Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 238 Venres, 13 de decembro de 2013 Páx. 48125

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 27 de novembro de 2013 pola que se acorda a desistencia do expediente expropiatorio polo procedemento de taxación conxunta dos bens e dereitos que se precisa ocupar para a execución do parque empresarial de Tomiño (Pontevedra).

Antecedentes.

1. O 22 de marzo de 2005 o Concello de Tomiño, o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) e Suelo Empresarial del Atlántico, S.L. (SEA) asinaron un convenio en que o IGVS e SEA se comprometían a promover e xestionar unha actuación para a preparación de solo industrial no termo municipal de Tomiño.

2. Por resolución da Presidenta do IGVS do 1 de setembro de 2008 (DOG nº 182, do 19 de setembro) publicouse a parte dispositiva do acordo do Consello da Xunta do 28 de agosto de 2008 polo que se aproba definitivamente o proxecto sectorial do parque empresarial de Tomiño e o correspondente proxecto de obra pública (actuación incluída no Plan sectorial de ordenación de áreas empresariais no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, aprobado definitivamente o 27 de maio de 2004).

No número 2 do devandito acordo declarouse a utilidade pública e o interese social das obras, instalacións e servizos previstos, así como a necesidade de ocupación, para os efectos de expropiación dos bens e dereitos necesarios para a execución do proxecto sectorial do parque empresarial de Tomiño, de conformidade co disposto na disposición adicional primeira da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, e no artigo 11.5 do Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal.

3. O 25 de abril de 2008 a Comisión Executiva de Xestur Pontevedra, S.A. acordou adquirir o parque empresarial de Tomiño á SEA. O acordo de compravenda elevouse a escritura pública o 28 de maio de 2008. Na súa virtude, por Resolución do 18 de setembro de 2008 a presidenta do IGVS nomeou a empresa pública Xestur Pontevedra, S.A. beneficiaria da expropiación dos bens e dereitos para a execución do proxecto sectorial do parque empresarial de Tomiño e actuando como administración expropiante o IGVS.

4. O 4 de decembro de 2008 publicouse no DOG nº 236 a Resolución do 24 de novembro de 2008 do director xeral do IGVS pola que se acorda o inicio, polo procedemento de taxación conxunta, e se somete a información pública polo prazo dun mes o expediente expropiatorio dos bens e dereitos que se precisa ocupar para a execución do parque empresarial de Tomiño (Pontevedra).

5. O 24 de maio de 2010 o director xeral do IGVS ditou resolución pola que se acorda a desistencia do expediente expropiatorio polo procedemento de taxación conxunta dos bens e dereitos que se precisa ocupar para a execución do parque empresarial de Tomiño. A devandita desistencia xustificouse na situación económica e de crise xeneralizada nos sectores económicos e produtivos existentes, que motivaron a falta de demanda empresarial de solo industrial no ámbito do parque empresarial de Tomiño; a execución da infraestrutura suporía un importante desembolso económico que non tería consecuencias positivas para creación de riqueza e emprego na zona. Esta resolución tamén foi notificada individualmente aos que aparecían como titulares de bens e dereitos no expediente e publicada no DOG nº 107, do 8 de xuño, no taboleiro de edictos do concello e nun xornal dos de maior circulación na provincia.

6. Con posterioridade á Resolución do 24 de maio de 2010 pola que se desiste da expropiación iniciada, ábrense expectativas sobre posibles demandas de importante superficie de solo industrial na zona sur da provincia de Pontevedra, coa conseguinte xeración de actividades económicas e creación de emprego na zona nun momento de forte crise económica.

O descrito anteriormente motivou que o 25 de novembro de 2010 o director xeral do IGVS asinase a resolución pola que se acorda o reinicio e se somete a información pública o expediente expropiatorio polo procedemento de taxación conxunta dos bens e dereitos que se precisa ocupar para a execución do parque empresarial de Tomiño (DOG nº 240, do 16 de decembro de 2010). Esta resolución foille notificada individualmente aos que aparecían como titulares de bens e dereitos no expediente, mediante traslado literal da correspondente folla de aprecio e da proposta de fixación dos criterios de valoración, para formular as alegacións no prazo dun mes contado a partir da data de notificación.

7. Por outra banda, o Consello da Xunta, na súa reunión do 27 de xuño de 2013, informou sobre a situación actual do solo empresarial e industrial en Galicia e acordou poñer en marcha un plan de vendas do solo industrial adoptando 17 medidas para facilitar aos emprendedores o acceso á superficie empresarial dispoñible das Xestures e do IGVS, que na actualidade se aproxima aos 2,8 millóns de metros cadrados distribuídos polo territorio galego en 50 parques empresariais, dando así prioridade á posta en marcha de actividades económicas neste tipo de solo antes de iniciar calquera nova actuación. Concretamente, na provincia de Pontevedra están á disposición dos emprendedores 421.937,85 m2 de superficie distribuída en 118 parcelas en parques situados nos concellos de Ponte Caldelas (A Reigosa e Central de Transportes), Arbo, Lalín, Mos e Silleda. A estes parques haberá que engadir os promovidos por outros promotores que dispoñen de solo industrial, como é o caso do parque empresarial de Porto do Molle, no concello de Nigrán, promovido pola Consorcio da Zona Franca de Vigo.

Ademais, a Xunta de Galicia está no tramo final da tramitación dun plan sectorial de ordenación de áreas empresarias na Comunidade Autónoma de Galicia que ten como obxectivos fundamentais cuantificar e localizar a superficie necesaria de solo empresarial que debe urbanizarse ata o horizonte de 2024 e definir os ámbitos do territorio susceptibles de acoller actuacións de carácter empresarial.

Para programar e priorizar estas novas actuacións, os organismos ou entidades promotoras de solo industrial farán uso do instrumento aprobado polo Consello da Xunta de Galicia mediante Acordo do 29 de marzo de 2012, o Decreto 108/2012, do 29 de marzo, polo que se regula o Rexistro de Demandantes de Solo Empresarial de Promoción Pública da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 69, do 11 de abril de 2012).

O citado decreto dítase coa finalidade de que aqueles organismos ou entidades pertencentes á Comunidade Autónoma de Galicia que teñen entre as súas funcións ou fins sociais a promoción de solo empresarial poidan planificar as súas actuacións atendendo ás necesidades reais da demanda e a criterios de racionalidade, eficacia e optimización de recursos.

En consecuencia, e tendo en conta a proposta do 21.11.2013, de Xestión Urbanística de Pontevedra, S.A. (entidade beneficiaria da expropiación e promotora do parque empresarial de Tomiño neste momento), por non ser necesario por todo o exposto anteriormente máis solo industrial na zona sur da provincia de Pontevedra, procede a desistencia do expediente expropiatorio polo procedemento de taxación conxunta dos bens e dereitos que se precisa ocupar para a execución do parque empresarial de Tomiño.

Consideracións legais.

1. O Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) é un organismo autónomo encargado no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia da realización das políticas de solo, adscrito á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, e creado pola Lei 3/1988, do 27 de abril.

A alínea f) do artigo 4.1 da Lei 3/1988 destaca entre as funcións do IGVS a adquisición do solo por calquera título, mesmo por expropiación forzosa, dos terreos destinados á formación de reservas do solo, preparación de soares, dotacións e equipamento, fomento da vivenda ou calquera outra finalidade análoga de carácter urbanístico, así como para constituír reservas de terreos para o desenvolvemento e xestión da política de vivenda.

2. A disposición adicional primeira da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, establece que a aprobación definitiva dos instrumentos de ordenación do territorio levará implícita a declaración de utilidade pública ou interese social das obras, instalacións e servizos proxectados, así como a necesidade da ocupación dos bens e dereitos necesarios para a execución das obras, instalacións e servizos previstos de forma concreta naqueles, para os efectos de expropiación forzosa ou de imposición de servidumes, sempre que conste a descrición física e xurídica individualizada dos bens e dereitos afectados. No mesmo senso pronúnciase o artigo 11.5 do Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal.

No número 2 do acordo do Consello da Xunta de Galicia do 28 de agosto de 2008 declárase a utilidade pública e interese social das obras, instalacións e servizos previstos, así como a necesidade de ocupación para os efectos de expropiación dos bens e dereitos necesarios para a execución do proxecto sectorial do parque empresarial de Tomiño (Pontevedra).

3. O procedemento de taxación conxunta iniciado para a expropiación dos bens e dereitos necesarios para a execución do proxecto sectorial do parque empresarial de Tomiño trátase dunha expropiación urbanística regulada polo Real decreto lexislativo 2/2008, do 20 de xuño, do texto refundido da Lei do solo, na Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, e no Real decreto 3288/1978, do 25 de agosto, que aproba o Regulamento de xestión urbanística (RXU).

4. Na regulación do procedemento de expropiación forzosa non se prevé a figura de desistencia del; no entanto, existe unha reiterada xurisprudencia do Tribunal Supremo segundo a cal é posible desistir do exercicio da potestade expropiatoria se desapareceron os motivos de interese público que o fundamentaron (sentenzas do 30 de outubro de 1971, 28 de decembro de 1985, 5 de maio de 1986 e 18 de outubro de 1986).

A desistencia do procedemento expropiatorio vén determinada concretamente nun interese xeral que determina a necesidade de revogar a declaración da necesidade de ocupación sen que se destrúa a causa de utilidade pública, e pode permitir a reiniciación do procedemento en circunstancias máis oportunas.

Ademais, a posibilidade de que unha administración pública poida levar a cabo a desistencia dun procedemento iniciado de oficio previse de modo expreso, entre outros, no vixente texto refundido da Lei de contratos do sector público (RDL 3/2011, do 14 de novembro), que resulta aplicable analoxicamente, e que supón exclusivamente a renuncia ao procedemento iniciado por concorreren circunstancias concretas que así o aconsellan, debendo prevalecer o interese xeral que exixe, por aplicación dos principios de eficacia e eficiencia, non continuar un procedemento que non supón beneficio ningún ao interese público, sen prexuízo de que a Administración advirta a necesidade de iniciar de novo o procedemento e dar así satisfacción ao interese xeral.

No expediente de referencia non xurdiu aínda o dereito á indemnización, o que sucedería coa fixación do prezo xusto ou coa ocupación material do ben expropiado. Deste xeito, non existe impedimento legal ningún para a desistencia do procedemento por parte da Administración, como así o declarou o Tribunal Supremo en reiterada xurisprudencia (entre outras, sentenzas do 2 de xuño de 1989, do 23 de marzo de 1993, do 8 de xuño de 1999 e do 21 de febreiro de 1997).

A sentenza do 26 de abril de 2005 da Sala do Contencioso-Administrativo, Sección 6ª do Tribunal Supremo, sinala no seu fundamento de dereito quinto que «procede a revogación cando, valorando as circunstancias da causa de expropiación, se aprecia que desapareceu a necesidade de ocupación ou, se for o caso, a utilidade pública ou o interese social que xustifican aquela. Pero, é mais, cando se dan as citadas circunstancias e non se xeraron dereitos para o expropiado, a revogación vén imposta polos principios de eficiencia e boa administración que deben presidir o actuar da Administración, sen que tampouco poida esquecerse que o artigo 33.3 da Constitución só admite a privación da titularidade dos bens e dereitos por razóns de utilidade pública ou interese social, polo que se estes requisitos desaparecen antes de que se consume a expropiación e naza un dereito para o particular, continuar adiante con aquela non resultaría conforme coa dita exixencia constitucional».

No caso concreto do parque empresarial de Tomiño concorren novas circunstancias que determinan a desaparición deses aspectos socioeconómicos que xustificaron a realización do parque cunha superficie de 493.456,10 m2. A implantación e crecemento empresarial contido no instrumento de ordenación do territorio é inexistente actualmente ao non existir demanda de solo na zona e, ademais, existen parques empresariais próximos ao ámbito con oferta hoxe en día, o que implica un novo panorama socioeconómico e territorial na zona.

De acordo con todo o indicado,

RESOLVO:

Acordar a desistencia do expediente expropiatorio, polo procedemento de taxación conxunta, dos bens e dereitos que se precisa ocupar para a execución do parque empresarial de Tomiño (Pontevedra), iniciado por resolución do director xeral do IGVS do 25 de novembro de 2010 (DOG núm. 240, do 16 de decembro).

Notifíquese a presente resolución a todos os titulares de bens e dereitos que figuran no expediente e publíquese no Diario Oficial de Galicia, no taboleiro de edictos do Concello de Tomiño e nun dos xornais de maior circulación dos da provincia. A publicación desta resolución servirá de notificación aos propietarios descoñecidos, a aqueles cuxo lugar de notificación se ignore ou ben cando, intentada a notificación, non se puido realizar. Todo isto, de acordo co previsto no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Contra esta resolución, que non esgota a vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas no prazo dun mes que se contará a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade co disposto nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Contra a resolución que resolva o recurso de alzada poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados desde o día seguinte á notificación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 27 de novembro de 2013

Teresa María Gutiérrez López
Directora xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo