Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 18 Martes, 28 de xaneiro de 2014 Páx. 3524

III. Outras disposicións

Consellería de Traballo e Benestar

RESOLUCIÓN do 9 de xaneiro de 2014, da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social, pola que se ordena o rexistro, o depósito e a publicación no Diario Oficial de Galicia do acordo de prórroga do convenio colectivo da empresa Financiera Maderera, S.A. (Finsa).

Visto o acordo subscrito pola comisión negociadora do convenio colectivo da empresa Financiera Maderera, S.A. (Finsa), o 26 de novembro de 2013, e de conformidade co disposto no artigo 90.2 e 3 do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e no Real decreto 713/2010, de 28 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios e acordos colectivos de traballo.

A Dirección Xeral de Relacións Laborais

ACORDA:

Primeiro. Ordenar o seu rexistro e depósito no Rexistro de Convenios e Acordos Colectivos de Traballo da Comunidade Autónoma de Galicia, creado mediante a Orde do 29 de outubro de 2010 (DOG núm. 222, do 18.11.2010).

Segundo. Dispoñer a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de xaneiro de 2014

Odilo Martiñá Rodríguez
Director xeral de Traballo e Economía Social

ANEXO
Acta de acordo da mesa negociadora do convenio colectivo
de Financiera Maderera, S.A. (Finsa) para as fábricas de Galicia

Ás 13.00 horas do día 26 de novembro de 2013, nos locais da Empresa Financiera Maderera, S.A. en Santiago de Compostela, reúnense as persoas que a continuación se mencionan, integrantes da comisión negociadora do convenio colectivo da empresa Finaciera Maderera, S. A. (Finsa) para os seus centros de traballo en Galicia.

Por parte dos traballadores:

Por CC.OO.:

1. José Luis López Souto

2. Eloy Buceta Viñas

3. Jesús Mª Fernández Rodríguez

4. Manuel Gómez Lorenzo

Por UGT:

1. Álvaro Lois Fernández

2. Miguel A. Pereiro Balseiro

3. José Otero Casal

4. Miguel Ángel Fernández López

5. Marcos Vázquez Garrido

Por USO:

1. Marcial Casas Couselo

2. Ricardo Figueira Rodríguez

3. Rubén Cao Rodríguez

En representación da empresa:

1. Xosé M. Mera Iglesias

2. Modesto Vázquez Vilares

3. Gonzalo Machado Domínguez

4. Daniel Noya Miramontes

5. José Manuel Sánchez Expósito

6. Marco A. Díaz López

7. Luz Cachafeiro García

8. Ramón Vázquez Lista

Antecedentes:

O pasado 27 de novembro de 2012 a representación da empresa notificou á representación legal dos traballadores a denuncia do convenio colectivo de Financiera Maderera, S.A. (Finsa) para as fábricas de taboleiro de Galicia (código de convenio 82000913012007) á finalización da súa vixencia con data do 31.12.2012. A denuncia do convenio foi rexistrada no sistema Regcon o 30 de novembro de 2012 (exp. 82/01/0011/2012).

O convenio colectivo sinalado encontrábase en situación de vixencia prorrogada no ano 2012 en virtude do disposto no artigo 86.2 do Estatuto dos traballadores (ET), ao terse alcanzado un acordo entre as partes para non proceder á súa denuncia no marco do expediente de regulación de emprego temporal con efectos para a anualidade de 2012.

O 15 de maio de 2013 constituíuse a mesa negociadora do convenio colectivo e iniciáronse as negociacións do convenio sen que se alcanzase ata a data un acordo sobre el, e dado que en virtude do disposto no artigo 86, número 3, último parágrafo do ET, unha vez transcorrido un ano desde a denuncia sen que se acordase un novo convenio este perderá a súa vixencia, ambas as partes manifestan a súa intención de ampliar temporalmente a ultraactividade do convenio colectivo, mantendo a situación actual de xestión das fábricas e, en consecuencia, adoptan por unanimidade os seguintes

ACORDOS:

Primeiro. Ambas as partes acordan estender o período de ultraactividade do convenio colectivo de Financiera Maderera, S.A. (Finsa) para as súas fábricas de taboleiro en Galicia, ata o día 31 de marzo de 2014, co fin de permitir o desenvolvemento da negociación colectiva, ante a inminencia do esgotamento de prazos legais e a complexidade de materias que hai que abordar, dado que non se alcanzou un acordo nas materias obxecto de negociación.

Segundo. A mesa negociadora convén igualmente que, ante a necesidade de seguir axustando a actividade nas fábricas á carga real de actividade, se manteña durante este período temporal o recurso ao expediente de regulación temporal de contratos por causas produtivas para afrontar os períodos de inactividade das plantas xerados pola falta de carteira de pedidos.

A mesa negociadora acorda someter a unha consulta vinculante aos traballadores dos centros afectados este acordo de ampliación do período de negociación mantendo a vixencia do convenio actual e o recurso ao expediente de regulación temporal de emprego (ERTE) durante o período comprendido entre o 1 de xaneiro e o 31 de marzo de 2014, nos termos pactados no expediente actualmente vixente para o ano 2013, ben que aplicando a proporcionalidade dos días anuais pactados a un trimestre.

Para este fin, e se o acordo é aprobado polas asembleas de traballadores, ambas as partes comprométense a ratificar o acordo sobre o ERTE no período de consultas e a realizar as actuacións administrativas necesarias para que o expediente suspensivo poida ser aplicado a partir do 1 de xaneiro de 2014.

Terceiro. Os calendarios de traballo de 2014 confeccionaranse conforme o marco actual do convenio colectivo e estarán vixentes ata o 31 de marzo de 2014.

Cuarto. Ambas as partes acordan facultar a Xosé Manuel Mera Iglesias para que en representación da empresa, que delega expresamente este trámite de xestión en Begoña Martínez Díaz, para que proceda ao rexistro no sistema Regcon desta acta de acordo ante a Dirección Xeral de Traballo, co fin de que esta lle dea o trámite oportuno, e se proceda ao rexistro e depósito e publicación no DOG do presente acordo de ampliación da ultraactividade do convenio colectivo Finsa para as fábricas de taboleiro de Galicia (DOG 6.7.2011).

E en proba de conformidade, ratificando en todos os seus aspectos a presente acta, os asistentes asinan no lugar e data arriba indicados.