Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 232 Mércores, 4 de decembro de 2013 Páx. 46824

IV. Oposicións e concursos

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 28 de novembro de 2013 pola que se aproban as bases para a contratación temporal, pola modalidade de obra ou servizo determinado, dun investigador na Escola Galega de Administración Pública para a realización de proxectos de investigación, e se procede á súa convocatoria.

A Lei 14/2011, do 1 de xuño, da ciencia, a tecnoloxía e a innovación define o persoal investigador como aquel que estando en posesión da titulación exixida en cada caso, leva a cabo unha actividade investigadora, entendida como traballo creativo realizado de forma sistemática para incrementar o volume de coñecementos, incluídos os relativos ao ser humano, a cultura e a sociedade, o uso deses coñecementos para crear novas aplicacións, a súa transferencia e a súa divulgación.

Sinala tamén que o persoal investigador de carácter laboral se rexerá polo disposto nesta lei, no texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores e polas súas normas de desenvolvemento. Por outra parte, o artigo 16.1 do mesmo texto legal establece que os procedementos de selección de persoal investigador garantirán os principios constitucionais de igualdade, mérito e capacidade.

A Escola Galega de Administración Pública (EGAP) é un organismo autónomo de carácter administrativo que, de acordo coa súa lei de creación, ten entre os seus fins a investigación, a documentación, o estudo e a realización de traballos de divulgación no eido da Administración pública. A misión da EGAP, ante os grandes desafíos que o momento actual ten suscitado, é o de dar satisfacción e posibles solucións aos principais problemas que a Administración actual ten ante ela. Estes obxectivos sólo son posibles mediante a investigación, o estudo e a análise das posibles alternativas que se poidan dar.

Para os efectos das disposicións vixentes, a EGAP ten carácter de centro oficial de docencia e investigación, e co obxecto de levar a cabo proxectos específicos de investigación pretende contratar persoal investigador, de acordo coas seguintes bases:

1. Obxecto da convocatoria.

1.1. Convócase proceso selectivo para cubrir mediante contrato de obra ou servizo determinado a praza que se identifica no anexo I. As características da praza convocada, a titulación exixida e o proxecto de investigación para o cal se convoca o proceso selectivo figuran no devandito anexo I.

1.2. O proceso selectivo, que se realizará a través de concurso, consta de dúas fases: unha primeira fase, coas valoracións e puntuacións que se especifican no anexo II, e unha segunda fase, consistente nunha entrevista.

1.3. A retribución bruta anual do contrato é a establecida no anexo I.

1.4. O contrato será financiado con cargo ao orzamento de gastos da EGAP e a eficacia desta convocatoria está condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente na aplicación orzamentaria 05.80.122-B.640.0 do orzamento de gastos da EGAP para o ano 2014. O expediente de gasto tramítase de acordo co previsto na Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto.

2. Réxime xurídico das contratacións.

A contratación obxecto desta convocatoria efectuarase por tempo limitado á duración dos traballos para cuxa execución se realiza o contrato, segundo a duración do proxecto a que se refire a base anterior e, por conseguinte, a relación de emprego terá carácter temporal, conforme o establecido no artigo 15.1.a) do Estatuto dos traballadores, segundo a redacción dada pola Lei 35/2010, do 17 de setembro, de medidas urxentes para a reforma do mercado de traballo.

3. Requisitos dos aspirantes.

Para seren admitidos ao proceso selectivo, os aspirantes deberán posuír no día de finalización do prazo de presentación de solicitudes, e manter ata o momento da formalización do contrato de traballo, os seguintes requisitos de participación:

3.1. Atoparse nalgunha das seguintes circunstancias:

a) Ter nacionalidade española.

b) Ter nacionalidade de calquera dos demais Estados membros da Unión Europea ou, se é o caso, dalgún outro país ao cal en virtude de tratados internacionais celebrados coa Unión e ratificados por España lle sexa de aplicación a libre circulación de traballadores e traballadoras nos termos en que esta se atopa definida no Tratado da Unión Europea.

c) Ter nacionalidade de terceiros Estados non incluídos nos supostos anteriores, sempre que cumpran os requisitos exixidos sobre a normativa sobre dereitos e liberdades das persoas estranxeiras en España.

3.2. Capacidade legal: ter capacidade para contratar a prestación do seu traballo, de acordo co previsto no artigo 7 do Estatuto dos traballadores.

3.3. Titulación e especialidade: estar en posesión ou en condicións de obter o título e especialidade que se sinalan no anexo I. No caso de titulacións obtidas no estranxeiro deberase estar en posesión da credencial que acredite a súa homologación.

3.4. Coñecemento do idioma galego, que se acreditará mediante o título Celga 4, curso de perfeccionamento da lingua galega, ou equivalente debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia. No caso de que un candidato non poida acreditalo, deberá superar unha proba de dominio da lingua galega.

3.5. Experiencia previa en investigación aplicada sobre administración pública e formación dos empregados públicos que supuxera o manexo de técnicas estatísticas e psicométricas (en particular, análise das estrutura da covarianzas), expresada en participación acreditada en actividades de investigación sobre aquelas materias ou publicacións sobre elas.

3.6. Compatibilidade funcional: non padecer enfermidade nin estar afectado por limitación física ou psíquica incompatible co desempeño das correspondentes funcións.

3.7. Habilitación: non ter sido separado, mediante expediente disciplinario, do servizo de calquera das administracións públicas nin atoparse inhabilitado para o desempeño das funcións públicas.

4. Solicitudes.

4.1. Os candidatos que desexen participar neste proceso selectivo deberán cubrir o modelo que figura como anexo III a esta convocatoria que estará dispoñible nas dependencias da Escola Galega de Administración Pública, rúa de Madrid, 2-4, de Santiago de Compostela, e na internet no enderezo: http://egap.xunta.es

4.2. A presentación das solicitudes realizarase no Rexistro Xeral da Escola Galega de Administración Pública ou na forma establecida no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no prazo de dez días naturais contados a partir do día seguinte ao da data de publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia, e dirixiranse á directora da EGAP. A non presentación da solicitude en tempo e forma suporá a exclusión do aspirante.

4.3. Xunto coa solicitude presentarase:

a) Fotocopia do documento nacional de identidade ou, se é o caso, de acreditación dos requisitos que lles dean dereito a participar segundo recolle a base 3.1.

b) Fotocopia da titulación exixida e do documento acreditativo do coñecemento do idioma galego, así como da documentación que xustifique os méritos computables especificados no anexo II en relación coa obra ou servizo á cal se opta. As titulacións académicas estranxeiras deberán ir acompañadas da fotocopia da correspondente certificación de homologación ou do seu recoñecemento para os efectos profesionais.

c) Curriculum vitae do/a candidato/a, que terá efectos puramente informativos, aténdose a valoración de méritos ao establecido no anexo II. Os méritos que sendo alegados non sexan xustificados documentalmente non serán tomados en consideración.

A non presentación da citada documentación suporá a exclusión do candidato.

5. Admisión dos aspirantes.

5.1. Transcorrido o prazo de presentación de solicitudes, a directora da EGAP ditará resolución declarando aprobadas as listaxes de aspirantes admitidos e excluídos. Na devandita resolución, que deberá publicarse, cando menos, no taboleiro de anuncios da sede do órgano de selección, sinalarase un prazo de cinco días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, para corrixir o defecto que motivou a exclusión.

5.2. Finalizado o devandito prazo, no caso de que se produzan modificacións, estas exporanse nos mesmos lugares en que se expuxesen as relacións iniciais.

6. Comisión de selección.

6.1. Para a selección dos candidatos constituirase unha comisión de selección designada pola Dirección da EGAP. A súa composición farase pública no portal web da EGAP http://egap.xunta.es e no seu taboleiro de anuncios.

6.2. A comisión de selección poderá solicitar a presenza e colaboración dos especialistas necesarios, os cales actuarán con voz pero sen voto.

6.3. O procedemento de actuación desta comisión axustarase en todo momento ao disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e demais disposicións vixentes.

6.4. Os membros da comisión de selección deberán absterse de intervir nos supostos previstos no artigo 28 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Os aspirantes poderán recusar os membros da comisión de selección cando concorran as circunstancias previstas na citada lei.

6.5. Para os efectos de comunicacións e demais incidencias, a sede da comisión de selección é a seguinte: Escola Galega de Administración Pública, rúa de Madrid, 2-4, 15707 Santiago de Compostela.

7. Desenvolvemento do proceso selectivo.

7.1. A comisión de selección publicará, no lugar ou lugares onde se expuxeron as listaxes de admitidos e na sede da comisión de selección, a relación que conteña a valoración provisional de méritos da primeira fase do concurso, con indicación da puntuación obtida en cada un dos méritos e a puntuación total. Os aspirantes disporán dun prazo de cinco días hábiles a partir do seguinte ao da publicación da devandita relación, para efectuar as alegacións pertinentes. Finalizado este prazo, a comisión de selección publicará a relación coa valoración definitiva da primeira fase do concurso.

A comisión realizará unha entrevista cos aspirantes con maior puntuación. Á vista da valoración dos méritos dos candidatos, a comisión determinará a puntuación mínima para acceder á entrevista.

7.2. Os aspirantes serán convocados á realización da entrevista pola orde de puntuación obtida na primeira fase de concurso.

7.3. Coa suma de todas as puntuacións das dúas fases do proceso elaborarase a listaxe de aspirantes que obtivesen, cando menos, a cualificación mínima exixida para superar o proceso selectivo, a cal será fixada por acordo da comisión de selección.

8. Superación do proceso selectivo.

8.1. Finalizado o proceso selectivo, o presidente da comisión de selección elevará á autoridade que convoca a proposta de relación de aspirantes que obteñan, cando menos, a cualificación mínima exixida para superar o proceso selectivo, por orde de puntuación.
A directora da EGAP ditará resolución aprobando a referida proposta.

A devandita resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia, na sede da comisión de selección, así como en cantos lugares se considere oportuno, e o primeiro aspirante da devandita relación dispoñerá dun prazo de cinco días hábiles a partir da súa publicación no Diario Oficial de Galicia para a presentación da seguinte documentación:

a) Orixinal ou copia debidamente compulsada dos documentos acreditativos de cumprir os requisitos a que se refire a base 3.2.

b) Certificado médico oficial expedido polo centro facultativo correspondente ou, no seu defecto, polos centros homologados ao respecto de non padecer enfermidade nin limitacións físicas ou psíquicas que o imposibiliten para o desempeño da praza para a cal sexa seleccionado.

c) Declaración xurada ou promesa de non ter sido separado mediante expediente disciplinario do servizo de calquera das administracións públicas nin de atoparse inhabilitado para o desempeño das funcións públicas.

d) Declaración de non estar afectado por incompatibilidade pública.

e) Os aspirantes que sexan nacionais da Unión Europea ou de Noruega ou de Islandia e que non residan en España deberán presentar fotocopia compulsada do xustificante de ter solicitado a tarxeta de residencia comunitaria, no caso de que non a tivesen que presentar no momento de presentar a solicitude de participación.

f) Fotocopia compulsada do título exixido na convocatoria. O prazo máximo para resolver as solicitudes presentadas ao abeiro desta convocatoria será de seis meses, contados desde a apertura do prazo de presentación de solicitudes. De non mediar resolución expresa no devandito prazo, as solicitudes deberán entenderse desestimadas.

8.2. Recibida a documentación que se relaciona na base 8.1, a Escola Galega de Administración Pública procederá a formalizar o correspondente contrato temporal na modalidade de obra ou servizo determinado.

8.3. No caso de que o candidato proposto non presente a documentación correspondente, emitida pola unidade de persoal, respecto ao correcto desempeño do posto de traballo durante o período de proba, sexa desfavorable, o posto adxudicarase ao seguinte candidato da relación a que se refire a base 8.1.

8.4. Se unha vez formalizado o contrato, o traballador causa baixa, poderase substituír polo seguinte candidato da lista a que se refire a base 8.1 sempre que a directora da EGAP o considere conveniente.

9. Incorporación e período de proba.

9.1. A incorporación ao traballo efectuarase na data que se determine no momento da formalización do contrato e que nunca será antes do 1 de xaneiro de 2014.

9.2. Tras a incorporación deberá superarse o período de proba regulado no artigo 14 do Estatuto dos traballadores.

9.3. A duración do contrato será a da obra ou servizo que se contrata, no marco estrito do proxecto de investigación correspondente. A finalización dos traballos obxecto do contrato comunicarase ao contratado cunha antelación de 15 días naturais; o mesmo prazo rexerá no caso de renuncia do contrato por parte do contratado.

9.4. A actividade desenvolvida polo investigador será avaliada anualmente e o contrato poderá ser resolto no suposto de que non se supere favorablemente a devandita avaliación.

10. Dereitos e obrigas do contratado.

10.1. O contrato financiado con cargo a esta convocatoria é incompatible coa vixencia de calquera outro contrato laboral por parte do investigador contratado e coa percepción de calquera bolsa ou axuda financiada con fondos públicos ou privados españois ou comunitarios. Non obstante, o investigador que sexa contratado ao abeiro do disposto nesta convocatoria poderá, por petición propia, prestar colaboracións complementarias tales como tarefas docentes, co límite anual establecido pola lexislación aplicable.

10.2. O traballador levará a cabo as funcións obxecto do contrato que lle sexan encomendadas seguindo as directrices do responsable do Servizo de Estudos, Investigación e Publicacións (dependente da Subdirección Académica da EGAP) en canto á orientación do desenvolvemento do proxecto e á forma de realizar a prestación de servizos.

10.3. O traballador poderá tamén asistir a conferencias, congresos, cursos e demais actos, docentes ou non docentes, que estean vinculados co proxecto de investigación para o cal presta servizos, quedando estas actividades incorporadas á obra determinada, obxecto dos contratos.

Queda excluída expresamente a realización por parte do traballador doutra prestación de servizos que non estea vinculada directamente co obxecto destes contratos. No suposto de que a realice, será por iniciativa propia do traballador e por considerar que estas son útiles e necesarias para a súa prestación de servizos no proxecto de investigación, sen que como consecuencia delas poida quedar modificada a natureza do contrato por servizo determinado, que ten a relación contractual existente entre as partes.

10.4. A xornada de traballo será a establecida pola directora da EGAP dentro das limitacións establecidas legalmente e será realizada habitualmente de luns a venres. Non obstante, o horario de traballo poderá sufrir modificacións que, por exixencias derivadas dos traballos en curso que non admitan interrupción que incida gravemente no desenvolvemento destes, poidan ser establecidas polo responsable do proxecto de investigación.

10.5. O traballador terá como centro de traballo habitual a Escola Galega de Administración Pública. Non obstante, se como consecuencia do desenvolvemento da prestación de servizos para o proxecto o traballador ten que levar a cabo a súa actividade noutro lugar distinto, estará obrigado a trasladarse para realizar os traballos que lle son propios naquel lugar, sen que con isto se desvirtúe a natureza deste contrato, xa que os ditos traballos serán necesarios e imprescindibles para o proxecto de investigación de que se trate. En todo caso, o traballador terá dereito a percibir en concepto de axudas de custo e desprazamentos as contías establecidas para o efecto no V Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia.

10.6. O traballador cede e transfire á Escola Galega de Administración Pública, sen reserva de ningún xénero, para todo o mundo e sen máis límites que os que pola lei son irrenunciables, a integridade dos dereitos de propiedade intelectual e industrial que lle corresponden ou puidesen corresponderlle polo traballo para o cal é contratado.

11. Norma derradeira.

A convocatoria e as súas bases, así como cantos actos administrativos deriven daquela e das actuacións do órgano de selección, poderán ser impugnadas no prazo e na forma establecidos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 28 de novembro de 2013

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública

ANEXO I
Praza convocada

Proxecto de investigación: diagnóstico e análise multinivel das necesidades formativas dos empregados públicos e avaliación da transferencia da formación ao posto de traballo nas administracións públicas en Galicia.

– Código de proxecto: PI.1.

– Número de prazas: 1.

– Centro: Escola Galega de Administración Pública.

– Titulación exixida: doutor en socioloxía ou psicoloxía.

– Funcións e tarefas principais: (a) participación no deseño final da investigación sobre construción dunha metodoloxía para a análise e avaliación das necesidades formativas e da transferencia da formación ao posto de traballo; (b) revisión crítica da literatura especializada e de investigacións precedentes sobre a materia do proxecto, incluíndo a avaliación dos traballos realizados previamente na EGAP e noutras escolas ou institutos de administración pública; (c) deseño, validación e aplicación de instrumentos de produción de datos, incluíndo a redacción de cuestionarios, guións de entrevistas ou focus groups e a preparación de protocolos de recollida de información que serán utilizados na investigación sobre necesidades formativas e transferencia da formación ao posto de traballo; (d) deseño de mostras que permitan o estudo das necesidades formativas e prácticas de transferencia da formación ao posto de traballo por parte dos empregados públicos galegos; (e) supervisión do traballo de produción de datos para o fin establecido; (f) codificación, depuración e sistematización de bases de datos resultantes; (g) planificación e realización de análise de datos aplicando as ferramentas técnicas requiridas; en particular, construción de modelos causais utilizando as técnicas de análise da estrutura das covarianzas; (h) elaboración, a partir das análises previas, dunha proposta metodolóxica final para a detección das necesidades formativas e a avaliación da transferencia da formación ao posto de traballo, que debe ser formalizada nun protocolo estandarizado aplicable polos xestores dos programas formativos da EGAP; (i) redacción de informes de resultados da investigación e de propostas de aplicación á programación da formación do persoal ao servizo das administracións públicas galegas. O desempeño destas tarefas require dominio de técnicas estatísticas e psicométricas e coñecementos avanzados sobre (e experiencia previa en) todas as fases da investigación con enquisas no ámbito das administracións públicas.

– Retribución íntegra anual: as que correspondan para cada exercicio ao persoal do grupo I do V Convenio único para o persoal laboral da Xunta de Galicia.

– Duración estimada do contrato: catro anos.

ANEXO II
Descrición do proceso selectivo

O proceso selectivo contará coas seguintes fases:

– 1ª fase de concurso (valoración de méritos):

Valoraranse os méritos presentados conforme o seguinte baremo:

1. Expediente académico. Puntuación máxima: 16 puntos, distribuídos da seguinte maneira: 4 puntos para a licenciatura ou grao; 1 punto para o grao de licenciado (memoria de licenciatura); 1 punto para o diploma de estudos avanzados, certificado de suficiencia investigadora ou máster oficial; e 10 puntos para o doutoramento. Forma de acreditación: fotocopia compulsada dos títulos ou certificación de ter realizados todos os estudos necesarios para a súa obtención, así como certificación académica (ou fotocopia compulsada) en que se detallen as cualificacións obtidas nas distintas disciplinas.

2. Formación adicional en técnicas estatísticas e psicométricas obtida mediante participación en cursos de especialización ou outras actividades de formación. Puntuación máxima: 4 puntos. Forma de acreditación: fotocopia compulsada dos títulos ou certificados de participación nas actividades formativas.

3. Contribucións científicas a congresos e participación como relator ou docente en cursos e seminarios. Puntuación máxima: 15 puntos. Por este concepto valoraranse a participación como relator ou comunicante en congresos científicos ou profesionais e a participación como profesor ou relator en cursos ou seminarios. Forma de acreditación: fotocopia compulsada dos certificados de participación.

4. Traballos publicados e participación en publicacións colectivas. Puntuación máxima: 15 puntos. Forma de acreditación: orixinal ou fotocopia das referidas publicacións.

5. Bolsas de formación de persoal investigador ou de formación e perfeccionamento profesional relacionadas coas funcións que se vaian desempeñar. Puntuación máxima: 15 puntos. Valorarase a duración das bolsas, así como a súa relación coas tarefas que se vaian desempeñar. Forma de acreditación: fotocopia compulsada da documentación acreditativa da concesión e desfrute da bolsa.

6. Experiencia profesional en funcións similares. Puntuación máxima: 10 puntos. Forma de acreditación: certificado expedido pola correspondente unidade de persoal, no caso de experiencia adquirida na Administración, e fotocopia do contrato ou contratos de traballo e certificación de vida laboral expedida pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social nos demais casos.

7. Experiencia investigadora adquirida mediante a participación en proxectos e contratos de investigación. Puntuación máxima: 10 puntos. Forma de acreditación: certificación da universidade ou centro de investigación.

En ningún caso poderán ser tidos en conta os méritos alegados e non xustificados documentalmente, nin aqueles méritos obtidos con posterioridade á data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

– 2ª fase de concurso (entrevista):

A esta fase só accederán os candidatos que superen a primeira fase de concurso. O órgano de selección fixará o número mínimo de puntos necesario para superar a primeira fase de concurso.

A puntuación máxima que se pode obter nesta fase do concurso será de 25 puntos.

Esta fase consiste na realización dunha entrevista, que se desenvolverá en galego ou castelán. A entrevista versará sobre os méritos alegados polos candidatos na primeira fase de concurso e sobre os coñecementos requiridos para o desempeño das tarefas a cuxa realización está destinado o contrato, e dirixirase a valorar a adecuación do candidato á praza.

missing image file