Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 23 Martes, 4 de febreiro de 2014 Páx. 4698

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Axencia Galega de Infraestruturas

ANUNCIO do 17 de xaneiro de 2014 polo que se fai pública a Resolución do 16 de xaneiro de 2014, da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, pola que se aproba definitivamente a delimitación da liña límite de edificación da estrada autonómica AC-303, no seu treito situado entre os p.q. 1+365 e 3+095.

Con data do 16 de xaneiro de 2014, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas emitiu resolución de aprobación definitiva da delimitación da liña límite de edificación da estrada autonómica AC-303, no seu treito situado entre os p.q. 1+365 e 3+095, co seguinte contido:

«Antecedentes:

1. O Concello de Ribeira solicitou a redución da liña límite de edificación da estrada autonómica AC-303 Oleiros-Corrubedo, ao seu paso polo núcleo de Bretal, entre os p.q. 1+365 e 3+095 da dita estrada, en aplicación da excepcionalidade recollida no artigo 41.3 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia.

2. A Área de Planificación e Programación emitiu informe ao respecto, o 31 de outubro de 2013, e elaborou un plano no cal se establecía unha delimitación proposta para a liña límite de edificación da estrada autonómica AC-303 Oleiros-Corrubedo, no seu treito situado entre os p.q. 1+365 e 3+095.

3. Mediante Resolución do 4 de novembro de 2013, a Dirección da Axencia Galega de Infraestruturas aprobou, ao abeiro do establecido no artigo 41.3 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, con carácter provisional, a delimitación anterior, e resolveu tramitala segundo o procedemento establecido no artigo 85 do Regulamento xeral de estradas, aprobado polo Real decreto 1812/1994, do 2 de setembro.

4. A delimitación provisional foi sometida á información pública durante o prazo de trinta días hábiles, mediante Anuncio do 4 de novembro de 2013, da Dirección da Axencia Galega de Infraestruturas, publicado no Diario Oficial de Galicia nº 219, do venres 15 de novembro de 2013, e no taboleiro de anuncios do Concello de Ribeira, co fin de que calquera persoa física ou xurídica formulase as alegacións que considerase pertinentes.

5. O expediente estivo exposto ao público, en días e horas hábiles de oficina, nos locais da Axencia Galega de Infraestruturas en Santiago de Compostela, na Delegación da Axencia Galega de Infraestruturas da Coruña e na Casa do Concello de Ribeira.

6. Ao mesmo tempo, a delimitación provisional foi remitida ao Concello de Ribeira e á Deputación Provincial da Coruña, co fin de que no dito prazo e un mes máis se manifestasen sobre ela.

7. Mediante informe do 14 de xaneiro de 2014, a Área de Planificación e Programación indicou que non se presentaron alegacións durante o período de información pública da delimitación provisional e que tampouco foi emitido informe ningún ao respecto por parte das entidades locais consultadas.

8. A Dirección da Axencia Galega de Infraestruturas emitiu proposta de resolución con data do 15 de xaneiro de 2014.

Consideracións legais:

O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas é competente para resolver o expediente de delimitación da liña límite de edificación prevista no artigo 41.3 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, ao abeiro do indicado no artigo 85.4 do Regulamento xeral de estradas, aprobado polo Real decreto 1812/1994, do 2 de setembro, por analoxía coa estrutura da Administración xeral do Estado.

Visto todo o que antecede e, en particular, a proposta de resolución da Dirección da Axencia Galega de Infraestruturas,

RESOLVO:

1. Aprobar, ao abeiro do establecido no artigo 41.3 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, con carácter definitivo, a delimitación da liña límite de edificación da estrada autonómica AC-303, no seu treito situado entre os p.q. 1+365 e 3+095, segundo os planos que se xuntan, e que supón as seguintes reducións con respecto á establecida con carácter xeral na antedita lei:

a) A 12 m do bordo máis próximo da liña exterior de delimitación da calzada (que equivalen a 15,5 m desde o eixe da estrada) entre os p.q. 1+380 e 1+580, na marxe dereita da estrada AC-303.

b) A 9,5 m do bordo máis próximo da liña exterior de delimitación da calzada (que equivalen a 13 m desde o eixe da estrada) entre os p.q 1+580 e 1+800, na marxe dereita da estrada AC-303.

c) A 6,5 m do bordo máis próximo da liña exterior de delimitación da calzada (que equivalen a 10 m desde o eixe da estrada) entre os p.q. 1+800 e 3+095, na marxe dereita da estrada AC-303.

d) A 6,5 m do bordo máis próximo da liña exterior de delimitación da calzada (que equivalen a 10 m desde o eixe da estrada) entre os p.q. 1+365 e 2+305, na marxe esquerda da estrada AC-303.

e) A 8 m do bordo máis próximo da liña exterior de delimitación da calzada (que equivalen a 11,5 m desde o eixe da estrada) entre os p.q. 2+305 e 3+090, na marxe esquerda da estrada AC-303.

Contra esta resolución de aprobación, con carácter definitivo en vía administrativa, cabe interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que a ditou, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo establecen os artigos 116.1º e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Porén, poderase impugnar directamente o acto que se notifica ante a orde xurisdicional contencioso-administrativa (artigo 116.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro). Para tal efecto, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao desta publicación, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

No caso de que se interpoña o recurso de reposición, non se poderá interpoñer o recurso contencioso-administrativo ata que sexa resolto expresamente ou se teña producido a desestimación presunta do recurso de reposición interposto».

O que se fai público para o seu xeral coñecemento.

Santiago de Compostela, 17 de xaneiro de 2014

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Directora da Axencia Galega de Infraestruturas