Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 9 Mércores, 15 de xaneiro de 2014 Páx. 1672

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Portos de Galicia

CÉDULA do 26 de decembro de 2013 pola que se notifica orde de retirada da embarcación Algami da zona de servizo do porto de Viveiro.

De conformidade co disposto no artigo 59.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, notifícase mediante a publicación no Diario Oficial de Galicia e exposición no taboleiro de edictos do Concello de Madrid á mercantil Medemu, S.A. orde de retirada da embarcación Algami da zona de dominio público portuario do porto de Viveiro, por non ser posible a notificación a través do servizo de Correos nos derradeiros enderezos coñecidos sitos en Ruíz de Alarcón, 27, e Paseo de la Castellana, 153, Madrid.

De acordo co expediente que traslada a Xefatura da Zona Norte de Portos de Galicia que o 1 de agosto de 2013 remitiu orde de retirada da embarcación tamén devolta polo servizo de Correos, a embarcación está desde o 28 de outubro de 2011 de feito e de dereito en situación de abandono, sen actividade, e sen aboarse cantidade ningunha derivada da estancia no porto pese aos reiterados intentos tanto da empresa contratada por Portos de Galicia como posteriormente desta entidade pública.

A presente orde emítea a Dirección de Portos de Galicia ao abeiro das competencias conferidas polo artigo 9.3.a) da Lei 5/1994, do 29 de novembro, de creación de Portos de Galicia, e en aplicación do establecido na regra décimo cuarta de aplicación á tarifa portuaria X-5 –embarcacións deportivas e de lecer– prevista na Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, e no artigo 49 do Regulamento de servizo e policía portuarios aprobado pola Orde ministerial do 12 de xuño de 1976.

A retirada da embarcación deberá producirse nun prazo máximo de 15 días contados desde o día seguinte ao da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia e exposición no taboleiro de edictos do Concello de Madrid.

No caso de incumprimento, Portos de Galicia poderá proceder a efectuar a retirada de maneira subsidiaria e por conta do propietario, trasladando a embarcación a lugar que será oportunamente notificado, e non facéndose responsable de ningún dos danos que poida sufrir a embarcación.

Igualmente, e no caso de incumprimento, darase traslado do expediente á Presidencia de Portos de Galicia para efectos de resolver a incautación da embarcación a favor desta entidade, que neste caso procederá ao seu alleamento e a dar ao importe do remate o destino previsto na normativa de aplicación.

Para o seu exame, o expediente completo atópase nas dependencias dos Servizos Centrais de Portos de Galicia en Área Central, praza de Europa, 5-A, 6º, 15707 Santiago de Compostela.

O presente acto administrativo, que ten eficacia executiva, non esgota a vía administrativa e é susceptible de recurso de alzada, que deberá formularse ante a Presidencia de Portos de Galicia nun prazo máximo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia ou ao da súa exposición no taboleiro de edictos do Concello de Madrid.

E para que conste e lles sirva de notificación, e en cumprimento do disposto no artigo 59.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, expido, asino e selo a presente cédula.

Santiago de Compostela, 26 de decembro de 2013

José Ignacio Villar García
Director de Portos de Galicia