Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 18 Martes, 28 de xaneiro de 2014 Páx. 3517

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

RESOLUCIÓN do 14 de xaneiro de 2014, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, pola que se declara de interese galego e se ordena a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Santa María Nai.

Unha vez examinado o expediente de declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Santa María Nai, aprécianse os seguintes feitos e fundamentos de dereito:

Feitos:

1. A Fundación Santa María Nai foi constituída en escritura pública outorgada en Ourense o 4 de marzo de 2005, ante o notario Alejo Calatayud Sempere, co número 843 do seu protocolo, pola Diocese de Ourense. A fundación foi inscrita no Rexistro de Fundacións do Ministerio de Cultura mediante a Orde do 13 de maio de 2005 (BOE núm. 139, do 11 de xuño).

2. O 31 de xullo de 2013, o Rexistro de Fundacións do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, con base na modificación do artigo 1.3 dos estatutos, protocolizado en escritura pública outorgada en Ourense o día 2 de xullo de 2013 ante o notario Vicente Martorell García, en que se establece un ámbito de actuación territorial limitado á Comunidade Autónoma de Galicia, solicita a tramitación do correspondente procedemento de traslado de expediente e inscrición da fundación no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

O 14 de outubro de 2013, José Antonio Gil Sousa, na súa condición de presidente do padroado, presenta solicitude de adscrición da Fundación Santa María Nai ao Protectorado da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

3. A Fundación Santa María Nai ten por obxecto, segundo establece o artigo 5 dos estatutos a contribución a tarefas de evanxelización, na cal ocupa un lugar preferente o labor docente orientado a impulsar a actividade cristiá das persoas; a conservación, protección e ordenación do ambiente; a recuperación, mantemento e sustentabilidade de actividades agropecuarias; a conservación, recuperación e manexo do patrimonio natural e cultural mediante a adquisición, estudo e xestión de terreos, paraxes, xardíns e lugares; o desenvolvemento rural a través da integración do turismo en zonas rurais; a conservación, restauración e revalorización da riqueza patrimonial, arqueolóxica e monumental da igrexa; todo isto perseguindo o progreso cristián, social, económico e cultural da comunidade cristiá en Ourense.

4. Nas escrituras públicas de constitución e modificación de estatutos da fundación constan os aspectos relativos á personalidade do fundador, a súa capacidade para constituíla, a dotación, os estatutos e a composición do padroado.

5. O padroado da fundación está formado por José Antonio Gil Sousa, como presidente; José Joaquín Borrajo Iglesias, como vicepresidente; Alberto Diéguez Mosquera, como secretario-tesoureiro e Emilio Rial Pais, José Luis Gavela Varela e Xan Xosé Rodríguez González, como vogais. Todos eles aceptaron expresamente os seus cargos.

6. A comisión integrada polos secretarios xerais técnicos de todas as consellerías elevou ao vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza a proposta de clasificación como de interese cultural da Fundación Santa María Nai, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, e segundo establecen os artigos 47.2 da citada lei; 51 do Regulamento de fundacións de interese galego, aprobado polo Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, e 7 do Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, aprobado polo Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, o protectorado será exercido polo departamento da Xunta que teña atribuídas as competencias correspondentes aos fins fundacionais.

7. De conformidade coa citada proposta, por medio da Orde da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 12 de novembro de 2013 (DOG núm. 231, do 3 de decembro) clasificouse de interese cultural a Fundación Santa María Nai e adscribiuse á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para os efectos do exercicio das funcións de protectorado.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral, consonte a lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía para Galicia establece que é competencia exclusiva da Comunidade Autónoma galega o réxime das fundacións de interese galego.

Segundo. De acordo co disposto no artigo 7.2 do Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, en relación co Decreto 4/2013, do 10 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, corresponde á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a declaración de interese galego mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Santa María Nai, así como o exercicio das funcións de protectorado e as demais que correspondan á Xunta de Galicia, de conformidade co indicado no dito regulamento.

Á vista do que antecede e tendo en consideración o establecido na normativa vixente en materia de fundacións de interese galego e nas demais normas de xeral e pertinente aplicación, en uso das competencias atribuídas polo Decreto 4/2013, do 10 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria,

RESOLVO:

Primeiro. Declarar de interese galego a Fundación Santa María Nai.

Segundo. Ordenar a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Terceiro. Esta fundación queda sometida ao disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, no Regulamento de fundacións de interese galego, aprobado polo Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, no Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, aprobado polo Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, e na demais normativa de aplicación e, especialmente, ás obrigas de dar publicidade suficiente dos seus obxectivos e actividades, da ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servizos, así como á de presentación anual da documentación contable e do plan de actuación ante o protectorado.

Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, pode interpoñerse recurso de alzada ante o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo o disposto nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 14 de xaneiro de 2014

Jesús Oitavén Barcala
Secretario xeral técnico da Consellería de Cultura, Educación
e Ordenación Universitaria