade española, no caso de non prestar o seu consentimento expreso para que a Secretaría Xeral da Emigración comprobe, por medio de acceso electrónico, a verificación dos seus datos de identidade, segundo o modelo que consta no anexo III desta resolución. Para o resto, pasaporte en vigor.

b) Documentación acreditativa da residencia en América.

c) Certificado médico segundo o modelo incluído no anexo IV desta resolución, conforme é válido por si mesmo e non padece trastornos psicofísicos que alteren a normal convivencia e está en condicións de realizar unha viaxe de longa duración.

Artigo 7. Prazo de presentación das solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes para este programa será de corenta días naturais contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

Artigo 8. Lugar de presentación de solicitudes

1. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado que figura como anexo I desta resolución, accesible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos  27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

A documentación complementaria poderá presentarse electronicamente, utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Nesta caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante, carecendo do carácter de copia auténtica. A Administración, en calquera momento da tramitación do procedemento, poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e do artigo 22.3 do citado Decreto 198/2010. A achega de tales copias implica a autorización á Administración para que acceda e trate a información persoal contida nos correspondentes documentos.

Os/as interesados/as que non posúan certificado así o desexen poderán dirixirse ás entidades colaboradoras que se indican a continuación, nas cales existen persoas habilitadas para o efecto, para a presentación electrónica das súas solicitudes:

* En Brasil:

– Peña Galega da Casa de España de Río de Janeiro.

– Real Sociedade Española de Beneficencia de Salvador-Baía

– Sociedade Hispano Brasileira de Socorros Mutuos e Instrución de São Paulo.

- Sociedade de Socorros Mutuos e Beneficencia Rosalía de Castro en Santos.

* En Cuba:

– Federación de Sociedades Galegas na Habana.

* En Venezuela:

– Hermandad Gallega de Venezuela en Caracas.

A utilización desta vía requirirá unha autorización que o/a interesado/a lle outorga á persoa responsable da entidade colaboradora para que remita a súa solicitude por vía electrónica. Esa autorización farase constar no modelo de solicitude.

As entidades colaboradoras no exterior deberanlle remitir á Secretaría Xeral da Emigración as solicitudes recibidas, xunto con toda a documentación, no prazo dos dous días seguintes ao remate do prazo de presentación. Este prazo soamente será ampliado logo de autorización da Secretaría Xeral da Emigración.

2. Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedementos administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Poderanse presentar nas delegacións da Xunta de Galicia en Bos Aires e Montevideo, nas oficinas consulares, así como nos consulados ou seccións consulares das embaixadas correspondentes ao domicilio ou residencia do solicitante.

En caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado, co selo de correos na primeira folla do formulario para garantir que a data de remisión é anterior á de peche da convocatoria. Deberá remitirse á Secretaría Xeral da Emigración, sita na rúa Os Basquiños, 2, 15704 Santiago de Compostela.

Os modelos normalizados de solicitude poderán obterse nas paxinas web:

https://sede.xunta.es e http://emigracion.xunta.es

Artigo 9. Procedemento de instrución e concesión

1. O procedemento de concesión destas axudas será o de concorrencia competitiva previsto no artigo 19 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. O prazo máximo para resolver esta convocatoria será de cinco meses, que comezará a contar desde a data de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o dito prazo sen que se ditasen as resolucións expresas as solicitudes poderán entenderse desestimadas, de acordo co establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. O órgano instrutor será a Subdirección Xeral da Emigración e das Comunidades Galegas. Crearase un órgano colexiado, que avaliará as solicitudes non avaliadas nos diferentes países e que emitirá o correspondente informe en que se concrete o resultado da avaliación das diferentes comisións de avaliación. O dito órgano colexiado estará formado por tres funcionarios/as da Secretaría Xeral da Emigración.

4. Para as solicitudes presentadas en Arxentina e Uruguai crearanse comisións de avaliación para os solicitantes deses países, presididas polos correspondentes delegados da Xunta de Galicia neles. Para as solicitudes presentadas en Brasil, Cuba e Venezuela, a vista do número de solicitudes presentadas, poderanse crear comisións de avaliación, presididas por un funcionario técnico da Secretaría Xeral da Emigración. Estas comisións estarán compostas por técnicos das delegacións e, de ser o caso, por membros dos centros galegos de cada país como representantes das comunidades galegas e coñecedores da realidade social en que residen, viven e se desenvolven os solicitantes.

5. Expirado o prazo de presentación de solicitudes e comprobado que as solicitudes e documentación reúnen os requisitos establecidos nesta resolución, elaborarase a lista provisional de solicitudes admitidas, excluídas e incompletas indicando, se é o caso, as causas de exclusión e a documentación que hai que completar. Estas listas publicaranse, no prazo máximo de 90 días desde o remate do prazo de presentación de solicitudes, na páxina web da Secretaría Xeral da Emigración (http://emigracion.xunta.es), e tamén estarán expostas nos taboleiros de anuncios das delegacións da Xunta de Galicia en Bos Aires e Montevideo e nos das entidades colaboradoras citadas no artigo 8.

Os interesados disporán dun prazo de dez días hábiles desde a publicación na páxina web http://emigracion.xunta.es, para formularen as alegacións que consideren oportunas e para a emenda da solicitude. Transcorrido este prazo sen que se emenden as causas de exclusión, consideraranse desistidos da súa petición, e procederase ao seu arquivo nos termos establecidos no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Transcorrido este prazo elaborarase a listaxe definitiva de admitidos e excluídos que se publicará na páxina web da Secretaría Xeral da Emigración (http://emigracion.xunta.es) e tamén estará exposta nos taboleiros de anuncios das delegacións da Xunta de Galicia en Bos Aires e Montevideo e nas entidades colaboradoras citadas no artigo 8.

6. Se algunha das comisións de avaliación citadas así o considerase, poderá encargar informes socioambientais, realizados por profesionais titulados, que comproben a veracidade dos datos presentados nas solicitudes, e os resultados obtidos deberán ser tidos en conta na avaliación das correspondentes solicitudes.

7. Posteriormente, o órgano colexiado indicado no punto 3 deste artigo elaborará unha proposta de concesión que se elevará por parte do órgano instrutor ao/a secretario/a xeral da Emigración, para a súa resolución.

8. Unha vez realizada a selección de beneficiarios/as, o secretario xeral da Emigración ditará as correspondentes resolucións, e publicará na páxina web http://emigracion.xunta.es a relación de beneficiarios/as e as reservas.

9. As prazas que non sexan cubertas serán ofertadas ás correspondentes reservas seguindo a súa orde de prelación.

10. O secretario xeral da Emigración poderá ditar cantas resolucións sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación desta convocatoria.

Artigo 10. Consentimentos e autorizacións

1. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos ou documentos coa finalidade de acreditar a identidade da persoa solicitante. Polo tanto, o modelo de solicitude normalizado incluirá unha autorización expresa ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos achegados no procedemento administrativo. No caso de que a persoa interesada non autorice ao órgano xestor para realizar esta operación, estará obrigada a achegalos nos termos esixidos polas normas reguladoras do procedemento.

2. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios; incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a referida publicidade.

Artigo 11. Criterios de selección

1. En primeiro lugar, seleccionaranse os solicitantes que nunca participasen en edicións deste programa. Dentro deste grupo, a orde de preferencia será a dada pola maior idade do solicitante.

2. No caso de quedaren prazas vacantes unha vez aplicado o criterio anterior, teranse en conta os solicitantes que xa participasen en edicións anteriores. Neste caso, a orde de preferencia será a dada polo maior tempo que leven sen participar neste programa. Dentro do grupo de persoas que participaron no mesmo ano, a orde de preferencia será a dada pola maior idade.

3. No caso de empate en calquera dos puntos anteriores, este desfarase pola orde alfabética dos apelidos e nome dos candidatos, empezando pola letra resultante no sorteo realizado en cumprimento do disposto no Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014.

4. A selección dun solicitante emigrante galego levará a da persoa unida a el por matrimonio, unión de feito ou relación análoga, sempre que esta veña incluída na solicitude e reúna os requisitos establecidos nesta resolución.

5. A selección dun solicitante fillo/a de emigrante galego levará aparellada a da persoa unida a el por matrimonio, unión de feito ou relación análoga sempre que sexa solicitante e cumpra os requisitos exixidos. Neste suposto só deberá cumprir o requisito da idade un dos solicitantes.

6. Seguindo os puntos 1, 2, 3, 4 e 5 anteriores, ordenaranse as solicitudes admitidas, que darán lugar ás listaxes de seleccionados e reservas de acordo ao número de prazas asignadas a cada país no artigo 4.

Artigo 12. Obrigas dos/das beneficiarios/as

1. Con carácter xeral, os/as beneficiarios/as correspondentes aos programas convocados por esta resolución quedan obrigados a someterse aos requisitos legais e regulamentarios que prevexa a normativa xeral da Xunta de Galicia, así como ás actuacións de comprobación que considere precisas a Secretaría Xeral da Emigración para asegurar o cumprimento do contido e as condicións do programa.

2. Así mesmo, estarán na obriga de prestar colaboración e facilitar canta documentación lles sexa requirida no exercicio das funcións de control que lle corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, así como ao Consello de Contas e Tribunal de Contas, no exercicio da súa función de fiscalización e control do destino destas axudas.

3. Os/as beneficiarios/as quedan obrigados a lle comunicar á Secretaría Xeral da Emigración, no momento en que se produza, calquera alteración dos requisitos exixidos na convocatoria ou de circunstancias sobrevidas que impidan ou dificulten a participación no programa, podendo a secretaría adoptar a resolución de modificación da concesión ou de revogación que corresponda.

Artigo 13. Control e seguimento

1. A Secretaría Xeral da Emigración levará a cabo a función de control, avaliación e seguimento das axudas concedidas ao abeiro desta resolución. Para realizar as ditas funcións poderanse utilizar cantos medios estean á disposición da Secretaría Xeral da Emigración para comprobar os requisitos exixidos nesta resolución e demais normas vixentes que resulten de aplicación.

2. A través da solicitude proporcionaránselle á Secretaría Xeral da Emigración datos de carácter persoal que serán obxecto de tratamento e para ese efecto procederase á súa incorporación a un ficheiro que cumprirá as exixencias da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, e adoptaranse tanto as medidas de seguridade técnicas como as organizativas. Con respecto a este ficheiro, cuxo titular e responsable será a Secretaría Xeral da Emigración, declararanse recoñecidos os dereitos de acceso, cancelación, rectificación e oposición por escrito, achegando identificación suficiente ao seguinte enderezo: rúa Os Basquiños, 2, 15704 Santiago de Compostela.

3. A finalidade da recollida e tratamento dos datos persoais será estritamente a xestión e tramitación do expediente correspondente e as que deriven da aplicación da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega.

4. Os datos non serán obxecto de cesión a terceiros; no entanto, a Secretaría Xeral da Emigración revelaralles ás autoridades públicas competentes os datos persoais e calquera outra información que estea no seu poder ou sexa accesible a través dos seus sistemas e sexa requirida de conformidade coas disposicións legais e regulamentarias aplicables ao caso. Igualmente, faise constar que o solicitante autoriza expresamente á Secretaría Xeral da Emigración, no ámbito das súas competencias, a cederlles os datos persoais a aqueles organismos da Administración xeral do Estado con competencias similares na materia, co fin de colaborar no exercicio das funcións que lle son propias.

5. Procederá o reintegro total ou parcial das cantidades sufragadas pola Secretaría Xeral da Emigración así como dos xuros de demora, nos casos e nos termos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xullo, de subvencións de Galicia e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007.

Artigo 14. Recursos

1. Contra esta resolución cabe interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que a ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Así mesmo, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

2. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa e, contra elas, cabe interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que as ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da relación de beneficiarios/as, se esta for expresa ou no prazo de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se entenda producido o acto presunto.

Así mesmo, poderán interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da publicación da relación de beneficiarios/as, se esta for expresa ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel no que se entenda producido o acto presunto, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 11 de febreiro de 2014

Antonio Rodríguez Miranda
Secretario xeral da Emigración

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file