Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 243 Venres, 20 de decembro de 2013 Páx. 49043

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 11 de setembro de 2013, da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, sobre aprobación definitiva do expediente de delimitación do núcleo de Santa Mariña, parroquia de Cabreiros, concello do Corgo.

Analizada a nova documentación remitida o 28 de xuño de 2013 polo Concello do Corgo en relación co expediente de referencia; e vista a proposta subscrita pola Subdirección Xeral de Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

Esta secretaría xeral, o 20 de marzo de 2012, ditou resolución de non aprobación dun proxecto anterior de delimitación deste núcleo, sinalando unha serie de deficiencias para emendar.

O Concello do Corgo remite novo expediente de delimitación do núcleo de referencia, redactado polo arquitecto Carlos Moyano Pérez en xuño de 2013, que achega anexo III: Inventario do arboredo existente e proposta de xestión deste, para os efectos de obter a súa aprobación definitiva, conforme a disposición adicional segunda.2 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

O Concello Pleno, en sesión do 18 de xuño de 2013, acordou aprobar provisionalmente o proxecto de delimitación do núcleo rural.

II. Análise e consideracións.

O novo proxecto incorpora e refunde coa memoria e normativa da delimitación, a documentación complementaria de febreiro de 2012 que introduce unha nova ordenanza a ZRP (residencial en áreas protexidas de patrimonio) tendente a dar cumprimento ao informe emitido pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural o 18 de outubro de 2011, en sentido favorable mais condicionado á corrección de determinadas normas de protección.

Consta a emisión de informe do Servizo de Prevención e Defensa contra os incendios forestais da Consellería do Medio Rural e do Mar, do 30 de maio de 2013, en relación co disposto no artigo 23.2 da Lei 3/2007, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.

Polo tanto, e considerando a documentación achegada, estímase que o novo proxecto presentado dá cumprimento ao requirido na Resolución da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo do 20 de marzo de 2012.

De acordo co punto 2 da disposición adicional segunda da LOUG, e co artigo 12.1.b) do Decreto 316/2009, do 4 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a competencia para resolver sobre a aprobación definitiva dos expedientes de delimitación de solo de núcleos rurais correspóndelle á secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo.

III. Resolución.

Visto canto antecede,

RESOLVO:

Aprobar o proxecto de delimitación do solo de núcleo rural común de Santa Mariña, na parroquia de Cabreiros, no concello do Corgo, polas consideracións e nos termos anteriormente expostos.

Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a CMATI, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación desta resolución, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer, se é o caso, calquera outro que consideren procedente (artigos 48, 58, 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro). Se o interesado é unha Administración pública non caberá interpoñer recurso en vía administrativa, podendo interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala do contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación, sen prexuízo da formulación, se é o caso, do requirimento previo en igual prazo (artigo 44 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa).

Notifíquese ao concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de setembro de 2013

María Encarnación Rivas Díaz
Secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo

missing image file