Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 225 Luns, 25 de novembro de 2013 Páx. 45637

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 22 de outubro de 2013, da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, de aprobación definitiva do proxecto de delimitación do solo do núcleo rural de Pazos, na parroquia de Ambía, concello de Baños de Molgas.

O Concello de Baños de Molgas remitiu o expediente de delimitación de solo do núcleo rural de Pazos de Ambía, tramitado ao abeiro do punto 2 da disposición adicional segunda da Lei 2/2010, do 25 de marzo, de medidas urxentes de modificación da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia (en diante LOUG), en que solicita a súa aprobación definitiva.

I. Antecedentes.

1. O Concello de Baños de Molgas non dispón de ningún instrumento de planeamento xeral municipal e réxese polas normas de aplicación directa da LOUG e, no que non se opón a estas, polas normas complementarias e subsidiarias de planeamento provincial.

2. O expediente foi tramitado de acordo co previsto no inciso terceiro do número 2 da disposición adicional segunda e nel constan:

• O sometemento ao trámite de información pública, que se levou a cabo mediante a publicación de anuncios no DOG nº 18, do 25.1.2013, e nos xornais La Región e La Voz de Galicia na data do 8.1.2013.

• A certificación do secretario municipal do 26.2.2013 en que se reflicte que no dito período non se presentaron alegacións.

• O certificado do acordo de aprobación provisional, adoptado polo Pleno do concello na súa sesión do 4.4.2013.

3. A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural emite informe favorable ao proxecto o 30 de setembro de 2013, tras un primeiro informe desfavorable do 30 de maio de 2013, onde instaba á incorporación das medidas protectoras e correctoras que nel se expoñían.

II. Contido.

O proxecto propón unha nova delimitación do asentamento poboacional de Pazos de Ambía como núcleo rural histórico-tradicional, cunha superficie de 1,74 hectáreas. O asentamento conta con acceso rodado desde a estrada provincial OU-104 e dúas estradas de titularidade municipal.

A delimitación fixa as condicións de uso e de edificación nos terreos delimitados, define o trazado viario e identifica doce elementos de valor cultural. Non constan equipamentos públicos e os espazos libres públicos son asociados ao alargamento da vía en que se emprazan tres hórreos e o contorno da fonte-lavadoiro.

O proxecto establece dúas ordenanzas, NRT-1 e NRT-2, en función das preexistencias, condicións de ocupación e consolidación das parcelas e do interese da estrutura tradicional.

III. Consideracións e motivación.

Unha vez analizado o expediente remitido polo Concello e á vista do informe subscrito pola Subdirección Xeral de Urbanismo, cómpre facer as seguintes consideracións:

1. No proxecto remitido queda xustificada a preexistencia e o recoñecemento do núcleo rural de Pazos de Ambía, segundo o nomenclátor de entidades de poboación da provincia de Ourense (Decreto 332/1996, do 26 de xullo).

2. Á vista da ordenación aplicable, a delimitación de solo de núcleo rural histórico-tradicional de Pazos de Ambía cumpre os requisitos establecidos no artigo 13.3 da Lei 9/2002. O réxime xurídico aplicable aos terreos incluídos na delimitación será o establecido pola LOUG para o solo de núcleo rural.

3. O expediente contén o estudo individualizado do núcleo rural conforme o sinalado no artigo 61.3 da LOUG, así como os planos de delimitación do perímetro do núcleo rural.

4. Nos planos queda reflectido o trazado da rede viaria pública existente sen existir espazos reservados a equipamentos públicos e consta a regulación detallada dos usos, o volume e as condicións hixiénico-sanitarias dos terreos e construcións, así como as características estéticas da edificación e do seu contorno.

IV. Resolución.

Primeiro. Visto canto antecede, apróbase definitivamente o proxecto de delimitación do solo de núcleo rural de Pazos, na parroquia de Ambía, concello de Baños de Molgas.

Segundo. Contra esta resolución non caberá interpoñer recurso en vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación, sen prexuízo da formulación, de ser o caso, do requirimento previo en igual prazo (artigos 44 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Terceiro. Notifíqueselle esta resolución ao Concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de outubro de 2013

María Encarnación Rivas Díaz
Secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo

missing image file