Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 238 Venres, 13 de decembro de 2013 Páx. 47933

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 5 de decembro de 2013 pola que se dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas aos proxectos de investimento empresarial, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2007-2013, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva (Galicia Inviste).

O Consello de Dirección do Igape, na súa xuntanza do 24 de outubro de 2013, acordou por unanimidade dos membros asistentes aprobar as bases reguladoras das axudas do Instituto Galego de Promoción Económica aos proxectos de investimento empresarial, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2007-2013, e facultourse o director xeral para a súa convocatoria, aprobación dos créditos e publicación no Diario Oficial de Galicia.

Na súa virtude e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Primeiro. Publicar as bases reguladoras das axudas do Instituto Galego de Promoción Económica aos proxectos de investimento empresarial, cofinanciadas ao 80 % polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2007-2013, eixe 2, tema prioritario 08, actuación 2, e convocar para o ano 2014 as ditas axudas en réxime de concorrencia non competitiva.

Segundo. Esta convocatoria tramítase ao abeiro do artigo 25.1.a) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, como expediente anticipado de gasto, existindo crédito suficiente previsto no proxecto de orzamentos da Comunidade Autónoma para o exercicio 2014. Na súa virtude, a concesión das subvencións condiciónase á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución da concesión.

Terceiro. O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e rematará o 30 de abril de 2014. No caso de esgotamento do crédito, o Igape publicará a dita circunstancia no Diario Oficial de Galicia e na súa páxina web, co fin de pechar anticipadamente o prazo de presentación de solicitudes, de conformidade co disposto no artigo 32 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia (Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro).

Cuarto. Os créditos dispoñibles para concesións nesta convocatoria aboaranse con cargo á seguinte aplicación orzamentaria e polos seguintes importes e coa seguinte distribución plurianual:

Partida orzamentaria

2014

2015

08.A1-741A -7701

100.000 €

9.900.000 €

O director xeral do Igape poderá ampliar os créditos e modificar a partida orzamentaria, logo de declaración de dispoñibilidade dos créditos nos termos referidos no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, mediante resolución publicada para o efecto.

Así mesmo, non se poderán outorgar subvencións por contía superior á que se determine nesta convocatoria, salvo que se realice unha nova convocatoria ou se produza un incremento de créditos derivados dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, ou da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo, ao abeiro do disposto no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, do cal se dará a correspondente publicidade no Diario Oficial de Galicia.

Quinto. Os requisitos das letras c), e), f), h), i), k), l), m) e n) do artigo 20.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, indícanse nas bases anexas a esta resolución.

Santiago de Compostela, 5 de decembro de 2013

Javier Aguilera Navarro
Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica

Bases reguladoras das axudas do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) aos proxectos de investimento empresarial, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2007-2013

O Instituto Galego de Promoción Económica, no cumprimento das súas funcións, desempeña un papel esencial no desenvolvemento de programas e iniciativas que contribúen a acadar os obxectivos económicos estratéxicos da comunidade galega.

O obxecto das axudas reguladas nestas bases é o de estimular a posta en marcha de proxectos de investimento empresarial en Galicia, coa finalidade principal de incrementar, manter e dinamizar a actividade económica na Comunidade Autónoma, favorecer o desenvolvemento equilibrado do territorio galego e lograr o incremento do emprego a través do desenvolvemento e mellora da competitividade das empresas existentes, así como coa creación e posta en marcha de novas iniciativas empresariais.

Para conseguir estes obxectivos, a Xunta de Galicia entende que se deben considerar as características do tecido empresarial e que polo tanto se deben ter en conta as diferenzas no dinamismo empresarial nas diferentes zonas do territorio da Comunidade Autónoma. Neste sentido, obsérvase unha gran diferenza entre a maioría dos territorios costeiros, de tradición máis dinámica, e os territorios do interior.

O Consello da Xunta de Galicia, tendo en conta que as diferenzas entre estes territorios tenden a incrementarse, acordou aprobar, nas reunións do Consello do 24 de setembro e do 22 de outubro de 2009, os plans estratéxicos de dinamización económica das provincias de Lugo e Ourense (Impulsa-Lugo e Impulsa-Ourense) na procura de favorecer o desenvolvemento equilibrado do territorio galego. Estes plans véñense sumar á especial consideración para os municipios da Costa da Morte e das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal, por seguir a presentar especiais dificultades para atraer proxectos de investimento empresarial.

Tendo todo isto en conta e sen menoscabo de procurar a dinamización da actividade económica en toda a Comunidade Autónoma, as presentes bases reguladoras prevén un nivel superior de apoio ás iniciativas empresariais que se instalen nas comarcas e concellos máis desfavorecidos.

As bases distinguen entre dous tipos de liñas de axuda, en función das tipoloxías de proxectos:

• Liña de axuda ao investimento para a creación dun novo establecemento, ampliación, diversificación da produción ou cambio no proceso de produción, dirixida a proxectos en actividades dos sectores da industria, turismo, transporte e servizos de apoio industrial (procedemento IG100).

• Liña de axuda para proxectos de servizos avanzados intensivos en emprego, dirixida a actividades terciarias destinadas ao consumo por terceiros ou unidades produtivas da mesma empresa ou grupo empresarial e que deberán caracterizarse polos altos requirimentos de capital humano e tecnolóxico (procedemento IG101).

Con carácter xeral as presentes bases ampáranse no Decreto 432/2009, do 11 de decembro, polo que se regulan as axudas rexionais ao investimento e ao emprego na Comunidade Autónoma de Galicia, en aplicación do Regulamento (CE) nº 800/2008, da Comisión, do 6 de agosto de 2008, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado común en aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE.

As convocatorias das distintas liñas de axuda serán obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia mediante resolución do director xeral do Igape. Estas convocatorias incluirán o procedemento de tramitación, o prazo de presentación de solicitudes e os créditos asignados.

Segundo o establecido no artigo 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, exclúese o réxime de concorrencia competitiva no procedemento de concesión das axudas. As subvencións outorgaranse a aqueles solicitantes que cumpran os requisitos establecidos nestas bases ata o esgotamento dos créditos habilitados, o que se publicará no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 1. Proxectos obxecto de apoio

O Igape poderá conceder subvencións a fondo perdido aos proxectos empresariais de investimento que se vaian implantar na Comunidade Autónoma de Galicia atendendo ao establecido no Decreto 432/2009, do 11 de decembro, que cumpran os seguintes requisitos:

1.1. Que o proxecto consista:

a) Na creación dun novo establecemento, a ampliación dun establecemento existente, a diversificación da produción dun establecemento en novos produtos adicionais ou un cambio esencial no proceso xeral de produción dun establecemento existente, que supoñan un investimento subvencionable igual ou superior a 200.000 €.

b) Nun investimento subvencionable en servizos avanzados en Galicia superior a 100.000 € cunha creación de emprego ligado ao investimento igual ou superior a 10 novos postos de traballo de carácter indefinido.

1.2. Que o proxecto non se teña iniciado con anterioridade á data de solicitude da axuda. Ningún dos custos alegados sobre os cales se solicita subvención poderá ser incorrido con carácter previo á solicitude da axuda; de ser así, o proxecto, no seu conxunto, sería non subvencionable. Considérase que o proxecto xa foi iniciado no momento en que se inicie a construción ou ben cando exista compromiso en firme de adquisición de bens (o suposto que ocorra en primeiro lugar), ben sexa pedimento de bens, pagamentos anticipados á entrega da mercadoría, promesa de compra de terreo etc., con exclusión dos estudos previos de viabilidade.

Para o caso de proxectos que presenten a solicitude de axuda entre o día seguinte á publicación destas bases e o 1 de xaneiro de 2014, deberase ter en conta que os investimentos que se realicen e/ou paguen nese período non computarán como investimento subvencionable. Serán subvencionables os investimentos realizados e/ou pagados entre o 1 de xaneiro de 2014 e a data de fin do prazo de execución establecido na resolución de concesión, que non excederá o 30 de xuño de 2015. No caso dos proxectos do procedemento IG101, os salarios brutos de persoal que computarán como subvencionables non serán anteriores á mesma data do 1 de xaneiro de 2014.

Ademais, para o caso de investimentos en obra civil, soamente serán subvencionables aqueles realizados con posterioridade ao levantamento de acta notarial que reflicta, fidedignamente e con posterioridade á presentación da solicitude de axuda, que as obras non foron iniciadas.

1.3. Que os proxectos presentados por empresas que non cumpran os requisitos de pequena e mediana empresa segundo o Regulamento (CE) nº 800/2008 da Comisión, do 6 de agosto de 2008 (DOUE L 214, do 9 de agosto), acrediten, ademais, ao Igape o efecto incentivador da subvención solicitada. Para tal efecto, deberán presentar un documento, segundo o modelo normalizado establecido na páxina web do Igape, onde se reflicta que a concesión da axuda suporá ben un incremento substancial no tamaño, do seu ámbito de aplicación, do importe investido pola empresa beneficiaria ou do ritmo de execución do proxecto, ou ben que, de non ser pola axuda, o proxecto de investimento non se implantaría en Galicia.

1.4. Os proxectos de investimento vinculados a un contrato de xestión de servizos públicos non serán subvencionables.

Artigo 2. Procedemento e réxime de aplicación

2.1. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, segundo a excepción recollida no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. As solicitudes de axuda presentadas en prazo e cos requisitos establecidos nestas bases tramitaranse e resolveranse por orde de entrada en rexistro do expediente completo e ata o esgotamento do crédito, do cal se fará publicidade no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Igape www.igape.es. Xustifícase a excepcionalidade por canto nestes casos non é necesaria a comparación de proxectos entre si, polo interese especial de promover calquera proxecto de investimento empresarial que, cumprindo os requisitos especificados nas presentes bases, se poida levar adiante en Galicia, máis incluso na actual situación de dificultades na economía; así mesmo, a concorrencia non competitiva é o mecanismo que permite que os proxectos subvencionables poidan ser atendidos en todo momento, mantendo a posibilidade de solicitude aberta de xeito continuo.

2.2. En xeral as axudas multisectoriais recollidas nestas bases incardínanse no Decreto 432/2009, do 11 de decembro, polo que se regulan as axudas rexionais ao investimento e ao emprego na Comunidade Autónoma de Galicia en aplicación do Regulamento (CE) nº 800/2008 da Comisión, do 6 de agosto de 2008 (DOUE L 214, do 9 de agosto), polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado común en aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE. Unha vez comunicado á Comisión Europea o citado decreto asignóuselle o número de rexistro de axuda X 28/2010.

A concesión das axudas recollidas nestas bases condiciónase á prórroga da vixencia do mapa rexional de axudas para España.

2.3. A subvención aos investimentos estará cofinanciada nun 80 % polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2007-2013, eixe 2, tema prioritario 08, actuación 2, e están sometidos ás obrigas de información e difusión establecidas na regulamentación da UE, en particular os Regulamentos (CE) nº 1083/2006 do Consello, do 11 de xullo de 2006 (DOUE L 210/25, do 31 de xullo), Regulamento (CE)
nº 1080/2006, do 5 de xullo de 2006, do Parlamento Europeo e do Consello (DOUE L 210/1, do 31 de xullo), e Regulamento 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro de 2006 (DOUE L 45, do 15 de febreiro de 2007). Os conceptos subvencionables cumprirán os requisitos establecidos pola Orde EHA/524/08, do 26 de febreiro, pola que se aproban as normas sobre os gastos subvencionables dos programas operativos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e do Fondo de Cohesión (BOE nº 53, do 1 de marzo).

Artigo 3. Concorrencia con outras axudas ou subvencións públicas

3.1. Estas axudas son compatibles cos programas de axuda financeira do Instituto, como poden ser, entre outros, os préstamos ou a subsidiación do tipo de xuro, e tamén con calquera outro tipo de subvención ou axuda concedida por outros organismos públicos ou privados financiadas con fondos Feder -programa operativo Feder Galicia 2007-2013, ata o límite máximo de intensidade de axuda indicado en termos de equivalente de subvención bruta no anexo do Decreto 432/2009, do 11 de decembro (DOG núm. 242, do 14 de decembro), isto é:

a) Como regra xeral:

– Ata o 30 % para grandes empresas.

– Ata o 40 % para medianas empresas.

– Ata o 50 % para pequenas empresas.

b) Ata o 30 % para empresas do sector do transporte.

3.2. A obtención doutras axudas ou subvencións deberá comunicarse ao Instituto Galego de Promoción Económica tan axiña como se coñeza e, en todo caso, no momento en que se presente documentación xustificativa do proxecto realizado. Antes de conceder e pagar a axuda, solicitarase da empresa unha declaración escrita ou en soporte electrónico sobre calquera axuda recibida para este mesmo proxecto. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar a un procedemento de reintegro.

Artigo 4. Beneficiarios

4.1. En xeral, poderán ser beneficiarias aquelas sociedades mercantís existentes ou en constitución que cumpran os seguintes requisitos:

a) Que realicen unha iniciativa empresarial nun centro de traballo, obxecto do proxecto de investimento, localizado na Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Que desenvolvan no centro obxecto do proxecto algunha das actividades subvencionables que se sinalan nestas bases para cada tipo de proxecto subvencionable.

c) Que acheguen para o proxecto de investimento unha contribución financeira exenta de calquera tipo de apoio público de polo menos un 25 % do seu importe, sexa mediante recursos propios ou mediante financiamento externo. Para estes efectos, o Igape exixirá nas resolucións de concesión un determinado nivel de fondos propios que deberá acreditar o beneficiario.

4.2. Non poderán ter a condición de beneficiarias as sociedades mercantís cuxa actividade estea comprendida nas excluídas polo artigo 1.2 do Decreto 432/2009.

4.3. Non poderán ter a condición de beneficiarioas as sociedades que estean suxeitas a unha orde de recuperación de axudas, consecuencia dunha decisión da Comisión Europea.

4.4. Non poderán ter a condición de beneficiarias as empresas en crise. Para estes efectos, convén ter en conta a definición de empresa en crise que para as grandes empresas figura no punto 2.1 das directrices sobre axudas estatais de salvamento e de reestruturación de empresas en crise (DOUE C 244/2, do 1 de outubro de 2004) e que para as pemes aparece no artigo 1.7 do Regulamento xeral de exención (Regulamento CE nº 800/2008).

4.5. Non poderán ter a condición de beneficiarias as sociedades mercantís en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2º e 3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG nº 121, do 25 de xuño).

Artigo 5. Conceptos subvencionables e requisitos xerais dos proxectos subvencionables

5.1. Para cada tipo de proxecto, serán conceptos subvencionables os establecidos nos artigos 6 e 7 destas bases.

5.2. Para todos os tipos de proxecto rexerán as seguintes regras xerais:

a) Os investimentos previstos polo solicitante deberán ser especificados na solicitude, coa súa planificación anualizada. O Igape, para cada proxecto que resulte aprobado, establecerá na resolución de concesión os investimentos subvencionados ata o remate do prazo de execución do proxecto.

b) Para a determinación dos importes subvencionables observaranse, de ser o caso, os criterios e módulos de custo máximo subvencionable aprobados polo Consello de Dirección do Igape para os distintos conceptos que, de ser o caso, prevalecerán sobre os seus prezos de adquisición. Os citados criterios e módulos deberán ser publicados na páxina web do Igape, con carácter previo ás resolucións das solicitudes.

c) Os investimentos deberán realizarse en bens novos ou de primeiro uso empresarial.

d) Os bens obxecto de investimento deberán ser adquiridos en propiedade a terceiros polo beneficiario. No caso de adquisición dos bens mediante fórmulas de pagamento aprazado, estes tamén deberán pasar a ser de propiedade plena do beneficiario antes do remate do prazo de execución do proxecto, e deberá constar neste momento o vencemento e pagamento das cantidades aprazadas.

e) Os investimentos subvencionables deberán ser contratados e pagados directamente entre o beneficiario da axuda e o provedor final. Os provedores non poderán estar vinculados coa entidade solicitante. Para os efectos destas bases reguladoras, considéranse persoas ou entidades vinculadas, cando concorran as circunstancias establecidas no artigo 16.3 do Real decreto 4/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do imposto de sociedades.

f) O investimento terá que manterse, vinculado á actividade económica subvencionable, no centro de traballo en Galicia durante os 5 anos seguintes ao remate do prazo de execución do proxecto, prazo que poderá reducirse a 3 no caso de que o beneficiario cumpra os límites de pequena e mediana empresa e non se trate de bens inmobles. O investimento subvencionado poderá ser substituído no caso de obsolescencia, sempre e cando a actividade económica da beneficiaria se manteña en Galicia durante os períodos mencionados, e non poderán ser obxecto de subvención os bens que substitúen os obsoletos.

g) No caso dos activos intanxibles, para ser considerados subvencionables, deberán cumprir ademais todas estas condicións: 1) empregaranse exclusivamente no establecemento beneficiario da axuda; 2) consideraranse activos amortizables; 3) adquiriranse a terceiros en condicións de mercado, 4) figurarán no activo da empresa e permanecerán no establecemento beneficiario da axuda durante un período mínimo de 5 anos ou de 3 anos en caso de pemes.

h) Cando o importe do investimento subvencionable supere as contías establecidas no Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos do sector público para o contrato menor, o beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á contratación da execución da obra, da prestación do servizo ou da adquisición do ben, agás que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren. Neste caso, presentarase escrito aclaratorio indicativo desta circunstancia, asinado polo representante legal. Para modificar o provedor seleccionado deberá pedir previamente á súa contratación autorización ao Igape xustificando as razóns do cambio.

i) En ningún caso o custo de adquisición dos investimentos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.

Artigo 6. Requisitos específicos da liña de axuda para proxectos de investimento para a creación dun novo establecemento, ampliación, diversificación da produción ou cambio no proceso de produción (procedemento IG100)

6.1. Os proxectos deberán cumprir as seguintes condicións:

a) Terán que contar cun investimento subvencionable, segundo o establecido nos seguintes puntos, igual ou superior a 200.000 €, de acordo cos criterios e módulos establecidos no artigo 5.2.b), que sexa viable técnica, económica, financeira e ambientalmente.

b) No caso de ampliacións de instalacións existentes, o investimento subvencionable deberá ser, ademais, superior a 1,5 veces a dotación media para amortizacións do inmobilizado, circunscrita ao centro obxecto dos novos investimentos, nos 3 últimos exercicios pechados.

c) Terán que incluír o compromiso de manter o emprego existente resultante da cifra máis alta de entre as dúas seguintes: cifra de emprego no mes anterior ao da presentación da solicitude; ou ben cifra media de emprego dos últimos 3 meses antes da solicitude. Na resolución de concesión establecerase o prazo de mantemento do emprego, que como mínimo será o de execución do proxecto máis os dous anos seguintes.

d) Cumprir as condicións establecidas no Decreto 432/2009, do 11 de decembro, para que os proxectos de investimento poidan recibir axuda.

6.2. Actividades subvencionables: os proxectos subvencionables deberán estar vinculados a algunha destas actividades, independentemente de calquera outra que, ademais, desempeñe o solicitante:

a) A extracción, procesamento, transformación ou produción de minerais, produtos enerxéticos ou os seus derivados.

b) Todos os sectores da industria, agás os excluídos no Decreto 432/2009.

c) Eliminación, valorización ou reciclaxe de residuos.

d) Turismo: hoteis balneario de 4 ou máis estrelas. Actividades recreativas, deportivas ou de entretemento vinculadas ou complementarias con establecementos ou aloxamentos turísticos.

e) Actividades de electrónica, biotecnoloxía, robótica, audiovisual, telemática, telecomunicación e calquera outra de avanzada tecnoloxía.

f) Transporte.

g) Loxística asociada ao sector industrial.

h) Servizos de apoio industrial.

6.3. Conceptos subvencionables: para os efectos de cálculo da subvención a fondo perdido, excluíndo impostos, taxas e arbitrios, consideraranse conceptos subvencionables os seguintes que reúnan os requisitos establecidos na Orde EHA/524/08, do 26 de febreiro, pola que se aproban as normas sobre os gastos subvencionables dos programas operativos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e do Fondo de Cohesión (BOE nº 53, do 1 de marzo).

6.3.1. Investimentos realizados en:

a) Adquisición dos terreos necesarios para acometer o proxecto, traídas e conexións de servizos, urbanización e obras exteriores adecuadas ás necesidades do proxecto. A contía máxima subvencionable de custo de terreo non poderá superar o 10 % do investimento subvencionable total.

b) Obra civil: oficinas, laboratorios, servizos sociais e sanitarios do persoal, almacenamento de materias primas, edificios de produción, edificios de servizos industriais, almacenamento de produtos terminados e outras obras vinculadas ao proxecto.

c) Adquisición de inmobles.

d) Bens de equipamento: maquinaria de proceso, instalacións específicas para a actividade subvencionable, equipamentos e medios de transporte interior, vehículos especiais de transporte exterior, medios de protección do ambiente e outros bens de equipamento ligados ao proxecto. No sector de transporte non son subvencionables os medios e equipamento de transporte exterior.

e) Outros investimentos en activos fixos materiais incluíndo mobiliario.

f) Activos inmateriais vinculados á transferencia de tecnoloxía, en contía non superior ao 50 % do investimento subvencionable. Entenderase como tales a adquisición de dereitos de patentes, licenzas e aplicacións informáticas, que cumpran as condicións do artigo 5.2.g) das bases reguladoras.

6.3.2. Naqueles casos de subvención ao terreo, construcións e urbanizacións por cambio de localización dentro da Comunidade Autónoma de Galicia, a base sobre a cal se aplicará a subvención será a que resulte da diferenza entre o prezo de adquisición dos novos activos, unha vez aplicados os módulos e criterios establecidos polo Consello de Dirección do Igape, e o valor dos da antiga localización, segundo informe de taxación subscrito por sociedade de taxación homologada, sempre e cando as instalacións que se abandonen sexan propiedade da empresa ou dos seus socios maioritarios, directa ou indirectamente. Se dentro do prazo de execución do proxecto establecido na resolución de concesión da subvención fosen alleadas as instalacións da antiga localización da empresa e o importe neto da venda resultase superior ao da taxación homologada que se tivo en conta para os efectos da subvención, reaxustarase o importe da subvención concedida.

6.4. Cálculo da intensidade da axuda:

Co límite máximo do 50 % de intensidade de axuda sobre os conceptos subvencionables, a porcentaxe da axuda resultará da aplicación da seguinte fórmula:

5 + (50 × (puntos por baremación proxecto/200) + (puntos pola contratación de persoas de colectivos con dificultades de acceso ao emprego) + (puntos subvención adicional polígono industrial).

Non obstante, establécese un importe máximo de axuda, por empresa e proxecto, de 2.000.000,00 €.

6.4.1. Os puntos por baremación do proxecto obteranse do seguinte xeito:

a) Creación de emprego mediante contratos indefinidos. Puntos máximos: 60.

Puntuación = postos de traballo para crear × 7,2/investimento subvencionable.

Obtense a puntuación máxima cunha proporción de investimento subvencionable igual ou inferior a 120.000 euros por posto de traballo a crear.

b) Sectores de actividade prioritarios: 15 puntos.

Concederanse 15 puntos aos proxectos correspondentes aos sectores prioritarios establecidos no anexo IV a estas bases.

c) Dimensión da empresa: 20 puntos.

Concederanse os 20 puntos a proxectos inferiores a 600.000 €, que acometerán empresas que cumpran o requisito de pequena e mediana empresa segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento 800/2008 (DOUE L 214, do 9 de agosto).

d) Primeira implantación en Galicia: 20 puntos.

Concederanse os 20 puntos nos casos de novos empresarios que inician unha actividade en Galicia ou de empresas que inician unha nova actividade.

e) Localización do proxecto: 55 puntos.

Aplicaranse aos proxectos que se van executar nas localizacións preferentes recollidas no anexo III das bases reguladoras.

f) Carácter tecnolóxico do proxecto. Puntos máximos: 10.

Concederanse os puntos obtidos de aplicar a porcentaxe que representen os bens de equipamento respecto do total do investimento subvencionable.

g) Valor engadido medio da actividade empresarial. Puntos máximos: 10.

A puntuación obterase aplicando a porcentaxe do valor engadido bruto medio do sector, de acordo coa táboa IAE-CNAE. A táboa será publicada na páxina web do Igape con carácter previo ás resolucións das solicitudes.

h) Interese ambiental do proxecto: 5 puntos.

Concederanse 5 puntos no caso de que teñan certificación ambiental.

i) Proxectos propostos por empresas adscritas a clúster galego legalmente constituído: 5 puntos.

Concederanse 5 puntos aos proxectos correspondentes a empresas asociadas a un clúster galego legalmente constituído.

6.4.2. Os puntos pola contratación de persoas de colectivos con dificultades de acceso ao emprego obteranse do seguinte xeito:

• A creación entre 1 e 3 postos de traballo con contratos indefinidos e con persoas destes colectivos puntuarase con 3 puntos.

• A creación entre 4 e 10 postos de traballo con contratos indefinidos e con persoas destes colectivos puntuarase con 4 puntos.

• A creación de máis de 10 postos de traballo con contratos indefinidos e con persoas destes colectivos puntuarase con 5 puntos.

Para estes efectos considerase a pertenza a estes colectivos con dificultades de acceso ao emprego os seguintes:

a) Mulleres desempregadas.

b) Persoas desempregadas de longa duración, entendendo como tal a que estivese sen traballo e acredite un período de inscrición ininterrompido como persoa desempregada de 180 días, se fose menor de 25 anos ou tivese 45 anos de idade ou máis, e de 360 días se fose maior de 25 e menor de 45 anos.

c) Persoas desempregadas que esgotasen as prestacións por desemprego.

d) Persoas desempregadas de máis de 45 anos.

e) Mozas e mozos desempregados, entendendo como tal os menores de 30 anos.

f) Persoas desempregadas con discapacidade.

g) Persoas desempregadas que poidan acreditar a pertenza a colectivos en risco de exclusión social mediante informe do Servizo Público de Emprego de Galicia.

6.4.3. Os puntos pola subvención adicional polígono industrial obteranse do seguinte xeito:

No caso de adquisición de terreos localizados en polígonos de promoción pública realizada directamente ao organismo promotor, concederase unha porcentaxe de subvención equivalente ao 50 % do seu prezo, dentro do límite máximo de intensidade de axuda global do 50 % e da limitación do importe subvencionable do terreo ao 10 % do investimento subvencionable total.

Artigo 7. Requisitos específicos para proxectos de servizos avanzados intensivos en emprego (procedemento IG101)

7.1. Os proxectos deberán cumprir as seguintes condicións:

a) Os proxectos de servizos avanzados terán que contar cun investimento subvencionable, segundo o establecido nos seguintes puntos, que supere os 100.000 €, de acordo cos criterios e módulos establecidos no artigo 5.2.b), e que sexa viable técnica, económica, financeira e ambientalmente.

b) Para os proxectos de ampliación de instalacións existentes, cando a base sobre a que se calcula a subvención sexa o investimento subvencionable, este deberá ser, ademais, superior a 1,5 veces a dotación media para amortizacións do inmobilizado, circunscrita ao centro obxecto dos novos investimentos, nos 3 últimos exercicios pechados.

c) Os proxectos terán que incluír o compromiso de crear como mínimo 10 novos postos de traballo con carácter indefinido asociado ao investimento subvencionable.

d) Os proxectos terán que incluír o compromiso de manter o emprego medio existente nos últimos 12 meses antes da solicitude. Na resolución de concesión establecerase o prazo de mantemento do emprego durante un período mínimo de cinco anos desde a finalización do prazo de execución do proxecto establecido na resolución de concesión, salvo no caso de peme, que poderá ser de tres anos.

e) Cumprir as condicións establecidas no Decreto 432/2009, do 11 de decembro, para que os proxectos de emprego poidan recibir axuda.

7.2. Actividades subvencionables: sen prexuízo da multisectorialidade e horizontalidade que as bases reguladoras no seu conxunto respectan, os proxectos subvencionables de servizos avanzados intensivos en emprego deberán caracterizarse polos altos requirimentos de capital humano e tecnoloxía e deberán estar vinculados a algunha destas actividades, independentemente de calquera outra que, ademais, desempeñe o solicitante:

a) Actividades de programación informática.

b) Actividades de centros de chamadas ou servizos telemáticos.

c) Actividades de sedes centrais ou zonais.

d) Enxeñaría de produtos e procesos industriais.

e) Enxeñaría de ensaio e control de calidade.

f) Publicidade e comunicación.

g) Deseño industrial.

7.3. Conceptos subvencionables:

Serán subvencionables, con carácter xeral, os salarios brutos do persoal que se contrate durante o período de execución do proxecto establecido na resolución de concesión, co límite temporal dun ano de salario por traballador e o límite cuantitativo de cinco veces o investimento subvencionable. Non obstante, no caso que o investimento subvencionable acade un montante superior aos salarios brutos subvencionables, o Igape establecerá o investimento subvencionable como base de cálculo da subvención concedida.

Nestes proxectos o investimento subvencionable asociado (superior aos 100.000 €) debe ser executado e pagado no período de execución do proxecto establecido na resolución de concesión, estará suxeito a comprobación e corresponderá ás epígrafes establecidas no artigo 6.3 destas bases. Non obstante, no caso de que o solicitante sexa unha peme, o límite establecido no punto 6.3.1.f), amplíase ata o 75 %.

Os conceptos subvencionables deberán reunir os requisitos establecidos na Orde EHA/524/08, do 26 de febreiro, pola que se aproban as normas sobre os gastos subvencionables dos programas operativos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e do Fondo de Cohesión (BOE nº 53, do 1 de marzo de 2008):

Os postos de traballo creados terán que cumprir as seguintes condicións:

a) Estar asociados directamente ao proxecto de investimento.

b) Ser creados no prazo de execución do proxecto establecido na resolución de concesión, prazo que non superará o 30 de xuño de 2015.

c) Manterse durante un período mínimo de 5 anos para as grandes empresas e de 3 anos para as pemes, en ambos os casos contado desde a finalización do prazo de execución do proxecto de investimento.

d) O proxecto de investimento deberá conducir a un incremento neto do número de empregados no establecemento de que se trate, comparado coa media dos doce meses anteriores á data de solicitude de axuda.

7.4. Intensidade da axuda:

A axuda resultante calcularase como unha porcentaxe sobre o salario bruto do persoal que se contrate ou ben sobre o investimento subvencionable, entre un 15 % e un 50 % da base subvencionable resultante. A porcentaxe da axuda resultará da aplicación da seguinte fórmula e baremo:

Porcentaxe da axuda= 15 + (35 × (puntos baremación proxecto/30)) + (puntos pola contratación de persoas de colectivos con dificultades de acceso ao emprego).

Non obstante, establécese un importe máximo de axuda, por empresa e proxecto, de 2.000.000,00 €.

7.4.1. Os puntos por baremación proxecto obteranse do seguinte xeito:

1. Creación de emprego mediante contratos indefinidos. Puntos máximos: 22.

Acádase a puntuación máxima coa creación de 300 postos de traballo con contratos indefinidos a tempo completo. No caso se ser inferior, outorgaráselle a puntuación de xeito proporcional.

2. A novidade do servizo en Galicia: 3 puntos.

Concederanse os 3 puntos só nos casos de novos emprendedores, empresas xa existentes que inician unha nova actividade ou empresas que se implantan por primeira vez en Galicia.

3. O carácter tecnolóxico do proxecto. Puntos máximos: 5.

Concederanse os puntos obtidos de aplicar a porcentaxe que representen os bens de equipamento respecto do total do investimento subvencionable.

7.4.2. Os puntos pola contratación de persoas de colectivos con dificultades de acceso ao emprego obteranse do seguinte xeito:

• A creación entre 1 e 3 postos de traballo con contratos indefinidos e con persoas destes colectivos puntuarase con 3 puntos.

• A creación entre 4 e 10 postos de traballo con contratos indefinidos e con persoas destes colectivos puntuarase con 4 puntos.

• A creación máis de 10 postos de traballo con contratos indefinidos e con persoas destes colectivos puntuarase con 5 puntos.

Para estes efectos considérase a pertenza a estes colectivos con dificultades de acceso ao emprego os seguintes:

a) Mulleres desempregadas.

b) Persoas desempregadas de longa duración, entendendo como tal a que estivese sen traballo e acredite un período de inscrición ininterrompido como persoa desempregada de 180 días, se fose menor de 25 anos ou tivese 45 anos de idade ou máis, e de 360 días se fose maior de 25 e menor de 45 anos.

c) Persoas desempregadas que esgotasen as prestacións por desemprego.

d) Persoas desempregadas de máis de 45 anos.

e) Mozas e mozos desempregados, entendendo como tales os menores de 30 anos.

f) Persoas desempregadas con discapacidade.

g) Persoas desempregadas que poidan acreditar a pertenza a colectivos en risco de exclusión social mediante informe do Servizo Público de Emprego de Galicia.

Artigo 8. Consentimentos e autorizacións

8.1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

8.2. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións, convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da subvención consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas no dito rexistro, feito que terá lugar agás nos supostos legalmente establecidos. Todo isto consonte o establecido na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, e na Lei orgánica 1/1982, do 5 de maio, pola que se regula a protección civil do dereito á honra, á intimidade persoal e familiar e á propia imaxe.

8.3. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, o Igape publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a súa publicación na citada páxina web, coas excepcións previstas nas leis.

A devandita autorización esténdese á cesión dos seus datos persoais á entidade colaboradora do Igape, á entidade financeira en que se aboe o pagamento das axudas, ao Diario Oficial de Galicia e ás demais cesións previstas na lei.

O solicitante poderá exercer os seus dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición respecto do contido dos rexistros antes citados ante a Dirección Xeral do Instituto Galego de Promoción Económica, sito no complexo administrativo de San Lázaro, s/n, 15703 Santiago de Compostela, en aplicación do disposto no Decreto 132/2006.

8.4. A presentación da solicitude polo interesado comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, segundo o disposto no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. No caso de que o solicitante denegue expresamente esta autorización deberá, obrigatoriamente, presentar as certificacións coa solicitude. No caso de que o solicitante deba presentar estes certificados na fase de emenda, logo de que a consulta polo órgano xestor non obtivese resultado favorable, a data de expedición dos certificados pola Administración correspondente deberá ser posterior á data de emisión do certificado telemático, o que se comunicará no requirimento de emenda da documentación.

8.5. O solicitante poderá autorizar o órgano xestor para acceder ao Sistema de verificación de datos de identidade, co fin de evitar a achega do seu DNI ou o do seu representante legal. No caso de que o solicitante denegue expresamente esta autorización deberá, obrigatoriamente, presentar o DNI coa solicitude.

8.6. As propostas que resulten seleccionadas pasarán a formar parte da lista pública de beneficiarios prevista nos artigos 6 e 7.2.d) do Regulamento (CE) nº 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro de 2006.

Artigo 9. Solicitudes

9.1. Dentro do prazo establecido na convocatoria para presentar a solicitude de axuda, os interesados deberán cubrir previamente un formulario descritivo das circunstancias do solicitante e do proxecto para o cal solicita a subvención a través da aplicación establecida no enderezo da internet http://www.tramita.igape.es

9.2. Co fin de prestar asistencia para cubrir o formulario, o Igape pon á disposición dos interesados o seu servizo de asistencia técnica, a través do mencionado enderezo da internet ou dos números de teléfono 902 30 09 03 ou 981 54 11 47. Desde este servizo poderá accederse á aplicación informática e cubrir o formulario e xerar o IDE identificativo, no caso de que o solicitante non dispoña dun acceso directo á internet.

Deberán cubrirse necesariamente todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico (IDE) que identificará univocamente a solicitude de axuda. O IDE estará composto de 40 caracteres alfanuméricos e obterase mediante o algoritmo estándar de extractado SHA-1 160 bits a partir do documento electrónico xerado pola aplicación informática citada anteriormente.

9.3. As solicitudes de axuda presentaranse mediante a instancia normalizada que se obterá de xeito obrigatorio na citada aplicación informática e que se xunta como anexo I a estas bases a título informativo. Na instancia será obrigatoria a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDE obtido no paso anterior. As solicitudes que carezan do IDE ou nas cales este sexa erróneo (sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación informática) non serán tramitadas, e concederáselles aos solicitantes un prazo de 10 días para a súa emenda, transcorrido o cal se terán por desistidos da súa petición, logo de resolución de arquivamento.

9.4. Xunto coa instancia de solicitude presentarase a seguinte documentación:

I. Para sociedades constituídas:

a) Escritura de constitución e dos estatutos debidamente inscritos no rexistro competente e as súas modificacións posteriores.

b) Poder do representante que presenta a solicitude, inscrito, se é o caso, no rexistro competente.

c) Declaración do imposto de sociedades, referido aos 3 últimos exercicios fiscais.

d) No caso de pertenza a algún clúster galego: certificado expedido polo correspondente clúster da pertenza do solicitante ao dito clúster.

II. No caso de sociedades en constitución:

a) Certificado do Rexistro Xeral de Sociedades Mercantís da Dirección Xeral dos Rexistros e do Notariado do Ministerio de Xustiza, ou do rexistro competente, de non figurar inscrita a futura denominación social da entidade que se vai constituír.

b) Proxecto de estatutos da sociedade.

Nestes casos deberá acreditarse a válida constitución da sociedade con anterioridade a ditarse a proposta de resolución. Para tal fin, a documentación establecida no punto I anterior terá que ser presentada no Igape no prazo máximo dun mes desde a presentación da instancia de solicitude (en caso de coincidir en sábado ou día inhábil en Santiago de Compostela, o prazo finalizará o día hábil seguinte). Transcorrido o dito prazo sen tela presentada ou se a documentación presentada fose incorrecta, e logo de requirimento para a súa emenda no prazo de dez días, o Igape arquivará o expediente.

III. Acreditación do emprego existente antes da solicitude:

a) Os TC1 e TC2 dos tres (para os proxectos do procedemento IG100) ou dos doce meses (para os proxectos do procedemento IG101) anteriores á data de presentación da solicitude de axuda de todos os centros de traballo da empresa en Galicia.

b) Certificado da Tesouraría Xeral da Seguridade Social de afiliados adscritos ás contas de cotización da empresa por tipos de contrato, e de todos os centros de traballo da empresa, por data de solicitude da axuda.

IV. Memoria descritiva do investimento proxectado segundo o modelo normalizado establecido polo Igape na súa páxina web.

V. Declaración do efecto incentivador da axuda solicitada, de acordo co establecido no artigo 1.3 destas bases, segundo o modelo normalizado establecido polo Igape na súa páxina web.

VI. Planos.

VII. Declaración de cumprimento de requisitos segundo o establecido no anexo V.

VIII. Declaración da condición de peme, segundo o modelo do anexo VI. No caso de non presentarse, entenderase que o solicitante non é peme.

IX. As tres ofertas que, en aplicación do artigo 29.3º da Lei de subvencións de Galicia, deba ter solicitado o beneficiario, de acordo co establecido no artigo 5.2.h) das bases reguladoras. Calquera cambio na oferta seleccionada deberá contar coa autorización do Igape, segundo o disposto no citado artigo.

X. Calquera outra documentación ou información adicional que considere conveniente para unha correcta análise da solicitude.

De acordo co disposto no artigo 35.f) da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e o artigo 20.3 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, non será necesario presentar a documentación que xa estea en poder do Igape, sempre que se manteña vixente e se identifique no formulario de solicitude o procedemento administrativo para o cal foi presentada. No suposto de imposibilidade material de obter a documentación ou no caso de que se constate a non validez desta, o órgano competente poderá requirirlle ao solicitante a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento.

9.5. Unha vez xerada a solicitude deberá presentarse preferiblemente por vía electrónica a través da instancia de solicitude normalizada co IDE (anexo I), accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns ao servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010 polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

Alternativamente, unha vez xerada a solicitude, tamén se poderá presentar en soporte papel no Rexistro Xeral dos Servizos Centrais do Igape, nas oficinas territoriais do Igape ou por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando a instancia de solicitude normalizada (anexo I) co IDE, xunto coa documentación establecida no artigo 9.4, en orixinal ou copia cotexada.

Na presentación electrónica, de conformidade co artigo 35.2 da Lei 11/2007, os interesados deberán achegar coa solicitude as copias dixitalizadas dos documentos relacionados no artigo 9.4, responsabilizarase e garantirá a persoa que asina a solicitude a fidelidade dos ditos documentos co orixinal mediante o emprego da súa sinatura electrónica. O Igape poderá requirirlle ao interesado a exhibición do documento ou da información orixinal. A achega de tales copias implica a autorización para que a Administración acceda e trate a información persoal contida en tales documentos.

Para achegar xunto coa instancia de solicitude os documentos en formato electrónico, o solicitante deberá previamente dixitalizar os documentos orixinais obtendo arquivos en formato PDF. A aplicación informática permitirá anexar estes arquivos en formato PDF sempre que cada arquivo individual non supere os 4 MB. No caso de que un documento PDF ocupe máis do dito tamaño, deberá xerarse con menor tamaño. Calquera outro formato de arquivo distinto do PDF non será aceptado pola aplicación informática nin será considerado como documentación presentada.

Os solicitantes por esta vía telemática deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Será necesario que o asinante da solicitude teña a representación legal da empresa ou entidade solicitante. Esta representación deberá ser individual ou solidaria, de xeito que coa súa sinatura abonde para acreditar a vontade do solicitante.

b) O asinante deberá posuír un certificado dixital en vigor baixo a norma X.509 V3 válido tal e como especifica a Orde do 25 de novembro de 2004 da Consellería de Economía e Facenda pola que se establecen as normas específicas sobre o uso da sinatura electrónica nas relacións por medios electrónicos, informáticos e telemáticos coa Consellería de Facenda e os seus organismos e entidades adscritas (DOG nº 239, do 10 de decembro). Os certificados de clase 2 CA emitidos pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre-Real Casa da Moeda serán válidos para efectos da presentación de solicitudes. Se o certificado corresponde a unha persoa física, a súa representación acreditarase documentalmente ao longo da tramitación do expediente.

c) A presentación ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia admite a sinatura da solicitude por parte dun único solicitante. No caso de que deba ser asinada por máis dun solicitante (por exemplo solicitudes con dous asinantes, representación mancomunada etc.), deberá necesariamente anexar un documento en que se deixe constancia de que todos os asinantes autorizan un deles para presentar a solicitude. Este documento realizarase en papel con sinaturas manuscritas e deberá ser escaneado a formato PDF para ser anexado.

d) Unha vez asinada a instancia de solicitude co IDE, mediante certificación dixital do presentador, e transferidos estes ao Igape, procederase á anotación dunha entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia.

e) No momento da presentación o rexistro expedirá, empregando as características da aplicación telemática, un recibo en que quedará constancia do feito da presentación.

f) Os interesados que cumpran os requisitos da letra b) anterior tamén poderán empregar a vía telemática para a recepción de notificacións do Igape e para o envío de escritos ao órgano xestor da axuda. Para a recepción de notificacións será preceptivo que o solicitante teña indicado no formulario a súa preferencia polo emprego da notificación telemática neste procedemento de axudas. Neste caso o solicitante deberá acceder á web do Igape, no enlace tramitación telemática, para recibir as notificacións. O sistema solicitará do interesado o seu certificado dixital en vigor e a sinatura electrónica dun xustificante de recepción das notificacións (xustificante de recepción telemático). Os efectos destas notificacións serán os establecidos na Lei 11/2007, do 22 de xuño (BOE nº 150, do 23 de xuño).

9.6. Os solicitantes poderán obter en todo momento un xustificante da recepción por parte do Igape dos termos da súa solicitude contidos no formulario. Deberano solicitar no enderezo de correo electrónico informa@igape.es indicando os 40 caracteres do IDE e o enderezo de correo electrónico no que desexan recibir o xustificante. Dentro do prazo de presentación de solicitudes poderán modificarse os termos da solicitude inicial, utilizando para isto a aplicación informática para xerar un formulario modificado, cuxo IDE será de obrigatoria inclusión no escrito de comunicación ao Igape das ditas modificacións. Para os efectos de prioridade na resolución terase en conta a data de presentación da solicitude modificada.

Artigo 10. Órganos competentes

A Área de Financiamento será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención e corresponderá, por delegación do Consello de Dirección do Igape, ao titular da Dirección Xeral do Igape a competencia para ditar a resolución sobre o fondo da solicitude que poña fin ao procedemento na vía administrativa.

Artigo 11. Instrución dos procedementos

11.1. A solicitude de axuda será avaliada polos servizos técnicos do Igape en función dos datos relativos ao solicitante e o proxecto declarados na solicitude de axuda e no formulario e documentación presentada.

11.2. De conformidade co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, se a solicitude ou o formulario non reúnen algunha da documentación ou información exixida, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixese, se terá por desistido na súa petición, logo da correspondente resolución. Este requirimento de emenda tamén se fará se das certificacións obtidas de conformidade co artigo 8.4 destas bases resulta que o solicitante non está ao día no pagamento das súas obrigas tributarias e sociais co Estado, coa Comunidade Autónoma e coa Seguridade Social.

11.3. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderá requirirse o solicitante para que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

11.4. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de denegación, na cal se indicarán as causas desta.

11.5. Instruído o procedemento e inmediatamente antes de ditar proposta de resolución, porase de manifesto aos interesados para que no prazo de dez días poidan alegar e presentar os documentos e xustificacións pertinentes. Non obstante, poderase prescindir deste trámite de audiencia cando non figuren no procedemento nin se teñan en conta na resolución outros feitos, alegacións ou probas que as aducidas polos interesados.

Artigo 12. Resolución

12.1. Unha vez examinada a solicitude, a proposta de resolución será elevada ao titular da Dirección Xeral do Igape. O procedemento de concesión resolverase no prazo de quince días desde a data de elevación da proposta de resolución e axustarase ao disposto no artigo 34 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, así como o contido da resolución.

12.2. Na resolución de concesión de axuda farase constar o importe do investimento subvencionable que hai que xustificar, a contía e porcentaxe da axuda concedida, as condicións da concesión de subvención, os prazos para o seu cumprimento e o prazo máximo para presentar a xustificación ao Igape. Así mesmo, constará a obriga por parte do beneficiario de indicar en todo labor de difusión, publicidade ou análogo da actividade subvencionada a mención expresa de que a dita actuación foi financiada polo Igape e pola Consellería de Economía e Industria, así como polo fondo Feder. Así mesmo, os beneficiarios serán informados de que a aceptación da subvención implica a súa inclusión na lista a que se refiren os artigos 6 e 7.2.d) do Regulamento (CE) 1828/2006.

12.3. Na resolución denegatoria de axuda farase constar o motivo da denegación.

Artigo 13. Notificacións

13.1. Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido no artigo 24 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

13.2. Transcorridos 10 días hábiles a partir do seguinte ao da notificación da resolución sen que o interesado comunique expresamente a súa renuncia á subvención, entenderase que a acepta e desde ese momento adquirirá a condición de beneficiario. A aceptación por parte do interesado suporá a obriga de cumprir as condicións establecidas na resolución, nas bases reguladoras da axuda e nas demais disposicións legais e regulamentarias que sexan de aplicación. A renuncia á subvención poderase facer por calquera medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 91 da Lei 30/1992. No caso de que o beneficiario renunciase ás axudas unha vez percibidas, procederase conforme o artigo 38 da Lei de subvencións de Galicia.

13.3. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será o 30 de xuño de 2014, transcorrido o cal se poderá entender desestimada por silencio administrativo a solicitude de concesión da axuda.

Artigo 14. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro destas bases porán fin á vía administrativa e contra elas poderán interporse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso contencioso-administrativo, ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación, ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Potestativamente, recurso previo de reposición, que resolverá o director xeral do Igape, por delegación do Consello de Dirección do Igape, no prazo dun mes desde o día seguinte ao da súa notificación, ou no prazo de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 15. Modificación da resolución

15.1. Unha vez ditada a resolución de concesión observarase o establecido no artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións, admitiranse, dentro dos límites xerais establecidos nestas bases, modificacións relativas ao gasto subvencionable e fondos propios, ás datas de execución do proxecto, á localización, ao emprego e titularidade da empresa.

A solicitude de modificación deberá presentarse con anterioridade mínima de tres meses ao vencemento do prazo de execución do proxecto establecido na resolución de concesión.

Artigo 16. Obrigas dos beneficiarios

Son obrigas dos beneficiarios:

a) Executar o proxecto que fundamenta a concesión da subvención no prazo establecido na resolución de concesión e manter os investimentos e o emprego durante os seguintes prazos:

– No caso dos proxectos do procedemento IG100, deberán manter os investimentos obxecto da axuda durante 5 anos desde a finalización do prazo de execución do proxecto, prazo que se reduce a 3 anos no caso de que o beneficiario sexa unha peme e non se trate de bens inmobles. O emprego deberá manterse durante polo menos 2 anos a partir da finalización do prazo de execución do proxecto.

– No caso dos proxectos do procedemento IG101, deberán manterse os investimentos obxecto da axuda durante 5 anos desde a finalización do prazo de execución do proxecto, prazo que se reduce a 3 anos no caso de que o beneficiario sexa unha peme e non se trate de bens inmobles. O emprego deberá manterse durante 5 anos a partir da finalización do prazo de execución do proxecto, ou 3 anos no caso de que o beneficiario sexa unha peme.

Na súa virtude, a axuda concedida só será definitiva se a situación inicial tida en conta para a concesión non sofre unha modificación substancial que afecte a natureza do investimento, o cesamento da actividade ou aos postos de traballo. A axuda está condicionada ao respecto desas condicións e será obxecto dun procedemento de reintegro noutro caso.

b) Xustificar ante o Igape o cumprimento dos requisitos e condicións da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou desfrute da subvención.

c) Someterse ás actuacións de comprobación que efectúe o Igape, así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, concretamente a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas, o Consello de Contas, os órganos de control da Comisión Europea, e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores, e ás verificacións do artigo 13 do Regulamento (CE) nº 1828/2006.

d) Comunicarlle ao Igape a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentarasen a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, coa solicitude de cobramento da subvención. En ningún caso o importe da subvención poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións ou axudas doutras administracións públicas, supere as porcentaxes máximas establecidas no artigo 3.2 destas bases respecto do custo elixible do proxecto que vai desenvolver o beneficiario.

e) Dispor dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso, así como a documentación xustificativa da realización e pagamento dos conceptos subvencionables, durante polo menos un período de tres anos a partir do peche do programa operativo Feder Galicia 2007-2013, coa finalidade de garantir o adecuado exercicio das facultades de comprobación e control.

f) Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable adecuado en relación con todas as transaccións relacionadas cos investimentos subvencionables, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os conceptos financiados con fondos Feder.

g) Dar publicidade do financiamento polo Igape dos investimentos que sexan obxecto de subvención, consistente na inclusión da imaxe institucional do Igape e a Consellería de Economía e Industria, e Feder, así como lendas relativas ao financiamento público nos carteis, placas conmemorativas, materiais impresos que vaian ser obxecto de difusión mais alá do uso exclusivo do solicitante, medios electrónicos audiovisuais ou ben en mencións realizadas nos medios de comunicación, que teñan relación co proxecto subvencionado, sen prexuízo das normas sobre publicidade establecidas na normativa comunitaria que, de ser o caso, sexan de aplicación, así como as normas e instrucións contidas na manual de imaxe corporativa da Xunta de Galicia. Os logotipos poderanse descargar no enderezo da internet http://www.igape.es

Para dar publicidade do financiamento atenderase o establecido no Decreto 409/2009, do 5 de novembro, polo que se aproba o uso dos elementos básicos da identidade corporativa da Xunta de Galicia (DOG núm. 227, do 19 de novembro) e nos artigos 8 e 9 do Regulamento (CE) 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro de 2006, e no artigo 1, números 1) e 2) do Regulamento (CE) número 846/2009 da Comisión, do 1 de setembro de 2009. Estas medidas están recollidas na Guía de publicidade e información das intervencións cofinanciadas polos fondos estruturais 2007-2013, que pode consultarse na páxina web www.conselleriadefacenda.es

h) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos, total ou parcialmente, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión ou nos supostos previstos no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

i) No caso de non ser quen de realizar o proxecto para o cal se concedeu a axuda, comunicar a renuncia ao expediente solicitado no momento en que se produza a certeza da non execución.

j) Todo isto sen prexuízo das demais obrigas que resulten do artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 17. Xustificación da subvención

17.1. O beneficiario deberá presentar a solicitude de cobramento da subvención no prazo improrrogable dun mes desde o fin do prazo de execución establecido na resolución de concesión, sen que nunca poida exceder do 30 de xullo de 2015 (no caso de coincidir en sábado ou día inhábil en Santiago de Compostela, o prazo finalizará o día hábil seguinte).

17.2. Para presentar a solicitude de cobramento, o beneficiario deberá cubrir previamente o formulario de liquidación a través da aplicación establecida no enderezo da internet http://tramita.igape.es. Deberán cubrirse necesariamente todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico de liquidación (IDEL) que identificará univocamente a solicitude de cobramento. Este IDEL estará composto de 40 caracteres alfanuméricos e obterase mediante o algoritmo estándar de extractado SHA-1 160 bits a partir do documento electrónico xerado pola aplicación citada anteriormente. O dito formulario conterá os requisitos establecidos no artigo 48 do Decreto 11/2009 para a presentación da conta xustificativa.

17.3. A solicitude de cobramento presentarase mediante a instancia normalizada que a título informativo figura como anexo II a estas bases, na cal será obrigatoria a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDEL obtido no paso anterior. As solicitudes de cobramento que carezan do IDEL ou nas cales este sexa erróneo (sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación informática) poderán dar lugar ao inicio do expediente de incumprimento no caso de non seren corrixidas, logo de requirimento formulado para tal fin.

17.4. Unha vez xerada a solicitude de cobramento, deberá presentarse preferiblemente por vía electrónica a través da instancia de solicitude de cobramento normalizada co IDEL (anexo II), accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns ao servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010 polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes e sempre que o solicitante cumpra os requisitos previstos no anterior artigo 9.5 das bases reguladoras.

Alternativamente, unha vez xerada a solicitude de cobramento, tamén se poderá presentar en soporte papel no rexistro xeral dos servizos centrais do Igape, nas oficinas territoriais do Igape ou por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando a instancia de solicitude de cobramento normalizada (anexo II) co IDEL, xunto coa documentación establecida no artigo 17.7, en orixinal ou copia cotexada.

Na presentación por vía electrónica, de conformidade co artigo 35.2 da Lei 11/2007, o beneficiario deberá achegar coa solicitude de cobramento as copias dixitalizadas dos documentos relacionados no artigo 17.7, e responsabilizarase e garantirá a persoa que asina a solicitude a fidelidade dos ditos documentos co orixinal mediante o emprego da súa sinatura electrónica. O Igape poderá requirirlle ao beneficiario a exhibición do documento ou da información orixinal. A achega de tales copias implica a autorización para que a Administración acceda e trate a información persoal contida en tales documentos.

17.5. No caso de que a solicitude de cobramento non se presentase en prazo ou a xustificación fose incorrecta, requirirase o beneficiario para que corrixa os erros ou defectos observados no prazo de 10 días. A falta de presentación da xustificación no prazo improrrogable establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia, segundo o disposto no artigo 45.2 do seu regulamento. A presentación da xustificación neste prazo adicional non eximirá o beneficiario das sancións que, conforme a lei, correspondan. A xustificación cumprirá, en todo caso, os requisitos establecidos nos artigos 28 e 30 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

17.6. Nos casos en que a xustificación documental resulte insuficiente para acreditar o importe e a realización de determinados investimentos, o Igape poderá solicitar que se presente informe de auditor de contas inscrito como exercente no Rexistro Oficial de Auditores de Contas.

17.7. Xunto coa solicitude de cobramento, o beneficiario da axuda presentará:

a) As facturas ou documentos de valor probatorio equivalente, xustificativos do investimento subvencionable. No caso de adquisición, construción, rehabilitación ou mellora de inmobles requirirase escritura pública que terá que facer constancia de que o ben se destinará ao fin concreto para o cal se concedeu a subvención e o importe da subvención concedida, e deberán ser obxecto estes aspectos de inscrición no rexistro público correspondente, de acordo co establecido no artigo 29.4 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia. No caso de adquisición de bens inmobles achegarase, ademais, certificado de taxador independente debidamente acreditado e inscrito no correspondente rexistro oficial, segundo establece o artigo 28.7 da referida lei.

b) A documentación acreditativa do pagamento por algún dos seguintes medios:

i) Xustificante de transferencia bancaria ou documentos mercantís utilizados como medios de pagamento emitidos e con vencemento dentro do período de execución do proxecto, así como o seu cargo en conta. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento. Os extractos bancarios a través da internet deberán ter estampado o selo orixinal da entidade financeira.

ii) Certificación bancaria orixinal conforme o pagamento foi realizado efectivamente dentro do prazo de execución do proxecto. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento, así como a data efectiva desta.

iii) Informe orixinal de auditor de contas inscrito como exercente no Rexistro Oficial de Auditores de Contas, que será obrigatorio cando o investimento subvencionable supere 1.200.000 € e no caso de pagamentos á conta, que deberá manifestarse sobre o período de realización (facturación) e pagamento dos investimentos alegados, así como sobre a existencia ou non de aboamentos ou devolucións posteriores que poidan supor unha redución no valor patrimonial dos bens alegados como subvencionables no expediente. Os beneficiarios da axuda que, non estando obrigados, presenten este informe terán prioridade na tramitación da súa solicitude.

No suposto de que o xustificante de pagamento inclúa varias facturas, deberase xuntar unha relación delas, selada e asinada polo representante legal.

No suposto de facturas pagadas conxuntamente con outras non referidas ao proxecto subvencionado, a xustificación do pagamento débese realizar mediante algún dos medios sinalados nos puntos anteriores para as facturas alegadas no proxecto e, ademais algún dos seguintes documentos: relación emitida e selada polo banco dos pagamentos realizados, orde de pagamentos da empresa selada polo banco ou recibín orixinal asinado e selado polo provedor, para os efectos de identificar as facturas non referidas ao proxecto.

As facturas en moeda estranxeira deben presentarse con fotocopia dos documentos bancarios de cargo en que conste o cambio empregado.

c) Se é o caso, licenza de obras.

d) No caso de investimentos en activos intanxibles, deberán acreditarse as condicións establecidas no artigo 5.2.g) destas bases, mediante informe de auditor inscrito como exercente no Rexistro Oficial de Auditores de Contas, que verifique o cumprimento das condicións 2º, 3º e 4º do citado artigo.

e) Na liña de axuda do procedemento IG101, acreditación dos custos salariais subvencionables mediante:

i) Listaxe de nóminas presentadas, agrupadas por traballador.

ii) Nóminas correspondentes aos salarios subvencionados.

iii) Xustificantes dos importes correspondentes ás retencións e ingresos á conta do imposto sobre a renda das persoas físicas (IRPF) e dos gastos da Seguridade Social. En canto á acreditación do pagamento destes gastos no último mes, ou no último trimestre no caso do IRPF, admitirase a súa xustificación e presentación dentro dos tres meses seguintes á finalización do prazo de xustificación.

f) A licenza de apertura e acreditación polo beneficiario de ter obtido as autorizacións administrativas que, de ser o caso, correspondan ao seu proxecto.

g) A copia en formato impreso ou en formato dixital -que permita a súa lectura- de material onde se aprecie que se cumpriu a obrigatoriedade de publicidade do financiamento público citada no artigo 16.g) destas bases.

h) No caso de creación de emprego indefinido por conta allea, certificados da Tesourería Xeral da Seguridade Social de afiliados adscritos ás contas de cotización da empresa por tipos de contrato e de todos os centros de traballo da empresa en Galicia durante todo o prazo de execución do proxecto.

Así mesmo, no caso de contratacións de persoas de colectivos con dificultades de acceso ao emprego, deberán achegar relación, selada e asinada polo representante legal da empresa, con indicación de: nome, apelidos e NIF, co obxecto de solicitar os informes oportunos ao Servizo Público de Emprego de Galicia respecto do cumprimento dos requisitos para a pertenza ao dito colectivo.

i) Acreditación do nivel de autofinanciamento mediante a achega do balance de situación asinado polo representante da empresa na data de fin do prazo de execución do proxecto, conforme o establecido no Plan xeral de contabilidade. Así mesmo, deberán presentar nota simple do rexistro das contas anuais correspondentes ao último exercicio pechado, depositadas no Rexistro Mercantil.

O beneficiario deberá cubrir na ficha resumo de facturas do formulario de liquidación os seguintes datos relativos á contabilidade en que se reflictan os custos subvencionados para acreditar a obriga establecida no artigo 16.f): número de asento, data do asento e número de conta contable, xunto cunha declaración responsable do beneficiario de que estes datos reflicten a realidade contable da operación subvencionada.

O Igape poderá solicitar as aclaracións pertinentes á documentación presentada.

17.8. No caso de que a resolución de concesión obrigase o beneficiario a manter a cifra de emprego existente, observarase a que resulte máis alta entre a media dos tres meses previos á presentación da súa solicitude ou a que resulte do TC do mes previo á dita presentación. Nos proxectos de servizos avanzados aplicarase a media dos últimos 12 meses anteriores á solicitude da axuda sempre e cando sexa superior ás dúas variables anteriores. Durante o prazo de execución do proxecto o mantemento da cifra resultante computarase coa media resultante dese período, e ao final do dito prazo o beneficiario deberá acreditar a suma dos postos de traballo que se van manter máis os de nova creación, tanto para o emprego total como para o emprego indefinido. Así mesmo, nos dous anos seguintes ao fin do prazo de execución do proxecto terase que manter a media do emprego tanto para o emprego total como para os empregos indefinidos; no caso dos proxectos de servizos avanzados o prazo será de 3 anos para pemes e de 5 anos para grandes empresas.

17.9. En canto á obriga de creación de emprego, computarase a partir da cifra de emprego que se manteña e comprobarase ao remate do prazo de execución do proxecto e deberase acreditar a creación de postos de traballo con contratos indefinidos.

17.10. En todos os casos, os beneficiarios deberán estar ao día das súas obrigas coa Facenda pública, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social, e cumprir os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia e no seu regulamento para ser beneficiario da axuda.

17.11. Advírtese que calquera discrepancia entre a documentación xustificativa e as declaracións da solicitude de axuda poderá ser motivo de inicio de expediente de incumprimento que, se é o caso, poderá supor a modificación ou revogación da concesión e o reintegro, se é o caso, das cantidades previamente aboadas.

17.12. O Igape poderá aceptar variacións nos diversos conceptos de investimento aprobados, coa dobre condición de que a oscilación, en máis ou menos, non supere o 20 % de cada concepto e que, no seu conxunto, non varíe o importe total de investimento aprobado nin da axuda concedida, nin desvirtúe as características do proxecto e condicións que fosen tidas en conta para resolver a concesión.

17.13. Cando o beneficiario da subvención poña de manifesto na xustificación que se produciron alteracións das condicións tidas en conta para a concesión desta que non alteren esencialmente a natureza ou os obxectivos da subvención, e que puidesen dar lugar á modificación da resolución conforme o artigo 15 destas bases, despois de omitirse o trámite de autorización administrativa previa para a súa aprobación, o órgano concedente da subvención poderá aceptar a xustificación presentada, sempre e cando tal aceptación non supoña danar dereitos de terceiros.

A aceptación das alteracións por parte do Igape no acto de comprobación non exime o beneficiario das sancións que poidan corresponderlle conforme a Lei de subvencións de Galicia.

Artigo 18. Aboamento das axudas

18.1. Con carácter xeral, o aboamento das axudas realizarase unha vez que o Igape considere xustificada a realización e o pagamento do proxecto e o cumprimento das condicións dentro do prazo establecido na resolución de concesión.

18.2. Os órganos competentes do Igape poderán solicitar as aclaracións ou informes relativos á xustificación do proxecto que consideren convenientes. Transcorrido o prazo concedido para o efecto sen que o beneficiario os presentase, o Igape iniciará o correspondente procedemento de incumprimento.

Artigo 19. Pagamentos á conta

19.1. O beneficiario da axuda poderá solicitar pagamentos á conta unha vez xustificado o 50 % do investimento subvencionable achegando as facturas xustificativas do investimento e o seu pagamento e, se é o caso, a acreditación dos custos salariais, o informe de auditor e, se é o caso, a licenza provisional de obras e a documentación requirida no caso de investimentos en activos intanxibles, de acordo co establecido no artigo 17.7 destas bases.

19.2. Neste caso, o beneficiario deberá presentar garantía constituída mediante seguro de caución prestado por entidade aseguradora ou mediante aval solidario de entidade de crédito ou sociedade de garantía recíproca, que deberá alcanzar como mínimo ata os dous meses seguintes á finalización do prazo de xustificación previsto nas bases reguladoras ou na convocatoria. A garantía deberá cubrir o 110 % do importe das cantidades aboadas á conta ou das cantidades anticipadas, calquera que sexa o prazo de xustificación previsto na convocatoria.

19.3. O importe conxunto dos pagamentos á conta non poderá superar en ningún caso o 80 % da porcentaxe subvencionada correspondente aos pagamentos xustificados, nin excederá a anualidade prevista en cada exercicio orzamentario.

Artigo 20. Perda do dereito á subvención e reintegro das axudas

20.1. Producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención no suposto de falta de xustificación do cumprimento do proxecto, das condicións impostas na resolución de concesión, das obrigas contidas nestas bases reguladoras, das obrigas contidas no artigo 33 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia ou na demais normativa aplicable, o que dará lugar, se é o caso, á obriga de devolver total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes.

20.2. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito de cobramento da subvención e para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior será o establecido no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

20.3. Incumprimento parcial: sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tomadas en conta na concesión das axudas, o Igape poderá apreciar un incumprimento parcial e deberá resolver sobre o seu alcance, aplicando a mesma ponderación que tivese a condición incumprida na resolución de concesión e, se e o caso, establecendo a obriga de reintegro cos seguintes criterios:

a) No caso de condicións referentes á contía ou conceptos da base subvencionable, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente aos conceptos subvencionables deixados de practicar ou aplicados a outros distintos dos considerados subvencionables, e deberán, se é o caso, reintegrarse as cantidades percibidas na dita proporción. Con carácter xeral, se o incumprimento superase o 50 % da base subvencionable do proxecto, entenderase que o dito incumprimento é total, e deberán reintegrarse todas as cantidades percibidas e os seus xuros de demora.

b) No caso de incumprimento doutras condicións, o seu alcance será determinado en función do grao e entidade da condición incumprida. Para tal efecto, o Igape poderá desenvolver mediante unha instrución do director xeral os criterios de gradación para determinar o alcance da obriga de reintegro.

Artigo 21. Réxime sancionador

Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 22. Fiscalización e control

Os beneficiarios destas subvencións someteranse ás actuacións de control que realice o Instituto Galego de Promoción Económica para o seguimento dos proxectos aprobados e do efectivo cumprimento das obrigas e compromisos do beneficiario fixados no artigo 16, e ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, así como ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, así como ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo e ás verificacións do artigo 13 do Regulamento (CE) nº 1828/2006.

Artigo 23. Comprobación de subvencións

23.1. O Igape comprobará a adecuada xustificación da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o desfrute da subvención. O prazo para a comprobación material de facturas e xustificantes de investimento será de tres anos a partir do peche do programa operativo Feder Galicia 2007-2013, tal como se define no artigo 89.3 do Regulamento 1083/2006 do Consello.

23.2. Nas subvencións de capital superiores a 60.000 euros, no seu cómputo individual, destinadas a investimentos en activos tanxibles, será de aplicación o establecido no artigo 60.2º do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia.

23.3. Para todo o non previsto nos puntos anteriores será aplicable o disposto no artigo 30 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 24. Publicidade

24.1. De conformidade co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, o Igape e a Consellería de Economía e Industria incluirán as axudas concedidas ao abeiro destas bases e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse, nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos persoais dos beneficiarios e a referida publicidade.

24.2. De acordo co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o Igape publicará as subvencións concedidas ao abeiro destas bases na páxina web do Igape, www.igape.es e no Diario Oficial de Galicia expresando a norma reguladora, beneficiario, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos do beneficiario e da súa publicación nos citados medios. A publicación no Diario Oficial de Galicia realizarase no prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución das concesións, non obstante, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 euros, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web do Instituto Galego de Promoción Económica.

Artigo 25. Remisión normativa

Para todo o non previsto nestas bases aplicarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento; na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; no Decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento; no Decreto 432/2009, do 11 de decembro, polo que se regulan as axudas rexionais ao investimento e ao emprego na Comunidade Autónoma de Galicia, en aplicación do Regulamento (CE) nº 800/2008 da Comisión, do 6 de agosto de 2008 (DOUE L 214, do 9 de agosto), polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado común en aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE; no Regulamento (CE) nº 1083/2006 do Consello, do 11 de xullo de 2006 (DOUE L 210/25, do 31 de xullo); no Regulamento (CE ) nº 1080/2006, do 5 de xullo de 2006 do Parlamento Europeo e do Consello (DOUE L 210/1, do 31 de xullo), e no resto da normativa que resulte de aplicación.

En canto ao cómputo de prazos, observarase o disposto no artigo 48 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

ANEXO III
Concellos con apoios específicos
Axudas do Igape aos proxectos de investimento empresarial, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2007-2013

– Concellos das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal: A Capela, As Pontes, Ares, Cabanas, Cariño, Cedeira, Cerdido, Fene, Ferrol, Mañón, Moeche, Monfero, Mugardos, Narón, Neda, Ortigueira, Pontedeume, San Sadurniño, As Somozas, Valdoviño.

– Concellos da Costa da Morte: A Laracha, Cabana de Bergantiños, Camariñas, Carballo, Carnota, Cee, Corcubión, Coristanco, Dumbría, Fisterra, Laxe, Malpica, Mazaricos, Muros, Muxía, Ponteceso, Santa Comba, Vimianzo, Zas.

– Concellos da provincia de Lugo.

– Concellos da provincia de Ourense.

ANEXO IV
Sectores prioritarios
Axudas do Igape aos proxectos de investimento empresarial, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2007-2013

1. Sector industria da automoción.

2. Industria da madeira.

3. Industria de transformación agroalimentaria.

4. Sector moda (confección e complementos), agás o que se refira ao sector das fibras sintéticas tal como o define o anexo II das directrices comunitarias sobre as axudas de Estado de finalidade rexional para o período 2007-2013 (2006/C 54/08), DOUE do 4.3.2006.

5. Industria aeronáutica e auxiliar.

6. Sector químico e industria farmacéutica.

7. Fabricación de material sanitario.

8. Biotecnoloxía, biomecánica.

9. Fabricación de equipamentos medioambientais.

10. Fabricación de equipamentos e sistemas para instalacións de enerxías renovables.

11. Eliminación, valorización ou reciclaxe de residuos.

12. Servizos e desenvolvemento de software.

13. Sector audiovisual e desenvolvemento de contidos.

14. Centros telemáticos.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file