Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 13 Martes, 21 de xaneiro de 2014 Páx. 2089

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

DECRETO 4/2014, do 9 de xaneiro, de aprobación definitiva da modificación puntual número 2 das normas subsidiarias municipais do Concello de Vilaboa, no lugar de Acuña, con ordenación detallada do SUD-I-4 Connorsa.

1. O Concello de Vilaboa conta cunhas normas subsidiarias de planeamento aprobadas definitivamente o 2.1.1998. Actualmente está en tramitación un Plan xeral de ordenación municipal que se someteu á aprobación inicial o 28.12.2012 e á exposición pública no Diario Oficial de Galicia do 16.1.2013.

2. No DOG do 24.12.2012 insírese o anuncio do 3.12.2012, da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental da CMATI, polo que se fai pública a decisión do 30.11.2012 de non someter a modificación puntual ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica.

3. Constan no expediente os informes favorables municipais: o xurídico, do 11.2.2013, e o técnico, do 26.2.2013.

4. Con data do 2 de maio de 2013, a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu informe previo á aprobación inicial da modificación puntual, conforme o artigo 85.1. da LOUG, e recolleu unha serie de observacións para cumprir.

5. Constan os informes favorables municipais: o xurídico, do 17.6.2013, e o técnico, do 19.6.2013.

6. O Pleno do concello, en sesión extraordinaria do 25.6.2013, aprobou inicialmente a modificación puntual e someteuna á información pública durante dous meses, mediante anuncios nos xornais Diario de Pontevedra e Faro de Vigo, do 19.7.2013, e no DOG do 18.7.2013.

7. En cumprimento da lexislación sectorial vixente, solicitáronse e emitíronse os seguintes informes:

a) En relación coa normativa sectorial en materia de costas, constan:

– Informe do 4.3.2013, da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, en cumprimento do sinalado no artigo 117.1. da Lei 22/1988, de costas.

– Informe da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, do 2.5.2013, no referido á súa compatibilidade co Plan de ordenación do litoral de Galicia, en cumprimento do establecido polo artigo 45.2 da LOUG en relación co artigo 4.3. do POL.

– Informe da Dirección Xeral de Sustentabilidade da Costa e do Mar do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente con data do 6.5.2013, en cumprimento do sinalado nos artigos 112 a) e 117.1. da Lei 22/1988, de costas.

– Informes favorables, do 26 de xullo e do 10 de decembro de 2013, da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, en cumprimento do sinalado no artigo 117.2. da Lei 22/1988, de costas.

– Informe favorable, do 1 de agosto de 2013, da Dirección Xeral de Sustentabilidade da Costa e do Mar do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, en cumprimento do disposto nos artigos 112 a) e 117.2. da Lei 22/1988, de costas.

– Informe da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo do 10.10.2013 no referido á súa compatibilidade co Plan de ordenación do litoral de Galicia (POL), en cumprimento do establecido polo artigo 45.2 da LOUG en relación co artigo 4.3. do POL.

b) En materia de augas, informes favorables do 3 de abril e do 1 de outubro de 2013, de Augas de Galicia da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

c) En relación coas estradas, informes favorables, do 4 de xuño e do 3 de outubro de 2013, da Deputación Provincial de Pontevedra.

d) Informe favorable da Dirección Xeral de Conservación da Natureza do 10.9.2013.

8. Constan os informes favorables municipais xurídico e técnico do 30.10.2013.

9. O Pleno do concello, en sesión extraordinaria do 7 de novembro de 2013, aprobou provisionalmente a modificación puntual.

10. A Comisión Superior de Urbanismo, na súa sesión do 18.12.2013, emitiu informe favorable sobre a modificación puntual, conforme o previsto no artigo 95.2 e 95.4 da LOUG.

11. O ámbito de actuación, que acada uns 42.000 m2 e está situado no lugar de Acuña, está clasificado parcialmente como solo non urbanizable, solo non urbanizable protexido e solo non urbanizable de protección do litoral.

12. O obxecto da modificación puntual consiste na clasificación do ámbito sinalado como solo urbanizable delimitado, ao abeiro do establecido na disposición transitoria décimo terceira da LOUG, co fin de proceder á ampliación do establecemento destinado á industria conserveira existente Conservas del Noroeste, S.A.

13. Nese senso, o proxecto expresa como obxectivo básico a necesidade de consolidar a actividade industrial existente, incorporando actividades económicas que xeren riqueza e emprego e mellorando a urbanización dos espazos libres, eliminando inxerencias indesexables no eido ambiental; cuestións que serven para basear a xustificación de fundamento da modificación puntual no interese público, para os efectos de lle dar cumprimento ao establecido no artigo 94.1. da LOUG.

14. A solución proposta cumpre co establecido na disposición transitoria décimo terceira e cos artigos 64 e 65 da LOUG, mantén unha superficie edificable total de 19.170 m2 por debaixo dos valores posibles permitidos con base na ocupación; xustifica a vinculación directa da actividade coa súa localización pola necesidade de dispor de auga de mar para as distintas fases do ciclo produtivo de elaboración de conservas de pescados e mariscos, refírese á resolución emitida o 13 de xuño de 2000, por parte da Dirección Xeral de Costas do Ministerio de Medio Ambiente, de ocupación de 541 m2 de terreos do dominio público marítimo-terrestre (DPMT) con destino á instalación de tubaxes de toma de auga de mar e desaugadoiro, e define as determinacións concretas da ordenación proposta.

15. Respecto do cumprimento do Decreto 20/2011, do 10 de febreiro, polo que se aproba definitivamente o Plan de ordenación do litoral, o artigo 95 da normativa do POL indica que as edificacións e usos legalmente implantados antes da súa entrada en vigor poderán seguir desenvolvendo a súa actividade con independencia da súa conformidade co dito plan e que será o planeamento urbanístico, mediante as ordenanzas correspondentes, o que estableza as condicións para a súa reforma, ampliación e cambio de uso.

16. De conformidade co disposto no artigo 95.4 da LOUG, a competencia para a aprobación definitiva das modificacións de planeamento que teñan por obxecto a reclasificación de solo rústico de especial protección correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia, logo de informe favorable da Comisión Superior de Urbanismo que, como se recolle anteriormente, foi emitido na súa sesión do 18 de decembro de 2013.

Visto canto antecede, de acordo co disposto nos artigos 85.7 e 95.4 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia; e no artigo 37 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, e co informe favorable da Comisión Superior de Urbanismo de Galicia do 18.12.2013, así como por proposta do conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día nove de xaneiro de dous mil catorce,

DISPOÑO:

Artigo único

Aprobar definitivamente a modificación puntual número 2 das normas subsidiarias municipais de Vilaboa, no lugar de Acuña, con ordenación detallada do SUD-I-4, para os efectos do previsto no artigo 95.2 e 95.4 e na alínea b) da disposición transitoria décimo terceira da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

Disposición derradeira. Recursos

Segundo o disposto no artigo 85.11 da citada Lei 9/2002, contra este decreto non cabe recurso en vía administrativa; non obstante, contra ela poderase interpor recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, nove de xaneiro de dous mil catorce

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas