Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 243 Venres, 20 de decembro de 2013 Páx. 49040

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 10 de decembro de 2013, da Dirección Xeral de Mobilidade, pola que se acorda actualizar as tarifas aplicables aos servizos de transporte público de viaxeiros en automóbiles de turismo de ámbito interurbano.

Os servizos de transporte público discrecional de viaxeiros por estrada prestados con vehículos de menos de dez prazas, incluída a do condutor, e realizados ao abeiro de autorizacións de transporte documentadas en tarxetas da clase VT, están sometidos ao réxime de tarifas que se regula nos artigos 18 e 19 da Lei 16/1987, do 30 de xullo, de ordenación dos transportes terrestres, e 28 e 29 do seu Regulamento, aprobado polo Real decreto 1211/1990, do 28 de setembro. En relación con este réxime de tarifas obrigatorias, tamén haberá que ter en consideración o disposto no artigo 40 da Lei 4/2013, do 30 de maio, de transporte público de persoas en vehículos de turismo de Galicia.

Esta normativa foi desenvolvida, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, pola Orde da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas do 23 de xuño de 2010 (DOG nº 123, do 30 de xuño).

Consonte co establecido na disposición adicional da Orde do 23 de xuño de 2010 pola que se regulan as tarifas aplicables aos servizos de transporte público de viaxeiros en automóbiles de turismo de ámbito interurbano, habilítase a persoa titular da Dirección Xeral de Mobilidade para actualizar mediante resolución o réxime de tarifas alí previsto, co límite do incremento anual do IPC.

Desde a aprobación da última revisión destas tarifas, o incremento anual do IPC do subgrupo servizos de transporte, para a Comunidade Autónoma de Galicia, situouse por riba do 3 %, máis concretamente no 3,4 %. Non obstante, no ámbito da actividade profesional do taxi, por unha banda, atendendo á xustificación achegada á Administración por parte da organización representativa deste sector no Comité Galego de Transporte por Estrada, o incremento medio de gasto que lle resultaría aplicable de modo específico acada o 1,572 %, e por outra, segundo os estudos económicos levados a cabo pola Dirección Xeral de Mobilidade este gasto situaríase no 1,40 %, sendo este último incremento o que se xulga como o preciso para o mantemento da esencial rendibilidade económica desta actividade profesional.

Polo tanto, o incremento de custos de explotación desde a entrada en vigor das tarifas que actualmente son de aplicación aconsella a súa actualización.

Consonte co exposto, sendo esta dirección xeral competente para resolver consonte o establecido na citada Orde do 23 de xuño de 2010,

RESOLVO:

1. Actualízanse os importes establecidos nos artigos 2 e 3 da Orde do 23 de xuño de 2010, acordando a aprobación das seguintes tarifas revisadas:

a) Importes establecidos no artigo 2. Tarifas

i) Os servizos previstos no artigo anterior prestaranse con suxeición ás seguintes tarifas usuario máximas, impostos incluídos:

Tarifa anterior

(sen IVE)

Tarifa usuario anterior

Tarifa (sen IVE)

Tarifa usuario

Prezo por km percorrido

0,988361 €

1,09 €

1,002198 €

1,10 €

Prezo por hora de espera

13,065193 €

14,37 €

13,248105 €

14,57 €

Mínimo de percepción

2,965083 €

3,26 €

3,006595 €

3,30 €

Tempo de espera (15 minutos)

3,266298 €

3,60 €

3,312026 €

3,64 €

Suplemento para domingo, festivo ou nocturno (entre as 22.00 e as 6.00 horas en días laborables e entre as 0.00 e as 24 horas en domingos e festivos): 20 %.

ii) Os tempos de espera motivados polo abandono temporal do coche polo usuario facturaranse a razón de 3,64 euros por fracción de 15 minutos. Durante o transcurso da primeira hora de espera, o usuario terá dereito a dispoñer gratuitamente dun tempo de espera de 15 minutos.

b) Importes establecidos no artigo 3. Taxímetro

i) Os vehículos provistos de taxímetro deberán, sen prexuízo da aplicación da tarifa urbana se é o caso aprobada, determinar en todo caso o prezo do servizo mediante o taxímetro que se axustará aos pasos por tempo ou por quilómetro nas contías das seguintes tarifas usuario:

Tarifa usuario anterior

Tarifa usuario

Valor do paso

0,05 €

0,05 €

Metros por salto

45,99

45,45

Segundos por salto

12,53

12,35

Metros 1º salto

3.000

3.000

Tempo 1º salto

817’’

815’37’’

Suplemento para domingo, festivo ou nocturno (entre as 22.00 e as 6.00 horas en días laborables e entre as 0.00 e as 24 horas en domingos e festivos): 20 %.

ii) A percepción mínima prevista no artigo 2 subsumirá os saltos correspondentes de distancia e tempo, de forma que tan só a partir da distancia ou do tempo correspondente ao primeiro salto comezarán a computarse os pasos sucesivos.

2. A tarifa usuario indicada nos puntos anteriores enténdense co imposto sobre o valor engadido incluído.

3. Os importes actualizados establecidos na presente resolución serán de aplicación obrigatoria, logo da publicación da presente resolución no Diario Oficial de Galicia, desde o día 1 de xaneiro de 2014, para a totalidade de servizos de transporte con tarifas reguladas pola citada Orde do 23 de xuño de 2010.

Santiago de Compostela, 10 de decembro de 2013

Mª del Camino Triguero Salas
Directora xeral de Mobilidade