Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 18 Martes, 28 de xaneiro de 2014 Páx. 3520

III. Outras disposicións

Consellería de Traballo e Benestar

RESOLUCIÓN do 9 de xaneiro de 2014, da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación no Diario Oficial de Galicia do acordo para o acceso á xubilación parcial anticipada para o persoal de administración e servizos laboral fixo da Universidade de Santiago de Compostela.

Visto o acordo para o acceso á xubilación parcial anticipada para o persoal de administración e servizos laboral fixo da Universidade de Santiago de Compostela, subscrito na xuntanza do 25 de marzo de 2013, e de conformidade co disposto no artigo 90.2 e 3 do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e no Real decreto 713/2010, de 28 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios e acordos colectivos de traballo.

A Dirección Xeral de Traballo e Economía Social

ACORDA:

Primeiro. Ordenar o seu rexistro e depósito no Rexistro de Convenios e Acordos Colectivos de Traballo da Comunidade Autónoma de Galicia, creado mediante a Orde do 29 de outubro de 2010 (DOG núm. 222, do 18.11.2010).

Segundo. Dispoñer a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de xaneiro de 2014

Odilo Martiñá Rodríguez
Director xeral de Traballo e Economía Social

ANEXO

Plan de xubilación parcial anticipada para o persoal de administración
e servizos laboral fixo da Universidade de Santiago de Compostela

A Universidade de Santiago de Compostela (USC) e as organizacións sindicais con representación no Comité intercentros do persoal laboral de administración e servizos, CIG, CC.OO. e UGT, manifestan a necesidade de establecer un plan de xubilación parcial anticipada para o persoal de administración e servizos laboral fixo que permita a gradual substitución das persoas cunha idade igual ou superior aos 61 anos, que cumpran os requisitos legais recollidos nas normas de aplicación, por novos traballadores que se incorporen ao mercado de traballo, contribuíndo deste xeito, por unha banda ao rexuvenecemento do cadro de persoal e pola outra á redución da taxa de desemprego. Isto posibilitará, así mesmo, utilizar unha estratexia de xestión do cadro de persoal que permita dimensionar e corrixir as asimetrías existentes entre unidades e centros e a reorganización daqueles servizos que o precisen para responder ás novas demandas da comunidade universitaria.

Os requisitos e condicións deste plan establécense no seguinte:

Acordo colectivo para o acceso á xubilación parcial anticipada do persoal de administración e servizos laboral fixo da Universidade de Santiago de Compostela.

O vixente convenio colectivo para o persoal laboral da Universidade de Santiago, subscrito o 12 de novembro de 2008 polos representes da Universidade dunha parte e doutra polas organizacións sindicais CIG, CC.OO., UGT e CSI-CSIF, e publicado no Diario Oficial de Galicia o día 30 de decembro de 2008 por Resolución do 17 de novembro de 2008 da Dirección Xeral de Relacións Laborais, recolle no seu artigo 85 que: «A Universidade e os representantes dos traballadores comprométense a negociar un plan de xubilación anticipada e de xubilación parcial, ao que se poidan acoller os traballadores que reúnan os requisitos legais para acceder a esta situación.»

O Real decreto lei 5/2013, do 15 de marzo, de medidas para favorecer a continuidade da vida laboral dos traballadores de maior idade e promover o envellecemento activo (BOE do día 16), dá a posibilidade tanto no seu artigo 8, que lle dá nova redacción ao número 2 da disposición derradeira décimo segunda da Lei 27/2011, do 1 de agosto, sobre a actualización, adecuación e modernización do sistema da Seguridade Social (BOE do día 2), como na súa disposición derradeira quinta, que modifica os números 1 e 3 do Real decreto 1716/2012, do 28 de decembro, de desenvolvemento das disposicións establecidas, en materia de prestacións, pola Lei 27/2011 (BOE do día 31), de subscribir acordos colectivos de empresas antes do día 1 de abril de 2013 e comunicar os plans de xubilación parcial ao Instituto Nacional da Seguridade Social ata o día 15 de abril de 2013.

Polo anteriormente exposto e co obxecto de dar a posibilidade ao persoal de administración e servizos laboral fixo da Universidade de Santiago de Compostela (USC), que reúna os requisitos legais recollidos nas normas de aplicación, de que se poida acoller á xubilación parcial anticipada, a Xerencia e os representantes das organizacións sindicais que forman parte do Comité intercentros do persoal de administración e servizos (PAS) laboral, asinan o seguinte acordo:

1. Requisitos que, de forma acumulativa, debe cumprir o persoal laboral fixo que solicite a xubilación:

a) Idade mínima 61 anos.

b) 30 anos de cotización efectiva.

c) Antigüidade mínima na empresa: 6 anos de prestación de servizos inmediatamente anteriores á data da xubilación parcial.

d) A porcentaxe de redución da xornada será do 75 %, polo que o/a traballador/a xubilado/a parcialmente realizará unha xornada do 25 %.

e) O 25 % da xornada realizarase ben diariamente ou ben concentrada, cada ano natural, nun período determinado, en función das necesidades de organización dos servizos onde preste ou vaia prestar servizos.

2. Requisitos que debe cumprir a Universidade:

a) Celebrar simultaneamente co contrato a tempo parcial do/da xubilado/a, un contrato de remuda, en modelo oficial, facendo constar nel as circunstancias e requisitos previstos regulamentariamente. Este contrato ten por obxecto cubrir o 75 % da xornada de traballo deixada vacante polo/a xubilado/a.

b) O/a remudista ten que encontrarse:

– En situación de desemprego ou

– Contratado/a pola empresa mediante un contrato de duración determinada.

c) O contrato de remuda ten que ser igual, como mínimo, ao tempo que lle falte ao/á traballador/a substituído/a para alcanzar a idade ordinaria de xubilación.

d) Destinar o/a remudista ao mesmo posto ou a un similar, entendendo por tal o desempeño de tarefas correspondentes ao mesmo grupo profesional ou categoría equivalente cunha correspondencia entre as bases de cotización de ambos, de modo que a correspondente ao/á traballador/a remudista non poderá ser inferior ao 65 % da base pola que viña cotizando o/a traballador/a que accede á xubilación parcial.

3. Outras condicións:

a) As solicitudes, dirixidas á Xerencia, deberán presentarse no Rexistro Xeral da Universidade, cunha antelación mínima de tres meses á data na que se pretenda acceder á xubilación. Os/as traballadores/as deberán manifestar a súa vontade de acceder a ela.

b) Formalizarase un contrato a tempo parcial co/coa traballador/a que se xubila parcialmente de forma anticipada.

c) A retribución por todos os conceptos retributivos será a porcentaxe que se corresponde co 25 % do tempo que vai traballar.

d) A Universidade, no caso de que non dispoña de persoal nas listaxes de agarda para as categorías que precise contratar para proceder a facer os contratos de remuda, recorrerá ao Servizo Galego de Colocación.

e) Se cando o persoal xubilado parcialmente de forma anticipada faga a idade ordinaria para a xubilación total se segue mantendo para os/as traballadores/as en activo o premio de xubilación, percibirán o importe íntegro de 3 mensualidades e unha máis por cada cinco anos ou fracción que exceda os quince de referencia e a súa contía estará referida á mensualidade que cobren nese momento os/as traballadores/as da súa categoría ou similar.

f) A Universidade, tendo en conta razóns organizativas e/ou económicas e/ou técnicas, así como calquera outra que poida xurdir ata a data de vixencia deste acordo, valorará, en cada caso, a conveniencia de conceder a dita xubilación. De ser denegada, terá que facerse de forma motivada.

4. Vixencia do acordo:

Este acordo será de aplicación e estará vixente, para aqueles traballadores que reúnan os requisitos aquí fixados, ata o 31 de decembro de 2018.

E en mostra de conformidade, asinan o presente acordo en Santiago de Compostela o vinte e cinco de marzo de dous mil trece.