Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 7 Luns, 13 de xaneiro de 2014 Páx. 1263

III. Outras disposicións

Consellería de Traballo e Benestar

RESOLUCIÓN do 20 de decembro de 2013, da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación no Diario Oficial de Galicia do acordo da comisión paritaria do IV convenio colectivo autonómico para o sector de pompas fúnebres de Galicia.

Visto o acordo da comisión paritaria do IV convenio colectivo autonómico para o sector de pompas fúnebres de Galicia, polo que se procede á aclaración do artigo 36, parágrafo G, do dito convenio colectivo, subscrito na xuntanza do 13 de decembro de 2013, e de conformidade co disposto no artigo 90.2 e 3 do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e no Real decreto 713/2010, do 28 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios e acordos colectivos de traballo.

A Dirección Xeral de Traballo e Economía Social

ACORDA:

Primeiro. Ordenar o seu rexistro e depósito no Rexistro de Convenios e Acordos Colectivos de Traballo da Comunidade Autónoma de Galicia, creado mediante Orde do 29 de outubro de 2010 (DOG núm. 222, do 18 de novembro).

Segundo. Dispoñer a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de decembro de 2013

Odilo Martiñá Rodríguez
Director xeral de Traballo e Economía Social

Acta da comisión paritaria do IV convenio colectivo autonómico
para o sector de pompas fúnebres de Galicia

En Santiago de Compostela, ás 11.40 horas do día 13 de decembro de 2013, na sede do Consello Galego de Relacións Laborais, sito na rúa Algalia de Abaixo, 24, baixo, reúnense as persoas abaixo sinaladas, que forman parte da comisión paritaria do IV convenio colectivo autonómico para o sector de pompas fúnebres de Galicia.

– Representación empresarial:

Fernando Ruíz Posse (Agesef)

José Luis Varela Tabarés (Agesef)

Pedro de Diego Olavarrieta (Agesef)

Marcos Carrera Costas (Agesef)

José Becerra Vázquez (Fegaserfu)

Jorge Balado (Fegaserfu)

– Representación social:

Pedro Pablo López Fernández (UGT-Galicia)

Serafín Álvarez Seoane (UGT-Galicia)

Eduardo Varela Muíños (S.N. de CC.OO. de Galicia)

Adolfo Naya Fernández (CIG)

Juan Antonio Elexpe González Camino (CIG)

O motivo da xuntanza, de conformidade co acordado na anterior celebrada por esta comisión o 29.11.2013, é dar resposta á consulta formulada a través do Consello Galego de Relacións Laborais a esta comisión paritaria por Serafín Álvarez Seoane, que actúa en calidade de delegado de persoal por UGT na empresa Pompas Fúnebres de La Coruña, e relativa á aclaración do artigo 36, parágrafo G), do convenio colectivo.

Logo do debate e análise da cuestión obxecto desta xuntanza polas representacións presentes nesta comisión paritaria, procede reflectir en acta que a presente comisión paritaria acada os seguintes acordos:

1. O día de asuntos propios previsto no artigo 36, parágrafo G), do convenio colectivo considérase non recuperable, remunerado e computarase para o efecto do cálculo das horas anuais.

2. Cada empresa poderá establecer o número máximo de empregados que poderán desfrutar de xeito simultáneo o día de asuntos propios do artigo 36, parágrafo G), do convenio.

No caso de facer uso desta facultade, as empresas comunicaránllelo aos traballadores xunto co cadro de vacacións, agás para o ano 2014, en que esta facultade deberá exer-cerse dentro do mes seguinte á publicación desta acta no DOG.

No caso de que o día de asuntos propios sexa solicitado por máis número de traballadores do establecido e de non existir acordo entre os traballadores solicitantes a respecto de quen o desfrutará, procederase á súa adxudicación por sorteo entre eles.

3. Esta comisión paritaria delega no persoal habilitado do Consello Galego de Relacións Laborais a realización dos trámites de depósito, rexistro e publicación desta acta ante a autoridade laboral competente.

Non tendo máis asuntos que tratar, finaliza a xuntanza ás 13.00 horas do día sinalado no encabezamento e expídese para o efecto a presente acta, que asinan todos os asistentes en proba de conformidade.