Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 13 Martes, 21 de xaneiro de 2014 Páx. 2095

III. Outras disposicións

Instituto Enerxético de Galicia

RESOLUCIÓN do 14 de xaneiro de 2014 pola que se lle dá publicidade ao acordo do Consello de Administración que aproba a delegación de competencias do Consello no director do Instituto.

Unha vez vistas as competencias, funcións e facultades atribuídas ao Consello de Administración no artigo 7 da Lei 3/1999, do 11 de marzo, de creación do Instituto Enerxético de Galicia, e no artigo 9 dos estatutos do Instituto,

Co obxecto de lograr unha maior axilidade e fluidez na tramitación dos diferentes procedementos administrativos,

Considerando o disposto no artigo 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, así como o establecido no artigo 6 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia,

O Consello de Administración, en sesión do 30 de decembro de 2013, adoptou os seguintes acordos:

Primeiro. Delegar no director do Instituto o exercicio de todas aquelas competencias, funcións e facultades non atribuídas de xeito expreso ao Consello de Administración no artigo 7 da Lei 3/1999, do 11 de marzo, de creación do Instituto Enerxético de Galicia; e no artigo 9 dos estatutos do Instituto, e que, pola súa importancia ou transcendencia, non lle poidan corresponder ao Consello de Administración en virtude do establecido no artigo 7.3 g) da Lei 3/1999 e no artigo 9 f) dos estatutos do Instituto. As resolucións ditadas polo director no exercicio de tales competencias delegadas serán sometidas á ratificación posterior do Consello de Administración.

Segundo. Ratificar o acordo adoptado polo Consello de Administración en sesión do 6 de setembro de 1999, en virtude do cal se lle outorgaron ao director determinados poderes sobre materias concretas.

Terceiro. O Consello de Administración poderá avocar ou revogar esta delegación en calquera momento, en virtude do disposto nos artigos 13.6 e 14 da Lei 30/1992 e nos artigos 6.9 e 7 da Lei 6/2010.

Cuarto. A delegación referida efectúase nos termos de réxime xeral e abarca tanto as facultades de dirección e xestión como a de resolución mediante actos e acordos administrativos que afecten terceiros.

Santiago de Compostela, 14 de xaneiro de 2014

Ángel Bernardo Tahoces
Director do Instituto Enerxético de Galicia