Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 245 Martes, 24 de decembro de 2013 Páx. 49584

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

DECRETO 185/2013, do 12 de decembro, polo que se aproba o cambio de titularidade duns treitos das estradas AC-862, C-646 e da AC-116 a prol do Concello de Ferrol.

A teor do previsto no artigo 5 da Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas incluídas nas redes dependentes da Comunidade Autónoma e das entidades locais deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra parte, a Lei de estradas dispón no artigo 54, que as estradas autonómicas ou provinciais ou os treitos determinados delas en que a circulación adquira características urbanas, entregaránselles aos respectivos concellos. O expediente promoverase por proposta do concello ou da administración titular da estrada e será resolto polo Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas, logo de informe de ambos os dous organismos.

A extinta CPTOPT e o Concello de Ferrol asinaron o día 3.9.2008 un convenio de colaboración para levar a cabo a humanización das estradas de Castela e Catabois.

A Axencia Galega de Infraestruturas, de acordo co informe emitido polos servizos competentes, formulou a proposta favorable á transferencia de titularidade das estradas AC-862 Ferrol (FE-13)-lim prov.-San Cibrao desde o p.q.: 0+000 ao p.q.: 1+580; treito da estrada C-646 Ortigueira a Ferrol por Cedeira desde o p.q.: 0+000 ao p.q.: 2+970 e da AC-116 Catabois-Valdoviño (AC-566) desde o p.q.: 0+000 ao p.q.: 1+030 a prol do Concello de Ferrol.

De conformidade co anteriormente exposto, por proposta do conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día doce de decembro de dous mil trece,

DISPOÑO:

Artigo 1

Apróbase o cambio de titularidade a prol do Concello de Ferrol dos seguintes treitos:

• AC-862 Ferrol (FE-13)-lim prov.-San Cibrao desde o p.q.: 0+000 ao p.q.: 1+580.

• C-646 Ortigueira a Ferrol por Cedeira desde o p.q.: 0+000 ao p.q.: 2+970.

• AC-116 Catabois-Valdoviño (AC-566) desde o p.q.: 0+000 ao p.q.: 1+030.

Artigo 2

En aplicación do artigo 4 da Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, o Concello de Ferrol deberá incorporar ao seu plan de estradas ás vías a que se refire este decreto.

Artigo 3

A entrega das vías formalizarase no prazo de dous meses seguintes á publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia, mediante a sinatura da correspondente acta de entrega.

Artigo 4

Corresponden ao Concello de Ferrol, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación da vía, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que lle poida corresponder como nova Administración titular da estrada.

Disposición derradeira

O presente decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, doce de decembro de dous mil trece

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas