Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 236 Mércores, 11 de decembro de 2013 Páx. 47609

V. Administración de xustiza

Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 4 de Betanzos

EDICTO (1131/2012).

Nos autos de referencia ditouse sentenza que literalmente di:

«Sentenza:

Betanzos, 28 de xaneiro de 2013

Vista por min, Emma Mourenza Couto, xuíza do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 4 de Betanzos e os do seu partido xudicial, en audiencia pública, a presente causa de xuízo de faltas número 1131/2012, seguido por unha falta de estafa prevista e penada no artigo 623.4 do Código penal, coa intervención do Ministerio Fiscal, no cal figuran como denunciante Marcos Javier López Miro, en nome e representación da entidade Campsa Estaciones de Servicio, S.A., e como denunciado Francisco Javier Mendoza Hernando.

Antecedentes de feito.

Primeiro. O presente expediente de xuízo de faltas iniciouse en virtude de denuncia presentada por Marcos Javier López Miro ante o posto da Garda Civil de Betanzos (A Coruña) o día 4 de outubro de 2012, na cal relataba uns feitos presumiblemente constitutivos dunha falta de estafa, o cal motivou a incoación do correspondente xuízo de faltas, atendidas a natureza e circunstancias dos feitos denunciados, sinalouse como data para a súa celebración o día 28 de xaneiro de 2013 e acordouse convocar para o dito acto o Ministerio Fiscal e citar as partes baixo os apercibimentos legais.

Segundo. No acto do xuízo o Ministerio Fiscal interesou a condena do denunciado como autor dunha falta de estafa tipificada no artigo 623.4 do Código penal á pena de 12 días de localización permanente e que indemnice o representante legal de Campsa Estaciones de Servicio, S.A. na cantidade de 76,01 euros máis os xuros devindicados por esta conforme o artigo 576 da LAC.

O denunciante adheriuse á petición de condena efectuada polo ministerio público.

O denunciado, debidamente citado, non compareceu ao acto do xuízo.

Terceiro. Na substanciación deste procedemento observáronse as prescricións legais.

Feitos.

Único. Queda probado que o día 24 de setembro de 2012, arredor das 13.36 horas, Francisco Javier Mendoza Hernando, que conducía o vehículo matrícula 3846 BSG modelo Ford Mondeo, do cal figura como titular na Dirección Xeral de Tráfico, detivo o vehículo na estación de servizo Campsa sita no quilómetro 558 dirección Madrid da estrada A6, repuxo combustible por importe de 76,01 e continuou a marcha sen aboar o prezo do combustible.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. O artigo 623.4 do Código penal establece que serán castigados con localización permanente de catro a doce días ou con multa de un a dous meses (...) os que cometan estafa, apropiación indebida ou defraudación de electricidade, gas, auga ou outro elemento, enerxía ou fluído, ou en equipamentos terminais de telecomunicación, en contía non superior a catrocentos euros.”

Esta modalidade de falta é correlativa á figura de delito tipificada no artigo 248 do Código penal, que establece que “cometen estafa os que, con ánimo de lucro, utilizaren engano bastante para producir erro noutro inducíndoo a realizar un acto de disposición en prexuízo propio ou alleo”.

Varios son os elementos que deben concorrer para estar en presenza da figura da estafa, tanto na súa modalidade de delito coma na súa modalidade de falta:

– Engano bastante: trátase do elemento típico fundamental da infracción e defíneo a doutrina como a simulación ou disimulación capaz de inducir erro a unha ou varias persoas. En todo caso debe ser un engano idóneo, apto e suficiente para orixinar o erro no suxeito pasivo.

– Erro: que debe encontrarse nunha relación causa-efecto co engano bastante e pode ser definido como un coñecemento equivocado ou xuízo falso que, pola súa vez, será a causa do acto de disposición.

– Acto de disposición: que debe ser realizado polo suxeito enganado e pode revestir unha infinidade de formas (entregar unha cousa ou unha cantidade de diñeiro, gravar un ben, prestar algún servizo...).

– Prexuízo: a consecuencia do acto de disposición debe irrogarse un quebranto patrimonial para o dispoñente ou para un terceiro que, para que sexa constitutivo de falta, non ha de exceder os catrocentos euros, xa que é este o límite cuantitativo entre a figura de falta e a de delito.

– Ánimo de lucro: como elemento subxectivo do inxusto que debe presidir esta infracción e que se pode definir como calquera vantaxe, proveito ou utilidade que se propoña obter o axente, para si ou para un terceiro, coa realización da conduta.

Segundo. A condena por un feito que leve aparellada sanción penal require a práctica dunha mínima actividade probatoria de cargo que, pola súa vez, sexa suficiente para destruír a presunción de inocencia recoñecida como dereito fundamental ao abeiro do artigo 24 da CE. No caso que nos ocupa, a actividade probatoria practicada no acto do xuízo considérase suficiente para enervar a presunción de inocencia que asiste o denunciado e acreditar a concorrencia de todos os elementos típicos da referida figura de falta.

A veracidade dos feitos declarados probados resulta da documental que consta en autos e dos fotogramas extraídos das imaxes contidas na gravación incorporada ás actuacións, que foron sometidas á debida contradición e publicidade no acto da vista mediante a súa exhibición e recoñecemento polo denunciante.

Así, o denunciante relatou que o día 24 de setembro de 2012, arredor das 13.36 horas, o vehículo Ford Mondeo matrícula 3846 BSG, conducido por Francisco Javier Mendoza Hernando, se detivo na estación de servizo de Campsa sita na estrada A6 dirección Madrid á altura do quilómetro 558; o piloto, Francisco Javier, baixou do vehículo para repor gasolina, repuxo e a seguir marchou do lugar conducindo o citado automóbil sen aboar o importe do combustible.

A cumprida proba de que era Francisco Javier Mendoza Hernando e non un terceiro quen conducía o vehículo matrícula 3846 BSG e quen repuxo gasolina sen despois aboar o seu prezo resulta do visionamento dos fotogramas da gravación, nos cales se aprecia como un varón de idénticas características físicas e complexión que as propias do denunciado que figura na dilixencia de recensión fotográfica que consta en autos protagonizou tales actuacións. Así mesmo, consta nas actuacións que o titular en tráfico do vehículo que aparece na gravación é o mesmo denunciado e non consta efectuada ningunha denuncia deste titular por subtracción do vehículo naquelas datas, o que contribúe a reforzar a veracidade do relato efectuado en sede de feitos probados.

Terceiro. Por todo o exposto, os feitos declarados probados e cuxa perpetración se imputa a Francisco Javier Mendoza Hernando deben ser cualificados como unha falta de estafa do artigo 623.4 do Código penal, polo que procede imporlle ao denunciado a pena de dez días de localización permanente por estimala adecuada ás circunstancias do feito e do autor, cuxa capacidade económica non resultou acreditada no curso do presente proceso.

Cuarto. Dispón o artigo 109 do Código penal que “a execución dun feito descrito pola lei como delito ou falta obriga a reparar, nos termos previstos nas leis, os danos e perdas por el causados” en canto que o artigo 116 do mesmo corpo legal sinala que “toda persoa criminalmente responsable dun delito ou falta o é tamén civilmente se do feito se derivaren danos ou perdas... “.

Despois de exercer o ministerio público e o propio denunciante na súa condición de acusación particular, de forma acumulada á acción penal, a acción civil para exixir a responsabilidade desa índole que deriva da falta cometida, débese facer un pronunciamento expreso sobre a dita petición. É evidente que o non pagamento ao denunciante da gasolina reposta na gasolineira a que representa irrogou a esta unha perda patrimonial que debe ser resarcido polo seu causante, cal é o autor da falta de estafa, Francisco Javier Mendoza Hernando. Cuantificado o importe das perdas en 76,01 euros, segundo resulta da factura que consta nas actuacións, o denunciado deberá aboar ao denunciante a dita cantidade en concepto de responsabilidade civil derivada de falta máis os xuros que aquela cantidade devindique conforme o artigo 576 da LAC.

Quinto. O artigo 123 do Código penal sanciona que as custas procesuais se entenden impostas pola lei aos criminalmente responsables de todo delito ou falta.

Vistos os preceptos citados e demais de xeral e pertinente aplicación.

Ditamino:

Que debo condenar e condeno a Francisco Javier Mendoza Hernando como autor dunha falta de estafa do artigo 623.4 do Código penal, á pena de 10 días de localización permanente, así como a aboar ao prexudicado Campsa Estaciones de Servicio, S.A. a cantidade de 76,01 euros en concepto de responsabilidade civil derivada da falta máis os xuros devindicados por aquela cantidade conforme o artigo 576 da LAC, todo iso con imposición de custas.

Contra a presente sentenza cabe recurso de apelación ante a Audiencia Provincial da Coruña que, se é o caso, deberá ser interposto no prazo dos cinco días seguintes á súa notificación, para cuxo efecto se deberá presentar no dito prazo un escrito en que se expoñan as razóns en que se funde o recurso e que se deberá tramitar conforme o previsto nos artigos 790-792 da LACrim.

Así, por esta a miña sentenza, da cal se levará testemuño ás actuacións orixinais, o pronuncio, mando e asino».

E de conformidade co disposto nos artigos 156.4 e 164 da Lei 1/2000, de axuizamento civil, por medio do presente é notificado Francisco Javier Mendoza Hernando, do cal se descoñece o seu paradoiro actual.

Betanzos, 23 de agosto de 2013

O/a secretario/a xudicial