Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 17 Luns, 27 de xaneiro de 2014 Páx. 3387

III. Outras disposicións

Consellería de Traballo e Benestar

RESOLUCIÓN do 15 de xaneiro de 2014, da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social, pola que se procede á convocatoria da proba específica de validación de profesionais sen formación preventiva especializada para inscrición no Rexistro de coordinadores e coordinadoras en materia de seguridade e saúde nas obras de construción.

En cumprimento do disposto no Decreto 153/2008, do 24 de abril, polo que se crea o Rexistro de coordinadores e coordinadoras en materia de seguridade e saúde nas obras de construción, que establece no seu artigo 12.2 que no caso dos profesionais que, carecendo da formación preventiva especializada, poidan xustificar exercicio continuado de actividade de coordinadores/as de seguridade e saúde, poderán validar esta formación a través dunha proba específica que convoque a Dirección Xeral de Traballo e Economía Social da Consellería de Traballo e Benestar, acreditando, en calquera caso, a súa experiencia profesional,

RESOLVO:

1. Convocatoria.

Convócase a proba específica de validación para profesionais sen formación preventiva especializada que desexen inscribirse no Rexistro de coordinadores e coordinadoras en materia de seguridade e saúde nas obras de construción.

2. Solicitudes e prazo de presentación.

a) Aqueles profesionais que desexen realizar a proba de validación deberán solicitalo á Dirección Xeral de Traballo e Economía Social da Consellería de Traballo e Benestar, achegando a documentación establecida no anexo do Decreto 153/2008, indicando no recadro correspondente ao punto «OUTRAS» do punto 5 do anexo («Documentación adxunta») que se solicita a realización da proba.

b) O prazo de solicitude será de 20 días contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución.

3. Requisitos.

a) Para os efectos do establecido no artigo 12.2 do Decreto 153/2008, considerarase como experiencia continuada polo menos dous anos de exercicio como coordinador.

b) A xustificación do cumprimento dos requisitos realizarase mediante a presentación do documento de designación de acordo co establecido no artigo 3.1 do Real decreto 1627/1997, ou certificación emitida polo/a promotor/a, en que se relacionen as obras en que foi designado/a o/a coordinador/a. O/a solicitante deberá xuntar unha declaración responsable da duración do seu nomeamento de coordinador/a en cada unha das obras.

4. Avaliación da proba.

a) A proba será convocada, realizada e avaliada por un tribunal formado polo xefe do Servizo de Seguridade e Saúde Laboral da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social, que actuará como presidente; un/unha xefe/a de sección da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social e un técnico proposto pola Fundación Laboral de la Construcción como vogais, e exercerá como secretario unha persoa integrante do persoal adscrito á Dirección Xeral de Traballo e Economía Social.

b) A proba versará sobre o contido do programa establecido no anexo I do Decreto 153/2008. Constará de 60 preguntas tipo test, de resposta única, e establecerase en 40 o número de respostas correctas necesarias para obter a cualificación de apto.

c) Unha vez avaliados os exercicios, o tribunal elevará proposta de resolución da validación establecida no artigo 12.1 do Decreto 153/2008 ao director xeral de Traballo e Economía Social.

5. Publicidade.

A lista de admitidos, a data e o lugar de realización da proba de avaliación, as solucións á proba de avaliación e as cualificacións serán publicadas na páxina web da Consellería de Traballo e Benestar, na súa epígrafe de Prevención de riscos laborais.

(http://traballo.xunta.es/portada-rexistro-de-coordinadores-de-seguridade-laboral)

6. Procedemento de inscrición dos solicitantes validados.

A inscrición no rexistro dos solicitantes validados realizaraa de oficio o Servizo de Seguridade e Saúde Laboral da Consellería de Traballo e Benestar, utilizando os datos achegados na solicitude.

Santiago de Compostela, 15 de xaneiro de 2014

Odilo Martiñá Rodríguez
Director xeral de Traballo e Economía Social