Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 13 Martes, 21 de xaneiro de 2014 Páx. 2093

III. Outras disposicións

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 9 de xaneiro de 2014, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se delegan competencias no Instituto Enerxético de Galicia.

Mediante o Decreto 110/2013, do 4 de xullo, establécense a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria e as competencias da Dirección Xeral de Enerxía e Minas.

A actividade administrativa da Dirección Xeral de Enerxía e Minas supón unha concentración de funcións arredor do seu titular que aconsella, dado o seu volume, recorrer á delegación de competencias noutros órganos ou entidades, sen esquecer o debido respecto aos principios que informan a actividade administrativa e que a nosa Constitución recolle no seu artigo 103.1°.

A delegación de competencias permite a axilización administrativa necesaria e redunda en beneficio tanto da Administración como dos administrados, dentro do máis rigoroso respecto ás garantías xurídicas que a tutela dos intereses públicos exixe.

Logo da aprobación previa do conselleiro e segundo o previsto nos artigos 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, 6 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e demais disposicións de xeral aplicación,

RESOLVO:

Artigo 1

1. Deléganse no Instituto Enerxético de Galicia todas as competencias atribuídas á dirección xeral competente en materia de enerxía polo Decreto 42/2009, do 21 de xaneiro, polo que se regula a certificación enerxética de edificios de nova construción na Comunidade Autónoma de Galicia, e por toda a súa normativa de desenvolvemento.

2. Durante a vixencia da presente delegación de competencias, todas as referencias á dirección xeral competente en materia de enerxía e ao seu titular contidas na antedita normativa e na Resolución do 20 de maio de 2013, pola que se aproba o modelo de solicitude para a inscrición dos certificados de eficiencia enerxética dos edificios existentes no Rexistro de Certificados de Eficiencia Enerxética de Edificios de Galicia, aprobada co fin de dar cumprimento ao disposto no Real decreto 235/2013, do 15 de abril, polo que se aproba o procedemento básico para a certificación de eficiencia enerxética de edificios, entenderanse realizadas ao Instituto Enerxético de Galicia e ao titular da súa dirección.

Artigo 2

As resolucións administrativas que se adopten facendo uso das delegacións de competencias conferidas por esta orde farán constar expresamente esta circunstancia e consideraranse ditadas polo órgano delegante.

Artigo 3

O director xeral poderá reclamar, en calquera momento, o exercicio das competencias que son delegadas por esta orde, das cales quedan excluídos, en todo caso, os supostos previstos no artigo 13.2º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e no artigo 44.2º da Lei de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia.

Disposición derradeira

Esta resolución entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de xaneiro de 2014

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas